Mostrando entradas con la etiqueta Modernismo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Modernismo. Mostrar todas las entradas

30/5/16

Julio Galán. Vivenda na Praza de Lugo, 22. A Coruña


Julio Galán. Vivenda en Praza de Lugo, 22, 1910-1911. A Coruña

Dentro do Modernismo arquitectónico coruñés, ese que se caracterizou por un novo concepto unitario da fachada, a re-interpretación da tradicional galería e a integración estética de diversas profesións (arquitectura, ebanistería, traballo co vidro ou co ferro), este edificio de Julio Galán foi sempre o meu preferido. Ademais cono na primavera do 2016 rematouse coa súa rehabilitación, creo que é un bo momento para tirarlle unas fotos e escribir unas liñas.

Deseñado en 1910 sobre un solar estreito e alongado (8,50 metros na fachada e 34 metros de longo, aínda que só foron ocupados 26 pois 8 ficaron libres como patio) como é o habitual no primeiro ensanche coruñés, caracteriza a típica vivenda burguesa de inicios do pasado século. Non obstante hai que salientar que o primeiro deseño carecía de patios interiores e que a liña do ático estaba recuada con respecto á fachada. Así contaban orixinalmente de cociña e comedor, que ventilaban ao patio traseiro e que ademais estaban unidos por unha galería con baños. Debemos lembrar que orixinalmente a galería non estaba na fachada senón no parte posterior da edificación. Tiña sete dormitorios dos que cinco ventilaban a dous patios interiores e os outros dous sen ventilación ao exterior pois o facían a través senllos gabinetes. Finalmente e na fachada ubicáronse dous gabinetes e unha sa no centro, dando lugar aos tres ocos da fachada.

A planta definitiva foi estruturada a partires da escaleira interior de catro tramos e un corredor central que artella toda a distribución interior.

A fachada de tres ocos, como xa dixen, ten galería no central e balcón nos lados. A galería central percorre os tres primeiros andares, tendo o cuarto tres balcóns.

A fachada é dunha grande riqueza ornamental, con todo un grande abano de motivos decorativos tanto na madeira da galería coma no ferro dos balcóns e mesmo  os curiosos “ollos” sobre fondo vexetal do último andar. Poderíanse salientar os seguintes elementos decorativos, ademais dos “ollos”:  cenefas con motivos florais, dentículos xeometrizados, capiteis, claves, ménsulas, diferentes tipos de pilastras en cada andar, rexerías de portas e balcóns.

A galería central da fachada vai “adelgazándose” visualmente a medida que gaña altura xa que as pezas de apio van variando en cada andar.

Bibliografía:
 Fernández Cobián, Esteban, A Coruña. Guía de Arquitectura. A Coruña, COAG, 1998.

Martínez Suárez, Xosé Luis e Casabella López, Xan. Catálogo de Arquitectura. A Coruña, 1890-1940. A Coruña, COAG, 1989.

23/6/14

Ricardo Boán: vivenda modernista na rúa san Nicolás da Coruña


O grupo de arquitectos que fixeron obras de carácter modernista na Coruña é reducido así como tamén é reducida a presenza  cronolóxica dese movemento arquitectónico na cidade.  Lembrade a etiqueta de "Arquitectura coruñesa" en Iniciarte. Un deses arquitectos foi Ricardo Boán y Callejas.


Nado en Cuba , máis concretamente na Habana, no 1880, estudou en Madrid onde conseguiría acadar o título de arquitecto no 1905. Durante os dez anos que puido exercer a súa profesión, pois morrería en 1915 con tan só 35 anos, traballo en exclusiva na Coruña. Xunto a Antonio López Hernández foi un dos responsables da introdución da estética modernista na cidade. Desgraciadamente aínda non contamos cun estudo en profundidade de toda a súa obra.
A vivenda da rúa san Nicolás 11-13, está ubicada xusto enfronte á igrexa de san Nicolás, obra inicialmente deseñada polo mestre do barroco de placas Simón Rodríguez. A edificación é un tanto estraña en canto pode significa o culminación do decorativíimo modernista de Ricardo Boán.


Foi deseñada nun solar que ventila a dúas rúas, á xa sinalada de san Nicolás (cunha fachada de 9,80 metros) e a da Barreira (7,30 metros de fachada). O proxecto foi asinado en maio de 1912. Se tedes oportunidade podedes admíralo no Arquivo Histórico Municipal pois o  debuxo da súa fachada é espectacular. Inicialmente proxectou un baixo e un primeiro andar destinados a comercio, mentres que o segundo andar e o ático serían para vivenda.  Mais en 1930 Leoncio Bescansa, outra figura clave na arquitectura coruñesa, ampliaría o ático e aumentaría outra planta.
O baixo e o primeiro foron deseñados como espazo abertos tendos pasarelas laterais. Desgraciadamente tanto a decoración como a distribución do baixo foron moi alteradas mais, pola contra, paréceme, que a do primeiro foi respectada.


