Mostrando entradas con la etiqueta Arquitectura cisterciense. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arquitectura cisterciense. Mostrar todas las entradas

28/1/19

Igrexa de Santa María de Meira (Lugo): fachada occidental



O tímpano ten no centro un recadro no que se labrou en baixorrelevo un Agus Dei que apoia o pao da cruz nunha das patas dianteiras. Esta cruz, de brazos iguais e extremos alongados, decórase con círculos que rodean xemas, cousa que a converte na parte máis realista do tímpano. Aos lados atópanse uns arbustos xeometrizados; do xemolo central destes arbustos parten simetricamente flores ou froitos que penduran cara a abaixo. Aínda que a asociación do Agnus Dei con flores é bastante frecuente en tímpanos galegos datables contra o 1200, a presenza de arbustos coma os de Meira son excepcionais –só no de San Martiño de Berselos (Baralla, Lugo) vemos un arbusto pequeno diante do cordeiro-. Quizais os máis parecidos aos de Meira sexan os que decoran o lintel da porta sur de San Salvador de Sarria (Sarria, Lugo), no que aparecen flanqueando unha representación do Salvador. Esta relación iconográfica con representacións critolóxicas parece, pois, innegable e este feito quizais haxa que poñelo en relación co seguinte texto do Apocalipse: “Nas dúas ribeiras do río hai árbores de Vida, que dan froito doce veces, unha cada mes; as follas sérvenlles de menciña aos xentís”.

O lintel do tímpano, igual cás xambas e cós ángulos salientes, presenta molduras redondas nas esquinas e medias canas na parte central, decorada con botón. A asimetría dos ángulos salientes é inusual.

Un par de columnas acobadadas, de fustes lisos, levántase sobre peañas de plintos decorados nos que se utilizaron motivos xeométricos e vexetais, e tamén cintas finas con perlas diminutas, motivo que se repite nas poutas. Capiteis de follas estilizadas similares a outros do interior da igrexa sérvenlles de remate ás columnas e enriba deles van os cimacios, con decoración vexetais diversas, que se prolongan para estear a arquivolta maior. Os cóbados están labrados en bocel. Moitos destes motivos ornamentais vólvense empregar na portada occidental.

A fachada principal acusa, en parte, a estrutura interior; así, a rúa norte é máis baixa cá Central, aínda que a existencia dunha torre no remate da nave sur fai que esta sexa a máis alta. No extremo norte levántase un contraforte groso que acaba de forma gradual e outros dous flanquean a central. No remate da nave norte abríase unha porta coas xambas arqueadas para formar uns ángulos salientes pequenos que sosteñen un lintel pentagonal; no lado sur álzase unha torre cuadrangular que culmina unha pequena e reformada espadana posterior.

A rúa central, situada na nave maior, ten na parte inferior unha arquivolta semicircular ampla e abucinada, formada por catro arcos moldurados e decorados nas roscas e intradorsos con rosetas, flores e talos ondulantes con follas de diferentes tipos. As tres primeiras apóianse noutros tantos pares de columnas acobadadas e a maior en ménsulas embutidas nos contrafortes que limitan a rúa.

As bases das columnas repiten o esquema ático e, igual cás da porta sur, decoran os plintos con diferentes motivos xeométricos, vexetais e cintas perladas, aínda que o seu estado de conservación é deficiente, sobre todo nas da esquerda. Os fustes son lisos e monolíticos, e os  cóbados que quedan entre eles están labrados en bocel. Os capiteis, todos con decoración vexetal, presentan diversas solucións e, en xeral,  un tratamento meticuloso no que abundan as perlas diminutas; consérvanse ben, menos o dereito da arquivolta menor, que está moi erosionado. Nos cimacios predominan os talos ondulantes con follas variadas, pero sen que falten os motivos xeométricos. Por outra banda, as xambas perfílanse en bocel con media cana intermedia e forman uns ángulos salientes nos que estea o tímpano, liso e monolítico. Nas follas das portas aínda se encontran peculiares ferraxes medievais.

Sobre a arquivolta ábrense dúas ventas rematadas con arco de medio punto. O perímetro destes dous vans está moldurado con sobriedade. Algo máis arriba corre unha pequena imposta que sinala o tránsito cara ao segundo corpo no que se abre un enorme rosetón que o abarca case por completo e que, tanto por dentro como por fóra, decora o óculo con tripla rosca de motivos vexetais estilizados similares aos que xa observamos nas arquivoltas. A decoración parte dun círculo central polilobulado do que arrincan uns raios nos que estean arcos de medio punto; así, o conxunto desta decoración xeométrica debuxa unha flor descomunal con botón central, organización que se remite noutros coetáneos tanto dentro coma fóra de Galicia. Esta rúa central culmina coas vertentes do tellado nunha cornixa pequena e lisa; sobre ela alzábase, algo retirada, unha espadana pequena cun único oco que foi suprimida durante a restauración efectuada na igrexa arredor do ano 1988 e que era un engadido moi posterior á fachada.

