Mostrando entradas con la etiqueta Arquitectura gótica en Galicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arquitectura gótica en Galicia. Mostrar todas las entradas

28/2/22

Igrexa de Santa María a Real (Xunqueira de Ambía, Ourense) (e III)

 Nesta espectacular edificación hai outros elementos realmente salientables, tal como nos conta Turismo de Ourense

O claustro é Gótico-Renacentista, de amplas e fermosas proporcións, dun só corpo, con arcos de medio punto, con  tímpanos calados, apoiados en  machones cubertos de  nervaduras; é de forma cadrada e ten teito de madeira. Foi construído a primeiros do século XVI. 








Nos muros interiores ten elementos do primitivo claustro  románico. 






No interior do claustro, atópanse uns sartegos románicos dos fundadores do primitivo mosteiro,  Aldara e Gonzalo. No da  Aldara figura, unha A e unha media lúa en cuarto crecente, na pedra tapadeira. No sartego de Gonzalo figura unha espada alongada, na pedra que a cobre, e dúas aves mirando á cabeceira. 






Na segunda metade do século XIX e comezo do XX foi empregado como cemiterio. Ao longo do tempo pasou por destrucións, abandonos e diferentes restauracións.

No interior do templo e na esquerda, un retabulo, tamén barroco, ten no centro unha imaxe da Virxe do Carmen e por arriba dela San Agustín, copatrón da ex-colexiata. Neste retablo hai outras imaxes de valor artístico como, un San Martiño de Circuítos do século XVI; ou a Santa Mª. Magdalena atribuída a Cornelis de Holanda. 






Na nave esquerda, no muro lateral, preto da entrada á sancristía, hai baixo un arco  conopial, un pequeno retablo cun grupo de imaxes formado por Santa Ana, San Xoán Bautista e San Xaquín, conxunto do século XVI. En leste mesmo muro, sobre unha  peaña, atópase unha Virxe do Rosario, fermosa talla barroca.







O retablo maior é unha obra  interesantísima da arte renacentista con influencias flamencas  das primeiras décadas do século XVI. Son tres os mestres autores: Mestre Xoán, entallador; Gaspar Salgado, imaxineiro; Pedro Belo, pintor.

Tumba funeraria  do Cabaleiro Álvaro Sotelo, (1508), colocada baixo un arco de pedra, sobre o que está o Órgano. Sepulcro pétreo en forma de arca e cunha figura de cabaleiro xacente; é o único que permanece na igrexa.













O órgano
: Esta igrexa tivo o longo da súa historia tres órganos ; o terceiro, e actual, data de 1759; é un órgano típico hispano  churrigueresco; a súa caixa barroca finaliza no alto cunha fermosa talla de Santa María cos anxos aos seus  pes. Está actualmente en uso, e nel danse, anualmente a finais de Agosto, concertos por expertos organistas nacionais e estranxeiros.




O coro: de madeira de nogueira, estilo  plateresco que foi construído entre os anos 1530 a 1540; posúe unha rica iconografía, a base de  grutescos e personaxes bíblicos, dentro dun depurado estilo. Estaba colocado no fondo da nave central e hoxe en día retirado á antiga Sala  Capitular, contigua á Sancristía.




28/1/19

Igrexa de Santa María de Meira (Lugo): fachada occidental



O tímpano ten no centro un recadro no que se labrou en baixorrelevo un Agus Dei que apoia o pao da cruz nunha das patas dianteiras. Esta cruz, de brazos iguais e extremos alongados, decórase con círculos que rodean xemas, cousa que a converte na parte máis realista do tímpano. Aos lados atópanse uns arbustos xeometrizados; do xemolo central destes arbustos parten simetricamente flores ou froitos que penduran cara a abaixo. Aínda que a asociación do Agnus Dei con flores é bastante frecuente en tímpanos galegos datables contra o 1200, a presenza de arbustos coma os de Meira son excepcionais –só no de San Martiño de Berselos (Baralla, Lugo) vemos un arbusto pequeno diante do cordeiro-. Quizais os máis parecidos aos de Meira sexan os que decoran o lintel da porta sur de San Salvador de Sarria (Sarria, Lugo), no que aparecen flanqueando unha representación do Salvador. Esta relación iconográfica con representacións critolóxicas parece, pois, innegable e este feito quizais haxa que poñelo en relación co seguinte texto do Apocalipse: “Nas dúas ribeiras do río hai árbores de Vida, que dan froito doce veces, unha cada mes; as follas sérvenlles de menciña aos xentís”.

