Mostrando entradas con la etiqueta Arquitectura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arquitectura. Mostrar todas las entradas

21/10/09

Sicilia (I): O teatro grego de Taormina



Na zona leste de Sicilia, destaca, para os amantes da arquitectura e da arte en xeral, a vila de Taormina: fermosa e altiva. Ademais das súas rúas, prazas, terrazas, igrexas, vivendas, hai que subliñar a importancia do seu teatro grego que, se ben non é o maior da illa xa que para iso xa está o de Siracusa a pesar do diámetro de 109 metros da cávea e dos 35 metros de sección da orquestra, si é polo seu emprazamento o máis espectacular.


Foi edificado polos habitantes da colonia grega de Tautomention, a máis de 200 metros metros de altitude, no século IV a.C., aínda que hai quen pensa que en realidade foi no III a.C. Como era costume no mundo dos helenos, as súas gradas foron levantadas aproveitando a ladeira do monte Tauro, de xeito tal que os espectadores tiñan uns extraordinarias vistas sobre o volcán Etna, sobre o azul Mar Xónico e sobre as montañas do Aspromonte. É tal o impacto que a súa ubicación causa e ten causado que o mesmo Goethe escribiu en 1787 “Nunca unha audiencia en ningún teatro tivo ante si semellante espectáculo”, ou o cardeal J. henry Newman en 1833 “a vía máis próxima á contemplación do Edén”.


A pesar da súa orixe grega, os restos que hoxe podemos gozar teñen máis de romanos que de helénicos. Así nos século I e II, cando Sicilia xa formaba parte do Imperio, foi modificado en toda a súa estrutura: nos accesos, coas impoñentes bóvedas, no escenario (xorden os ladrillos), no vomitorios e nas zonas máis elevadas da cávea (presenza de bóvedas que permitían gañar altura), ademais alterouse a cávea para permitir os espectáculos con gladiadores, as batallas navais ou naumachie, os espectáculos de caza, venationes. Tamén coa reforma romana, foron construídos pórticos para rematar a cávea.


A parte traseira do teatro, a que mira á cidade, tiña un aspecto monumental e estivo decorado con frisos, frescos e esculturas. Tamén detrás da escena había un pórtico con columnata nos que se reunían os espectadores.


Na época imperial a cávea daba cabida a máis de 5.000 espectadores.


Ao igual que outros importantes monumentos, o Teatro de Taormina, foi espoliado como canteira durante moitos anos, mesmo parece que as columnas da catedral proceden da escena do teatro. Sen dúbida unha das maiores atraccións turísticas de Sicilia.





E para rematar, dous pequenos vídeos caseiros:





Esta entrada vai dedicada a Isabel, compañeira de viaxe.

1/9/09

Tectónica estrea blog


Hoxe, 1 de semtembro a revista de arquitectura TECTÓNICA estrea blog: http://tectonicablog.com/

Segundo me informa Carlos Quintáns...


"..., son (de momento) cinco blogs unidos a través de una página de inicio.

Queremos que además de ofrecer la inmediatez de la noticia se pueda buscar a través de las distintas clasificaciones , será no solo un blog de actualidad si no también de permanencia en donde sabremos que podemos buscar con comodidad.

Los blogs que hemos iniciado son:

Obras en donde analizamos obras recientes, incluyendo un pdf para ir guardando con una información suficientemente extensa y pormenorizada.

Objetos trata de ser casi una colección (al modo de las que hacían, los Eames, Le Corbusier...) de objetos, utensilios... que pueden interesarnos y con una explicación que permita entender muchos campos próximos.

Lugares una colección de lugares conocidos y otros no tanto en los que pretendemos acercarnos con precisión y una cierta metodología.

Referencias, libros recientes de interés y enlaces a páginas, libros..." e

Empresas.

Neste blog hai acceso a todos os números da revista e a posibilidade de acceder ao seu contido a través de pdf.

Sen dúbida unha magnifíca nova para todas as persoas interesadas na arquitectura

16/2/09

Urbarama, atlas mundial colaborativo de arquitectura



Por Catuxa Seoane, blogmáster, xunto con Vanesa Barrero, de Deakialli DocuMental, entereime que Loogic informa da existencia de Urbarama que pretende ser un atlas mundial colaborativo de arquitectura onde edificacións senllerias estean xeo-localizadas. Aínda non ten moitas obras na súa base de datos, ou sexa que xa sabedes a colaborar.

