Mostrando entradas con la etiqueta Postimpresionismo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Postimpresionismo. Mostrar todas las entradas

4/4/16

Van Gogh: Habitación en Arlés

1888, óleo sobre lenzo,72 cm x 90 cm, Museo Van Gogh, Amsterdam

En outubro de 1888 Vicent Van Gogh envioulle unha carta ao seu irmán Théo en París co seguinte texto:

“En fin, envíoche un pequeno esbozo para darche unha idea ao menos do xiro que toma o traballo. Porque hoxe volvinme a poñer á tarefa. Teño os ollos fatigados todavía; pero en fin, tiña unha idea nova na cabeza e este é o esbozo. Sempre tea de 30. Esta vez é simplemente o meu dormitorio; só que a cor debe predominar aquí, dando coa súa simplificación un estilo máis grande ás cousas e chegar a suxerir o repouso ou o soño en xeral. En fin, coa vista do cadro debe descansar a cabeza ou máis ben a imaxinación.

As paredes son dun violeta pálido. O chan é a cadros vermellos.

A madeira do leito e as cadeiras son dun amarelo de manteiga fresca; a saba e as almofadas, limón verde moi claro.

A colcha, vermello escarlata. A fiestra, verde.

O lavabo, alaranxado; a cubeta, azul.

As portas, lilas.

E iso é todo-nada máis nese cuarto cos postigos pechados.

O cadrado dos mobles debe insistir na expresión do repouso inquebrantable. Os retratos na parede, un espello, unha botella e algúns vestidos.

O marco -como non hai branco no cadro- será branco.

Isto, para tomarme o desquite do repouso fozado a que estiven obrigado.

Traballarei aínda todo o día de mañá; pero xa ves que simple é a concepción. As sombras e as sombras proxectadas están suprimidas; foi coloreado con tintes planos e francos como os crespóns. Isto vai contrastar con, por exemplo, A dilixencia de Tarascón e o Café nocturno. 

Non che escribo máis longo porque vou comezar mañá moi cedo, coa fresca luz do amencer, para acabar a miña tea".

Vicent Van Gogh. Cartas a Théo. Barcelona, Idea Books, 1999, pp.284-285

Da wikipedia, ademais das ilustracións, tiramos a seguinte información: 

O cadro representa o dormitorio de Van Gogh no número 2 da Place Lamartine en Arlés, Bocas do Ródano, Francia, coñecida como a Casa Amarela. Era a primeira habitación propia que tiña Van Gogh. Nela estivo en 1888-1889. Pintouno antes da chegada a Arlés de Paul Gaugin.

A porta á dereita abríase á planta superior e a escaleira, a porta da esquerda servía para a habitación de invitados que preparou para Gauguin. Sobre a parede da fronte ábrese unha fiestra, por encima dunha mesita, lixeiramente descentrada. Esta fiestra daba á Place Lamartine e os seus xardíns públicos. Pero o panorama máis aló da fiestra non pode verse.

A habitación non era rectangular senón trapezoidal, cun ángulo obtuso na esquina esquerda da parede frontal e un ángulo agudo na dereita. Van Gogh evidentemente non dedicou moito tempo a este problema, simplemente indicou que alí, dalgún xeito, había unha esquina.

É un aloxamento modesto, con pouco mobiliario, feito de madeira de piñeiro: unha cama á dereita, un percheiro, dúas cadeiras, unha mesiña de madeira no ángulo e cadros nas paredes.

Van Gogh consideraba que era a mellor obra realizada durante a súa estancia en Arlés. A tea nunca abandonou o patrimonio de Van Gogh e está en posesión da Fundación Van Gogh, en exposición permanente no Museo van Gogh de Ámsterdam.

Segunda versión
1889, óleo sobre lenzo, 72 x 90 cm, Art Institute de Chicago

En abril de 1889, van Gogh enviou a versión inicial ao seu irmán lamentando que resultou danada pola inundación do Ródano, mentres el atopábase ingresado no hospital de Arlés. Theo propúxolle devolverllo para que o copiase antes de restauralo, o que expresaba a admiración de Theo por este cadro.

