Mostrando entradas con la etiqueta Escultura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Escultura. Mostrar todas las entradas

1/1/09

Arte na rúa: Manolo Valdés


O valenciano e residente en Nova York, Manolo Valdés (1942-) está a expor algunha das súas grandes esculturas na coruñesa Prazas de María Pita. Co financiamento de La Caixa , ao igual que xa fixera con obras de Igor Mitoraj das que INICIARTE xa deu conta no seu momento, podemos gozar ata finais de xaneiro de Arte na Rúa.


A Manolo Valdés coñecino xusto no ano que se desfixo o Equipo Crónica. Por aquel entón eu estaba moi interesado no Pop Art, e viña de descubrir a este impresionante trío de artistas españois. O Equipo Crónica (1963-1981 ) estivo composto por Manolo Valdés, Juan Antonio Toledo e Rafael Solbes (morto en 1981) Foron os mellores expoñentes do Pop Art, mesmo esti veron utilizados polo Ministerio de Información e Turismo de Manuel Fraga para a promoción turística de España no exterior. Non deixou de ser curiosa esta utilización da arte contemporánea (non é agora o momento de profundar nas kafquianas relacións entre a ditadura e a arte do seu tempo) polas autoridades daquel entón posto que un rasgo definitorio do Equipo Crónica foi a súa militancia antifranquista. Sempre que me achego ao Reina Sofía visito as súas obras.

A wikipedia pode informarvos sobre a súa traxectoria, podedes coñecer un comentario crítico ou unha páxina de homenaxe .

Nas esculturas de Manolo Valdés, que estes días podemos contemplar na Coruña, aprécianse varias das características da súa obra: a sinxela formal, a contundencia dos seus volume, a temática das meniñas velazqueñas.




Esta entrada vai adicada a Xavier Martínez, galego de adopción.

4/5/08

Auguste Rodin: Os burgueses de Calais



Coñécense como Os burgueses de Calais á escultura que representa aos seis burgueses que en 1347, ao comezo da Guerra dos Cen Anos (1337-1453), ofrecéronse a dar as súas vidas para salvar aos habitantes da asediada cidade francesa de Calais. O escultor Auguste Rodin recibiu en 1885 o encargo de crear un monumento conmemorativo deses homes na cidade. Logo de case catro anos de traballar en bosquexos, a escultura estivo lista en 1888 para finalmente ser terminada e inaugurada en 1895. Na actualidade hai varias copias desta famosa escultura en todo o mundo.

O autor, tras descartar o típico monumento cun gran pedestal, optou por situar aos personaxes sobre unha mínima peana triangular, case á altura do espectador, o que lles daba máis humanidade. Tampouco forman un único bloque, senón que se trata de seis figuras totalmente exentas, na que é tan importante a materia que as compón como o espazo baleiro que as rodea.

A escultura de bronce feita por Rodin mide 2 m de alto e preto de 2,5 m de ancho. Componse de seis homes de igual altura e vestidos en roupaxes similares. Non se presenta xerarquía algunha no grupo. Os homes dirixen as súas miradas a puntos diversos. Catro deles fan ademáns e toman un paso á fronte, os outros dous permanecen tranquilos. As figuras forman un grupo compacto con todo permanecen libres entre eles. As figuras están a tamaño natural e parecen angustiadas polas súas pezas e as súas desproporcionadamente grandes mans e pés.

Este illamento físico de cada unha das figuras está reforzado por un tratamento retratístico, que rehuye a idealización, e polas distintas actitudes dos personaxes: Eustache de Saint-Pierre, o ancián, conduce con forza e determinación ao grupo; Jean d'Aire leva con resolución as chaves da cidade, en actitude de vasallaje; Andrieu d'Anders, coas mans á cabeza, representa a desesperación da renuncia heroica; Pierre de Wissant, nun momento de dúbida, volve a cabeza atrás mentres o seu irmán Jacques avanza cara ao destino ineluctable; finalmente, Jean de Fiennes, cos brazos abertos, simboliza o sacrificio da mocidade.