Ramón Yzquierdo Perrín. “A arte do Císter”. En Galicia. Arte. Arte medieval (II). Tomo XI. A Coruña, Hércules, 1993, pp. 19-69. Texto das páxinas 32-39.

Fotos: Jesús García Devesa e Francisco Méndez García.

21/1/19

Igrexa de Santa María de Meira: exteriores




No exterior da cabaceira, as capelas laterais rematan o muro unitario, con ventas baixo arcos de medio punto, con canzorros en proa e cubertas en nacela. A capela maior sobresae en planta e alzado, e nela diferéncianse perfectamente a parte recta do presbiterio da cabeceira semicircular. O tramo recto, da mesma altura có cruceiro, remata no extremo oriental coas vertentes do Tellado, que perfila, igual ca nos laterais,  unha colección de canzorros nos que se labraron desde cabezas de animais ata motivos vexetais e xeométricos, todos dunha rusticidade considerable. 

Sobre o Tellado da cabeceira atópase a ventá, vista xa polo interior, que por este lado tamén presenta o arco perfilado por un semicírculo en bocel e esteado en columnas esveltas de fustes lisos con capiteis fitomorfos.

Por outra parte, o semicírculo da cabeceira, dividido en tres fragmentos por dúas columnas encaixadas con capiteis vexetais, ten as ventas laterais con arcos de medio punto dobrados, con aresta en bocel e apoiados nun par de columnas por lado, que rematan en sobrios e curtos capiteis de follas; estes capiteis nas esquinas resólvense nunha bóla ou nunha voluta pesada. Tamén se moldura o van destas ventas. O beirado desta parte organízase cunha sucesión de arcos pequenos de medio punto coa aresta moldurada, que estean nos capiteis das columnas citadas e, sobre todo, en canzorros con decoración variada, case sempre xeométrica, ás veces vexetal e mesmo con motivos xeométricos. Este tipo de beirado era habitual nas obras galegas de finais do século XII e principios do XIII, tanto entre as relacionadas coa arte do mestre Mateo como naquelas outras ligadas ao Císter, que é o que ocorre aquí.

Os muros das naves son dunha austeridade total. Están percorridos por contrafortes de remate gradual que desapareceron no lado sur por estar o claustro apegado (obra renacentista que deixou a indeleble pegada dos arcos e bóvedas)  e no norte son dobres. A existencia deste claustro obrigou a cegar ventas da nave sur e a facer algunas modificacións máis. En cada tramo da nave norte  e na nave central ábrense as tales fiestras grazas á notable diferencia de altura existente entre as naves. A central cóbrese con Tellado a dúas augas e as laterais a unha soa. Os beirados son máis simples ca na cabeceira e no cruceiro, e a maioría dos canzorros, un ou dous por tramo, córtanse en proa ou en cuarto de círculo; as cubertas córtanse en nacela.

No primeiro tramo da nave sur ábrese a porta que comunicaba co claustro dos monxes, e diante dela consérvase o único tramo do claustro que chou ata nós, só que convertido en capela anexa. A porta ten tripla arquivolta de medio punto, con chambrana arredor, molduradas en bocel e medias canas que, agás na rosca da menor e no tornachuvias, quedan lisas. Naquela dispóñense botón e cuadrifolios e nesta, follas estilizadas.


Ramón Yzquierdo Perrín. “A arte do Císter”. En Galicia. Arte. Arte medieval (II). Tomo XI. A Coruña, Hércules, 1993, pp. 19-69. Texto das páxinas 32-39.

Fotos: Francisco Méndez García e Jesús García Devesa.