Esta repetición á escala orixinal (o término de Van Gogh é répetition) executouse en setembro de 1889. Ambas pinturas foron devoltas entón a Théo.

Desde 1926 está en poder do Art Institute de Chicago.


Terceira versión
1889, óleo sobre lenzo, 57,5 x 74 cm, Museo de Orsay, París

Cando Van Gogh, finalmente, no verán de 1889, decidiu refacer algunhas das súas «mellores» composicións nun tamaño menor (o término que usou foi réductions) para a súa nai e a súa irmá Wil, O dormitorio atopábase entre os que escolleu.

Estas réductions, acabadas a finais de setembro de 1889, non son copias exactas.

Esta terceira versión, previamente en poder da irmá de Van Gogh, Willemien e máis tarde adquirida polo Príncipe Matsukata, entrou nas coleccións nacionais francesas en 1959, despois do acordo de paz franco-xaponés, e forma parte da exposición permanente do Museo de Orsay en París.

Máis información sobre o contexto artístico e a análise da obra en... aula.

13/4/15

Paseando con Van Gogh

Vía: Didactticarte

22/4/14

Seruat: Tarde de domingo na illa da Grande Jatte


Tarde de domingo na Grande Jatte, Georges Seurat, 1884.
Georges Pierre Seurat, 1884
Óleo sobre lenzo.207,6cm × 308 cm
Instituto de Arte de Chicago, Chicago, Estados Unidos

Ou como se diría en francés, Un dimanche après-midi à l'Ile de la Grande Jatte. Por fin puiden apreciar este lenzo en vivo… Está depositado en Chicago,  no seu Instituto de Arte. Onde, por certo, tirei as fotos que ilustran esta liñas. Nos museos norteamericanos permiten utilizar as cámaras sen flash. Hai algún tempo tiveron unha exposición para explicar a realización desta obra.

Como ben nos informa a Wikipedia, a illa da Grande Jatte atópase no río Sena, en París , entre A Défense e o suburbio de Neuilly, dividida polo Pont-de-Levallois. Aínda que por moitos anos foi un sitio industrial, nos últimos anos pasou a albergar xardíns públicos e un conxunto residencial. En 1884 era unha paisaxe bucólica afastada do centro da cidade.

Hoxe sabemos que Seurat estivo case dous anos traballando nesta obra, especialmente na paisaxe. Fixo moitos apuntamentos no propio xardín para logo pasalos ao lenzo. Tivo especial coidado no uso da cor, da luz e das formas.

Expúxoo por vez primeira na oitava exposición colectiva dosimpresionistas en 1886. Non toca hoxe falar da incidencia que tivo a presenza de Seruat e Signac nesta exposición e nas desavinzas que ocasionaron no grupo impresionista.

Xa sabedes que estes pintores puntillistas estudaran en profundidade a teoría óptica da cor polo que sabían que a unión de minúsculos puntos poden crea no ollo do espectador unha figura. Desde xeito, Seruat pretendía acadar unas cores máis brillantes e fortes que as obtidas coas tradicionais pinceladas. Pola tanto, a súa arte non é espontánea, coma nos impresionistas, se non que é profundamente intelectual e reflexivo. Tampouco pintaba ao aire libre xa que prefería o traballo no estudo.

Mais a pesar de tanto estudo… Sereut cometeu un erro ao empregar o novo pigmento “amarelo de zinc” xa que, co paso do tempo, foise escurecendo ata acadar tons marróns.

Aínda por riba, Seruat, rodeou o lenzo cunha trama de puntos limitada por un marco simple de madeira. De feito aínda hoxe é exhibido así no museo de Chicago.