30/12/08

Fotografía: Arquitectura contemporánea de Galicia

Continuando cos álbums de Flickr, mirade hoxe de Arquitectura contemporánea de Galicia (grazas Antonio)


Created with Admarket's flickrSLiDR.

29/12/08

Fotografía: Arquitectura tradicional de Galicia

Tratando de continuar practicando coas ferramentas que nos amosa O Mago en ANB, mirade o álbum de Flickr sobre Arquitectura tradicional de Galicia:


Created with Admarket's flickrSLiDR.

25/9/08

A arquitectura grega: selección de imaxes

De todos e todas é coñecido que as construccións gregas eran a escala humana, que concibían a beleza como a proporción, como un cálculo matemático, que para a historia da arte deixaron os seus templos e os seus teatros e que as ordes dirixen a evolución arquitectónica durante séculos.
Cal será a edificación que máis vos chame a atención?


Arte Grega 1
View SlideShare presentation or Upload your own.
Grecia Arquitectura
View SlideShare presentation or Upload your own.

9/9/08

Palacio da Pena en Sintra: hai que ser frikis!



Situado nunha das coliñas da Serra de Sintra e no medio dun gran parque, atópase o Palacio da Pena, auténtico monumento kitsch (por non dicir hortera ou moi aloxado do gusto estético actual) aínda que hai xente que afirma que é a máxima expresión do Romanticismo portugués do XIX Foi mandado construír por Fernando de Coburgo, marido da raíña María no século XIX. Por certo, este Fernando de Coburgo sería un dos candidata o sustituir a Sabela II (lembraredes ben que o elixido sería Amadeo de Savoia)

Sen dúbida con esta obra pretendía emular a obra do seu curmán Luís II de Baviera quen fixera tres espectaculares castelo-palacios, ademais de reunir nunha soa obra o “mellor” de todos os estilos. Deste xeito podemos atopar minaretes árabes, torres góticas, loxias renacentistas ou claustro manuelinos.

No seu interior podemos apreciar estancias dos máis diversos estilos e das máis variada inspiración decorativa, ademais de parte orixal do antigo mosteiro dos Xerónimos aínda que revestido de azulexos hispano-árabes.

O resultado é un auténtico pastiche friki.



Fotos: INICIARTE.

23/7/08

A Casa da Auga na Coruña

Situada no centro da cidade, moi próxima á praia e ao Estadio de Riazor, atópase a Casa del Agua. Esta edificación, inaugurada en abril de 2007, ubícase sobre unha parcela de máis de 13.000 metros cadrados, sendo 48.000 os metros cadrados construídos. A obra contén unha piscina olímpica cuberta, outras piscinas menores, zonas de lecer, espazos para o ocio, salas de actividades deportivas, jacuzzi e diversos servizos de talasoterapia.

A obra, financiada por EMALCASA (Empresa Municipal de Aguas de La Coruña, S.A.), serviu para conmemorar os primeiros cen anos da empresa de augas da cidade.

O estudo arquitectónico encargado do deseño do proxecto tivo que traballar pensando no desnivel da parcela, na necesidade de reducir o posible impacto na zona así como en integrar o conxunto no contorno. Ademais visitáronse outras edificacións que poderían servir como modelo ou referente, deste xeito viaxouse a Caldea (Andorra), a Marina d´Or (Castellón) e a varios estacións termais da Alemaña. O resultado foi un conxunto de edificios nos que están integradas as actividade de talasoterapia, as deportivas e as comerciais, ademais de contar con tres xardíns interiores.


Esta obra é do arquitecto Xosé Manuel Casabella, quen conta con numerosos e importantes premios, sendo os máis salientables os recibidos pola remodelación do Kiosko Alfonso da Coruña, pola Cafetería Copacabana da Coruña, pola remodelación do contorno das Burgas en Ourense e pola obra de Rehabilitación do edifico do Servizo do Alumnado da Zapateira na Coruña.




Bibliografía e fotos: Casa del Augua. A Coruña, Artes Gráficas Diumaró, 2007.

14/7/08

O estudo de arquitectura VIER e os centros de saúde

Constituído como grupo en 2002 aínda que varios dos seus compoñentes xa formaran o recoñecido estudo QRC, os arquitectos de VIER estanse consolidando como un dos referentes arquitectónicos da Galicia do século XXI. Formados na escola de Arquitectura da Coruña teñan xa varios premios polas súas obras e son gañadores de varios concursos de obra obra pública. O estudo VIER da Coruña ten destacado pola calidade dos seus edificos residenciais, pola renovación da arquitectura industrial, e pola impactante calidade da arquitectura de edificacións deportivas e de esparcimento. Non deixedes de visitar a súa páxina web.