Rodin escolleu para plasmar este feito o dramatismo dunha escena na que os derrotados aparecen cabizbaixos, descalzos, cubertos con farrapos e en actitude de entregar a chave de acceso á cidade ata entón defendida. Este monumento foi erixido en 1895 ante o concello de Calais sobre un pedestal, non respectándose a idea orixinal do seu autor, quen o concibiu para situalo a rentes do chan, é dicir, a nivel da poboación paseante.


Intensidade, dramatismo, luminosidade... En cada un destes personaxes latexa a emoción dun novo romanticismo, pero co vigor e a potencia expresiva dun artista que cre que o escultor ten unha misión histórica: dar á cidade moderna monumentos modernos. Na figura dos seis reféns ameazados de morte, Rodin creou unha gran variedade de respostas a unha crise emocional extrema, conseguiu representar o movemento con naturalidade e sinxeleza. A marcha deste grupo, integrado por seis homes camiño do sacrificio, non é unha acción comunitaria, senón unha suma de individualidades: impulsados polo destino, arrástranse.


A obra é a negación do anecdótico; o escultor capta o valor eterno das actitudes e revela que por encima da habitual evocación histórica atópase o simbolismo do drama. Para Rodin, a esencia da beleza estaba na vida, e a súa máis alta expresión en arte era a figura humana realizándose a si mesma a través da acción, aínda que fose simplemente camiñando.

Esta particular forma de concibir a escultura supón unha renovación estética que chocaba co gusto xeral e que en ocasións non foi comprendida. De feito, o propio concello de Calais que lle encargou a obra opinaba que:
Convocados para examinar o grupo “Cidadáns de Calais” que o señor Rodin acaba de presentar, (...) todos os presentes sufrimos unha lixeira decepción.
Non é así como nós imaxinámonos aos nosos gloriosos cidadáns, ao entregarse ao rei de Inglaterra. A súa actitude de abatemento choca, desde logo, coa nosa relixión. A actitude que representa parécenos que lonxe de glorificar a abnegación de Eustaquio de Saint Pierre e dos seus compañeiros, produce o efecto contrario... (...) Cremos que o autor está no certo ao refugar actitudes excesivamente altaneras dos seus personaxes; pero o desfalecemento tan ostensible que mostran Eustaquio e os seus Compañeiros, non nos parece o máis á mantenta para glorificar a abnegación, á vez, sublime e sinxela, daqueles cidadáns, que penetrados da grandeza do acto que levaban a cabo, deberon de marchar á morte, non como criminais condenados ao último suplicio, senón como mártires cidadáns.”

2/5/08

Auguste Rodin: o inicio da escultura contemporánea

"O verdadeiro artista expresa sempre o que pensa, aínda a risco de facer cambalear todos os prexuízos establecidos"
Auguste Rodin

Nacido en París o 12 en 1840 era fillo dun oficial de policía. Estudou arte nunha escola pública para artesáns e pola súa conta no Louvre, xa que non foi admitido na École deas Beaux-Arts a pesar de haberse presentado en tres ocasións.

É considerado como o máis importante escultor do século XIX xa que é, sen dúbida, o iniciador da escultura contemporánea. A súa importancia radica tanto na súa personalidade artística como por resumir as tendencias escultóricas do século no que naceu. A pesar de que non se libera completamente do académico, é polo tanto, figurativo e nunca abstracto, logra plasmar na obra a esencia da súa materia -mármore, barro, ieso- sen ocultala, como fan os escultores académicos. Rexeita a simple reprodución naturalista da realidade porque máis que o realismo interésalle representar o estado interior do personaxe, a expresividade, a vitalidade, a intensa vida interior, os sentimentos.

A súa obra foi catalogada de impresionista, posimpresionista, simbolista, expresionista e, ata, de romántica. Posúe unha gran sensibilidade, continua coa herdanza clásica. E é notoria a influencia de Miguel Anxo. En gran parte das súas esculturas podemos apreciar unha gran forza sicolóxica expresada a través do modelado (dar forma) e da textura (calidade da superficie, sensación que produce ao tacto): inacabado, rugosidade; esta forma de traballar produce efectos de luces e sombras: a luz contribúe ao modelado.