Desde un punto de vista interpretativo, adoita dicirse desta obra que Seruat amosa a hipocrisía da sociedade parisina burguesa xa que nos fai unha representación social na que destacan as prostitutas (mulleres pescando á beira do Sena) ou o mono capuchino, tan de moda na sociedade burguesa do momento, que podería interpretarse como o símbolo da libertinaxe.

21/4/14

7/2/12

Xogadores de cartas: 191,6 millóns de euros


Non se sabe canto apostaban os dous campesiños de Aix-en-Provence inmortalizados nos xogadores de cartas, a soada partida pintada ata en cinco ocasións por Paul Cézanne cara a 1890, pero seguro que o diñeiro en liza andaba moi lonxe do que a familia real de Catar pagou por unha das obras desa serie: 191,6 millóns de euros, o que a converte na máis cara da historia entre as vendidas de forma pública e que, segundo os expertos, redibuja a estrutura do mercado da arte.

A operación tivo lugar en 2011, informa Vanity Fair, e bate a anterior marca na liga dos cadros máis caros. Non está claro cal é o número dous nesa clasificación, porque non sempre devanditas transaccións son confirmadas pola casa de poxas. É o que ocorreu cun pollock en 2006 vendido supostamente baixo a intermediación de Sotheby's por 109,6 millóns de euros e anteriormente -o mesmo ano- cun klimt 105,7 millóns de euros. Si que foi pública a venda dun picasso, en 2010, titulado Espido, follas verdes e busto: alcanzou os 81,9 millóns de euros.
A compra deste cézanne responde a unha meditada estratexia do emirato de Catar, que pugna por situar a cidade de Doha no mapamundi da arte ao nivel de París ou Nova York (outras obras desta serie están no Musée d´Orsay e no MoMA). O Museo Nacional de Catar, onde se presume acabará o cadro, alberga xa rothkos, warhols e hirsts. Mentres, o veciño Abu Dhabi, pugna por culminar sendas franquías do Louvre e do Guggenheim.

O cadro de Cézanne pertencía ao millonario grego Yorgos Embiricos, quen durante décadas se divertiu rexeitando ofertas. O magnate morreu en 2011 e, segundo Vanity Fair, pouco antes da súa morte abriu as conversacións sobre a venda, conversacións que foron culminadas polos seus herdeiros.

Entre os marchantes que non puideron igualar o órdago bañado en petróleo catarí estarían Larry Gagosian (que poría sobre o tapete 168,5 millóns de euros) e William Acuaqvella.


Texto e foto vía El País.

15/4/11

Cézanne e as formas

"Permítame repetirlle o que xa dixen: Consideremos a natureza polo cilindro, a esfera e o cono, todo colocado en perspectiva, de maneira que cada lado dun obxecto, ou dun plano, se dirixa cara un punto central. As liñas paralelas ao horizonte darannos a extensión, é dicir, unha sección da natureza ou, se se quere mellor, o espectáculo que o Pater omnipotens aeterne Deus estende ante os nosos ollos. As liñas perpendiculares a este horizonte darannos a profundidade. Polo tanto, a natureza está, para nós, os homes, máis en profundidade que en superficie, de aí a necesidade de introducir nas nosas vibracións de luz, representada polos vermellos e amarelos, unha suma suficiente de azuis para facer sentir o ar”.