Hoxe INICIARTE, desexa presentarvos unha tipoloxía arquitectónica que está a dar froitos moi interesantes e da que VIER conta dous exemplos moi salientables: os centros de saúde.


Centro de Saúde de Sobrado dos Monxes, 2002-2003


O necesario retranqueo respecto á vía que atravesa a parte dianteira da parcela e o desnivel existente entre esta e o noso solar, suxiren a posibilidade de dispoñer dun dobre acceso. A parte superior ábrese á parte posterior da parcela e configúrase como a entrada principal para, así, gañar altura e, polo tanto, illamento respecto á estrada, e vistas cara o impoñente Mosteiro de Sobrado dos Monxes. A parte inferior, pola súa parte, resolve os acceso de servizo, e rodéase de patios en busca da mesma independencia e vistas que a superior, nesta ocasión buscadas cara o interior do edificio. Os volumes que definen estas dúas plantas non son coincidentes nas súas formas, perímetro ou dimensión, pero se enlazan mediante a parte de estrutura que lles é común e polas comunicacións verticais (escaleira, ascensor) (...) Os materiais que configuran a estrutura portante do edifico (formigón, principalmente, e aceiro) exhíbense como materiais de remate ou sustento da carpintería.




Centro de Saúde de Ortigueira, 2002-2004


Nun espazo destinado a equipamentos públicos este edificio destaca pola “fragmentación en distintos volumes que se separan con patios, e que avanzan de desigual xeito á rúa, enriquece o xogo volumétrico que se acentúa ao resolver dous dos volumes cunha planta máis outro (o da entrada) cunha maior altura e con diferencia no material.

O edificio resolve a súa iluminación e a relación entre as dúas plantas a través dos patios, conseguindo o aproveitamento das condicións da parcela en canto a orientación, topografía e vistas, e coa necesaria intimidade requerida polas salas destinadas a consulta.

Os materiais da fachada (vidro e lousa) configúranse en protagonistas deste proxecto. Preténdese que a concisión volumétrica e formal do edificio se manifeste, tamén, no uso dos materiais, conformando o carácter e seña de identidade, coa necesaria abstracción e calidade esixible á representación dun ente público.”



Textos en cursiva: http://www.vier.es/
Fotos: INICIARTE

11/7/08

Máis arquitecura Bauhaus declarada Patrimonio da Humanidade

Lembrade como teño a teima de que a Arquitectura do século XX non ten o recoñecemento social que se merece ou cando menos coma a Pintura desa época. Pois ben, o Comité do Patrimonio Mundial na mesma xuntanza de Québec onde 17 covas do Cantábrico español foron declaradas Patrimonio da Humanidade como xa vos contou INICIARTE, a UNESCO vén de declarar Patrimonio da Humanidade ao barrio de Hufeinsensiedlung, e outras cinco colonias de vivendas protexidas de Berlín construídas no primeiro terzo do século XX.

A colonia de Hufeinsensiedlung, que podedes contemplar na fotografía de A.P., ten forma de ferradura, e son 2.000 vivendas, construídas entre 1925 e 1930 no barrio de Britz. Son edificacións de dous ou tres andares entre conxuntos axardinados concibidos por Bruno Taut, quen, xunto con Martin Wagner e Walter Gropius, foi fundador da escola vangardista da Bauhaus. "Construíronse segundo o principio da República de Weimar de que todo cidadán ten dereito a unha vivenda digna. Cada apartamento tiña o seu cuarto de baño -naquel entón adoitaba haber un ao final do corredor-, o seu xardinciño e o seu confort", explica Winfried Breme, xefe do despacho de arquitectos que impulsou a inclusión na lista da UNESCO, segundo informa El Mundo.

O equipo do arquitecto Bruno Taut, realizaría entre 1924 e 1931 máis de 12.000 vivendas, traballando despois en Suiza, Xapón e Turquía.

Lembrade como xa INICIARTE vos ten presentado a Escola da Bauhaus con anterioridade e que fora declaradada, á súa vez Patrimonio da Humandidade en 1997.

