Mais tamén poderíamos fixarnos en que estes hórreos poden servir como soporte de farois, de antenas de televisión e das cordas para tender a roupa.
25/8/08
Os hórreos de Louro (Muros): un conxunto etnográfico
Mais tamén poderíamos fixarnos en que estes hórreos poden servir como soporte de farois, de antenas de televisión e das cordas para tender a roupa.
21/8/08
Muros: vila mariñeira e medieval
A vila de Muros, capital do concello do mesmo nome, está ubicada no remate sur da Costa da Morte e ao norte das Rías Baixas na provincia da Coruña. O municipio conta cunha poboación en descenso en torno aos dez mil habitantes. A vila, de tres mil veciños e veciñas, está protexida dos húmidos e chuviosos ventos do sur polos montes que a rodean. Estes montes protectores tamén determinaron a configuración urbanística da vila ao primar a fachada marítima xa que cara ao interior as pendentes son moi pronunciadas, polo tanto a vila discorre en paralelo ao mar cunha vivendas de fachadas moi estreitas. A vila é de orixe medieval (os restos prehistóricos tamén son abundantes, sobre o número dos petroglifos, castros, así como supostos restos de calzadas romanas) mais xa non quedan restos do seu castelo e tampouco practicamente nada da súa muralla defensiva, tan só son salientables as construcións relixiosas e algunhas vivendas. Parece ser que foi fundada, sobre unha poboación
pre-existente polo rei Sancho IV no século X.No seu escudo alúdese á fundación e dependencia realenga (emblemas de Castela e León), á posterior dependencia da mitra compostelá (as dúas vieiras) e á súa paricipación na conquista de Málaga en 1487 (carabela)
Para ir por partes mirade, en primeiro lugar, estas vistas, nas que poderedes apreciar a natural ligazón coas actividades marítimas (pesca, comercio e marisqueo) Pensade que ata o ano 2008 as comunicacións por terra con Muros eran pésimas desde A Coruña e, historicamente, as relacións comerciais foron sempre por mar.
Na actualidade o casco histórico de Muros está protexido coa declaración de Conxunto Histórico-Artístico desde 1970, aínda que se fixeron máis dunha barbaridade arquitectónica (atención ás fotos) A característica máis salientable da súa fachada marítima son as vivendas con soportais. Historicamente estes soportais estaban destinados á gardar os instrumentos de pesca posto que o mar chegaba ata as vivendas tal e como podemos apreciar no cadro de Mariano Sánchez “Vista de la Villa de Muros” do século XVIII. Os soportais teñen diversos tipos de arcos e incluso chegaron estar presentes en vivendas que non estaban en primeira liña de costa.
Nas súas vivendas predomina a pedra, e, desde hai uns vinte anos e de acordo coa época, a pedra vista e non encalada. Nas fotos poderedes apreciar vivendas mesmo do século XV.
As rúas de Muros, pola configuración urbanística, son moi estreitas e en perpendicular á liña de costa. Incluso, cando unha rúa supera os cinco metros de anchura, dáselle o nome de Rúa Ancha. Outra curiosidade son os nomes: Angustia, Descanso, Calvario, Sufrimento, Venus...
Case non hai prazas, e as de carácter histórico son, necesariamente, moi pequenas (A Peixería). Tan só a praza onde está situado o concello (Curro da Praza) ten unha certa extensión.
Como edificación máis singular do concello, gústame especialmente o Pazo do Cachón, antigo muíño de marea recuperado desde finais dos anos oitenta (algún día poñerei fotos do seu interior)
Xusto ao carón do Pazo do Cachón, e como elemento que forma parte da súa recuperación, existe un fermoso parque escultórico, anterior no seu deseño e execución ao parque escultórico da Torre de Hércules. Tamén é de salientar a escultura de Ramón Conde no Paseo marítimo que representa a unha anciá que está agarda polo regreso dos mariñeiros.