Carta de Cézanne a Emile Barnard.
En Aix-en-Provence, 15 de abril de 1904


Museo de Orsay, 1890-1895, 47x57 cm. Óleo sobre lenzo

O mestre Argán escribe o seguinte:
“... A fixeza do xogador que está esperando, está definida pola forma cilíndrica do chapeu que, ademais, repítese na manga, pola recta do respaldo da cadeira e polas notas brancas da pipa e do pescozo da camisa; ata o mantel avermellado da mesa cae en picado pola súa banda e levántase en ángulo pola outra. A atención, a mobilidade psicolóxica do outro maniféstase polas cores máis claras e sensibles á luz da chaqueta, do chapeu e do rostro, e pola forma menos ríxida e máis ondulada dos trazos. O distinto non é a caracterización psicolóxica senón a forma coa que as masas de cor desenvólvense no espazo e reaccionan á luz. Masas que une e envolve no intenso intermedio de tons escuros, avermellados e negro-turquesas do fondo e da masa, tal como nunha paisaxe a atmosfera envolve por igual ás árbores próximas e aos montes afastados. O eixo do cadro, o reflexo branco da botella, non coincide na metade exacta, de tal xeito que a composición é lixeiramente asimétrica: a gran masa cilíndrica do xogador da pipa vese enteira, e detrás ten o valeiro; a masa máis solta e luminosa do outro xogador está cortada polo bordo do cadro. Pero é o mesmo tipo de relación que, nunha paisaxe, hai entre unha montaña e o ceo, entre unha casa e unha masa de follaxe ou entre unha beira rochosa e unhas augas espejeantes; as variacións de densidade e de vibración non rachan a unidade do espazo nin alteran a súa estrutura. A sustancia, a calidade fundamental da cor é sempre a mesma; e Cézanne non rechea nin recubre de cor masas plásticas xa ordenadas, senón que constrúe masas e volumes mediante a cor. Véxase como está construíde o volume xeométrico do xogador da pipa: un cilindro que termina en oxiva e no que se incrusta como un tubo o cilindro oblicuo do brazo..."


Giulio Carlo Argan. El Arte Moderno, 1770-1970. Valencia, Fernado Torres, 1975. Vol.1, páx. 142-143

25/5/10

Os xirasois de Vicente Van Gogh


Doce xirasois nun floreiro
Vincent Van Gogh

1888 . Bayerisches Nationalmuseum (Munich), 91 x 72 cm. Óleo sobre lenzo

Hai uns días atrás puiden coñecer a Escola Unitaria de Vide nas Neves. Ademais, xunto cunhas amigas, fomos agasallados cunha actuación das Pandareteiras de Vide: ESPECTACULAR. Se xa tiña admiración polo traballo da súa mestra, Sabela, fiquei impresionado pola fermosura do lugar, o traballos dos rapaces e das rapaces e da profesionalidade da amiga. Todos os anos sementan pipas para ver como medran os xirasois de Van Vangoh. Tratarei, pois, de contarlle a estes nenos e nenas algo máis destes xirasois.

O noso amigo Vicente (mellor lle chamaremos así e non Vicente, vale?) que como sabedes non vendía ningún cadro, tiña moita ilusión por ter un lugar con moita luz e sol onde traballar con outros artistas. Mais non tiña moitos amigos e só un pintor, que logo sería moi famoso, Paúl Gauguin consentiu en desprazarse ata Arles, no sur da Francia, para traballar en comunidade co noso Vicente. E dígovos que “consentiu” porque tan só foi ata alá cando o irmán de Vicente, Teo deulle unha boa cantidade de cartos. Este Paúl, ten fama de mintireiro e interesado, mesmo é propable que fora el que lle cortou a orella ao noso amigo Vicente.

A casa onde ían vivir era amarela e Vicente coñecía que a Paúl encantábanlle os xiraois (eu teño unha amiga, que tan estivo na vosa escola á que lle encantan as papoulas). Deste xeito, e para que foran un agasallo, Vicente comezou pintar os xirasois. Pintou tres cadros semellantes con quince xirasois nun floreiro, dous cunha ducia de xirasois. Hoxe están todos en museos moi importantes. Case todos os pintou en agosto de 1888 e teñen un tamaño moi pequeno, de 93 x 72 centímetros.

Nos anos nos que o noso amigo Vicente pinta, as cousas non teñen xa unha cor determinada senon que, din os artistas, dependen da cantidade de luz que reciban. Neste caso Van Gogh emprega moito o amarelo, os laranxas, ocres e marróns pero tamén, fixádevos, usa o verde e o azul nas contornas buscando un contraste lumínico. Pinta sobre a tea cunhas pinceladas fortes, case agresivas (hai quen cre que as formas das súas pinceladas dependían do seu estado de ánimo), en pequenos toques.