14/1/19

Igrexa de Santa María de Meira (Lugo): interior



A igrexa ten planta de cruz latina cun desenvolvemento amplo das tres naves e do cruceiro, ao que se abren cinco capelas; as dúas de cada brazo, rectangulares e con remate exterior único; a central, semicircular  na cabeceira. Esta cóbrese con bóveda de forno, e o presbiterio,  igual có resto das capelas, o cruceiro e a nave maior cóbrense con bóveda de canón apuntado, mentres que as laterais utilizan bóvedas de arestas. O tramo central do cruceiro, de proporcións cadradas, cóbrese con bóveda cuatripartita cuns nervios moldurados (os boceis non se interrompen nin sequera na clave) que se insiren entre os arcos dobrados que limitan o tramo. A menor altura que alcanzan as naves colaterais, pouco máis da metade da central, permiten a iluminación directa de cada unha mediante ventas abertas nos muros extremos, pero as xanelas do sur estaban condicionadas polo claustro apegado; ábrense sobre os arcos formeiros e introducen o remate na bóveda da nave central formando lunetas. O cruceiro ten ventas nas beiras e tamén no brazo sur dos muros laterais. Por outra parte, as capelas abren fiestras nos remates orientais. Todas estas ventas están baixo arcos de medio punto sen ornamentación; as únicas ventas que molduran en bocel as arestas son as de semicírculo da capela maior, e só a que se abre sobre o arco de ingreso á cabeceira, ademais de moldurar o arco, rodéao de chambrana abocelada e apóiao en columnas con capiteis de follas estilizadas.
Interior. Foto de Turismo.gal

Os arcos faixóns apuntados da nave central estean en columnas encaixadas que non chegan ao chan e rematan en sobrias ménsulas; pola contra, as do cruceiro álzanse sobre bases de tipo ático. Por outra banda, os formeiros, de igual directriz, son dobrados e estean sobre piares compostos nos que tamén apoian os das naves menores. Os capiteis decóranse con follas estilizadas ou con entrelazos de cintas sinxelos, a miúdo perladas, aínda que a maioría quedan lisos. En xeral, os capiteis ornamentados, sobre todo os máis ricos, están nas capelas e nos primeiros tramos das naves. Os cimacios córtanse en caveto ou en bisel, aínda que nun deles labráronse follas reviradas para a fronte. A pesar da súa sinxeleza, estes motivos ornamentais (en particular os capiteis) teñen moito interese, xa que coñeceron unha difusión importante en diversos monumentos lugueses, entre os que podemos mencionar a catedral de Mondoñedo, Santa maría de Ferreira de Pallares e San Salvador de Vilar de Donas, proba da magnitude que acadou o obradoiro artístico de Meira.

En diversos puntos das naves e do cruceiro ábrense portas que, na maior parte dos casos, responde ás  necesidades da comunidade cisterciense que construíu o templo, por iso ao destruírse o mosteiro varias delas foron cegadas. Pola parte interior case todas teñen un arco de medio punto simple en aresta viva, igual cós demais do edificio, e só a que no brazo norte do cruceiro servía para acceder á torre que se alzaba entre este e as naves, ou a que no extremo sur da fachada occidental levaba á torre da fachada, presentan un lintel sobre sinxelos ángulos salientes en caveto na primeira e con rolos na segunda.

No interior, a fachada principal destaca pola amplitude de ocos, en especial polo rosetón, que inunda de luz a nave central. Os tramos inmediatos a ela foron alterados pola construción posterior dun coro alto.
Foto de Turismo.gal

No cruceiro destaca a simplicidade das liñas e a pureza do volume, que segue así os pasos iniciados na cabeceira. Nel, o máis salientable son os contrafortes prismáticos que se alzan onde estean os arcos do interior, con algunhas variacións entre eles, e os beirados cuns canzorros similares aos das ábsidas. No extremo norte ábrese unha porta pequena que  comunicaba  co cemiterio monacal. Esta porta presenta dobre arquivolta de medio punto, coa aresta labrada en bocel, seguido na rosca e no intradorso por cadansúa media cana. A mesma molduración advírtese nas xambas e no lintel do tímpano, que carece de decoración. Sosteñen os arcos un par de columnas acobadadas a cada lado, de fustes lisos e monolíticos, que se alzan sobre bases áticas con plintos ornamentados con motivos xeométricos diversos. 
Foto de Turismo.gal

Os capiteis repiten a decoración con follas estilizadas de tratamento e remate diferentes;  a pouca altura deses compensa co maior desenvolvemento dos cimacios nos que se labra unha nacela dobre. 

Das dúas portas tapiadas do frontispicio sur, a inferior permitía o acceso á sancristía e a superior comunicaba a igrexa co dormitorio da comunidade; as dúas carecen de interese artístico e a primeira está reconstruída. Tamén debe ser posterior á fábrica medieval a espadana que coroa este muro; no muro predomina a cachotería, mentres que a cantería quedou reservada para as esquinas e demais elementos arquitectónicos. Esta alternancia de materiais tamén se observa no brazo norte e no brazo maior da cruz.

Ramón Yzquierdo Perrín. “A arte do Císter”. En Galicia. Arte. Arte medieval (II). Tomo XI. A Coruña, Hércules, 1993, pp. 19-69. Texto das páxinas 32-39.

