Mostrando entradas con la etiqueta Arte gótica en Galicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arte gótica en Galicia. Mostrar todas las entradas
23/1/17
Santa María do Azogue de Betanzos e o seu calendario nun capitel
30/11/15
Catedral de Tui: fachada occidental
A fachada principal, flanqueada por torres ameadas, consta dunha única portada oxival que leva á
nave central. Está protexida por un pórtico cuadrangular sinxelo con remate
ameado e tres arcos oxivais, albergados por contrafortes en cada un dos lenzos.
Sobre a porta, no segundo corpo, ábrese un rosetón sen decoración xeométrica,
enmarcado por estribos sinxelos. Polo interior, sobre o arco da porta, un
triforio construído no largor do muro da nave central comunica coa tribuna das
naves laterais.
8/1/15
Igrexa de Santiago de Betanzos (A Coruña)
Como as outras igrexas góticas de Betanzos, a de san Francisco tamén substituíu a outra anterior. A actual é do século XV e foi mandada reedificar por Fernán Pérez de Andrade, O Mozo. O seu escudo, e o da súa dona María de Moscoso e Montaos, pódese apreciar en varios lugares do templo.
É de planta basilical con tres naves, sendo a central a máis
ancha, tres ábsidas coa central
heptagonal, pentagonal a da Epístola e cuadrangular a do Evanxeo. Dous
pares de elementos sustentantes dividen o interior en cinco tramos formados por
piares que teñen pegados semicolumnas tanto nas frontes como nas esquinas,
descansando, o conxunto, sobre pedestais. Os seus capiteis son, aínda, de
tradición estética románica, con decoración vexetal, animais fantásticos e
algunha escena bíblica.
A capela maior ten bóveda de cruzaría con nervios que
repousan en semicolumnas, rematando algunhas en ménsulas. Unha imposta percorre
os panos desta capela, que ten arco triunfal apuntado decorado con molduras.
Está iluminada por tres ventanais rasgados con parteluz e óculo nas enxoitas,
cubilladas por chambranas ao exterior. Tamén recibe luz de dous rosetóns
calados, sen o da dereita foi cegado pola torre municipal pegada ao edificio. A
torre gótica foi reformada nos séculos XVII e XIX, a última vez para colocar o
reloxo municipal.
A cuberta do templo, a dúas augas, é de madeira cun
artesoado de fins do século XIX.
Polo hastial sur ábrense catro capelas que retocan a planta
do tempo. A primeira é a do Arcediano ou de san Pedro e san Paulo. Ten bóveda
de cinco claves con combados e terceletes que repousan sobre ménsulas. Dúas
xanelas iluminan o espazo. Contén dous sepulcros con arcos conopiais rematados
por pináculos. Está pechada por un enreixado de ferro, con retablo de
Cornniellis de Holanda. A seguinte
capela é do XV, tamén posterior á fábrica do templo. É pequena e está cuberta
con bóveda de cruzaría sinxela e nos capiteis dos arcos de acceso e das columnas acubilladas hai diversas
escenas de carácter relixioso e profano. A seguinte capela é xa do século XVI,
con bóveda de cinco claves e logo outra tamén do mesmo século, contendo o
sepulcro dos fundadores, os irmáns García de la Torre, mais a súa arquitectura
foi moi alterada posteriormente ao tratar de recrear a gruta de Lourdes.
A porta principal, semicircular ao exterior, ten arquivoltas
con diversas series de figuras vexetais e animadas. No centro hai un Cristo
baixo dosel franqueado pola súa nai con Neno co colo e por Santiago Apóstolo
ademais dos restantes apóstolos e outros santos. Tamén no tímpano volve
representarse Santiago da cabalo cunha doncela axeonllada aos seus pés. Os catro
pares de columnas acubilladas que sosteñen a fachada teñen capiteis de
influencia románica. Esta fachada foi reformada en 1900, suprimíndose a torre
orixinal ao tempo que se levantaron outras dúas rematadas por longas agullas de
cemento cun certo aire neo-medieval.
