Mostrando entradas con la etiqueta Arquitectura neoclásica de Galicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arquitectura neoclásica de Galicia. Mostrar todas las entradas

12/6/23

A fachada de Acibechería da catedral de Santiago de Compostela

 


En época medieval a entrada á Catedral de Santiago facíase pola Fachada do Paraíso, tamén coñecida como Porta Francíxena. A mediados do século XVIII substitúese pola actual que popularmente se coñece co nome de Fachada de Acibechería debido á presenza de artesáns do acibeche na praza onde se sitúa.


A Fons Mirabilis, no museo da catedral

Ante a súa porta estaba a fonte “Fons Mirabilis” na que, tanto composteláns como peregrinos, se aseaban antes de acceder á basílica, descrita con detalles no Códice Calixtino, que “non ten parella en todo o mundo”. Formada por unha cuncha de pedra e unha columna de bronce rematada por leóns de cuxas bocas manaba xeneroso caudal, mandouna construír o tesoureiro Bernardo en 1122. A súa auga “de bo padal, amornada no inverno e fresca no verán” era bálsamo para a sede e hixiene tanto de composteláns como de peregrinos, que se aseaban aquí antes de acceder á basílica.

Na praza situábanse os cambeadores que cambiaban a moeda aos peregrinos para os seus gastos na cidade, e atopábanse tamén numerosos postos de vendedores de cunchas, morrales, botas de viño, zapatos, correas ou cintos.

A primitiva fábrica medieval, moi danada tras tantos séculos orientada ao húmido norte e polo lume que a arrasou no século XVIII, estaba ademais “pasada de moda”. Así que entre 1757 e 1759 aprobouse a súa derriba e inicio da nova fachada nun estilo máis acorde cos tempos.

 

 Segundo o profesor López Vázquez:

“O punto de partida para a reconstrución da portada atopámolo no cabido do 16 de decembro de 1757, no se decidiu “hacer la fachada de la Azabachería por ser precisa y necesaria”. Ao día seguinte o cabido concretou máis os seus proxectos: “Se acordó el que se haga la obra de la fachada de la Azabachería, y se le principio en la cuarentena del año que viene de 1758 de los efectos de la fábrica, y no alcanzando los depósitos; y que el señor fabriquero disponga asistan a ella los oficiales precisos, a fin de que se concluya la obra con la brevedad posible: Que el Maestro Caaveiro le prevenga forme la planta sin dilación”.



Posteriormente o arcebispo que estaba no pazo de Lestrove, contestou o 29 de decembro dando “el más gustoso consentimiento para que se forme la planta de ella, y después se fabrique en el ámbito que hoy ocupa, extendiéndola hasta la que V.I. se sirva decirme” e comprometeuse a  que “si Nuestro Señor me diere vida, el mismo tiempo procuraré se fabrique la frontera del Palacio Arzobispal con el deseo de que sea uniforme la fachada, y que se mejoren la habitación del Provisor, la pieza de su Audiencia y los cuartos de los Pajes”.


Inaxe da Fe


O fabriqueiro, co beneplácito do arcebispo, instigou o seu mestre de obras, Lucas Caaveiro, para que realizase o plano da fachada no menor tempo posible, de maneira que, no cabido do 14 de marzo de 1758, deciden: “Habiéndose visto la planta hecha por el Maestro de Obras Lucas Ferro Caaveiro para la fachada de la Azabachería. Se aprobó por el Cabildo y se acordó que el Señor Fabriquero pase a manifestarle a S.I. y conformándose con ella disponga se le de muy breve principio, procurando se haga con el menos coste que pueda ser y uniforme a la Quintana de Muertos".

Lucas Caaveiro iniciou as obras por fin e tivo como aparellador o da propia catedral, Clemente Sarela. Estas obras debéronse facer con certa présa, pois no ano 1762 estaba construído todo o primeiro corpo e parte do segundo.

Posteirormente produciuse a ruptura entre o cabido e os arquitectos, probablemente, por motivos estilísticos, segundo López Ferreiro. Tras un tempo (…) o fabriqueiro seguiu manobrando ata conseguir que o cabido o facultase, o 20 de maio de 1765, “para que haga venir de Madrid un Maestro natural de este reino bien hábil según las noticias que se le comunicaron por las diligencias que puso”. (…) O fabriqueiro conseguiu que a academia remitise ó cabido a sorprendente carta de recomendación de Domingos Lois, con data 25 de abril.

(…) Queda suficientemente demostrado que Lois Monteagudo veu a Santiago máis por azar ca por unha vontade estética consciente de introducir a nova corrente clasicista na nosa arquitectrua.

Como apunta Otero Túñez: “Sen derrubar o que estaba construido, a pretensión de Ventura Rodríguez (o mestre do rei a quen se lle pediron os planos) e a de Domingos Lois foi a de rematala cunha apariencia máis ou menos clásica.