Fotos de Turismo.gal, Jesús García Devesa e Francisco Méndez García.

7/1/19

Igrexa de Santa María de Meira (Lugo): Orixes e cronoloxía



Foi un dos mosteiros principais do Císter en Galicia, aínda que a súa orixe queda algo confusa: uns pensan que existiu aquí un mosteiro bieito anterior e outros cren que os monxes do Císter partiron de cero.  Segundo as Táboas de Cîteaux, Meira facía a filiación número 43 de Clairvaux; este acontecemento produciuse o primeiro de xuño do ano 1143. Un pouco antes, Anno Momini MCXLII (1142), fixaba un epígrafe desaparecido o initium domus Meire, datos que resultan difíciles de casar coa doazón que lle fixo o rei Afonso VII da vila despoboada de Meira a don Álvaro Rodríguez en agosto de 1151. A primeira mención segura relativa a un abade aparece nun documento do ano 1154 no que se alude a don Vidal, tradicionalmente admitido como o primeiro abade de Meira.

Deste xeito resultan tres opinión, dúas delas difíciles de conciliar, postura que intenta a terceira. A primeira correspóndelles a aqueles que estiman que a incorporación de Meira ao Císter se produciu entre 1142 e 1143 e, tendo en conta a máis ca posible desaparición da comunidade bieita que aquí residía anteriormente, trataríase, de feito, dunha fundación. A segunda opinión participa desta idea fundacional, aínda que a atrasa ata unha data que vai do ano 1151 ao 1154. Finalmente, a terceira considera que don Vidal e os monxes que o acompañaban foran enviados polo propio San Bernardo para realizar unha fundación nun lugar axeitado. Este grupo debeu saír de Clairvaux entre o 1142-1143, pero o asentamento en Meira non se produciría ata o 1151-1154; certamente, fanse coincidir as datas aínda que os dez anos que separan unha da outra non son fáciles de xustificar de maneira satisfactoria. Sexa coma for, don Álvaro Rodrigo e a súa muller dona Sancha Fernández, condes de Sarria, considéranse fundadores do cenobio, aínda que a construción dos edificios monásticos demorou algún tempo, xa que, segundo a inscrición antes citada, a igrexa non se consagrou ata o ano 1258; sen embargo, algunhas inexactitudes fan dubidar da veracidade absoluta desta data.

A partir do ano 1154 Meira goza das doazóns e privilexios reais de Afonso VII, de Fernando II e de Afonso IX, que comezan a esmorecer cos seus sucesores Fernando III, Afonso X e Afonso XI. Outras doazóns procedían de particulares ao mesmo tempo que medraba o patrimonio do mosteiro aumentaba tamén a cobiza dalgúns señores e empezaron os problemas, que se intensificaron a medida que avanzaba a Idade Media, sobre todo a partir de mediados do século XIV; todo isto mesmo levou a vender unha parte dos bens e a aumentar de maneira considerable os foros de novas terras, aínda que o problema dos encomendeiros e a conflitividade social do período impídelles aos monxes obter os beneficios esperados. Quizais por iso nos primeiros anos do século XVI Meira uniuse á Congregación de Castela, que trala reforma de estudos do ano 1582, instala no mosteiro un Colexio de Filosofía no que se formaron os membros máis destacados da orde ata as graves crise de principios do século XIX, que culminaron coa expulsión desamortizadora de 1835. A partir dese momento derrúbase a maior parte dos edificios monásticos e a igrexa salvouse por se converter en parroquial.

(...) A construción desta igrexa suscitou diferentes opinión e cronoloxías. Parece, sen embargo, que se edificou entre os últimos anos do século XII. As obras deberon empezar arredor de 1190, xa que no ano 1193 faise unha doazón para a  obra de Meira, e puideron concluír contra o 1225, aínda que a a consagración non se efectuou ata o ano 1258, segundo a inscrición que mencionamos antes.

Nas obras interviñeron, posiblemente, varios obradoiros que tiveron unha importancia notable para a arte galega da primeira metade do século XIII.

Ramón Yzquierdo Perrín. “A arte do Císter”. En Galicia. Arte. Arte medieval (II). Tomo XI. A Coruña, Hércules, 1993, pp. 19-69. Texto das páxinas 32-39.

Fotos cedidas por Jesús García Devesa.

