Mostrando entradas con la etiqueta Arte renacentista de Galicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arte renacentista de Galicia. Mostrar todas las entradas

12/2/19

Igrexa de Nosa Señora dos Remedios ou do Camiño (Tiobre, Betanzos, A Coruña)




Para coñecer algo máis deste santuario empregaremos, en primeiro lugar, un texto traducido e adaptado de “Galicia, pueblo a pueblo”:

A tradición-lenda conta que a D. Rodrigo Bermúdez de Osorio, dono dos cotos e lugares de San Pantaleón dás Viñas e veciño de Betanzos, a finais do século XV, no camiño que vai de Betanzos a San Pantaleón, unha luz sinaloulle o lugar onde debía acharse a imaxe da Virxe. Comezaron os traballos de excavación e pronto apareceu unha pequena imaxe de pedra, admirablemente tallada e en moi bo estado de conservación.

(…) Naquel lugar, un altozano pertencente ao castro e parroquia de San Martín de Tiobre, onde estivo situado o enclave primitivo de Betanzos, chamado "Betanzos o Vello"  levantouse unha pequena capela para honrar a Nosa Señora de Ribacavada (probablemente, así chamada, por ter que cavar na rivera do altozano) ou Nosa Señora do Camiño, nome oficial que consta na placa de azulexo pegado á fachada principal do santuario; pero o nome popular é o da nosa Señora dos Remedios, polos moitos milagres de remedios e curacións de diversos males que se lle atribúen á intercesión da Virxe en devandito santuario, que prevaleceu por encima dos outros dous títulos. A Virxe dos Remedios é, por decisión dos brigantinos, protectora, vixía e gardiá da capital histórica das Mariñas.

É de observar que o santuario está situado na confluencia dun cruzamento de camiños que eran os que daban acceso á cidade brigantina e ademais usaban séculos atrás, por unha banda, os europeos do Norte que desembarcaban en Ferrol e detíñanse aquí durante a súa peregrinaxe á tumba do Apóstolo Santiago; por outro os peregrinos xacobeos que viñan de Oviedo, atravesando polo antigo Camiño Real (popularmente A Croa).

Para a parte máis histórico artística guiarémonos pola profesora Vila Jato

 “(Entre os colaboradores de Juan de Herrera en Galicia) destaca GARCÍA DE VELASCO, aparellador seu nas obras do mosteiro de Monfero. As noticias que del temos son moi tardías, xa que, salvo a súa mención no testamento de Herrera, onde se lle denomina “aparellador da obra de Monfero”, soamente está documentada a súa intervención na Igrexa de Nosa Señora dos Remedios ou do Camiño en Tiobre (Betanzos), contratada en 1599 e que se principiara a construír, sobre o espazo dunha antiga capela, en 1568, segundo consta nunha inscrición existente na cornixa do frontón da fachada, na que se di que “foi fundado o día 6 de maio de 1568, con esmola de fieis e peregrinos, sendo reitor Alonso Martínez de prol, mordomo de Rodrigo García e procurador o escribán Alonso Pérez de Villarraso”.

Comezando pola fachada, as obras avanzaron moi de vagar, xa que no ano 1599 García de Velasco fai as trazas da capela maior e ciborio do cruceiro, contratándose con el a obra ao ano seguinte. En canto á fase inicial de construción do santuario, algunhas referencias documentais poden levar a atribuíla a Juan de Herrera, ao menos en canto á traza, xa que polo testamento do arquitecto trasmerano sabemos que traballou durante algún tempo en Betanzos, concretamente na ponte e, o que é máis significativo, declara que estaba ofrecido en romaría a Nosa Señora de Betanzos, o que proba que coñecía e veneraba este lugar de peregrinación.




A Herrera pode, pois, atribuírselle a fachada, dun severo clasicismo no seu alzado, cun corpo rectangular dividido en altura en dous andares por cornixa resaltada e un frontón triangular como remate. No corpo inferior ábrense tres portas de arco de medio punto que se corresponden coa nave, e nas súas trompas hai dous bustos con imaxe femininas identificadas como Santa Ana e a Virxe co Neno. O segundo corpo está partido por unha ventá semicircular que ilumina directamente o interior do templo e encol del, separado pola potente cornixa, un frontón triangular cun busto de Pia Eterno no centro e dúas esculturas de San Martiño e San Roque como acroterios. Ten pois esta fachada un indubidable aire vignolesco, novo na arquitectura galega e que, dentro da súa modestia, non deixa de recordar o grande frontispicio da fachada do mosteiro do Escorial.