A última fotografía correspóndese co edificio "Fronte vermello" desta urbanización berlinese á que tamén se coñece co a "Urbanización Ferradura". A foto está na wikipedia.

8/5/08

San Miguel de Breamo: a forza do románico



Nesta semana que remata, INICIARTE tivo a sorte de poder acompañar ao grupo de docentes que forman o GBI (Grupo de Bibliotecas Intercentros) a visitar a igrexa de san Miguel de Breamo en Pontedeume. Estes docentes manteñen tres blogs sobre bibliotecas escolares: A Nosa Biblioteca, Biblioafonso e O Segrel do Penedo.






Esta pequena pero poderosa igrexa románica, está situada sobre o outeiro que domina a desembocadura do río Eume. É un exemplar de forte arquitectura, dunha soa nave, cruceiro e tres capelas absidiais. De cuberta abovedada con estructura de arcos apontados, algún apoiados sobre columnas adosadas e outros sobre ménsulas con chapitel. Ás capelas laterais accédese por arcos de medio punto.




Na súa fachada ten escasos vans, agás uns fermosos rosetóns e varias xanelas de saetera. As portas son sinxelas, con molduras e tímpanos escasamente decorados. Toda a edificación está realizada con potentes perpiaños de granito, tanto os muros como os grosos contrafortes prismáticos, sobre basamentos escalonados.




A decoración está centrada no exterior nuns desgastados canzorros. No interior destacan os numerosos chapiteis de variada temática así como as basas das columnas.





5/5/08

Ampliación dun apartamento

Mirade como se pode ampliar un apartamento:






















































Vía: Arq-2

16/4/08

Arquitectura doutro planeta

Buceando pola rede, atopei esta páxina que ten unha entrada dedicada a 25 obras arquitectónica que cualifica de obras doutro planeta. Mirádeas con atención pero non pensedes neste post como unha lección de arquitectura contemporánea.

9/2/08

O Palau da Música Catalana cumpre cen anos

Esta obra da arquitectura modernista foi deseñada polo arquitecto Lluís Doménech i Montaner. Construido entre os anos 1905 e 1908 foi declarado Patimonio da Humanidade pola UNESCO en 1997. Os Elementos decorativos da fachada e do interior son os sinais de identidade deste templo da música e do afán decorativista do modernismo catalán. Deste xeito, no interior pódese admirar a combinación de elementos cerámicos (o “trencadís” que Gaudí fará eterno) co vidro, namentres que no exterior chaman a atención os elementos decorativos de carácter escultórico e arquitectónico.

Máis información na wikipedia e en Artehistoria.


BubbleShare: Share photos - Green Toys

8/2/08

A cúpula da catedral de Florencia de Filippo Brunelleschi

A arquitectura do Renacemento principia coa construción da cúpula da catedral de Florencia (santa Maria dei Fiore) Foi unha obra realizada por Filippo Brunelleschi, tras un concurso para seleccionar ao arquitecto que fora quen de deseñar a realización da mesma. Para coñecer mellor como foi ese proceso podemo ler ao primeiro gran biógrafo do renacemento, a Vasari.

Giorgio Vasari. Las vidas de los más exclentes arquitectos, pintores y escultores italianos desde Cimabue a nuestros tiempos. 1550

Ese mesmo ano (1417), os Custodios de Santa María del Fiore e os Cónsules da Arte da La convocaron unha asemblea de arquitectos e enxeñeiros da cidade para deliberar sobre a mellor forma de construír a cúpula.
(...) Pero un día (Brunelleschi) que escoitou falar de que se convocaría aos enxeñeiros para a construción da cúpula, plantexou volver a Roma, convencido de que gozaría de maior reputación se se o tiñan que ir buscar fóra que se se quedaba en Florencia.

O ano 1420 reuníronse en Florencia todos ese mestres ultramontanos, da Toscana e todos os
enxeñosos artistas do deseño florentino, e, así, Filippo volveu de Roma. Reuníronse todos na obra de Santa María del Fiore, cos Cónsules, os custodios e xunto a un selecto grupo dos máis enxeñosos cidadáns, para que todos escoitaran as ideas sobre esta obra, e se puidera resolver o xeito de construír a cúpula; déuselles audiencia de un en un e foi escoitado o plan de cada arquitecto. (...) Filippo foi o único que dixo que se podía levantar a cúpula sen tantos madeiros, sen pilastras nin terra, con moito menor gasto do que implicaban tanto arcos e moi sinxelamente sen armazón.