5/2/18

Mosteiro de Santa María (Ferreira de Pantón, Lugo): Interior da igrexa do Divino Salvador


Ao interior, a nave queda cuberta cunha armazón de madeira de cronoloxía tardía, comunicándose o espazo para fieis coa zona presbiterial mediante un monumental arco triunfal de catro arquivoltas de medio punto sobre columnas acobadadas que case dá máis a sensación dunha portada que dun arco faixón.




Os capiteis do arco triunfal, realizados como en Eiré a partir de bloques calizos moito máis maleables que o duro granito con que foi levantado o resto do edificio, presentan bois sendo axexados por grifos na cesta ao lado do evanxeo, mentres que no seu contrario da epístola apréciase unha figura humana atrapada nunha maraña de tallos vexetais que parecen ser regurxitados por senllos leóns que o flanquean.




Máis adiante, o faixón de medio punto que separa tramo recto e hemiciclo aparece decorado nos seus capiteis con temas vexetais e animais ao carón, e co tema de Daniel no foso dos leóns ao outro.

O tambor absidial cóbrese mediante unha bóveda de forno reforzada por nervios que culminan na clave e que parten de pequenas columnas dispostas nos espazos entre as ventás, decorándose todo este grupo de capiteis a base de motivos vexetais fóra diso unha graciosa cesta na que se identifican varias aves pousadas nos ramaxes dunha esquemática árbore.

Para rematar, nos muros do tramo recto presbiteral foron colocados a finais do século XV dous enterramentos baixo arcosolios apuntados destinados ao repouso de Don Diego de Lemos, caudillo irmandiño falecido en 1492, e de Don Lope de Lemos.







Ademais da citada celosía prerrománica recolocada e unha pila bautismal, unha das pezas máis queridas do cenobio de Ferreira de Pantón é unha Virxe románica sedente e co Neno en brazos que apareceu en 1974.


O resto de dependencias monacais son froito de reformas posmedievales, destacando o claustro renacentista do século XVI, a fachada principal dieciochesca e o inmueble destinado dormitorio das relixiosas, moi rechamante pola cantidade de chemineas que presenta; e é que, ao interior, cada unha das celas dispoñía da súa propia lumbre.

Texto de José Manuel Tomé publicado en Arteguías.

Fotos: INICIARTE.

29/1/18

Mosteiro de Santa María (Ferreira de Pantón, Lugo): exterior da igrexa do Divino Salvador


Do mosterio de Santa María de Ferreira tan só sobreviviu da súa primitiva obra románica a igrexa monacal, sendo o resto de dependencias adosadas, incluído o potente muro que delimita os terreos do cenobio, froito de diferentes reformas e ampliacións acometidas principalmente entre os séculos XVI e XVIII.


O primeiro que chama a atención ao visualizar a ábsida da igrexa, de perfecta sillería e de gran riqueza decorativa, é como foi posible que un monasterio da Orde do Cister presentase semellante profusión ornamental, algo totalmente contrario aos dictados de Bernardo de Claraval. A explicación a esta circunstancia reside en que a igrexa, empezada como era común pola cabeceira, foi erixida anos antes de que a comunidade adoptase os preceptos cistercienses.

Así pois, a igrexa do Divino Salvador, tal e como hoxe a vemos, presenta unha soa nave de planta rectangular que, tras tramo recto, desemboca nunha única ábsida semicircular. Desaparecida a súa portada orixinal, é precisamente a ábsida onde se concentra o maior interese do templo no seu exterior, destacando ademais de pola súa profusión ornamental, pola solidez da súa fábrica e a harmonía das súas formas.

Tralo consabido tramo recto presbiterial, o hemiciclo queda articulado en tres panos separados por columnas encostadas de elevados plintos e cuxos capiteis, decorados con motivos vextais e zoomorfos, prolónganse ata a mesma altura das cornisas.

No centro de cada un dos tres panos absidiales ábrese unha gran ventá perfilada por chambranas axedrezadas que descansan sobre columnas culminadas con capiteis nos que, de novo, predominan os motivos vexetales e animais.


Outro dos elementos que confiren ao mosterio de Ferreira de Pantón personalidade propia é o xeito de resolverse cada un dos citados vans, nos cales, o clásico remate en arco de medio punto non se reduce só á súa parte alta, senón tamén á parte baixa do mesmo.

Remata a cornixa absidial baixo o beirado voado un interesantísimo conxunto de canzorros figurados, no que, ademais de clásicas formas xeométricas, aprécianse modillóns, figuras grotescas, un músico tañendo un instrumento, unha contorsionista e ata animais que, recordando a unha das mochetas do veciño Eiré, aparecen de costas ao espectador virando forzadamente a súa cabeza ata este.















Texto de José Manuel Tomé publicado en Arteguías.

Fotos: INICIARTE.