A primeira fase construtiva da igrexa concluíu á altura do cruceiro, xa que a partir de alí tanto a cuberta do ciborio como as capelas laterais e o presbiterio contratáronselle a García de Velasco, que repite nelas un esquema xa empregado tanto nas bóvedas do claustro de Monfero como, no que respecta ás vieiras das esquinas da capela maior, na sancristía do mosteiro de Sobrado, o que leva a pensar que cando Velasco se compromete a facer a obra tal vez estea lembrando ideas e suxestións do seu defunto mestre”.

Mª Dolores Vila Jato. "Galicia na época do Renacemento. Arquitectura". En Galicia. Arte XII. A Coruña Ed. Hércules, 1993, pp. 108-111

Fotos: INICIARTE

8/2/16

Catedral de Tui: capela de san Telmo


Cameselle e Iglesias  afirman que esta capela, tamén chamada das reliquias,

"Foi construída polo bispo don Diego de Torquemada no século XVI. O 27 de abril de 1579 trasladou a ela as reliquias de san Telmo que se atopaban na actual capela do Santo Cristo, colocándoas nunha urna de prata sobre un magnífico retablo hoxe desparecido.

É de estilo renacentista e cóbrese con fermosa bóveda nervada.  As armas do bispo figuran na clave da mesma e sobre o arcosolio da súa sepultura situada á man dereita, mausoleo con estatuta orante do bispo, obra do ano 1598 realizada polo mestre tudense Melchor Alonso Feal.

(...) A capela foi ampliada no século XVIII polo bispo don Fernando Ignacio de Arango e Queipo tamén devoto de san Telmo. Presenta unha decorada cúpula barroca e nas súas pechinas as imaxes dos santos locais san Epitacio e san Evasio, primeiros bispos tudenses, san Peio e san Xián, que se venera na capela do monte Aloia. Cobre o muro do fondo o altar-relicario presididio pola imaxe de san Telmo, obra do escultor Francisco Alonso de Castro, de Porriño, que realiza en 1735 na canidad de 3.000 reais”. pp.15-18

Cameselle Bastos, D. e Iglesias Almeida, E. La catedral de Tui. León, Edilesa, 2004. 

3/2/14

Colexio do Cardeal en Monforte: a arquitectura manierista en Galicia


O Colexio da Nosa Señora da Antiga de Monforte de Lemos, en plena Ribeira Sacra luguesa é coñecido popularmente coma O Escorial Galego, entre outras razón pola súa harmonia e simetría.

Texto do profesor Soraluce, con mínimos cambios:
  
Dende os postulados platerescos de R. Gil de Hontañón ou Mateo López, a evolución cara a un renacemento galego máis clásico veu da man de mestres andaluces e santanderinos, como Ginés Martínez, Gaspar de Arce ou Jacome Fernández a finais do século XVI. Entre tanto estábase difundindo por Castela unha nova versión do clasicismo “romano”, tamizado por Herrera e os seus seguidores. Esta denominada escola vallisoletana penetrará en Galicia a partir de 1590, formando neste depurado estilo a numerosos mestres canteiros galegos, que prepararán o terreo para a posterior chegada do barroco. A obra clave destoutra corrente renacentista será o Colexio do Cardeal en Monforte de Lemos (Lugo), do cal os seus autores foron os mestres arquitectos xesuítas Andrés Ruiz, Juan de Tolosa e Juan Bustamante, coa intervención de Juan de Nates e Simón de Monasterio.

Ata o século XIX críase que o autor do Colexio do Cardeal fora Juan de Herrera, apuntándose incluso a posibilidade da intervención dun proxectista italiano, sen embargo, a serie de mestres, entre os que destacan Tolosa e Nates, senlleiros discípulos de Herrera, sitúa a obra no seu verdadeiro contexto arquitectónico, alleo ao renacemento compostelán, mercé á iniciativa do cardeal Rodrigo de Castro, arcebispo de Sevilla de orixe monfortina e home de confianza de Filipe II. O seu interese por crear unha fundación xesuítica en Monforte, vila na que paseou a súa xuventude, tiña como obxectivo satisfacer ambiciosos plans educativos e culturais. En 1591 mandou adquirir os terreos dunha gran planicie xunto ao río Cabe para esta finalidade, pero a súa morte (1600) impediríalle ver rematada tan magna empresa.