As vivendas estaban artelladas ao longo dun corredor con forma de S, contando ademais con dous pequenos patios aos que ventilan as habitacións interiores e a escaleira.


Mentres que a fachada da rúa da Barreira ten un eixo central que marca a súa simetría, a de san Nicolás conta con dous eixos, un que marca o acceso ás escaleiras e vivendas superiores e outro para o local comercial do baixo (inicialmente foran un almacén para utensilios do fogar e na actualidade é local de máquinas de xogos)


A fachada principal conta con toda a gama dos elementos decorativos típicos do modernismo coruñés e que amosan unha das características deste estilo na cidade, a unión de diversos traballos artesanais en ferro, vidro ou madeira: columnas, cariátides, galerías en varias cores, ferraxes creativas, vidros e mesmo curiosos ladrillos. Ademais conta coa introdución novidosa de arcos de ferradura. O decorativismo semella que sobrepasou os seus propios límites.


Nesta fachada cabe salientar ademais dos dous eixos e do esceso de elementos decorativos, o balcón curvo do primeiro andar así como unha tripla arquearía de peculiares curvas.


Bibliografía:
Xosé Luis Martínez Suárez e Xan Casabella López. A Coruña 1890-1940. Catálogo de arquitectura.  A Coruña, COAG, 1989.

Esteban Fernández Cobián. A Coruña. Guía de arquitectura. A Coruña, COAG, 1998.

26/5/14

Antoni Gaudí e o Palacio Güell. Novo libro


Antoni González e Raquel Lacuesta. El Palacio Güell. Una obra maestra de Antoni Gaudí. Fotografías de Montserrat Baldomá. Barcelona, Diputació Barcelona, 2013.

A finais de 2013 andivo pola casa Jordi P. Como ben coñece os meus intereses, agasalloume con este libro do que no seu momento dera conta a prensa. O libro é o resultado dos estudos que permitiron a integral restauración desta obra.

Por certo, agún día terei que poñer as miñas fotos realizadas antes desta obra.

Hai tempo que penso que Gaudí (do que coñezo case toda a súa obra edificada), máis ca un salientable arquitecto é unha grande operación de marketin para vender Barcelona como destino turístico. No capítulo do libro titulado “EL Palacio Güell, un hito de la arquitectura europea” afírmase “Hoy, (…) el palacio Güell suma el activo de ser el único edificio de nueva planta que Gaudí pudo acabar, así como el mejor conservado, por no haber sufrido nunca modificaciones esenciales y haber sido conservado con esmero desde hace casi setenta años. En este sentido no es exagerado afirmar que se trata del edificio más auténtico de Gaudí".

6/5/13

Julio Galán: vestíbulo na rúa Compostela, 6 (A Coruña)



Xa temos escrito neste blog algo sobre o Modernismo arquitectónico coruñés e mesmo dalgunha obra senlleira. Xa sabemos que destacou nas vivendas colectivas privadas destinadas á burguesía local e que tamén se puido contemplar en edificacións de carácter públicos (terrazas, quioscos). Un dos lugares onde mellor se poden apreciar todas as características deste movemento arquitectónico e nos seus portais.

Julio Galán e Carbajal, deseñou en 1910 a súa maior obra na cidade pero probablemente a non máis afortunada: a vivenda da rúa Compostela 6 e praza de Lugo 25-27-. Non vou hoxe comentala tan só quero facer os seguintes apuntamentos sobre o vestíbulo de acceso pola rúa Compostela xa que probablemente sexa o máis “modernista” de todos portais da cidade.

En primeiro lugar temos que falar da variedade de materiais observables: mármores de diversos tipos e cores, traballos con ferro fundido en lámpada, caixa de elevador e baranda da escaleira, madeira e estucos. No exterior habería que referirse ao tratamento do granito.

Unha das características máis salientables do modernismo coruñés, ademais de facer unha nova reintrepretación da galería e de elaborar a fachada coma unha unidade e non coma unha sucesión de andares, é o traballo conxuntos de artesáns, poñendo en valor a obra de escaiolistas, ebanistas, vidreiros ou fundidores.

Deste xeito poderemos valorar mellor o exquisito traballo  dos escaiolistas coa súa profusión de plantas acuáticas; dos fundidores cos magníficos exemplos das lámpadas e caixa do ascensor; dos ebanistas co fermoso traballo nas portas… De todos os xeitos discrepo radicalmente cando alguén se quenta e afirma “A gran escaleira reinterpreta o acceso á biblioteca Laurenciana de Florencia, obra de Miguel Anxo, ao dispor os seus chanzos como ríos de lava descendentes

18/3/08

"A Terraza" de Sada: un quiosco modernista


Situado no Paseo Marítimo da cidade de Sada, o edificio “A Terraza” é unha das obras máis sobranceiras do modernismo coruñés. Si, coruñés, porque orixinariamente este edificio estivo situado nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña, formando un conxunto arquitectónico espectacular co quiosco Alfonso e o Hotel Atlantic (nada que ver co actual Hotel Atlántico digno de ser eliminado fisicamente do solar que ocupa).