A porta lateral norte é apuntada, con sinxelas molduras, un
par de columnas acubilladas e unha cruz en baixo relevo no tímpano. Da porta
lateral sur fica o tímpano empotrado e no extremo dun longo túnel resultado do
levantamento de dúas das capelas xa citadas. Por esta porta, chamada da
Santa, entraban os peregrinos con
dirección a Santiago e que logo saían pola porta principal. Na actualidade só
quedan as súas imaxes do século XVIII.
Neste templo tiñan altares votivos as confrarías de xastres
–a Trinidade- e dos labregos –santo Antonio Abade-. Corresponderanse estas gravuras exteriores con eses gremios?. Recentemente un xornal daba novas explicacións.
Fontes documentais:
- “Betanzos” na Gran Enciclopedia Galega”, T-3.
-Ponce Couce e Sánchez
García. Galicia. Guía do Patrimonio Arquitectónico. Oleiros, Vía Láctea, 1998.
Fotos: INICIARTE.
Fotos: INICIARTE.
15/12/14
Igrexa de san Francisco de Betanzos (A Coruña)
É un templo gótico
pertencente ao mosteiro fundado en 1219 pero reedificado dende 1387 por orde de Fernán Pérez de
Andrade, O Boo que desexou ser soterrado alí. En 1919 foi declarado Monumento
Nacional e despois Ben de Interese Cultural. O
mosteiro franciscano desapareceu coas desamortizacións decimonónicas,
especialmente o seu claustro gótico. Chegou ter 47 monxes mendicantes. Trala
desamortización de 1835, o mosteiro quedou abandonado e boa parte das súas
instalacións, como a sala capitular ou o claustro, desapareceron en 1880.
Os monxes volveron
ocupar o templo e o que quedaba do mosteiro en 1914, inaugurando a nova
residencia en 1919, pero foi queimada o 22 de
xullo de 1936. Tamén nese día foi queimado un retablo atribuído a
Ferreiro. Na actualidade e no muro sur hai outra residencia.
Fachada e Exterior
A porta principal é
apuntada con arquivoltas decoradas con motivos vexetais e xeométricos. Hai unha
Adoración dos Reis no tímpano e a recepción por parte de san Francisco dos estigmas do monte Alverna. Nas xambas, tres
pares de columnas con capiteis animados. Pódense ver algúns signos gremiais dos
canteiros nos laterais. No lateral da entrada hai unha Anunciación.
No lintel pódese unha
abreviatura de Martiño, probable autor
do traballo escultórico da fachada o do nome do mestre canteiro.
Tamén ten unha porta
lateral sen tímpano cunha moldura en zigzag.As arquivoltas son sostidas por dous pares de columnas acodilladas con
capiteis de motivos vexetais. A cada lado
da porta hai unha Anunciación, sobre ménsulas, e ao outra un san Gabriel con
hábito franciscano.
O exterior do templo,
que nalgún momento tivo pinturas, presenta volumes escalonados en altura. A
parte máis alta é a correspondente ao remate do cruceiro, con tres xanelas,
dúas delas góticas. O exterior da ábsida ten contrafortes escalonados e
decorados con escudos do Andrade e con animais. A salientar a variedade e
calidade dos canzorros.
Nos seus muros son
salientables os contrafortes para soster a fábrica. No cumio do tellado dun dos
brazos da igrexa, unha cruz sostida por un xabaril.
Interior
A igrexa é de planta
latina cunha soa nave e unha ábsida central poligonal con bóveda nervada,
franqueada por dúas capelas laterais rectangulares. Nas paredes da ábsida
central, como nas dos laterais, hai fantásticos sepulcros da liñaxe dos
Andrade. Sobre a ábsida central, no arco triunfal, pódense contemplar relevos
que representan a un anxo pesando a alma de Fernan Pérez de Andrade. Ao seu
carón está san Miguel, de maior tamaño e un demos con outras figuras. O contido
desta escena é o semellante ao dos capitel dereito da fachada da igrexa de
Santa María de Cambre.
Cinco longos ventanais
iluminan a ábsida, ademais do rosetón. As xanela, tanto ao interior como ao
exterior, cobíllanse con chambranas.
No arco triunfal,
ademais da decoración de cabezas de clavo, botón florais, etc., que se aprecian
por todo o templo, hai anxos trompeteiros.