O pai Andrés Ruiz foi o primeiro arquitecto da obra monfortina. Del só sabemos que fixo as trazas, presentadas en 1592 para poxar as contratas, sen que a súa intervención pasara dos alicerces, xa que ao ano seguinte o substitúe Juan de Tolosa, arquitecto ao que hai que atribuír o proxecto do templo, monumento central do conxunto. A posición simétrica dos dous grandes patios, coa igrexa en eixe e a fachada única para templo e edificio, responde ao novo tipo de arquitectura monástica e hospitalaria, da cal o máximo expoñente fora o Escorial. Alí crese que iniciou  a súa actividade o fillo dun aparellador de Juan Bautista de Toledo, Juan de Tolosa, ao que se pode seguir a pista en numerosas obras clasicistas repartidas por Castela. Seus parecen ser os mosteiros contemporáneos de san Juan de Corias en Asturias e o templo do mosteiro galego de Montederramo. A súa aportación hai que valorala na difusión dun modelo viñolesco de templo xesuítico cunha gran nave, cruceiro, cúpula, ábsida rectangular e capelas laterais unidas entre si, compoñendo os muros interiores con grandes piastras clásicas que soportan un friso corrido no que descansas as bóvedas de canón e de aresta de naves e capelas. En Corias utilízase a orde dórica; en Montedorramo, a xónica; e en Monforte, a corintia; pero nos tres casos trátase de grandes masas concibidas coa grandiosidade romana de todo o herreriano.

Para Monforte e Montedorramo, Tolosa cortou os patróns de cantería e realizou os modelos (maquetas) dos elementos clásicos segundo documentos da época, a fin de que mestres como Diego de Isla, Juan de Cajigas ou Juan e Pedro de Sierra realizaran materialmente estas construcións. Dos claustros do Colexio do Cardeal, só o apegado ao costado sur do templo é renacentista. Levantouno Simón de Monasterio xa no século XVII cun deseño en orde dórica.

A fachada principal do Colexio, coa interesante portada da igrexa situada no centro, merece un especial detemento para comprobar o grao de amalgama ao que chegou a nosa arquitectura manierista. A portada ordénase en dous corpos distintos superpostos: o inferior almofado acolle unha composición en orde dórica de robusta impronta italiana, mentres que o corpo alto, coas súas piastras xónicas, ten o selo da escola herreriana. Tal diverxencia pode deberse á intervención de dous mestres, posiblemente Tolosa ou Bustamante na zona baixa e Juan de Nates na superior, xa que o deseño recorda a outros remates seus en templos de Palencia, Valladolid ou Medina do Campo.


O resto da fachada, o monumental muro ordenado en tres plantas, responde a unha solución tipicamente española, seguindo a tradición de fachadas palacianas de Rodrigo Gil de Hontañón, cunha galería superior, moi pouco esculiarense. En resume, Monforte compendia a influencia de distintos focos renacentistas como Roma, Vignola, O Escorial, Valladolid, Gil de Hontañón, etc. Un magnífico colofón a toda unha época da arte galega.


En resume, a planta actual do edificio ten unha igrexa cuberta cunha bóveda de canón, un claustro a cada lado, o da dereita máis amplo, tendo nun dos seus lados a sancristía, unha serie de dependencias ao redor dos claustros e un corpo alongado á dereita de todo o edificios segundo se dirixe a vista á fachada.

O sobre a evolución histórica do conxunto arquitectónico cómpre sinalar que foi Real Seminario de Estudos ata 1773, mesmo xérmolo dunha universidade (tivo sete cátedras). Despois da expilsión dos xeuítas de 1767, ordenouse a retirada de calquera símbolo desta congragación (vésaxe o espazo en branco tras retirarse o escudo da orde no retablo de Francisco de Moure. Dende mediados do século XVIII é propiedade da familia Alba, cedido aos Pais Escolapios en 1873.

Como noutras obras arquitectónicas, o terremoto de Lisboa de 1755 tamén deixou aquí a súa pegada: gretas na cúpula, danos da escaleira monumental, ademais doutras incidencias menores.

 Do seu importante patrimonio artístico (varios grecos, Andrea del Sarto, Francisco Pacheco, Francisco de Moure…) falaremos noutra ocasión.

Cita de José Ramón Soraluce Blond. Guía da arqutectura galega. Vigo, Galaxia, 1999, pp. 87-90.
Fotos: INICIARTE.