Para o conseguir, Lois empezou por susbtituír os salientes das ventás do primeiro corpo polos trofeos, que tanto contrastan cos elementos barrocos circundantes, pero que unifican a obra ata o ático, no que volven aparecer exenos.

Medallón representando á Igrexa


Medallón representado a Cristo

Moito máis decisivas foron as reformas do segundo corpo. As molduras exteriores das fiestras centrais cortáronse para proporcionarlle espazo ao desenvolvemento dos grandes medallóns coas correspondentes ménsulas que os sustentan, nas que destacan as cabezas de anxos. Os van laterais conservan os salientes barrocos, pero coróanse graciosa e hábilmente cun frontón semicircular con vaso acroterio. Os pedestais das columnas xónicas alisan as superficies en clara oposición aos do corpo inferior e incluso aos das piastras dos extremos. Os fontóns, aínda que en dous planos, permiten o apoio duns áticos, segundo a fórmula dalgúns proxectos e obras de Ventura Rodríguez.

O terceiro corpo, que se ergue sobre a rúa central da fachada, xa é totalmente novo. Catro atlantes, que destacan ante o muro liso e corrido sosteñen o frontón curvo, que tamén ten un ático detrás.

A fachada de Acibechería aínda hoxe está minusvalorada por varias razóns: a súa orientación cara ao norte proporciona unha pésima luz para pódela contemplar ou fotografar, (…) a imaxe deformada polo xuízo estético dos historiadores de finais do século XIX e principios do XX, que a vían, baixo unha óptica románica e anticlasicista, como o máximo expoñente  da funesta vitoria do estraño clasicismo académico fronte ao vigoroso e creativo barroco  autóctono. Sen embargo, se nos abstraemos de todas estas continxencias , a fachada aparece coma unha obra tremendamente orixinal e sen parangón na arte española do momento que proporciona, ademais, unha solución final moi creativa e mesmo se diría que xenial. Ventura Rodríguez e Lois Monteagudo conseguiron transformar un deseño barroco, que debía ser un híbrido entre os corpos inferiores da fachada do Obradoiro e o remate da fachada da Angustia de Abaixo (hoxe san Froitoso), noutro inequivocamente clásico que “parece evocar, aínda que sexa vagamente, as solución estructurais e compositivas dos antigos frons scenae dos teatros romanos”.

A súa iconografía componse dunha imaxe da Fe, dous medallóns (na nosa opinión non representan a Carlos III e a María Amalia de Saxonia, senón a Cristo e a Igrexa, como divina esposa), atlantes mouriscos e unha imaxe acroterio de Santiago peregrino entre as de Afonso III e Ordoño II. Isto débese relacionar coas razón que lle deu o cabido ao arcebispo Raxoi para empezar a reconstrución das fachadas da catedral pola da Acibachería e non pola de Praterías, xa que por esa porta recibían “la Santa Bula de la Cruzada y ofertas reales”.

O apóstolo Santiago, figura, polo tanto, como o principal defensor e propagador da fe, virtude esencial da Igrexa, que se representa por un busto feminino que fai parella co do seu divino esposo; é esa  defensa da fe, n caso español, o que xustifica o voto a Santiago; de aí tamén a representación dos monarcas como testemuño visible das “ofertas reales”.


Santiago pregrino e atlantes




J.M. López Vázquez. A arquitectura neoclásica. Galicia Arte. A Coruña, Hércules, 1995. ., pp. 29-85. Texto das páxinas 31-37.

Fotos: INICIARTE.

 

25/4/22

Igrexa de san Tirso de Cando (Outes, A Coruña)



Nun ben afortunado paseo coa bici cheguei, sen querer, ata este preciosísimo lugar de Cando. Sobre o Pazo de Tambre, a escasos quilómetro de Ponte Nafonso, xurdiu este conxunto espectacular: cruceiro, capela, torre igrexa e cemiterio. Desde que o coñecín regresei varias veces para gozar da súa fermosura.



Patrimonio galego describe este conxunto artístico do seguinte xeito:

A igrexa ten planta de cruz, coa particularidade que os brazos menores quedan situados á metade do corpo. Cada brazo da cruz é dunha soa nave e todos os espazos son rectangulares. Está feita a base de perpiaño granítico regular e o teito vai a dúas augas, agás no cruceiro, nas naves laterais e na cabeceira. Na fachada a entrada é o único elemento que aporta decoración, leva unha moldura enmarcándoa coas esquinas en forma de orelleiras cadradas. Enriba dela un frontón con cornixas de pouco voo e un pouco máis resaltadas nas esquinas, que ademais serven de soporte a pináculos.





Ten unha torre afastada do corpo da igrexa de vinte metros de altura.




