Mostrando entradas con la etiqueta Arquitectura prerrománica. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arquitectura prerrománica. Mostrar todas las entradas

28/11/22

Igrexa de san Xez de Francelos (Ribadavia, Ourense)



Hai pouco tempo regresei despois de motísimos anos a gozaar desta magnífica obra. O texto é unha adaptación da Wikipedia.



A actual estrutura é dunha soa nave de planta rectangular cunha orientación este - oeste, cunhas medidas de 8.6 metros de ancho por 5,75 de ancho. Cóbrese con tellado de madeira a dúas augas. Os muros compóñense principalmente de cachote e entre eles inseridos elementos prerrománicos e algúns perpiaños ben labrados.

Nos traballos arqueolóxicos que levaron a cabo comprobouse que os actuais muros non corresponden co primitivo edificio do cal non se atoparon os cimentos, o que fai supoñer que a localización da construción orixinal estaría nas proximidades do lugar que ocupa o edificio actual.

Os elementos que conforman o van de acceso á actual capela deberon corresponder ao orixinal arco triunfal que daba paso á ábsida desde a nave, como apuntaron entre outros autores Lorenzo Fernández e García Álvarez.

A fachada sitúase ao abrigo dun atrio cuberto cun tellado de madeira apoiado sobre pilastras.



A porta principal componse dun arco de ferradura de doelaxe asimétrico (número par de  doelas e despezamento radial) e que foi modificado coa introdución dun lintel adovelado. O conxunto acusa unha evidente afinidade co estilo visigótico. Nas obras de restauración descubriron que o arco non ten unha función construtiva (por dentro está composto de cachote, as  dovelas non chegan ao interior) polo que se especula que se trate dunha reposición.



O arco apóiase sobre dúas semicolumnas de fuste monolítico decorados con  ondulantes motivos vexetais e encostados ás xambas.


A decoración lévanos de novo ao estilo  visigodo e, o feito de que as columnas se atopen encostadas ás xambas, á arte asturiana prerrománica, a exemplos como os da Igrexa de Santa María do Naranco, a pesar de que nesta última os motivos e formas decorativas son ben distintas.



Os fustes apóianse en basas compostas por  plinto, dous boceis e unha  semi- escocia. Os orificios nas basas poderían corresponder á existencia dun cancel de peche.

Os capiteis son entregos e en forma de  ábaco recto decorado por catro filas de carnosas follas, pertencendo a unha tipoloxía dexenerada do tipo visigodo (á súa vez baseado no romano corintio). No extremo superior dereito do capitel dereito pódese ver un corpo circular e baixo leste outra figura en forma de S. Estes capiteis presentan semellanzas cos da asturiana Igrexa de San Miguel de Lillo ou a de San Salvador de  Priesca, produto da asimilación de elementos do estilo tradicional visigodo e influencias da arte ramirense.






A decoración dos capiteis prolóngase en relevos gravados directamente nos perpiaños semellantes aos de San Xoán de Camba (Castro Caldelas). En ambos os lados aparecen representados un personaxe  aureolado montado nun asno que leva na man un posible ramo e figuras con túnicas saíndolle ao paso (dous no da dereita e unha no da esquerda). Son de talla moi plana co fondo rebaixado e enmárcanse por un resalte recto e axustado ás figuras en pé. Sobre a interpretación desta representación existen varias teorías que coinciden en sinalar que se trata de escenas bíblicas:










Unha primeira teoría defende que representan, uno a Entrada de Jesús en Xerusalén e o outro a Fuxida a Exipto.

Unha segunda teoría defende que un representa a Entrada de Jesús en Xerusalén e o outro a  Balaan detido polo Anxo.

Unha terceira considera que se trata dun desdobramento da mesma escena, ben a Entrada en Xerusalén ou ben a Fuxida a Exipto.

A disposición en frisos dos relevos buscando destacar a horizontalidade lévanos ás formas de facer visigodas, pero pola contra a técnica da labra utilizada non foi a de bisel propia deste estilo, senón que máis ben presenta semellanzas coa arte asturiana ou  ramirense.

 

A porta principal flanquéase por dous vans:

O van esquerdo é cadrado con derrame interior e exterior.

O van dereito presenta un arco de medio punto e tápase cunha celosía en pedra de 90 cm de ancho e 146,5 cm de alto. A  celosía presenta un calado de dúas  rosáceas de oito pétaos superpostos e  trianguliños  intercalados entre as follas, e na cima tres arquiños de ferradura. A celosía enmárcase cunha moldura de 3 cm de ancho cun baquetón soguedado e enmarcado a súa vez por un talo  serpenteante con acios, e encima de todo o conxunto catro aves enfrontadas por parellas picando nos acios. O estilo ou estilos desta peza dividen aos autores, xa que algúns ven influencias  visigodas, outros  mozárabes e outros da arte asturiano tardío.







A fachada remata nunha espadana composta por un só van.                

 Pezas noutras partes da capela

Durante o transcurso das obras de restauración do conxunto atopáronse diversos elementos  prerrománicos formando parte dos muros así como pinturas barrocas no interior.

No muro meridional ábrese un estreito van en forma de aspilleira cun amplo abucinamento cara ao interior presentando un arco decorado cun  baquetón sogueado, arco mutilado que na actualidade presenta forma de medio punto.

No muro oriental atópase un perpiaño rematado nun modillón con decoración de sogueado. Na base do beirado do tellado outro perpiaño con sogueado rematado por un  baquetón.


Cabeceira

Na cabeceira atopouse un perpiaño enmarcado por unha moldura con forma de  alfiz, ademais dunha rosácea de oito pétaos enmarcados por unha moldura circular.



Muro norte

No muro norte, colocadas  horizontalmente e visibles desde o interior unha, e outra desde o exterior, dúas pilastras que formarían parella divididas en tres faixas paralelas cun baquetón central e os laterais con  sogueado, conformando unha decoración en espiña de peixe.

Muro sur

No muro sur un pequeno nicho decorado cun  baquetón  sogueado.

Outras pezas foron documentadas dispersas entre as casas de Francelos: catro xambas, un anaco de columna, un anaco de cornixa moldurada en nacela, un anaco de pilastra sogueada.

 

Interior: Pinturas e retablo

Son pinturas barrocas feitas ao fresco situadas aos lados do altar. Atópanse en mal estado de conservación e representan  cortinaxes e estrelas inseridas en círculos.

Na cabeceira sitúase o retablo barroco, apoiado nun banco decorado con pinturas de estilo similar ao dos muros. É un retablo estruturado nun só corpo con predela e ático. Distribúese en tres cales coa central resaltada. Os nichos presentan arcos de medio punto e cos fondos  policromados.


Traballos arqueolóxicos

O Grupo Marcelo Macías con motivo das obras de restauración propuxo a realización de catas arqueolóxicas, que deron como resultado o descubrimento dunha necrópole composta por un total de nove tombas de nenos de pouca idade feitas en granito degradado, sen cuberta e orientadas oeste - este. Nelas atopáronse algún resto óseo e case ningún enxoval.

Fotos: Iniciarte.

29/11/21

Igrexa de san Xoán de Vilanova (Miño, A Coruña)

 


Xunto coas igrexas de san Martiño de Mondoñedo e santoAntoíño de Toques temos en Galicia un terceiro exemplo da corrente lombado-catalana para ver as orixes do noso románico, a fermosa igrexa de san Xoán de Vilanova (Miño, A Coruña). Desgrazadamente non tiven ocasión de contemplar o seu interior.



Para coñecela mellor imos ler o que xa escribiu o mestre Yzquierdo Perrín.

“Outra igrexa que se debeu construír na fin do século XI foi a de san Xoán de Vilanova (Miño, A Coruña), aínda que se carece de toda referencia documental. Trátase dun pequeño edificio de nave única rematada por unha ábsada semicircular precedida dun diminuto treito recto, que, en rigor, non é máis co propio largo do arco de ingreso. Como escribiu o profesor Bango, trátase dunha “forma totalmente innovadora para a arquitectura galega, na que o usual para os presbiterios dos templos… era a fachada recta”.



No interior chama a atención a absoluta sobriedade ornamental da nave e da ábsida; nesta, á parte das sinxelas ventas laterais, iguais cás do muro sur da nave –no norte só se conserva parte dunha que está cegada-, e da imposta lisa, que marca o arranque do dosel da bóveda, ningún outro elemento resulta destacable.



Nos muros da ábsida utilizouse unha magnífica cantaría de granito que, polo exterior, presenta un corte que evoca o propio dos monumentos prerrománicos, tanto polas proporcións e disposición como pola presenza de engastallados, en especial no treito central no que se abriu ventá. Estas resérvanse para os laterais e teñen tamén vertente cara a fóra e coróanse por arcos de medio punto dobrados, que foron tallados nunha pedra de cantería. A mesma fórmula empregouse nas curvaturas do beirado, apoiadas en pequenos canzorros e distribuídas en tres grupos de catro arquiños cada un, entre os que se levantaron unha especie de pilastras que lembran as lesenas. 




É a única vez que aparecen en ábsidas galegas nos inicios da arquitectura románica e a primeira vez na que o semicírculo absidal se divide en tres segmentos de iguais proporcións. Sobre as arcuacións colocouse unha nova rongleira de pedras de cantería e enriba unha cornixa pequena, lixeiramente saída, que se decora cun trenzado, motivo inusual no noso románico, aínda que se volverá ver nalgúns cimacios de San Martiño de Mondoñedo e noutras obras de finais do románico. Non se utilizou, pois, durante a fase de maior apoxeo do estilo en Galicia.