Na súa obra podemos apreciar dúas técnicas distintas:

-Aspecto inacabado e rugoso, buscando o contraste á vez que unha maior espresividad e vitalidade, con xogos de luminosidade, sendo esculturas para ser vistas desde todos os seus lados.


-Superficies puídas e delicadeza das formas.


Rodin colaborou, a principios da década de 1870 na realización dunha escultura arquitectónica para a Bolsa de Bruxelas. En 1875, viaxou a Italia, onde se sentiu atraído polo tratamento do movemento e a acción muscular nas obras dos escultores do renacemento Donatello e Miguel Anxo.

Para Rodin, a beleza na arte consistía nunha representación fidedigna do estado interior, e para lograr este fin a miúdo distorsionaba sutilmente a anatomía. O seu recoñecemento chegou en 1877 coa exhibición no Salón do seu espido masculino O Vencedor . Este traballo levantou controversia dado o seu extremado realismo e provocou a acusación de que Rodin fixera moldes de ieso a partir de modelos vivos. En 1880 comezou a traballar nas Portas do inferno, unha porta de bronce esculpido para o Museo das Artes Decorativas de París. A porta representaba principalmente escenas do Inferno, a primeira parte da Divina Comedia de Dante. Aínda que Rodin non completou as Portas do inferno, creou modelos e estudos de moitos dos seus compoñentes escultóricos, sendo todos eles aclamados como obras independentes. Entre estes traballos atópanse O bico, Ugolino, O pensador, Adán e Eva.

En 1886 terminou Os burgueses de Calais, esta escultura é un monumental grupo en bronce no que se representan personaxes históricos con gran diferenciación psicolóxica. Rodin tamén produciu numerosos retratos nos que se revelan os estados emocionais dos suxeitos. Entre eles, cadros de corpo enteiro dos escritores franceses Honoré de Balzac e Victor Hugo, así como do pintor Jules Bastien-Lepage, tamén fixo bustos dos artistas franceses Jules Dalou, Carrier-Belleuse e Pierre Puvis de Chavannes. Morreu preto de París en 1917. Unha parte da súa obra pode verse no parisiense Musée Rodin.


Podedes ver un resume da súa biografía e das súas obras neste vídeo de Artehistoria.



29/4/08

Cristino Mallo: a forza da figura humana




Cristino Gómez González (Cristino Mallo) naceu en Tui en 1905, pero residiu case toda a súa vida lonxe de Galicia, estudando en Asturias, coa súa irmá Maruja Mallo, e Madrid, terminando os seus estudos con notas sobresalientes. Tivo amizade con Miguel Hernández, Dalí, Lorca ou Cela.


A súa traxectoria escultórica, recoñecida pola súa importancia no panorama escultórico español, desenvolveuse dentro do ámbito figurativo e pode dividirse en dúas etapas ben diferencidas: unha primeira na que se achega ao realismo en tallas directas e a tamaño natural, e unha segunda etapa onde realizou pezas de pequeno formato e gran capacidade expresiva, que destacaron pola introdución de temas cotiáns e populares.

En 1929 recibiu o seu primeiro encargo importante: unha lápida conmemorativa para
Manuel Ventura Figueroa. En 1933 recibiu o Premio Nacional de Escultura grazas á súa magnífica obra realizada en mármore branco "Espido en Peixe", que hoxe é propiedade do Museo Nacional Reina Sofía. Trasladouse a Salamanca en 1935 para impartir clases de debuxo lineal na Escola de Artes e Oficios, onde coñeceu ao pintor Solana, quen se converteu nun gran amigo, así como a Miguel de Unamuno, ao que visitaba con frecuencia. Durante a Guerra Civil pertenceu á Alianza de Intelectuais antisfascistas, colaborando na revista O mono azul e participando na montaxe da obra Os monicreques de Cachiporra.