Fixádevos agora no floreiro. Veredes que ten a súa forma delimitada por unha liña escura. Mais esa liña en realidade non existía no floreiro. Por que a pintaría? Uns anos antes que o noso amigo Vicente marchara para Francia, outros pintores e pintoras (había unha artistas extraordinarias) decatáronse que en toda a historia da pintura sempre se marcan as formas dos obxectos ou das persoas con liñas que, en realidade, non existían e, polo tanto, decidiron non pintalas. Este pintores foron os Impresionistas. Pero logo, algúns dos seus continuadores, os Post-impresionistas, decidiron remarcar moito as formas e as cores. Este é o caso de Cézanne ou do noso amigo Vicente.

Hai vinte anos, un cadro moi semellante a este foi vendido, a unha aseguradora xaponesa, por 30 millóns de euros. Naquel momento foi o cadro máis caro de toda a historia. Fixádevos o que lle pasou a Vicente: na súa vida só vendeu un cadro e, agora que está morto, as súas obras teñen un prezos altísimos.

E para rematar deixovos un vídeo que xa puxera hai algún tempo, agardando que atopedes as nosas flores preferidas
.



Saúdos artísticos

19/1/10

Van Gogh: exposición de obras e cartas

Texto e ilustración da axencia Efe vía La Voz de Galicia:


Mostran ao Van Gogh máis auténtico a través da súa pintura e as súas cartas
De vocación tardía, en só dez anos deixounos máis de 2.000 obras, das que unhas 600 aparecen mencionadas nalgunha das súas cartas.


A correspondencia de Vincent Van Gogh constitúe un testemuño de primeira man da súa máis que sorprendente evolución na súa breve carreira de artista, segundo ponse de manifesto na exposición que dedica ás súas cartas e a súa pintura a Royal Academy of Arts.
Vincent Van Gogh (1853-1890) non é o único creador que deixou unha enorme correspondencia- baste citar por exemplo ao por el tan admirado Eugène Delacroix-, pero ningunha como a súa espida con tan profunda sinceridade non só ao artista senón tamén ao home.
Van Gogh foi un creador de enorme produtividade: de vocación tardía, en só dez anos deixounos máis de 2.000 obras, das que unhas 600 aparecen mencionadas nalgunha das súas cartas.
Estas van dirixidas principalmente ao seu irmán e confidente, Theo, pero tamén a outros membros da súa familia, como a súa irmá Willemien, e a colegas artistas como Émile Bernard, Anton van Rappard ou Paul Gauguin, entre outros.
É difícil saber cantas cartas escribiu en total: hai constancia de 819 aínda que por referencias nas cartas por el recibidas crese que puido chegar a dúas mil, é dicir máis ou menos o mesmo número que pinturas e debuxos.
Tras o seu suicidio, Theo conservou a correspondencia a el dirixida e a viúva deste, Jo van Gogh-Bopnger, publicaría unha primeira edición en 1914.
Agora, con axuda dos especialistas Leo Jansen, Hans Luijten e Nienke Bakker, do museo Van Gogh, de Amsterdam, Thames & Hundson publicou unha edición completa e anotada en tres idiomas, ademais dunha edición íntegra na rede, de toda as cartas do artista holandés.
Aos esforzos deses tres expertos sumáronse os da británica Anne Dumas, da Royal Academy of Arts, que seleccionou de entre todo ese inxente material preto de corenta cartas orixinais para expolas xunto a unhas 65 pinturas e unha trintena de debuxos nesa prestixiosa institución londiniense.
A selección das obras estivo guiada por algúns dos temas principais que dominan a correspondencia: os esforzos do autodidacta por aprender os rudimentos do seu oficio, a súa paixón pola cor, a importancia dada á figura humana, os ciclos da natureza ou a súa afección á literatura, entre outros.
«Aínda que amo a paisaxe, amo aínda máis a figura humana, pero é o máis difícil», escribiu nunha ocasión Van Gogh, que, fillo dun pastor protestante e inicialmente misioneiro el mesmo, sentiu sempre atraído pola xente humilde como os campesiños, tan próximos á natureza, ou os traballadores manuais.
Como explicou a Efe a comisaria da exposición, Dumas, as cartas mostran a un Van Gogh que nada ten que ver co xenio tolo da lenda senón, pola contra, a un artista metódico, tremendamente disciplinado e sistemático, pero tamén apaixonado na súa procura da verdade máis profunda.
O que hoxe nos fascina ao ler a correspondencia de Van Gogh é precisamente o atoparnos cun home que, lonxe de perseguir a fama rápida, como tantos pseudo-artistas de hoxe, non sente nunca satisfeito co logrado, e intenta superarse continuamente nunha loita case titánica por vencer as que recoñece como as súas limitacións.
Van Gogh preséntasenos como un home que non se desanima nunca a pesar de non recibir recoñecemento nin recompensa polos seus esforzos: segundo Dumas, apenas vendeu un ou dous cadros na súa vida a pesar da condición de marchante do seu irmán, que lle prestaría, con todo, unha para el indispensable axuda financeira e moral ata o final.
A través de cartas e pinturas, a exposición ofrece un fascinante percorrido pola fulminante carreira de Van Gogh: desde os seus comezos de torpe debuxante preocupado pola perspectiva ata as súas obras mestras como a súa autorretrato de 1888, o seu bodegón con cebolas, os retratos de «A Arlesiana», da familia do carteiro Roulin, do médico Paul Gachet ou as paisaxes expresionistas de Auvers.
A exposición londiniense, que estará aberta desde o sábado ata o 18 de abril, acaba coa última carta que enviou ao seu irmán o 23 de xullo de 1890, só catro días antes de suicidarse dun disparo no peito no medio dun deses campos de trigo que lle fascinaban.
Nela, Vincent daba as grazas a Theo polo billete de cincuenta francos que este a enviou, inclúe uns apuntamentos duns cadros que acaba de pintar e pídelle material de pintura para el e un artista holandés que se hospedaba no mesmo albergue.