O lintel do tímpano, igual cás xambas e cós ángulos salientes, presenta molduras redondas nas esquinas e medias canas na parte central, decorada con botón. A asimetría dos ángulos salientes é inusual.

Un par de columnas acobadadas, de fustes lisos, levántase sobre peañas de plintos decorados nos que se utilizaron motivos xeométricos e vexetais, e tamén cintas finas con perlas diminutas, motivo que se repite nas poutas. Capiteis de follas estilizadas similares a outros do interior da igrexa sérvenlles de remate ás columnas e enriba deles van os cimacios, con decoración vexetais diversas, que se prolongan para estear a arquivolta maior. Os cóbados están labrados en bocel. Moitos destes motivos ornamentais vólvense empregar na portada occidental.

A fachada principal acusa, en parte, a estrutura interior; así, a rúa norte é máis baixa cá Central, aínda que a existencia dunha torre no remate da nave sur fai que esta sexa a máis alta. No extremo norte levántase un contraforte groso que acaba de forma gradual e outros dous flanquean a central. No remate da nave norte abríase unha porta coas xambas arqueadas para formar uns ángulos salientes pequenos que sosteñen un lintel pentagonal; no lado sur álzase unha torre cuadrangular que culmina unha pequena e reformada espadana posterior.

A rúa central, situada na nave maior, ten na parte inferior unha arquivolta semicircular ampla e abucinada, formada por catro arcos moldurados e decorados nas roscas e intradorsos con rosetas, flores e talos ondulantes con follas de diferentes tipos. As tres primeiras apóianse noutros tantos pares de columnas acobadadas e a maior en ménsulas embutidas nos contrafortes que limitan a rúa.

As bases das columnas repiten o esquema ático e, igual cás da porta sur, decoran os plintos con diferentes motivos xeométricos, vexetais e cintas perladas, aínda que o seu estado de conservación é deficiente, sobre todo nas da esquerda. Os fustes son lisos e monolíticos, e os  cóbados que quedan entre eles están labrados en bocel. Os capiteis, todos con decoración vexetal, presentan diversas solucións e, en xeral,  un tratamento meticuloso no que abundan as perlas diminutas; consérvanse ben, menos o dereito da arquivolta menor, que está moi erosionado. Nos cimacios predominan os talos ondulantes con follas variadas, pero sen que falten os motivos xeométricos. Por outra banda, as xambas perfílanse en bocel con media cana intermedia e forman uns ángulos salientes nos que estea o tímpano, liso e monolítico. Nas follas das portas aínda se encontran peculiares ferraxes medievais.

Sobre a arquivolta ábrense dúas ventas rematadas con arco de medio punto. O perímetro destes dous vans está moldurado con sobriedade. Algo máis arriba corre unha pequena imposta que sinala o tránsito cara ao segundo corpo no que se abre un enorme rosetón que o abarca case por completo e que, tanto por dentro como por fóra, decora o óculo con tripla rosca de motivos vexetais estilizados similares aos que xa observamos nas arquivoltas. A decoración parte dun círculo central polilobulado do que arrincan uns raios nos que estean arcos de medio punto; así, o conxunto desta decoración xeométrica debuxa unha flor descomunal con botón central, organización que se remite noutros coetáneos tanto dentro coma fóra de Galicia. Esta rúa central culmina coas vertentes do tellado nunha cornixa pequena e lisa; sobre ela alzábase, algo retirada, unha espadana pequena cun único oco que foi suprimida durante a restauración efectuada na igrexa arredor do ano 1988 e que era un engadido moi posterior á fachada.

Ramón Yzquierdo Perrín. “A arte do Císter”. En Galicia. Arte. Arte medieval (II). Tomo XI. A Coruña, Hércules, 1993, pp. 19-69. Texto das páxinas 32-39.

Fotos: Jesús García Devesa e Francisco Méndez García.

21/1/19

Igrexa de Santa María de Meira: exteriores




No exterior da cabaceira, as capelas laterais rematan o muro unitario, con ventas baixo arcos de medio punto, con canzorros en proa e cubertas en nacela. A capela maior sobresae en planta e alzado, e nela diferéncianse perfectamente a parte recta do presbiterio da cabeceira semicircular. O tramo recto, da mesma altura có cruceiro, remata no extremo oriental coas vertentes do Tellado, que perfila, igual ca nos laterais,  unha colección de canzorros nos que se labraron desde cabezas de animais ata motivos vexetais e xeométricos, todos dunha rusticidade considerable. 

Sobre o Tellado da cabeceira atópase a ventá, vista xa polo interior, que por este lado tamén presenta o arco perfilado por un semicírculo en bocel e esteado en columnas esveltas de fustes lisos con capiteis fitomorfos.

Por outra parte, o semicírculo da cabeceira, dividido en tres fragmentos por dúas columnas encaixadas con capiteis vexetais, ten as ventas laterais con arcos de medio punto dobrados, con aresta en bocel e apoiados nun par de columnas por lado, que rematan en sobrios e curtos capiteis de follas; estes capiteis nas esquinas resólvense nunha bóla ou nunha voluta pesada. Tamén se moldura o van destas ventas. O beirado desta parte organízase cunha sucesión de arcos pequenos de medio punto coa aresta moldurada, que estean nos capiteis das columnas citadas e, sobre todo, en canzorros con decoración variada, case sempre xeométrica, ás veces vexetal e mesmo con motivos xeométricos. Este tipo de beirado era habitual nas obras galegas de finais do século XII e principios do XIII, tanto entre as relacionadas coa arte do mestre Mateo como naquelas outras ligadas ao Císter, que é o que ocorre aquí.

Os muros das naves son dunha austeridade total. Están percorridos por contrafortes de remate gradual que desapareceron no lado sur por estar o claustro apegado (obra renacentista que deixou a indeleble pegada dos arcos e bóvedas)  e no norte son dobres. A existencia deste claustro obrigou a cegar ventas da nave sur e a facer algunas modificacións máis. En cada tramo da nave norte  e na nave central ábrense as tales fiestras grazas á notable diferencia de altura existente entre as naves. A central cóbrese con Tellado a dúas augas e as laterais a unha soa. Os beirados son máis simples ca na cabeceira e no cruceiro, e a maioría dos canzorros, un ou dous por tramo, córtanse en proa ou en cuarto de círculo; as cubertas córtanse en nacela.

No primeiro tramo da nave sur ábrese a porta que comunicaba co claustro dos monxes, e diante dela consérvase o único tramo do claustro que chou ata nós, só que convertido en capela anexa. A porta ten tripla arquivolta de medio punto, con chambrana arredor, molduradas en bocel e medias canas que, agás na rosca da menor e no tornachuvias, quedan lisas. Naquela dispóñense botón e cuadrifolios e nesta, follas estilizadas.


Ramón Yzquierdo Perrín. “A arte do Císter”. En Galicia. Arte. Arte medieval (II). Tomo XI. A Coruña, Hércules, 1993, pp. 19-69. Texto das páxinas 32-39.

Fotos: Francisco Méndez García e Jesús García Devesa.

14/1/19

Igrexa de Santa María de Meira (Lugo): interior



A igrexa ten planta de cruz latina cun desenvolvemento amplo das tres naves e do cruceiro, ao que se abren cinco capelas; as dúas de cada brazo, rectangulares e con remate exterior único; a central, semicircular  na cabeceira. Esta cóbrese con bóveda de forno, e o presbiterio,  igual có resto das capelas, o cruceiro e a nave maior cóbrense con bóveda de canón apuntado, mentres que as laterais utilizan bóvedas de arestas. O tramo central do cruceiro, de proporcións cadradas, cóbrese con bóveda cuatripartita cuns nervios moldurados (os boceis non se interrompen nin sequera na clave) que se insiren entre os arcos dobrados que limitan o tramo. A menor altura que alcanzan as naves colaterais, pouco máis da metade da central, permiten a iluminación directa de cada unha mediante ventas abertas nos muros extremos, pero as xanelas do sur estaban condicionadas polo claustro apegado; ábrense sobre os arcos formeiros e introducen o remate na bóveda da nave central formando lunetas. O cruceiro ten ventas nas beiras e tamén no brazo sur dos muros laterais. Por outra parte, as capelas abren fiestras nos remates orientais. Todas estas ventas están baixo arcos de medio punto sen ornamentación; as únicas ventas que molduran en bocel as arestas son as de semicírculo da capela maior, e só a que se abre sobre o arco de ingreso á cabeceira, ademais de moldurar o arco, rodéao de chambrana abocelada e apóiao en columnas con capiteis de follas estilizadas.
Interior. Foto de Turismo.gal

Os arcos faixóns apuntados da nave central estean en columnas encaixadas que non chegan ao chan e rematan en sobrias ménsulas; pola contra, as do cruceiro álzanse sobre bases de tipo ático. Por outra banda, os formeiros, de igual directriz, son dobrados e estean sobre piares compostos nos que tamén apoian os das naves menores. Os capiteis decóranse con follas estilizadas ou con entrelazos de cintas sinxelos, a miúdo perladas, aínda que a maioría quedan lisos. En xeral, os capiteis ornamentados, sobre todo os máis ricos, están nas capelas e nos primeiros tramos das naves. Os cimacios córtanse en caveto ou en bisel, aínda que nun deles labráronse follas reviradas para a fronte. A pesar da súa sinxeleza, estes motivos ornamentais (en particular os capiteis) teñen moito interese, xa que coñeceron unha difusión importante en diversos monumentos lugueses, entre os que podemos mencionar a catedral de Mondoñedo, Santa maría de Ferreira de Pallares e San Salvador de Vilar de Donas, proba da magnitude que acadou o obradoiro artístico de Meira.

En diversos puntos das naves e do cruceiro ábrense portas que, na maior parte dos casos, responde ás  necesidades da comunidade cisterciense que construíu o templo, por iso ao destruírse o mosteiro varias delas foron cegadas. Pola parte interior case todas teñen un arco de medio punto simple en aresta viva, igual cós demais do edificio, e só a que no brazo norte do cruceiro servía para acceder á torre que se alzaba entre este e as naves, ou a que no extremo sur da fachada occidental levaba á torre da fachada, presentan un lintel sobre sinxelos ángulos salientes en caveto na primeira e con rolos na segunda.

No interior, a fachada principal destaca pola amplitude de ocos, en especial polo rosetón, que inunda de luz a nave central. Os tramos inmediatos a ela foron alterados pola construción posterior dun coro alto.
Foto de Turismo.gal

No cruceiro destaca a simplicidade das liñas e a pureza do volume, que segue así os pasos iniciados na cabeceira. Nel, o máis salientable son os contrafortes prismáticos que se alzan onde estean os arcos do interior, con algunhas variacións entre eles, e os beirados cuns canzorros similares aos das ábsidas. No extremo norte ábrese unha porta pequena que  comunicaba  co cemiterio monacal. Esta porta presenta dobre arquivolta de medio punto, coa aresta labrada en bocel, seguido na rosca e no intradorso por cadansúa media cana. A mesma molduración advírtese nas xambas e no lintel do tímpano, que carece de decoración. Sosteñen os arcos un par de columnas acobadadas a cada lado, de fustes lisos e monolíticos, que se alzan sobre bases áticas con plintos ornamentados con motivos xeométricos diversos. 
Foto de Turismo.gal

Os capiteis repiten a decoración con follas estilizadas de tratamento e remate diferentes;  a pouca altura deses compensa co maior desenvolvemento dos cimacios nos que se labra unha nacela dobre. 

Das dúas portas tapiadas do frontispicio sur, a inferior permitía o acceso á sancristía e a superior comunicaba a igrexa co dormitorio da comunidade; as dúas carecen de interese artístico e a primeira está reconstruída. Tamén debe ser posterior á fábrica medieval a espadana que coroa este muro; no muro predomina a cachotería, mentres que a cantería quedou reservada para as esquinas e demais elementos arquitectónicos. Esta alternancia de materiais tamén se observa no brazo norte e no brazo maior da cruz.

Ramón Yzquierdo Perrín. “A arte do Císter”. En Galicia. Arte. Arte medieval (II). Tomo XI. A Coruña, Hércules, 1993, pp. 19-69. Texto das páxinas 32-39.

Fotos de Turismo.gal, Jesús García Devesa e Francisco Méndez García.