Os Cónsules, que estaban esperando un gran método, os custodios e os resto dos cidadáns creron que se trataba dunha broma, e se burlaron e riron del, e lle pediron que falase doutra forma, e se esa era propia dun tolo, que é o que el mesmo era. Filippo, ofendido, dixo: “Señores, considerade que non é posible elevar a cúpula doutro xeito que non sexa esta; e, aínda que vos riades de min, decatarédesvos de que nin se debe nin se pode facer doutro xeito. Para que se constrúa tal e como teño pensado, debe ser trazada coa curva dun arco de cuarto de punto, e debe facerse dupla, unha cúpula interior e outra interior, de xeito tal que se poda camiñar entre a unha e a outra. E sobre as esquinas dos ángulos das oito caras débese encadear a fábrica en todo o seu grosor mediante perpiaños e de forma semellante rodeala por todas as súas caras con tirantes de madeira de aciñeira.”
Para máis información sobre esta sobranceira obra podedes clicar sobre Artehistoira, sobre Educared, ou en Enseñ-arte. Tamén podedes ver o seguinte vídeo.

5/2/08

A prerrománica igrexa do Cebreiro


O templo é de feitura prerrománica, do século IX. Construído con lousas de pizarra (elemento característico e abundante da montaña luguesa), inicialmente estivo soterrado en parte para protexelo das inclemencias meteorolóxicas xa que está por riba dos 1.300 metros de altitude. En 1450 padeceu un importante incendio, axudando o propio Papa Pío II á súa restauración. Posteriormente, en 1641, volvería a padecer outro incendio.

Esta igrexa, ademais de estar ubicada na fermosa e restaurada aldea do Cebreiro (entrada dos pelegríns a Galicia) e de estar rodeada de pallozas (elemento de arquitectura tradicional galega de carácter prerromano) é famosa polo milagre e polo seu cáliz.. As crónicas sosteñen que:
“Un monxe de Aurillac celebraba misa nesta capela cando un paisano ascende ao Cebreiro para a misa no medio dunha forte treboada. O monxe celebrante, de pouca fe, menospreza o sacrificio do labrego. No intre da consagración o monxe percibe como a hostia convértese en carne sensible á vista, e o cáliz en sangue, que ferve.” En 1486, Os Reis Católicos, peregríns a Compostela, hospedáronse cos monxes, contemplaron a milagre e doaron o relicario onde se gardou a milagre ata os nosos días.

Hoxe, cáliz, patena e relicario constitúen un valioso conxunto relixioso e histórico-artístico. O cáliz e a patena son afamadas pezas románicas do século XII. A lenda do santo grial galego estendeuse por toda Europa. O Cebreiro e o seu milagre influíron na parsifalesca de Warger. Este cáliz é o que preside o escudo de Galicia.

A capela de san Bieito, na nave norte, está dedicada a este santo en lembranza ao monxes benedicitiños que edificaron e custodiaron a igrexa desde o ano 836 ata 1853. Os monxes de Aurillac, chamados por Afonso VI, permaneceron no Cebreiro desde 1072 ata 1487, data na que os Reis Católicos obtiveron do Papa a desmembración do Cebreiro de Autillac e a súa anexión a san Bieito o Real de Valladolid. Os monxes de san Bieito abandonaron o Cebreiro en 1853, como consecuencia da desamortización de Mendizábal.

Debido ao seu estado ruinoso, en 1962 comezaron as obras de restauración.
Na actualidade é unha igrexa de planta basical, con tres naves e tripla cabaceira rectangular, cuberta a dúas augas e de madeira nas naves e de bóveda de canón con arcos faixóns nas cabeceiras. As naves están separadas por fortes piares.A cabeira sur e a central están unidas por un arco oxival. No exterior destacan a súa robusta torre e os poderosos contrafortes.


30/1/08

O Modernismo arquitectónico coruñés

“Baixo o térmo xenérico de Modernismo, desígnanse as correntes artísticas que, no derradeiro decenio do XIX e o primeiro do XX, propóñense interpretar, afianzar e secundar o esforzo progresivo, económico-tecnolóxico, da civilización industrial" (Giulio Carlo Argán)

Na cidade da Coruña, os anos de principios do século XX serán os da opulencia arquitectónica burguesa , os anos en que a burguesía dotarase dun marco propio de residencia, amosando a súa prosperidade. “Trátase dun cliente singular que quere ver reflectida a súa singularidade na súa propia casa, na fachada da súa vivenda” (MARTÍNEZ-CASABELLA) Para iso os novos arquitectos que traballan na cidade (Antonio de Mesa, Pedro Mariño, Julio Galán, Leoncio Bescansa, Ricardo Boán ou Antonio López) empregarán o novo estilo que percorría Europa, o Modernismo, dándolle unha nova interpretación ás galerías (permitida polas mellores técnicas constructivas: ferro forxado e logo cemento armado), empregando a natureza como referencia ornamental, ademais da iconografía fiminina.


Deste xeito, e durante pouco máis de dez anos, entre 1905 e 1915, a riqueza decorativa do modernismo, producirá magníficos exemplos dunha nova estética no Ensanche coruñés.

Mais este novo estilo tamén será disfrutado por unha grande parte da poboación o construírse con el determinados edificios públicos como quioscos e as súas características decorativas inundarán farmacias, ultramarinos, cafés, etc.



A palabra modernismo introdúcese no vocabulario local en 1906 para referirse a decoración teatral deseñada por R. Boán e A. López. Estes dous arquitectos, xunto con J. Galán “introducirán na cidade, inda que tardiamente en relación co contexto internacional, un modernismo epidérmico e aparencial de gusto vienés que terá na arquitectura doméstica as súas melloras realizacións. Tiveron estes a virtude de adaptar e reinterpretar ás novas esixencias de decoro urbano a tradición arquirtectónica local da galería de madeira e cristal, creando caprichosas, atrevidas e inventivas formas liberadas da simplificación funcional e utilitarista do século XIX que popularizou Juan de Ciórraga.” (Fernández Fernández)


“Son os anos nos que as austeras e esencialmente constructivas galerías de madeira se cobren de suxerentes formas vexetais na obra de Ricardo Boán, namentras que Julio Galán incorpora o ferro forxado como simbólico soporte de pel acristalada e Antonio López Hernández busca o ritmo ascendente no despece vertical dos módulos de fiestras e bastidores: as fachadas modernistas xa non son máis un pano ó que asoman os diferentes pisos e neles tres ou catro ocos que penetran o muro testeito, senón un conxunto plástico unitario no que a fiestra, a porta, o balcón, a propia galería de madeira e ata as cornisas do piso superior perden a súa individualidade e intégranse formando parte dun discurso unitario que rompe na súa mensaxe cos elementos compositivos e decorativos tradicionais, nunha liberación completa fronte as formas do pasado.



As portas son deseñadas incorporando tamén ás tallas de madeira motivos ornamentais vexetais ou xeométricos ata entón non utilizados, nas fachadas empregaranse diferentes materiais (pedra, ladrillo, vidro, cerámica), incorpóranse diferentes cores, o ferro retórcese nas reixas dos balcóns e nas barandillas das escaleiras, e a iconografía fiminina, ou as cabezas de animais dispóñense nas fachadas compoñendo conxuntos de excepcional riqueza nos recursos utilizados”. (MARTÍNEZ-CASABELLA)


Bibliografía básica:
FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Xosé. O arquitecto Pedro Mariño Ortega. 1865-1931. Galaxia, 1996.
González Cebrián., Esteban. A Coruña. Guía de arquitectura. COAG, 1998
MARTÍNEZ, X.L. e CASABELLA, X. Catálogo. A Coruña, 1890-1940. COAG, 1989.

22/1/08

A Casa Rey: o modernismo coruñés

Situada nun lugar inmellorable (inicio da avenida de Montoto-praza de María Pita), este edificio amosa todas as peculiaridades do Modernismo coruñés e unha das melloras obras na cidade de Julio Galán, antes de marchar a Oviedo en 1991.

En marzo de 1911, ano no que renuncia ao seu posto de arquitecto da deputación provincial coruñesa para aceptar o posto de arquitecto municipal da capital asturiana, Julio Galán asina o proxecto desta edificación.

Nunha esquina da mazá que amosa todo o poderío visual das galerías coruñesas, a Casa Rey reinterpreta o tratamento das propias galerías ao darlle un sentido horizontal fronte ao predominante vertical de toda a avenida. Ao mesmo tempo constrúe unha tripla fachada na que fai un deseño unitario do despece en altura, fronte á monótona sucesión tradicional de andares, marcando claramente o baixo e a primeira altura (que neste caso non sería o piso”principal” senón destinados a uso comercial) os andares superiores, e a última altura coa súa impactante cornixa.

No primeiro andar destacan os seus balcóns corridos con balaústres de fábrica e ferro.
Será precisamente o tratamento do ferro (axudado na cidade pola fundición Wonenburger) xunto a unión doutras artes menores (ebanistería, vidreira) á arquitectura, unha das características deste arquitecto e do modernismo coruñés. Este balcón está soportado por ménsulas-cabezas de muller. Nos catro andares seguintes destaca a galería e a calidade do seu tratamento decorativo, pois está rematada en arcos de ferradura e unha cornixa que fan culminar a edificación dun xeito espléndido. Tamén é salientable o tratamento do ferro para enmarcar os paramentos de madeira e vidro. O ático tivo que ser reformado para igualarse a outros edificios da praza de María Pita. Finalmente, o acceso á vivenda é toda unha mostra do decorativismo modernista e da opulencia burguesa. Cada unha das cinco plantas correspóndese a unha vivenda, organizadas a partir dun corredor paralelo á medianeira e que da acceso a todas as dependencias.



Esta obra de Julio Galán y Carbajal é unha das melloras mostras da arquitectura coruñesa nos primeiros anos do século XX.

Bibliografía básica:
Esteban Fernández Cobián. A Coruña. Guía de arquitectura. 1998, COAG.
Xosé L. Martínez e Xan Casabella. Catálogo. A Coruña, 1890-1940. 1989 COAG.
X. Antonio Martínez. A Coruña. 1997, Mediterráneo.


BubbleShare: Share photos - Lead Free Toys

20/1/08

O Banco Pastor da Coruña: o primeiro rañaceos de Galicia

Sobre unha parcela superior aos mil metros cadrados Antonio Tenreiro e Peregrín Estellés deseñarán un edificio de once andares cunha tipoloxía descoñecida en Galicia: o rañaceos. Ademais de superar os retos técnicos e financeiros, un edificio tan alto debería superar o do deseño. E para iso o referente estético foi a Escola de Chicago, creadora dos primeiros rañaceos

O proxecto iniciouse en 1919 cando Tenreiro recibiu o encargo dos seus familiares Ricardo Pastor e Pedro Barrié para estudar a posibilidade de construir a sede do seu banco. O proxecto definitivo é de xaneiro de 1922 e rematáronse as obras en abril de 1925.

Na memoria do proxecto (pódese consultar no magnífico Arquivo Histórico Municipal de A Coruña) pode lerse o seguinte: "El edificio se compone de 11 plantas (...) Tiene cuatro fachadas y el chaflán, correspondientes a las cuatro calles que limitan el solar. La importancia del edificio exige mayor altura de la corriente”.

Na propia memoria introdúcese un tema de permanente actualidade, cal é o cumprimento das normas urbanísticas polos promotores. Desde que no ano 1918 os promotores comezaron a mercar as parcelas da futura sede do banco, iniciaríase a modificación do tamaño das parcelas e das alturas da fachada da cidade a baía. As edificacións adquiridas e que logo serían derrubadas eran vivendas de tres ou catro andares coas tradicionais galerías coruñesas.


A normativa urbanística de 1892 regulaba a altura máxima das novas edificación ata un total de vinte metros, pero será a propia Comisión Municipal de Obras quen busque argumentos para autorizar un edificio de trinta e oito metros xa que “ las Corporaciones no pueden ni deben mostrar oposición ni poner dificultades a la realización de aquellas mejoras que, como la de que se trata, significan un avance en los caminos del progreso. (...) por eso cuando hay vecinos que salen de los moldes trillados, cuando hay quienes derriban seis o siete casas de regulares dimensiones, algunas de ellas bastante modernas y amplias, para hacer en el solar resultante de todas un solo edificio que hermoseará la más importante avenida de la ciudad; (...) cuando hay quienes implanta ese nuevo sistema de derruir lo malo y estrecho para construir lo bueno y amplio...” que importa legalidade. Tan só o Inspector Municipal de Sanidade era contrario á concesión da licencia de obra.

Continuando coas leccións aprendidas da Escola de Chicago e da formación recibida en Madrid, os arquitectos deseñan un edifico como unha columna: un forte basamento (3 andares) un fuste coa maior parte de desenvolvemento vertical da obra (6 andares) e outro corpo a xeito de chapitel con maior vó e decoración (2 andares). Este deseño terá un forte impacto na cidade.

Mais sendo o primeiro rañaceos galego, o edificio do Banco Pastor tamén é unha obra salientable en canto á introdución de novidades técnicas na edilicia da cidade: o formigón armado, a pedra artificial, a vidreira de gran tamaño, o deseño de todos e cada dos elementos mobiliarios e decorativos, mesmo con elementos decorativos propios do Art-Decó. . Por todo isto, esta obra é probablemente unha das máis importantes das realizadas no século XX na cidade.

La Voz de Galicia do 11 de novembro de 1925 recollía a nova da inauguración coas seguintes palabras:
La prestigiosa entidad bancaria (...) ha dado una prueba imponderable de su gran potencialidad económica, levantando en la mejor avenida de esta ciudad un edificio de ingentes proporciones. En el bajo de esta soberbia casa instaló sus oficinas. En ellas ha puesto cuanto la comodidad, el confort, el verdadero lujo, lo suntuario en suma, podían exigir de una entidad tan fuerte y poderosa”.

Antonio Tenreiro e Peregrín Estellés licenciáranse en Arquitectura pola Escola de Madrid en 1919, instálandose na Coruña en 1921. Foron un dos principais artífices da renovación arquitectónica do segundo terzo do século XX na cidade. Entre a súas obras destacarán a Casa Barrié (1926), o mercado municipal de san Agustín (1932) a Biblioteca do xardíns de Méndez Núñez (1933), a cidade escolar ( 1946-1959), o Arquivo do Reino de Galicia (1952)

Co Banco Pastor “pechouse o ciclo do eclecticismo, preparando a eclosión racionalista que en pouco anos se fará con todo o panorama arquitectónico e que terá a Tenreiro como unha das súas figuras máis sobranceiras” (Fernando Agrasar)
Comproba nestas dúas fotografías o impacto visual do edifico nos anos vinte.

















Bibliografía básica:

AA.VV. El Banco Pastor de La Coruña. 1994, Banco Pastor
X. Antonio Martínez. A Coruña. 1997, Mediterráneo.

17/1/08

A Arquitectura gótica. A arquitectura da luz


A importancia do cambio na mentalidade cristiá, fenómeno no que vai ter un tremendo protagonismo a divulgación das novas correntes de filosofía neoplatónica, e sobre todo, a vinculación que establece esta corrente filosófica entre o concepto de Deus e o ámbito da luz (Deus é concibido coma a luz) terá unhas claras consecuencias na nova arquitectura. Partindo destas premisas é lóxico que a catedral gótica deba concibirse con base nesta nova espiritualidade cristiá como un espazo cheo de luz, cheo de Deus.

Fronte ao románico, a nova arquitectura vai introducir todos os cambio tectónicos necesarios para lograr ese obxectivo prioritario de rachar os muros para que irrompa a luz no espazo interior. Como consecuencia xeneralízase o uso dunha serie de elementos formais: o arco apuntado, a bóveda de cruceiría, os arcobotantes, a utilización perfeccionado dos arcos faixóns e formeiros, a existencia de grandes contrafortes exteriores, os piares cruciformes con columniñas apegadas que han derivar no piar fasciculado e tamén a disposición de magníficas vidreiras, contribuirán a crear esa atmosfera irreal e estraña dun mundo alleo ao terreo e por isto dun fondo impacto espiritual.

O resto dos elementos formais da arquitectura gótica supoñen unha evolución cara á monumentalidade respectos dos anteriores edificios románicos, que non é allea a unha valoración da tendencia ascendente no espazo interior, gracias, maiormente, á extraordinaria altura das súas bóvedas, que tamén aluden simbolicamente á elevación espiritual.

Polo demais, séguese a utilizar a planta de cruz latina, de tres ou cinco naves, cruceiro destacado en planta e unha cabeceira hipertrofiada, con xirola e capelas radiais.

En alzado ábrense xanelas cada vez maiores. Nas fachadas dispóñense grandes torres coroadas por agullas ou chapiteis, e inclúese unha decoración exterior cada vez máis abundante e recargada, engadindo –xunto aos volumes arquitectónicos, como os contrafortes ou os arcobotantes- motivos ornamentais como son os pináculos, as gárgolas, etc.

Todo o cal sen esquecer a importancia da escultura que, se ben se vai liberando do marco arquitectónico, segue ligada implicitamente ás construccións.