Aos extremos do cruceiro abríronse dúas
capelas que se ben non estaban no deseño orixinal, si son coetáneas co resto do
templo.
No seu interior, na
capela maior, hai un relevo que representa a Deus en maxestade rodeado dos
catro evanxelistas. Nos nervios da bóveda, anxos tocando distintos
instrumentos, e entre eles un tocando a gaita. Tamén se poden observar diversos
capiteis con animais fantásticos pero sobre todo destaca a ampla colección de
sartegos de diferentes membros da familia dos Andrade, ata un total de 16, que
constitúen o elemento histórico artístico máis interesante do templo.
No brazo maior, xunto
ao cruceiro, ábrense dúas capelas, unha do século XV, con bóveda estrelada de
cinco claves, con arco de ingreso apuntado, cun par de sepulcros. Fronte a esta
capela hai outra con frontón e medallóns renacentistas, do século XVI, con
bóveda estrelada de cinco claves que apoia en ménsulas unidas por unha imposta.
A única nave ten
cuberta de madeira a dúas augas. Ao fondo hai unha tribuna sobre arcos
rebaixados que se proxectan sobre columnas de curtos fustes, de comezos do XVI
e con capiteis de gusto románico.
Sepulcro de Fernán
Pérez de Andrade
O máis interesante é o
do propio Fernán Pérez, considerado como precedente da escultura funeraria
medieval. Orixinalmente estivo colocado na capela maior, xunto ó da súa dona
Sancha, pero en 1782 foi trasladado ó pé da igrexa, baixo o coro.
O sartego está
levantado do chan sobre os animais representativos dos Andrade: un oso e un
xabaril, a modo de basas. Á cabeceira e no pé, o escudo de armas dos Andrade,
e, nos laterais, diversas escenas de caza do xabaril.
Sobre o sartego, a
lauda representa a figura xacente do cabaleiro, vestido de armadura e en
posición de repouso. O busto descansa sobre dous coxíns e os pés sobre dos
cans caza que agochan baixo eles outros
dous cans; aínda hai outros tres cans, dous no costado dereito da figura e un
no esquerdo. Catro anxos axeonllados velan o cadáver, un sostendo un incensario
e os tres restantes lendo libros de salmos. A man dereita de Fernán repousa
sobre o corazón e a esquerda sostén a empuñadura da espada, que mostra no seu
pomo o risco de Salomón, símbolo máxico e protector.
Os catro lados do
sartego están percorridos pola seguinte inscrición:
Aquí jaz Fernan Perez
Dandrade cavaleiro que fezo este moesteiro anno do nascemento do Noso Sennor
Ihesuxristo de mil e CCC et oyteenta et sete anos.
Nótese que a data
desta inscrición alude á do remate da reconstrución da igrexa, xa que o Señor
de Andrade non morreu ata agosto de 1397.
Sobre o peito da
figura consta unha segunda inscrición que identifica o cabaleiro: "Fernan
Pz Dandrade".
Fontes documentais:
“Betanzos” na Gran
Enciclopedia Galega”, T-3.
Ponce Couce e Sánchez
García. Galicia. Guía do Patrimonio Arquitectónico. Oleiros, Vía Láctea, 1998.
Fotos: INICIARTE
8/12/14
Santa María do Azogue de Betanzos (A Coruña)
Levantada na segunda metade do século XIV e a inicios do XV. Fernán Pérez de Andrade, O Boo mandou levantar, na segunda metade do XIV, as tres capelas absidiais, como o acredita o porco e un escudo cunha lenda relativa ao acontecemento que se pode ver na enxoita do arco triunfal. O seu sucesor, Fernán Pérez O Mozo, completouna no século seguinte ademais de facer doazón do retablo máis antigo. Foi consagrada, tal como di unha borrosa inscrición da fachada en 1447 xunto co seu cemiterio. Este Andrade estaba casado cunha Moscoso polo que os emblemas de ámbalas dúas familias pódense ver por todo o interior do templo. Foi declarada Monumento Nacional en 1944.
Ten planta basilical, tres naves, máis ancha a central cas laterais, con cuberta de madeira a dúas augas. Ten tres capelas absidais, sendo a maior heptagonal e as laterais cuadrangulares, tendo todas bóveda de cruzaría. Esta igrexa substituíu a outra anterior románica.
Os piares, que repousan sobre un pedestal, teñen semicolumnas pegadas e dividen ao templo en catro tramos. Os arcos transversais descansan sobre tres semicolumnas. Os capiteis do interior presentan reminiscencias románicas, con diversas escenas animadas e motivos vexetais máis ou menos estilizados.
Da acceso á capela maior un arco triunfal apuntado, con baquetóns no intradós, decorado ase mesmo con flores ou cabezas de clavo e botón florais. Esta capela conta columnas acubilladas que sosteñen a bóveda, unidas na súa metade por unha imposta. Está iluminada por dúas xanelas circulares con rosetón, ademais de dúas longas aberturas con parteluz e óculo na enxoita, se ben están cegadas desde mediados do XVIII cando foi erixido o actual retablo.
As capelas laterais teñen acceso de arco apuntado. A igrexa ten un coro sostido por un arco rebaixado na nave central e por arcos apuntados nas laterais, aínda que na actualidade estes xa non sosteñen nada. Son góticos e están decorados con anxos e outras figuras mais probablemente non fora ese o seu lugar orixinal.
A portada principal está lixeira saínte con respecto á fachada ten unha ampla porta protexida por un gran arco de medio punto decorado con arquiños. As arquivolta son apuntadas can variados motivos xeométricos e vexetais así como 22 figuras humanas que poderían representar o xuízo final. No tímpano tamén é de salientar a presenza dunha Epifanía e dunha Anunciación. Oito columnas acubilladas con escenas nos seus capiteis de estética románica e nos lenzos paralelos hai decoración con castelos, gabletes e arcos lobulados, todos en baixo relevo.
A porta lateral norte, tapiada, presenta no tímpano un xuízo final moi sumario: san Miguel sostén unha balanza con dúas cabezas humanas en senllos pratiños, mentres un demo intenta presionar para inclinar a balanza ao seu favor, impedíndoo o arcanxo co extremo inferior da súa longa cruz. Hai unha figura no chan. Catro columnas acubilladas con decoración vexetal esquemática nos seus capiteis completan esta portadas.
A porta lateral sur ten arquivoltas lobuladas con catro columnas acubilladas con capiteis de motivos semellantes e no tímpano hai tres cruces, as laterais de lazo. Estas dúas portas laterais son apuntadas.
Catro xanelas con parteluz iluminan o templo, así como outras máis recentes iluminan a capela maior e outra a capela do Evanxeo.
Esta igrexa chámase “do Azogue” en lembranza do mercado que tivo ao seu carón tempos atrás. Outra versión afirma que é por unha minas que houbo nese lugar. A Virxe á que está adicada o templo foi declarada copatrona da cidade de Betanzos en tempos do Nacional-catolicismo, o 3 de agosto de 1954 nun pleno do municipio.
Fontes documentais:
“Betanzos” na Gran Enciclopedia Galega”, T-3.
Ponce Couce e Sánchez
García. Galicia. Guía do Patrimonio Arquitectónico. Oleiros, Vía Láctea, 1998.
Fotos: INICIARTE.
6/12/12
Pórtico occidental da Catedral de Tui: inicio da escultura gótica
No seguinte texto do profesor José Manuel García Iglesias poderemos apreciar a importancia da escultura na fachada occidental da catedral de Santa María de Tui (Pontevedra). Lembrade que a arquitectura é basicamente románica do século XII pero este pórtico foi rematado en torno ao 1.225, o que o converte nunha das primeira obras góticas peninsulares.
"A catedral de Tui ten na súa portada occidental unha das
expresións artísticas máis transcendentales da arte galega. A escultura
española inuagura, en moitos aspecctos, con esta obra a súa camiñar por
sendas abertamente góticas, Esta prioridade cronolóxica non é, nin moito
menos, o seu valor máis importante. Como estudou Moralejo Álvarez, o programa
iconográfico que aquí se expón é de tal altura de contidos que se pode dicir
que, tamén desde esta prespectiva o seu valor é igualmente inestimable.
