Xa lle tiña gañas..
O castelo de Sobroso construíuse coa intención de controlar,
nun espazo con gran dominio visual e de difícil acceso, un punto esencial nas
comunicacións entre as terras do interior cara ao mar e a cidade de Tui.
Formaba parte dun sistema defensivo que, xunto con outras fortalezas como
Soutomaior, Tebra ou a Torre de Fornelos, protexían a medieval “terra de
Toroño” ou “Turonium” que comprendía o territorio de reguengo no bispado
tudense.
Como cun bo número de edificacións medievais de Galicia, non
temos seguridade sobre a data de orixe do castelo de Sobroso. Existe unha
referencia documental de 1095 na que os condes de Galicia, Dona Urraca e Don
Raimundo de Borgoña, terían concedido o señorío á cidade de Tui, aínda que se
trata dunha interpretación discutida.
Temos noticias máis firmes da súa existencia no século XII.
A Historia Compostelá, que narra os acontecementos do
primeiro bispo de Santiago, Diego Gelmírez, conta como arredor do ano 1117
cercaron á raíña Dona Urraca no castelo. A súa propia irmá, Dona Teresa de
Portugal, xunto con Don Pedro Froilaz, conde de Traba, cercan o Sobroso e
forzan á raíña a fuxir a León. Conta a lenda que a raíña puido escapar a través
dun túnel subterráneo que desembocaba no río Tea. Este acontecemento, enmarcado
na loita polo trono da raíña co seu propio fillo, o futuro Alfonso VII, é un
dos episodios máis destacados da historia do castelo, pero non é o único.
Os Traba, liñaxe de Don Pedro Froilaz, eran altos nobres
galegos dos séculos XII e XIII. Representaban a Galicia no reino
castelán-leonés como condes de Galicia, polo que posuían varias prazas fortes
na rexión, entre as que figuraba o Sobroso.
Os Castro tomáronlles o relevo a comezos do século XIV.
Con todo, coa batalla de Porto de Bois en Baiona (1371),
Pedro Ruiz Sarmiento xunto con Pedro Manrique venceron a Fernando de Castro,
partidario de Pedro I en contra de Henrique II de Trastámara, ao que estes
primeiros apoiaban. Así foi como a familia Sarmiento rematou por instalarse
definitivamente en Galicia. Comezaba así o ascenso ao poder dunha liñaxe que se
fixo co Señorío de Ribadavia e co control da comarca que se coñecería como
Salvaterra. Tamén serían señores de Sobroso desde 1379 e marcarían como ningunha
outra familia o destino desta fortaleza, que nese momento era cabeza dunha
ampla xurisdición.
Así comezarían os numerosos conflitos entre os Sarmiento e
os Sotomayor: dúas das principais familias que se disputaban o sur de Galicia.
Matrimonios, preitos, duelos e mortes nunha loita dinástica da cal conservamos
episodios pintorescos, como o que conta que Pedro Álvarez de Sotomayor (Pedro
Madruga) apresou a García Sarmiento, señor de Sobroso, e coa súa espada contra
o pescozo do reo, esixiu a rendición da fortaleza sen éxito.
O castelo pasaría dunhas mans a outras nesta época tan
conflitiva, marcada pola loita intestina dos nobres polo control do poder ata a
pacificación de Galicia levada a cabo polos Reis Católicos.
Destruírono e reconstruírono tras a Gran Guerra Irmandiña e,
co tempo, o castelo perdería a súa importancia defensiva e pasaría a empregarse
como residencia dos Sarmiento (convertidos en marqueses de Sobroso en 1625) ata
o século XVII, cando o abandonaron e comeza a converterse lentamente nunha
ruína. Así o coñecería a condesa de Pardo Bazán.
O abandono orixínase cando, no século XVII, os principais
representantes da nobreza galega comezan a abandonar os seus castelos para
vivir na corte, onde podían influír máis facilmente na política e o rei. Así, o
castelo pasa a estar en control de meiriños, que lentamente ven o seu control
do territorio fragmentarse ao tempo que as edificacións da fortaleza vanse
abandonando ata a súa ruína no século XIX.
Esta situación dura ata que o seu último dono, Alejo
Carrera, oriúndo de Vilasobroso, comprouno de mans do conde de Torrecedeira en
1923 e fai da súa reconstrución a empresa da súa vida. Este importante
xornalista, político e filántropo sería o último señor do castelo. Pero a
historia deste incrible monumento non pasa só polos seus donos e polos
personaxes célebres que o ocuparon, senón tamén por todas aquelas persoas que
viviron ou traballaron nel, como os canteiros, as cociñeiras, serventes,
soldados, trobadores… e quen sabe se ata mouras e trasnos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario