S.
VI d.C (547). 1ª Idade de ouro da arte bizantina.
O mosaico
bizantino é herdeiro do paleocristiá e oriéntase á decoración dos muros. O
seu papel é fundamental como elemento de transmisión do simbolismo da luz como
reflexo, como “raio” de Deus. Tamén ten un simbolismo propagandístico porque a
súa riqueza é signo do poder imperial, e resulta por isto un compoñente do
cesaropapismo bizantino.
A súa solución plástica conserva esa tendencia
idealizadora da arte da época, moi vinculada ao seu contido relixioso e polo
tanto espiritual, que é precisamente o que se trata de representar, xustamente
o que non é posible “materializar” de forma realista.
Na súa realización empréganse teselas de mármore
de diferentes cores e teselas de barro cocido policromadas con pasta vítrea,
pero sempre buscando o impacto cromático.
As composicións adoitan ser frontais, con
figuras illadas, aínda que se adoitan aliñar nun plano corrido. Na
representación repítense os esquemas de rixidez e hieratismo. As técnicas máis
habituais son as denominadas opus
tessetattum, a base de teselas cúbicas, todas iguais e de distintos tons, e
opus vermiculatum, en que cada tesela
adopta a contorna precisa podéndose realizar así todo tipo de escenas
figuradas. O máis normal era que se combinasen ámbas técnicas, vermiculatum para as contornas e tesselattum para o recheo.
A arte musivaria
bizantina tiña como finalidades esenciais, non só a ornamentación suntuosa do
espazo onde se desenvolvían as liturxias, senón que, posiblemente, o
fundamental era exaltar a grandeza do emperador e da Igrexa; ilustrar por medio
de imaxes a función divina do poder imperial e facela visible ante os súbditos
e os fieis. Tiña tamén como misión satisfacer o desexo de alago,
estimular o gusto pracenteiro do emperador, dos membros da aristocracia e dos
dignitarios da Igrexa, todo iso conseguido a través dunhas figuras impregnadas
do espírito maiestático, autoritario e solemne, que
son a expresión da autoridade absoluta, da grandeza sobrehumana e da
inaccesible mística que conforman o mundo das crenzas de Bizancio.
A decoración de mosaicos en san
Vital céntrase na zona alta do presbiterio, espazo
rectangular pechado pola ábsida e na gran bóveda que
remata o espazo. O zócolo está decorado, o mesmo que o resto da igrexa por
mármores. O programa e linguaxe iconográfica resúmese na idea de que a obra da
salvación humana está mostrada por Deus dende os tempos de Moisés que reciben a
Lei divina, pasando polos Profetas do Antigo Testamento, ata chegar ao momento
decisivo da Redención (Novo Testamento). O home, en resposta aos plans divinos,
tamén dende antigo fixo ofrendas como no Antigo Testamento. Na Nova Era Cristiá
a parella imperial, Xustiniano e a súa esposa Teodora, como elixidos divinos. Xustiniano
gustaba chamarse "sacerdote", tamén presentan ofrendas ao Pantocrátor, Cristo en Maxestade Supremo e Eterno,
representado na bóveda da ábsida. Todo este programa iconográfico está
repartido da seguinte forma:
-na bóveda central do presbiterio
represéntase o Cordeiro Místico, símbolo de Cristo Redentor;
-nos muros laterais represéntanse escenas e personaxes do Antigo Testamento, no panel inferior, e os Evanxelistas do Novo Testamento no panel superior.
-nos muros laterais represéntanse escenas e personaxes do Antigo Testamento, no panel inferior, e os Evanxelistas do Novo Testamento no panel superior.
O mosaico de Xustiniano
está situado no panel da dereita, sobre o zócolo de mármore. Represéntase o
emperador no centro do grupo, revestido de púrpura, coroada e rodeada por un
nimbo, que pretende simbolizar o poder conferido por Deus. O séquito imperial
foi representado no momento de facer a entrada no templo, portando os obxectos
sagrados necesarios para a celebración da misa: Xustiniano
leva unha gran patena e algún dos seus acompañantes levan o misal e o
botafumeiro. O emperador está precedido de dous dignitarios eclesiásticos e do
arcebispo Maximiano, cuxo nome aparece sobre a súa
cabeza. Entre este e Xustiniano aparece un personaxe
de medio corpo que adoita identificarse con Xuliano
Arxentarius, o financiador do templo. Á dereita do emperador están
representados os cargos políticos e militares da
corte xustiniana: o inmediato a Xustiniano
asóciase á efixie do xeneral Belisario, conquistador
de Rávena, o seguinte ao xeneral Narsés e no extremo do grupo, pechándoo pola esquerda,
unha representación da garda persoal do emperador.
Trátase, polo tanto, dun documento histórico de primeira orde, no que dous personaxes están perfectamente identificados, Xustiniano e Maximiano como arcebispo da cidade, e outros tres que o están hipoteticamente. A vestimenta, a situación e os obxectos que levan son reveladores da súa posición social e da súa dignidade. Os sacerdotes, revestidos para a celebración da misa, portal o misal e o botafumeiro; os dignitarios da corte están simbolizados pola súa túnica, os guerreiros polo atavío militar e o emperador polos seus atributos de poder.
No friso de en fronte, ao outro lado da ábsida,
e á mesma altura encóntrase o mosaico da súa esposa, a emperatriz Teodora, antes bailarina e prostituta, cuberta de
pedraría. Teodora achégase á igrexa de san Vital para ofrecer o cáliz de ouro para o sacrificio
da misa, no medio dunha brillante comitiva de damas do seu séquito e de dous
dignitarios da corte, recoñecibles pola indumentaria, a túnica, un dos cales
dirixe o cortexo e introduce a emperatriz na igrexa levantando a cortina de
acceso. A Teodora séguena dúas damas que, pola
posición e individualidade que adoptan, así como pola variedade do vestido e
xoias, se identifican coa muller e filla do xeneral Belisario,
íntimas amigas de Teodora. Pecha o cortexo un grupo
de damas vestidas ricamente para a cerimonia relixiosa.
Os personaxes mantéñense ríxidos e inmóbiles
antes a importancia do acto, a mirada fixa, con ollos excesivamente grandes. Teodora supera en altura o resto dos personaxes do mosaico
e está diferenciada e singularizada polos atributos do seu rango: a púrpura e a
coroa. A variedade das roupaxes, a súa calidade e colorido están captados con
minuciosidade ata os máis pequenos detalles das dobras e elementos decorativos
(na parte inferior da túnica represéntanse os Tres Reis Magos, como querendo
establecer unha correlación entre a adoración e entrega de presentes e o
momento histórico da consagración da igrexa de san
Vital); as xoias tamén teñen un tratamento moi realista e preciso.
Ambos os dous mosaicos, o de Xustiniano e o de Teodora,
teñen unha serie de elementos comúns pero tamén hai notables diferenzas entre
eles. Os dous cortexos reflicten o cerimonial ríxido e regulado que debeu
existir na corte bizantina, deducido pola colocación, vestimenta, atributos e
actitudes dos personaxes. Son dúas comitivas solemnes e graves, frontais, onde
a xerarquización dos poderes espirituais e temporais están perfectamente
delimitados. Reflíctese o cesaropapismo da corte
(Xustiniano considerábase a si mesmo como o décimo terceiro apóstolo), onde as
escenas relixiosas toman o carácter de cerimonias cortesás e, á vez, a
solemnidade imperial se adapta ao ritual litúrxico. En calquera caso, hai unha
intención de resaltar o maiestático, o autoritario e
solemne, non só do conxunto, senón na individualidade dos compoñentes de ambos
os dous grupos.
Existen, tamén, notables diferenzas entre
ambos os dous mosaicos. Son tan claras que ata se chegou a supoñer que foron
artistas diferentes os que os realizaron. Efectivmenete,
a cor é moito máis rica e variada no de Teodora. O
sentido descritivo que se aplica no tratamento dos seus vestidos e xoias, é
moito máis preciso que o usado no emperador; neste os fondos están practicamente
suprimidos, creando unha atmosfera áurea que proxecta aos personaxes cara ao
primeiro plano, coma se non cupisen no espazo,
estructurado unicamente pola colocación dos pés e a
ocultación dun dos laterais de cada personaxe polas roupaxes do seguinte. Xustiniano
está representado nun retrato simbólico, baixo unha evidente idealización que o
separa da realidade tanxible. Contribúen a isto unha serie de convencionalismo
característicos: isocefalia, fontalidade, pés en “V”, horror vacui, movementos
reiterativos en todos os personaxes, hieratismo e rostros indefinidos no
séquito, cores planas, ausencia de perspectiva, maior canon en Xustiniano, como
símbolo de autoridade e gracia, ausencia de movemento. Incluso represéntase
mozo a Xustiniano, maila ser daquela xa vello, nun claro esforzo de
idealización.
En
cambio, no de Teodora, é de moita maior profundidade
espacial obtida polo apoio visual das cortinas entreabertas, a fonte de pé ou
na especie de fornela abovedada que enmarca a emperatriz. Tamén é distinta a
propia proporción das figuras.
Malia as limitacións estilísticas
nas que os seus autores renunciaron a todo efectivos plástico de perspectiva,
de gran rixidez compositiva, os retratos da parella imperial e do arcebispo
Maximiano, son enormemente expresivos e convincentes, dun realismo inusual,
sobre todo o de Maximiano, que é sen dúbida o personaxe mellor caracterizado
cun rostro enxuto, de mirada vida e emprendedora.
Finalmente, respecto á a cronoloxía, hai que dicir que Maximiano foi designado arcebispo de Rávena no ano 546. A emperatriz morreu no 548, polo tanto hai que entender que ambos os dous mosaicos se executaron entre ambos os dous anos. É posible que os paneis de retratos de san Vital se importasen xa compostos dende Constantinopla e que fosen pegados na ábsida sobre unha base de cemento. En calquera caso, os seus autores son bizantinos e moi coñecedores dos trazos dos principais personaxes.
A información desta entrada procede
de múltiples fontes, especialmente na publicada na web do IES Juana de Castilla
mais hoxe xa retirada. Aconséllovos que vexades, tamén, o magnífico comentario
realizado por Paco Hidalgo en Arte Torreherberos ou o de Enseñ-arte.