Destinárono á Escola de Cartografía de Burjasot pero preferiu ir a combate no bando republicano como tenente. Finalmente caeu enfermo dos broquios e foi ingresado no Hospital de Valencia. Á saída do mesmo foi apresado e estivo oito meses no cárcere de Monteolivete acusado de Auxilio á rebelión. Perdeu a súa praza de docente e pasou a dedicarse exclusivamente á escultura, que creaba no estudo madrileño que compartía con Francisco Arias, ata que en 1966 volveu impartir clases na Escola de Artes e Oficios da capital, exercendo durante seis anos.


En 1973 foi elixido membro de número da Real Academia de San Fernando, cargo que rexeitou en 1980 sen tan sequera ler o discurso de ingreso. Obtivo a Medalla de Ouro de Belas Artes o 27 de xuño de 1983. Morreu en Madrid á idade de 84 anos.
Podedes ler a noticia publicada polo xornal El País sobre a súa morte. E tamén ver a seguinte ligazón cunha selección bibliográfica sobre a súa obra e as súas exposicións.

Ata maio poderemos contemplar pare da súa obra no Quiosco Afonso da Coruña.

22/4/08

Antonio Canova: a escultura neoclásica

Antonio Canova (1757-1822) representa coma ningén o espirito revolucionario de finais do século XVIII. Orfo desde os tres anos, quedeou ao coidado do seu avó, aprendedo axiña o aficio de canteiro onde amosou grandes habilidades. Tras unha pouca formación co escultor Coballa en Venecia, xa aos dezaseis anos recibe o seu primeiro encargo, traballando sen descanso ata que en 1779, con vintedous anos, fai a súa primeira exposición. Para continuar formándose viaxo ata Roma onde recibe o encargo da familia dun principe para a realización dun monumento escultórico dedicado ao papa Clemente XIII e destinado á Basílica de san Pedro. O monumento foi inagurado en 1792.



Influido por Winckelmann, o primeiro historiador moderno da arte occidental, e defensor dun regreso aos clásico, tras o descobrimento das ruínas de Pompeia e Herculano, Canova utilizara a mitoloxía como principal tema nas súas obras. Así fará un Hércules e Lichas. Sendo xa famoso foi chamado por Napoleón Bonaparte a París, onde realiza varias obras(Busto de Napoleón, Napoleón divinizado, Paulina Borghese). Tras o seu regreso a Roma, pasando antes pola corte austríaca, foi enviado polo Papa de novo a París, mais agora co encargo de solicitar a devolución das obras artísticas usurpadas polo emparador francés durante a súa guerra de conquista en terras italianas.


O nome de Canova asóciase esencialmente a esculturas de mármore de acabado e pulido perfectos, que encarnan a beleza ideal e son frías e distantes, libres da expresión de calquera sentimento ou turbación. Este escultor, que encarna de marabilla o gusto do seu tempo, plasmou a beleza natural en repouso, libre de calquera movemento espontáneo e cunha monocromía e simplicidade que contrastan vivamente coa etapa barroca precedente. Canova ten, ademais, o mérito de renovar profundamente o xénero do sepulcro monumental, grazas aos que esculpiu para os papas Clemente XIII e Clemente XIV. Entre as moitas efixies oficiais que realizou é particularmente soada o Napoléon espido, cabal ilustración dos ideais neoclásicos. A súa fama como artista lle abriu numerosas portas e converteuno nun home enormemente influínte.

Foi un escultor caracterizado pola plasmación dunha beleza ideal, polo interese polo corpo humano, pola elegancia na liña, pola textua suave, pola claridade compositiva e pola utilización do mármore e do bronce.

Hai que reñoñecer a Canova a importancia que tivo na conservación dos
mármores do Partenón levados a Londres polo conde de Elgin, xa que foi el quen sentenciou a autenticidade e a importancia da colección levada á capital británica. Ademais xa tiña desaconsellado con anterioridade a restauración destas únicas pezas de Fideas.