12/12/08

Van Gogh: un novo xeito de ver as súas obras

O blog amigo Trafegando ronseis, agasallounos con este vídeo. Agardo que vos interese.


5/9/08

Vicent van Gogh no Albertina


O museo Albertina de Viena inaugura no día de hoxe unha exposición sobre Van Gogh (“Os cadros debuxados”) para por en valor a calidade do debuxo en 150 das últimas obras do pintor postimpresionista.
Esta exposición servirá para amosar a calidade da técnica do debuxo empregada polo holandés e relacionala coa expresividade da súa pincelada.
Poderá ser visitada ata o 8 de decembro.
Tedes máis información sobre este museo na Wikipedia.

8/3/08

Van Gogh e o Neno da laranxa

Hoxe ponse á venda, na máis importante feira mundial de antigüidades que se celebra anualmente na cidade holandesa de Maastricht, o cadro de Van Gogh “O neno da laranxa” cun prezo de saída de 20 millóns de euros. Sendo un cifra moi elevada tampouco sería unha excepción neste autor xa que en 1998 vendeuse un Autorretrato por 64,3 millóns, en 1990 O doutor Gachet por 51 millóns, Os lirios, en 1990, por 36,3 millóns, ou Os xirasois, en 1987, por 27 millóns.

O protagonista do cadro chamábase Raoul Levert e era o fillo do carpinteiro que lle facía os marcos ao pintor. Chama a atención a tranquilidade que transmite esta obra. Foi un dos tres lenzos que presidiu o velorio do atormentado artista, os outros foron Os lirios e
A igrexa de Auvers.

Tras case un século de permanecer nunha colección privada suiza sae á venda co obxectivo de acadar fondos destinados a proxectos para a infancia desfavorecida.