Nos muros laterais da nave (o occidental volveuse facer) empregouse perpiaño de xisto, reservando a cantería de granito para os recantos, ventas e beirados. 



No norte, esta primitiva disposición viuse alterada salvo na parte dos pés; no muro sur, a construcción dunha sancristía anexa provocou tamén que se perderá, aínda que en menor contía. 



Os beirados do muro sur e os da parte central do norte decóranse con dúas pequeñas medias canas; o resto deste ten unha curiosa ornamentación á que non se adoita prestar atención a pesar da súa singularidade. O motivo principal é un talo ondulante ao que acompañan estilizados elementos vexetais, algún xeométrico e, o máis sorprendente, diferentes especies de animais. A técnica da talla é sinxela: só consegue deixar en lixeiro resalte os motivos aludidos e o resto afundido. Esta simplicidade e relativo recargamento pode evocar pezas de época asturiana coma as que se exponen en varias salas do Museo Arquolóxico de Oviedo, datadas en época de Ramiro I. Aínda que os beirados de Vilanova non teñen por que ser deste momento, parecen lembrar o mundo prerrománico. Quizais por isto, Regal escribiu que se podería considerar esta igrexa como “un punto de paso entre o prerrománico e o románico”.






Este autor e algún máis atribuíronlle a San Xoán de Vilanova unha cronoloxía arredor do ano 1040, baseándose na forma da ábsida, no aparello dos muros e na ornamentación. Quizais esta datación sexa excesivamente temperá para Galicia e supoñería, ademais, unha inxustificada primacía. Por iso penso que talvez unha data semellante ás demais construcións do seu grupo, no último cuarto do século XI, sería máis correto e permitiría xustificar tamén as evocacións prerrománicas que aínda se manteñen; en caso contrario, quedaría excesivamente descolgada das restantes obras do noso románico.




Ramón Yzquierdo Perrín. “Arte medieval (I)” en Galicia. Arte Tomo X. A Coruña, Hércules, 1997. pp. 168-170

 

Fotos: INICIARTE

22/11/21

Igrexa de san Antoíño (Toques, A Coruña): arquitectura

 




Nunha paraxe espectacular atopamos esta igrexa que formou parte dun convento, que sería desamortizado e mesmo convertido en fábrica de puntas. Para comprender mellor a súa importancia arquitectónica imos seguir o texto do mestro Yzquierdo Perrín.

"Os inicios da arquitectura románica en Galicia producíronse no último cuarto do século XI. Naquela época realízase un reducido número de construcións nas que o novo estilo, no que se distinguen dúas tendencias, empeza a empregarse.

A primeira tendencia pode chegar a evocar a arte románica lombardo-catalana por seren os seus recursos máis salientables a utilización dun aparello pequeño e regular, a típica cantería, arquiños cegos de medio punto nos beirados das ábsidas, as omnipresentes arcuacións e ventas con dobre vertente, que se perfilan, ás veces, cun arco de medio punto dobrado con corte radial e lonxitudinal.

Sen embargo, a corrente anterior está abocada a sucumbir ante a forza que vai adquirir unha segunda tendencia, de clara orixe francesa, ao ser empregada nas obras da catedral de Santiago, patrocinadas polo rei, e na que se segue desde o principio o esquema propio das igrexas de peregrinación (…)

A corrente que, para facilitar a comprensión, podemos considerar de tradición lombardo-catalana está representada por tres edificios de importancia e complexidade desigual: Santo Antoíño de Toques e San Xoán de Vilanova (Perbes, Miño), que ccocnstan dunha soa nave e tamén dunha única capela, e San Martiño de Mondoñedo, que ten tripla ábsida aberta a un cruceiro, destacado só no alzado, e un corpo de tres naves.

Santo Antoíño de Toques (A Coruña) foi un antigo mosteiro que ten como primeira referencia documental o ano 1067, que foi cando o rei de Galicia, don García, lle fai unha doazón importante. Nesla dice que seguían a regra de San Bieto, que o abade era Tanoi e que o mosteiro estaba situado “nun lugar que lle chamaban habitualmente <fervencias>, por nome <Tocas>, á beira do escumoso río que baixa da montaña chamada Maura Mortua. A transcendencia que esta doazón tivo para o mosteiro fai que a mayoría dos autores a consideren como o seu documento fundacional, aínda que Yepes non dubida en advertinos que “estivo este mosteiro ao principio no máis alto dun monte; despois os frades baixárono a outro sitio máis acomodado para a vivenda humana… finalmente veu parar o mosteiro no lugar onde agora está, que é ao carón do río Toques, de quen toma o renome”.