Aqueles que pensaron o seu programa tiveron que reducir o repertorio de
contidos, que usualmente decora unha catedral gótica nas súas tres portadas,
a unha soa; por iso, ante a porta tudense o espectador que atende á súa
lectura sente embargado ao tempo polo seu estilo narrativo,
extraordinariamente sintético, e por unha carga de contidos en cada figura
tal que fai necesario, en máis dunha ocasión, interpretar a algunha en varios
contextos temáticos diferentes.
Cal é o tema deste progrma iconográfico? Serve a unha idea unificadora “de carácter fundamentalmente eclesiolóxico: o encontro entre Cristo e a súa Igrexa -conxunción de Cristo e o seu Corpo místico-, concibido como un despregamento en graos sucesivos, de acordo co carácter histórico da Redención, e co transfordo do simbolismo nupcial dos textos patrísticos respecto diso” (Moralejo Álvarez. Escultura gótica en Galicia (1200-1350). Santiago, 1975, páx. 10-11). As dificultades interpretativas son moitas; é claro que tres das estatuas atópase á esquerda da porta son: Moisés, san Pedro e san Xoán Bautista, pero hai unha cuarta figura que se interpretou ou ben como Jeremías ou ben como Isaías. A elección entre estas dúas opcións para individualizar a esta figura vén dada pola personalidade que se lle atribúa ao personaxe co crucifixo na man, que se atopa entre as estatuas da parte dereita que tamén pode aludir a Jeremías ou a Isaías. O outro profeta representado neste lado parece ser David e a parella real significa a Salomón, que ten aos seus pés a Marcolfo e á raíña de Saba.
Epifanía
A lectura do tímpano iníciase na parte baixa para continuala cara arriba. No
seu primeiro rexistro a narración interprétase de dereita a esquerda;
aparecen aquí os temas da Anunciación, a Natividade e o Anuncio aos pastores,
sabiamente engarzados como despois se explicará. Xa no seguinte rexistro a
lectura faise de esquerda a dereita; nesta zona sitúallenos aos Magos ante
Herodes e o Anuncio dos pastores. Na parte máis alta do tímpano hai unha serie
de arquitecturas que nos falan da Xerusalén celeste. Os anxos abundan tanto
na escena da Epifanía como na Natividade; a súa inclusión ten unha
xustificación lóxica neste programa como despois se verá.
|
No traballo deste portal se aúnan dous
estilos diferentes. Un mestre ou taller realiza o dintel e as estatuas ao lado
esquerdo. A parte superior do tímpano e as estatuas ao lado dereito denotan
unha man diferente. Relaciónase a primeira tendencia mencionada con Laon. Na
súa obra é moi superior o dominio sobre o relevo ao que se pode observar sobre
a súa obra de vulto. Resulta sumamente representativo á hora de valorar os seus
ideais artísticos o dintel. Nel está implicito o pintoresquismos e pictoricismo
laonés. Moralejo asegúranos que estamos ante a primeira “paisaxe” e o primeiro “interior”
da arte galega. O sentido descritivo desta tendencia estilistica resúltanos
evidente. As estatuas pertencentes a esta man xa non son tan logradas; os
gustos narrativos desta tendencia non se adpatan aos valores que esixe unha
estatua.
O outro taller que traballa nesta porta tudense debe relaccionarse tamén dunha forma moi directa coa arte francesa, naturalmente tendo en conta que estamos contempllando unha obra provinviana. É agora a tradición que parte de Sens-Chartes á que responde esta obra. Se antes tiñamos que destacar o interese do relevo, neste caso hai que facer sobresaír á estatua exenta. Entre estas estatuas destacan as de Salomón e a raíña de Saba; hai nestas figurass un claro eclecticismo que asume ata o gótico clásico de Chartres. (…) o repertorio de estatuas que se atopan nesta portada non ten nigún paralelismo na arte da época. Se o mestre ou taller que realiza o dintel e as estatuas da esquerda perde categoría artística ao ter que levar a cabo estatuas, neste caso a arte desta segunda tendencia resístese cuendo ten que traballar para o segundo rexistro do tímpano.