Finalmente, e lembrando que INICIARTE, xa vos presentara a Colexiata de Muros, déixovos fotos de tres igrexas: a da Virxe do Camiño (gótico mariñeiro do séculos XIV e XV cun antigo hospital adosado á súa fachada occidental e que está declarada monumento nacional), a capela de san Roque (século XVIII) e a capela do Espírito Santo (séculos XIIII-XX). Fixádevos especialmente nos seus interesantísimos canzorros.
20/8/08
O hórreo de Lira (Carnota), a igrexa e o pombal
Como xa saberedes Lira é unha parroquia do concello de Carnota e, como calquera bos veciños, ten varios elementos para compararse con Carnota. Especialmente os seus hórreos. Os de Carnota din que teñen un hórreo máis fermoso e ancho (34,74 metros de longo e 1,90 de ancho), namentres cos de Lira presumen do tamaño do seu (36,53 metros de longo e 1,60 de ancho) Máis os dous perden en lonxitude co de Araño en Rianxo (37 metros)
Lembrade que a función primordial dun hórreo é a de servir como almacén do gran, ben da familia, ben da parroquia.
24/7/08
Paga a pena Sanxenxo?
15/5/08
Santo André de Hío: espectacular conxunto arquitectónico
O conxunto parroquial de santo André de Hío está situado na incomparable ría de Aldán, na vertente noroeste da pontevedresa península do Morrazo. Este conxunto está formado pola igrexa, o cruceiro e a casa reitoral. É un conxunto impresionante nun contorno de beleza impactante.
Dos tres elementos, o máis salientable é o teatral e barroco cruceiro. Labrado en 1872, e practicamente todo nun único bloque de granito, o seu autor foi, probablemente, Xosé Cerviño Cerviño, coñecido como Pepe da Pena aínda que tamén hai quen afirma que en realidade foi Ignacio Cerviño Quinteiro. Ubicado sobre unha escaleira de tres chanzos octogonais, representa os momentos máis salientables, desde unha visión cristiá da vida, do home: da creación á redención pola morte de Cristo.
Na parte superior está representado o descravamento da cruz de Cristo por Xosé de Arimatea e Nicodemo que levan o corpo ata san Xoán, a Virxe e María Magdalena. Esta escena, o Calvario, está representada sobre unha ménsula, a xeito de monte, que se apoia en catro anxos.
Continuando o descenso polo circular fuste vemos un arcanxo pisando unha serpente e outro arcanxo recollendo a un neniño. Debaixo a Virxe tamén pisando a outro animal que representa ao demo E, finalmente, Adán e Eva que tras ser expulsados do paraíso, cobren os seus sexos.
A basa ábrese polos catro lados representando ás ánimas do purgatorio, a Cristo resucitado, a Adán e a Eva.
Pola súa banda, a igrexa de santo Andrés amosa varios estilo arquitectónicos, correspondentes a distintos momentos da súa edificación ou reforma. Ten unha estrutura románica de planta de cruz latina, potentes contrafortes, entrada con porta abucinada con arquivoltas de medio punto, capiteis de decoración vexetal, tímpano co anagrama de Cristo e interesante colección de canzorros baixo a cornixa. No interior, a cuberta de bóvedas gótica de aresta e casetóns barrocos sobre a capela maior e o cruceiro. Conta cun espléndido reloxio solar. É a única igrexa de Galicia que ten unha representación feminina do demo (unha dema)
A vivenda do párroco é un conxunto habitacional típico dos pazos rurais galegos: vivenda, pombal, fonte... Espectacular.
9/3/08
Arquitectura popular: O horreo de Carnota
O horreo é unha peza clave no contexto arquitectónico, económico e cultural das casas rurais galegas. É o espazo empregado para almacenar e proteger os froitos da colleita, e fundamentalmente o millo. Na comunidade galega pódense diferenciar dos tipos de horreo: o construido en madeira e o feito en pedra de canteiría.
Haberá algunha razón pola que os maís grandes horreos pertenzan á casas de párrocos?