Cerca da base desta torre atópanse dúas pías bautismais de orixe incerto dada a súa antigüidade. Segundo Xoán Mariño unha delas pode ser unha pía de época castrexa adaptada ao culto cristián. E de forma cuadrangular e ten como motivos ornamentais tres estrías en cada esquina.




Esta igrexa substituíu a outra que, segundo explica nos libros de fábrica, non só se quedara pequena para o aumento da poboación, senón tamén porque estaba case en ruínas. No ano 1726 tiña as madeiras tan apodrecidas que ninguén se atrevía a retellala. No 1741 xuntáronse os caudais necesarios para facerlle fronte á obra. Esta foi dirixida polo mestre Francisco Fontela e importaron 18.883 “reás”, aparte as madeiras, cal, vidros e ferros que aportaron os fregueses, que ademais traballaron na obra.




Vintecatro anos máis tarde, Manuel Varela pechou o adro cunha artística balaustrada e unha capela para a Virxe do Carme.¡ construída entre 167 e 1768. Conta con nave única trapezoidal e a cuberto do interior é de bóveda de canón que se vai estreitando cara ao altar.









Conta cun reloxo de sol no ángulo sur-oeste e na espadana non hai campá.



E admais remata o cunxunto un fermso cruceiro:





FOTOS: INICIARTE


18/4/22

Igrexa de santo Estevo de Abelleira (Muros, A Coruña)



Nunha das saídas coa bicicleta achegueime a ver esta igrexa que, estando moi preto dunha estrada importante pola que teño pasado moitísimas veces, nunca me achegara onda ela. Na parroquia muradá de Abelleira (fermosas praias) atopamos este conxunto de igrexa, espadana e cemiterio.


A igrexa de Santo Estevo, de estilo neoclásico (séculos XVII-XVIII), ten planta de cruz latina que se marca en altura ao seren o brazo principal de máis desenvolvemento vertical que o transversal. Están cubertos con bóveda de canón e tellado a dúas augas.



Á capela maior engadíuselle unha sancristía con acceso a través de dúas portas nos dous lados do altar. Aos pes da nave hai un coro baixo cunha pía bautismal embebida no muro, baixo un arco de medio punto.





O espazo adicado ao altar destaca do resto da fábrica pola súa altura e cuberta a catro augas.

A fachada principal ten unha composición neoclásica formada por catro piastras que sosteñen un frontón triangular cun remate dunha cruz e pináculos nos extremos. Entre as dúas piastras centrais sitúase a porta que remata na parte superior cunha cornixa onde descansa a figura do santo, sobre o que hai un óculo circular.



A igrexa está rodeada polo cemiterio (onde destaca a parte máis antiga coas súas lápidas polo chan).

Sobre o muro de peche perimetral e na zona de acceso atópase unha espadana de dúas arcadas rematada en pináculos que probablemente deberon pertencer á igrexa e que mantén a función de campanario.




Información procedente de Turismo de Muros.

Fotografías de Iniciarte

18/2/19

Capela de Santo Amaro na Coruña

Fachada occidental

No proxecto inicial do cemiterio da Coruña proxectado por Fernando Domínguez Romay en 1812 non estaba incluída ningunha capela. No intre en que foi aprobada unha ampliación do recinto funerario en 1833 tamén se pensou na realización dun pequeno templo.  Por esa razón en 1834 o enxeñeiro militar Alejo Andrade Yáñez proxectou unha pequena capela de estilo neoclásico. 
Exterior sur

O templo foi situado no lugar onde estaba situada a orixinal entrada ao camposanto polo que a súa porta foi desprazada cara ao sur e deixando o acceso descentrado, rachado coa claridade racional do cemiterio.
Exterior norte

É un templo de planta centralizada, de cruz grega, cuberta cunha cúpula rebaixada de cantería de granito, ben doada de ver desde o exterior.

A fachada caracterízase por un pórtico dístilo e in antis con claro desexo de lembrar á arquitectura grega clásica.

Ten dúas torres non son exentas e contan cos precedentes das obras do mestre do neoclasicismo español Juan de Villanueva.

O seu decorativismo ten un claro gusto neoclásico con columnas do orde toscana, moi apreciada xa por Palladio. Os tímpanos carecen de elementos decorativos.

Os seus paramentos carecen de elementos decorativos.

É unha obra arquitectónica serodia, singular en Galicia cun clarísimo precedente na capela funeraria do cemiterio Xeral do Norte de Madrid proxectada por Juan de Villanueva en 1804 e nunca construída. Probablemente sexa o mellor exemplo do neoclasicismo galego.

Por certo, nunca accedín ao seu interior.


Bibliografía
Esteban Fernández Cobián. A Coruña. Guía de arquitectura.  COAG, 1998.
José R. Soraluce e Xosé Fernandez. Arquitecturas da provincia da Coruña. Vol. VI. Deputación A Coruña, 1997.

Fotos: INICIARTE.