Deseñado en 1905, será ampliado, en 1912, nunha altura máis segundo o proxecto de Antonio López Hernández. Nove anos máis tarde, e con motivo da edificación do actual edificio da Terraza, esta construción de vidro e madeira foi trasladada a Sada.

De planta rectangular, ten baixo e un andar, feito cunha estrutura de madeira e cerchas de ferro no primeiro. Ábrese ao exterior grazas ao tratamento decorativo do vidro policromado, modulado polas formas ondulantes da madeira. Vidro e madeira foron características do modernismo arquitectónico coruñés. Mais tamén o tratamento do ferro forxado do peche perimetral foi outro dos elementos salientables deste movemento arquitectónico caracterizado polo afán decorativista. Para evitar o predominio absoluto das liñas horizontais, intercálanse catro módulos verticais e dous elementos máis fortes nas esquiñas, a modo de pequenos torreóns nas fachadas.

Desde 1975 está declarado Monumento Histórico Artístico

Na actualidade é un
local dedicado á restauración, cun especial gusto pola música de jazz e unhas espectaculares vistas sobre a ría.

Pregunta para internautas aburrid@s: desde cando e por que razón a pequena vila de Sada ten o título de cidade?

BubbleShare: Share photos - Powered by BubbleShare

Entrada dedicada a Antonio Alonso, mestre de bloguers, e webmáster de A Nosa Biblioteca.

9/2/08

O Palau da Música Catalana cumpre cen anos

Esta obra da arquitectura modernista foi deseñada polo arquitecto Lluís Doménech i Montaner. Construido entre os anos 1905 e 1908 foi declarado Patimonio da Humanidade pola UNESCO en 1997. Os Elementos decorativos da fachada e do interior son os sinais de identidade deste templo da música e do afán decorativista do modernismo catalán. Deste xeito, no interior pódese admirar a combinación de elementos cerámicos (o “trencadís” que Gaudí fará eterno) co vidro, namentres que no exterior chaman a atención os elementos decorativos de carácter escultórico e arquitectónico.

Máis información na wikipedia e en Artehistoria.


BubbleShare: Share photos - Green Toys

22/1/08

A Casa Rey: o modernismo coruñés

Situada nun lugar inmellorable (inicio da avenida de Montoto-praza de María Pita), este edificio amosa todas as peculiaridades do Modernismo coruñés e unha das melloras obras na cidade de Julio Galán, antes de marchar a Oviedo en 1991.

En marzo de 1911, ano no que renuncia ao seu posto de arquitecto da deputación provincial coruñesa para aceptar o posto de arquitecto municipal da capital asturiana, Julio Galán asina o proxecto desta edificación.

Nunha esquina da mazá que amosa todo o poderío visual das galerías coruñesas, a Casa Rey reinterpreta o tratamento das propias galerías ao darlle un sentido horizontal fronte ao predominante vertical de toda a avenida. Ao mesmo tempo constrúe unha tripla fachada na que fai un deseño unitario do despece en altura, fronte á monótona sucesión tradicional de andares, marcando claramente o baixo e a primeira altura (que neste caso non sería o piso”principal” senón destinados a uso comercial) os andares superiores, e a última altura coa súa impactante cornixa.

No primeiro andar destacan os seus balcóns corridos con balaústres de fábrica e ferro.
Será precisamente o tratamento do ferro (axudado na cidade pola fundición Wonenburger) xunto a unión doutras artes menores (ebanistería, vidreira) á arquitectura, unha das características deste arquitecto e do modernismo coruñés. Este balcón está soportado por ménsulas-cabezas de muller. Nos catro andares seguintes destaca a galería e a calidade do seu tratamento decorativo, pois está rematada en arcos de ferradura e unha cornixa que fan culminar a edificación dun xeito espléndido. Tamén é salientable o tratamento do ferro para enmarcar os paramentos de madeira e vidro. O ático tivo que ser reformado para igualarse a outros edificios da praza de María Pita. Finalmente, o acceso á vivenda é toda unha mostra do decorativismo modernista e da opulencia burguesa. Cada unha das cinco plantas correspóndese a unha vivenda, organizadas a partir dun corredor paralelo á medianeira e que da acceso a todas as dependencias.



Esta obra de Julio Galán y Carbajal é unha das melloras mostras da arquitectura coruñesa nos primeiros anos do século XX.

Bibliografía básica:
Esteban Fernández Cobián. A Coruña. Guía de arquitectura. 1998, COAG.
Xosé L. Martínez e Xan Casabella. Catálogo. A Coruña, 1890-1940. 1989 COAG.
X. Antonio Martínez. A Coruña. 1997, Mediterráneo.


BubbleShare: Share photos - Lead Free Toys