Obras:
Orfeo y Eurídice (1773);
Dédalo e Ícaro (1779); Apolo coroándose a si mesmo (1781); Teseo vencedor do Minotauro (1783); A Meliceci do Moiete (1782); Tumba do papa Clemente XIV (1784); Tumba do papa Clemente XIII (1792); Eros (Cupido) e Psique ou O amor de Psique (1793); Monumento fúnebre de María Cristina de Austria (1798-1805); Estatua de Esculapio Perseo coa cabeza de Medusa (1801); Monumento fúnebre de Vittorio Alfieri (1804-1810); Busto de Napoleón Bonaparte; Napoleón como Marte Pacificador ou Napoleón divinizado (1806); Paulina Bonaparte (1807); Hércules e Lichas (1815); As tres Gracias (1816); Hebe (1816); Venus e Adonis.

Esta entrada é o primeiro traballo colaborativo entre Artechachi e Iniciarte.


19/4/08

O Atlante, unha escultura de Paco Leiro en Sanxenxo




Tras un traballo de oito meses no seu obradoiro de Cambados e en plenas festas patronais de 2005, inaugurábase a obra de Francisco Leiro O Atlante na Praza do Mar de Sanxenxo. Unha obra espectacular no seu peso (20 toneladas), nas súas medidas (14 metros de longo, 4 de ancho e 4 de alto) e na súa fortaleza visual e expresiva.

A inspiración para esta obra dun dos mellores escultores galegos vivos, sen non o mellor, provén do contorno atlántico das Rías Baixas, da inmensidade oceánica e do deus, que segundo a mitoloxía grega, vivía nas profundades do mar.


A escultura está realizada en bronce, o que garante unha boa resistencia á salinidade. Trátase da representación dun gran ser, realizado en varios anacos, que permanece tombado coas mans apoiadas tras a cabeza e mirando cara arriba, cara ao sol ou ás estrelas. As xentes do lugar teñen convertido ao Atlante nun elemento máis da paisaxe urbana, nun lugar para “estar”, a xeito de cómodo poio contemporáneo, nun lugar para contemplar o mar.


Con esta obra o internacional escultor galego, fillo dun canteiro, deixa unha inesquecible pegada en Sanxenxo.


16/2/08

O concurso das Portas do Baptisterio de Florencia: Ghiberti fronte a Brunelleschi



Coa idea de substituír as vellas portas de madeira da fachada leste do baptisterio de Florencia, o gremio dos comerciantes de las e panos, o Calimala, decidiu a realización dun concurso para construír un par de portas de bronce. Xa existían outras portas fundidas por Andrea Pisano en 1336 con escenas do Novo testamento.

O xurado estableceu detalladamente todos os requisitos do concurso (tema -o sacrificio de Isaac- marco, medidas, figuras). Preséntase un importante número de artistas pero enseguida os competidores quedan reducidos a dous: Lorenzo Ghiberti e Filippo Brunelleschi. Os plafóns que presentaron os dous artistas provocaron acaloradas discusións entre os xuíces e entre os cidadáns de Florencia. En cada plafón, o tratamento e a importancia dos diversos elementos proporciona un ritmo moi diferente á narración.


Cal é a obra máis naturalista, máis descritiva? Sen dúbida a de Ghiberti, por ser tan magnificamente harmónico o equilibrio das dúas parte en que se divide a composición e tan coidado o tratamento do corpo de Abraham coa súa elegante curva acentuada pola paisaxe que se afasta. Abraham, bañado en luz directa, parece un relevo completo, case unha figura exenta; o corpo de Isaac está modelado segundo un apolo clásico. Ademais Ghiberti executa o conxunto nunha soa peza, con gran habilidade. Pola contra, a obra de Brunelleschi está fundida en sete partes soldadas despois.


Onde están resoltos con maior tensión os problemas de espazo e tempo, de ámbito de narración? Na peza de Brunelleschi. O corpo de Isaac retrocede baixo a man do seu pai que o suxeita de modo desesperado, pero decidido. Non se escamotean medios para pór de manifesto a violencia física que encerra o episodio bíblico. Todo sucede de modo repentino. Todo é máis brutal, menos elegante, pero máis convincente por mor da aparente inevitabilidad da acción. A composición de Ghiberti, perfecta como é, está composta de dúas partes distintas, que hai que captar por separado. Brunelleschi incorpora a historia dentro dunha pirámide que comeza na cabeza de Abraham e no seu brazo estendido, e que continúa cara á dereita percorrendo as costas do ancián e baixa ata o criado encorvado. Ademais ambos os artistas buscaron a inspiración na Antigüidade, pero iso xa o sabedes, non?