A partir da doazón de don García, no último cuarto do século IX e os primeiros anos do XII, multiplícanse as doazón, tanto de particulares coma dos reis (…)

(…) A reforma dos mosteiros auspiciada polos Reis Católicos por volta do ano 1500 levou á anexión de Toques ao mosteiro de San Martiño Pinario, ratificándoa o papa León X mediante bula do ano 1515. Desde entón e ata a exclaustración foi priorado de San Martiño e posteriormente vendeuse por causa da desamortización. Pouco tempo antes de que estes acontecementos se producirán, a fábrica medieval sufriu a maior alteración: a prolongación da nave cara ao oeste no ano 1812, como consta no epígrafe que se colocou sobre a porta occidental.

A planta da igrexa está formada por unha soa nave e unha capela rectangular por dentro e por fóra, esquema habitual en numerosos edificios prerrománicos, que se cobre, respectivamente, con teitume de maderia e bóveda de canón, construída ao mesmo tempo cá remodelación románica do presbiterio; isto revélao con claridade a parte superior e exterior dos muros, mentres que o arco triunfal coas súas bases, capiteis e relevo anexo pertencen ao edificio prerrománico.

Interior

Na parte superior dos muros laterais da nave sobresaen as ventás, con arco de medio punto liso e pronunciada inclinación, que lle dan unha ilumincación cenital; os dous vans que se abren no testeiro quedan ocultos polo calvario e polas pinturas renacentistas (terán outra entrada en INICIARTE) que nel se realizaron.




O primeiro que chama a atención no exterior é a rotundidade dos volumes xeométricos da nave e do presbiterio, que confirman a antigüidade do monumento. Na parte alte dos muros laterais da ábsida e no testeiro aprécianse con claridade as reformas románicas. Por exemplo, na ventá da cabeceira utilizouse cantería de granito, diferente no tamaño, corte e asentamento á das esquinas, e, fronte ao que ocorre nas das nave, non ten o arco dobrado. 


Ventá ca cabeceira

Sobre el e nos muros norte e sur utilízace un aparello de pedra pudinga, empregado xa nos da nave, disposto en estreitas ringleiras que, por veces, alternan con partes de cachotería.

Rematan os muros do presbiterio, tanto os laterais coma o do testeiro, arcuacións colocadas baixo os beirados, dos que forman parte activa e son, sen dúbida ningnha, o elemento que máis sobresae. Están formadas por arquiños de medio punto apoiados en canzorros pequenos con sinxelas decoración de tipo xeométrico; a colocación destas obrigou, nalgún caso, a efectuar recortes e acomodacións puntuais que indican a escasa habelencia do seu anónimo mestre. Quizais queira dicir o mesmo a disposición das arcuacións no testeiro, onde se pregan á directriz marcada polas vertentes do Tellado das que penduran. Esta singular organización obrigou a colocar baixo o vértice un soporte para estear nel  o primeiro arquiño de cada lado. Se nestes se poñen catro, no lado norte cóntanse ata seis e ata cinco no sur. Eses arquiños non chegan abranguer, pois, a lonxitude total de cada muro. Sobre eles dispúxose un estreito friso de dentes de engranaxe tallados en ladrillos, aínda que algún carecen deles e faltan no flanco sur, igual ca outras pezas prerrománicas reutilizadas.





Cabeceira lado sur

Como fondo das arcuacións labráronse uns pequeño tímpanos semicirculares, que tamén se empregaron como métopas entre os primeiros canzorros do beirado norte da nave, nos que, sen embargo, se precinde xa das arcuacións e utilízanse canzorrozos de labra ruda, feito atribuible non só aos escasos dotess do seu autor senón tamén ao tipo de pedra conglomerada empregada, o mesmo da parte superior dos muros. Maila todo iso, nalgúns deses canzorros distínguense cabezas humanas, de cuadrúpede, e outros motivos tanto vexetais como xeométricos.





Canzorros do lado sur



























                                                                  Canzorros do lado norte

(…) Mención especial merecen as arcuacións do prebiterio, que –xunto coa dobre vertente das ventas e arcos dobrados da maioría- permiten incluír esta remodelación como unha das primeiras manifestacións da arquitectura románica en Galicia. Esta circunstancia xustificaría a utilización de diferentes organización nos beirados do presbiterio e da nave.



Cronoloxicamente, a doazón do rei don García no ano 1067 servirá de marco antes do cal non sería posible intervir na vella fábrica. As restauracións serían factibles grazas a esta e outras doazóns do último cuarto do século XI, anteriores ás do conde don Ramón de Borgoña e a ssúa esposa. A participación destes na obra da catedral de Santiago puido aconsellar o abandono dos esquemas máis antigos e a substitución por outros máis acordes co estilo que nela se seguía".



Ramón Yzquierdo Perrín. “Arte medieval (I)” en Galicia. Arte Tomo X. A Coruña, Hércules, 1997. pp. 166-168.

Fotos: INICIARTE.