Un último trazo cabe sinalar no apartado estilístico. Debe valorarse en toda a súa plenitude a sensación espacial nova, que Tui presenta por primeira vez na arte medieval galega. Como se subliñou en Tui as figuras “están” no espazo. A dependencia das estruturas quedou así, nesta ocasión, completamente superada.
Xamba do lado norte: Moisés, Isaías, san Pedro e san Xoán Bautista
Sinalados os talleres que aquí traballan
e a obra que pertence a cada un, cabe pasar a profundar un pouco no significado
da escultura que, conxuntamente levan a cabo. Hai unhas liñas directrices
comúns en conto a contidos que, nalgún sentido, tamén se denotan no modo de
narrar que ha de buscar uns puntos necesarios de engarce para conjuntar un
traballo que aúna a dous pensamentos escultóricos diferentes.
Das estatuas que se sitúan aos lados han de destacarse tres da parte dereita: a que leva o crucifixo pode ser ou ben Xeremías, a quen se lle adoita representar cunha cruz entre as súas mans, ou ben Isaías, respondendo a unha interpretación verdadeiramente orixinal desde a súa “Poema do Servo de Iavé”. Sexa unha ou outra a verdadeira interpretación o certo é que nos atopamos ante unha imaxe chea de interese. O crucifixo presenta a Cristo engarzado á cruz con tres cravos; é a primeira vez na arte galega, e posiblemente na arte hispana, que se asume este tipo gótico.
A parella real -Salomón e a raíña de Saba- forma unha iconografía tamén moi interesante. Unha vez máis na arte galega aparece Marcolfo en relación con Salomón. O grupo ten aquí un notable precedente na portada sur da catedral auriense aínda que alí responde a unha tipoloxía e a un contexto iconográfico moi diferente ao que se observa en Tui; no entanto, no fondo, o seu sentido e contidos temáticos veñen ser os mesmos alí contemplados.
Xamba do lado sur: Salón, a raíña de Saba, Simeón e Daniel
A xa aludida necesiade sintética que presenta esta portada está presente, sobre todo, no tímpano. O dintel está cheo de suxestións e de reflexións sobre as posibilidades escultóricas que ofrece a reunión dos seus tres temas -Anunciación, Natividade e anuncio aos pastores-. Seguindo un recurso narrativo que ten notables precedentes, a figura de Xosé responde igualmente á Natividade e á Anunciación; desde unha posición media, entre ambos os temas, enténdese tanto a súa figura sometida na escena da Anunciación, mencionando o seu soño e a súa dúbida, como na Natividade, acompañando a María. Coa imaxe de José o que se está conseguindo realmente é romper os espazos, as limitacciones ríxidas entre os diferentes temas; tómase, deste xeito, a medida ao que cada escena leva consigo e, ao tempo, conséguese trasladar ao relive a sensación de relación entre os temas e de fluidez no relato que, por medio da escultura, estállenos presentando.
A relación Anunciación-Natividade non é unha excepción no conxunto. Preténdese continuamente no tímpano lograr unha narración chea de contactos entre os temas que ven, así, repletos de frecura: o anuncio aos pastores, situado á esquerda, rompe os seus límites para situar, encamiñando cara ao Neno, a un pastor, mentres unha ovella accede ao lugar en que se desenvolve o episodio da Natividade. As relacións temáticas non quedan limitadas a este engarce que imprime dinamismo ao conxunto; existe, ademais, a pretensión de buscar outros matices que fagan resaltar outros principios ideográficos. Un exemplo respecto diso: nos dous extremos do dintel sitúanse, en similares posicións, aos anxos das respectivas anunciaciones; deste xeito lógranse resaltar paralelismos existentes nos contidos á vez que se realza o interese da Natividade, que ha de ser o episodio culminante do ciclo. No rexistro superior sucede ouro tanto: as dúas escenas alí presentes -Reis ante Herodes e Epifanía- sitúan nunha posición intermedia aos seus personaxes comúns rompendo así toda posible idea de fronteira espacial entre un episodio e outro".
José Manuel García Iglesias. "La Edad Media", en Historia del Arte Gallego. Madrid, Alhmabra, 1982, pp. 157-160.
As ilustracións das xambas proceden de Galicia. Arte (Arte Medieval II) Tomo XI. A Coruña, Hércules edicións, 1993.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)