Finalmente os xuíces declararon gañador a Ghiberti, encargándolle as portas o 2 de xaneiro de 1425, tardando 27 anos en concluilas. Anos despois, o mesmo autor faría as últimas portas da edificación, ás que Miguel Anxo outorgoulles o nome de “Portas do Paraíso” xa que ao contemplalas considerounas tan fermosas e perfectas que dixo que merecían estar na entrada da Gloria.
Clicando sobre Artehistoria podes ver un pequeno video sobre esta obra. Enseñ-arte támén abordou esta obra e ofrece unha magnífica presentación sobre a mesma.

22/1/08

A escultura gótica: o renacer das formas

Nos séculos XIII e XIV a arte continúa sendo eminentemente relixiosa, mais a imaxe libérase do temor a Deus, a ese Deus xusticieiro, hierático e distante da arte románica. Xa non é un Deus apocalíptico. É un deus máis humano, próximo, misericordioso. Trasmítese, xa que logo, unha visión máis positiva da vida. De feito xurde unha estética do agradable que se afasta do brutalismo románico.

Destaca a humanización da figuras, a súa naturalidade, cunha clara preocupación polas formas das teas, das túnicas.

Segue sendo unha escultura que depende da arquitectura, mais xa comeza a desaparecer a súa estrita dependencia do marco arquitectónico. É xa unha escultura exenta, monumental e que ademais conta cunha grande actividade funeraria buscando a representación fiel do defunto polo que pode aparecer o idealismo.

Haberá un gran desenvolvemento dos retablos, da escultura exenta e dos coros das igrexas.


SlideShare

5/11/07

Escultura romana



A escultura romana está moi vencellada a dúas culturas precedentes: a etrusca e a grega. Da primeira tomará o realismo e da segunda o clasicismo.
O tema escultórico en Roma segue a ser o home, mais non baixo a idealización grega, senón cun carácter realista.
Dous xéneros son os fundamentais: o retrato e o relevo.

23/10/07

Gargallo no seu Museo



Pablo Gargallo (Zaragoza, 1881- Tarragona, 1934) é unha das máis destacadas e trascendentes individualidades da arte moderna e un creador fundamental e decisivo para a evolución da escultura do século XX.

No Quiosco Alfonso da Coruña pódese contemplar ata principios de novembro parte da colección do Museo Gargallo de Zaragoza.

Gargallo foi un artista de sólida formación tradicional que completa en Barcelona e París. Ten como caraterística fundamental o mantemento dunha arte figurativa na que evoluciona dende o bulto redondo ata o progresivo alixeiramento da masa, a supresión total da materia e a fragmentación e eliminación dos elementos significantes da figura, chegando a converte o baleiro, os espazo inducidos e as luces recollidas en factores decisivos da construcción escultórica.

22/10/07

Arte na rúa



O escultor alemán, de orixe polaca, IGOR MITORAJ, está expoñendo algunhas das súas obras na Praza de María Pita na Coruña.

Este escultor, viaxeiro incansable, ten exposto nas principais cidades de todos os continentes, sendo un dos máis salientables artistas que amosan as súas obras na rúa.

Igor Mitoraj recuperou o espírito da arte grega, romana e do renacimento. As súas obras monumentais inspíranse nos temas da historia e da mitoloxía e os reinterpreta desde unha perspectiva contemporánea.

Imaxes enigmáticas de deuses e heroes toman a coruñesa praza de María Pita e presentan a súa enigmática existencia á cidadanía. Aínda que se trata de obras de recente creación, teñen a apariencia de pezas arqueolóxicas e nos lembran a persistencia, baixo a modernidade actual, dos grandes temas que preocupan á humanidade: a razón, a espiritoalidade, a violencia ou a beleza.

Estas obras xa foron expostas en Varsovia, Roma, Venecia e París.

¡Disfrutemos da arte na rúa!