Bibliografía
Bonet Correa, Antonio. La Arquitectura en Galicia durante el siglo XVII. Madrid, CSIC, 1984.
Cotarelo Valledor, Armando. El Cardenal Don Rodrigo de Castro y su fundación en Monforte de Lemos. Vol. 1. Madrid, Magisterio Español, 1945.
Hermida Balado, Manuel. Lemos: pequeña historia de un lugar con mucha historia. Madrid, Fenix, 1969.
Huerta, Santiago. Arcos, bóvedas y cúpulas: geometría y equilibrio en el cálculo tradicional de estructuras de fábrica. Madrid, Instituto Juan de Herrera, 2004.
Lorenzana Lamelo, María Luisa. 1989. Aportación documental al estudio histórico-artístico de dos fundaciones monfortinas: El colegio de la Compañía y el convento de las Clarisas. Lugo, Deputación  de Lugo. 1989
Martínez González, Esteban. Colegio de Ntra. Sra. De la Antigua (Monforte de Lemos). León, Everest, 2000
Pérez de los Cobos, Francisco. Proyecto de conservación, reforma y ampliación del Colegio de Ntra. Sra. De la Antigua de Monforte de Lemos. s. l., 1915.
Rivera Vázquez, Evaristo. Galicia y los jesuitas: sus colegios y enseñanza en los siglos XVI al XVIII. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza, 1989.
Soraluce Blond, José Ramón. Guía da arqutectura galega. Vigo, Galaxia, 1999.

5/2/13

Igrexa de san Martiño Pinario (Santiago de Compostela)



Despois da catedral da cidade, o conxunto histórico artístico máis sobranceiro de Santiago é, sen dúbida, o mosteiro de san Martiño Pinario. Non toca hoxe aludir ao conxunto monacal, tan só lembrar que ten máis de 22.000 metros cadrados. Hoxe escribirei sobra a fachada da igrexa do convento, situada na praza de san Martiño, un dos lugares máis máxicos de Compostela.

Deseñada polo portugués Mateo Lópes, é de finais do século XVI. É unha obra concibida coma se fora un retablo, máis mirando ao pasado que cara ao presente ou futuro da arquitectura. Coma todo retablo ten corpos e rúas, narrándose un dos grandes programas iconográficos da arquitectura galega do seu tempo.

Na parte inferior, o primeiro corpo aparecen os profeta Isaías e Xeremías pola súa importancia relixiosa xa que o primeiro fora quen anunciara o nacemento da Igrexa cristiá e o segundo quen comunicara a Paixón de Cristo. Tamén están Pedro e Paulo, responsables do espallamento da nova relixión polo mundo. A cada lado da porta primixenia hai un medallón coa rostro de Aarón, sumo sacerdote, e de Moisés, lexislador. Ámbolos dous aluden ao culto á lei.

No segundo andar ou segundo corpo, está situada a Virxe no centro, estando rodeada polos santos Benedicitiños máis sobranceiros, como san Bieito e san Bernardo.

No terceiro corpo, e rodeando o gran óculo ovalado están os catro evanxelistas e nas rúas laterais aparecen os doutores da Igrexa: san Xérome, san Agostiño, san Ambrosio e san Gregorio. No frontón que remata o retablo xurde a representación de Deus-Pai.

No frontón superior, xa fóra do retablo, xurde a representación da figura de san Martiño no intre de cortar a súa capa.

O retablo atópase protexido por sendas ringleiras de perpiaños almofados.

Chama a atención a actual porta de acceso, situada uns metros por baixo do nivel da praza. No deseño orixinal da fachada a porta era estaba ao mesmo nivel e remataba cun arco de medio punto, tal e como hoxe aínda se pode apreciar. Hai que salientar que a igrexa tiña unhas escaleira por dentro para compensar o desnivel existente. Foi en 1771, pleno barroco, cando o dominico Manuel dos Mártires rediseña a vía de acceso ao templo, suprimindo a escaleira interior, rebaixando o terreo fronte á fachada e facendo unha nova e fermosa escaleira de acceso, coma se dun pazo se tratara. Consta dunha dobre entrada,de estrutura oval, buscando o movemento e a sorpresa. Tívose que modificar, loxicamente, a porta de acceso, nivelándoa coa interior da igrexa. A nova porta ten un frontón partido e as orelleiras características do barroco. É única no seu xénero.

O interior do templo é dunha soa e ampla nave, de planta de cruz latina, cuberta cunha bóveda de canón con falsos casetóns. Á nave central, ábrense as seis capelas laterais, comunicadas entre elas e que ventilan á central por medio de grandes arcos de medio punto. No cruceiro hai unha gran cúpula de media laranxa, e tras el, un gran presbiterio.

Como acontece en case todas as grandes obras, non só participou no seu deseño o portugués Mateo Lópes, senón que tamén o fixeron, tras a morte do primeiro, Xinés Martínez, Bieito González, Bartolomeu Fernández Luchuga ou frei Tomás Alonso, responsable dos balcóns que percorren a nave e o cruceiro e do coro alto sito nos pés do templo.
Fotos INICIARTE