Mostrando entradas con la etiqueta Arte románica en Galicia. Arquitectura románica en Galicia.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arte románica en Galicia. Arquitectura románica en Galicia.. Mostrar todas las entradas

18/12/17

Guía das igrexas románicas da Ribeira Sacra


Xa está na casa. Magnífico libro para facer unha introdución ao románico desta marabillosa comarca galega. Están todas as igrexas medievais (non son as rómánicas) con sistemas doados de busca e localización. Fotografías e debuxos. 

Nos vindeiros meses irei facendo entradas dalgunhas destes templos coas fotos que tirei este verán pasado. 

13/11/17

Ermida da nosa Señora das Mercés en Chanteiro (Ares, A Coruña)


A Ermida da nosa Señora das Mercés atópase localizada nun belo paraje próximo á Praia de Chanteiro. É un pequeno templo de estilo románico tardío que nas súas orixes pertenceu a un antigo convento ocupado polos frades franciscanos, ata o século XIV momento no que se trasladaron ao Monasterio de Santa Catalina de Montefaro. No seu interior gárdase a imaxe da Virxe de Chanteiro, moi venerada polos habitantes do lugar.

Sobre o famoso voto á Virxe de Chanteiro o concello de Ares afirma o seguinte:

Ao longo de toda a Idade Media sucedíanse por toda Europa, de xeito sistemático, as epidemias. Unha das pestes afectará á comarca ferrolana no ano 1404. Morrerán unha gran cantidade de personas. Semellante traxedia só podería ser vencida por intercesión divina. A Virxe de Chanteiro era de gran devoción entre os pobos marineros da zona. Esta ermida era a que vían os mariñeiros tanto ao entrar como ao saír de ría e saudábana cos remos no alto.

A esta Virxe acudiron os representantes dos pobos da comarca para implorar a desaparición da epidemia. Isto sucedía nos días inmediatos ás Pascua de Pentecostés. A epidemia remitiu e as xentes da zona decidiron realizar unha ofrenda (voto) de agradecimiento á Virxe. Esta ofrenda consistía en seis libras de cera para iluminar a capela (este era o peso que resultou de medir o exterior da ermida con mazos de vela). Así mesmo, cada vez que se renovase o Voto anualmente, ofreceríanlle á Virxe unha flor para ser colocada nas súas mans: a flor de Chanteiro. Co tempo a flor de Chanteiro transformaríase nunha barroca canastra ornamentada de flores. O Voto era ofrecido por Ferrol, A Graña, Ares e Mugardos. Unha vez efectuada a ofrenda relixiosa comezaba a festa profana e a romaría propiamente dita. Co tempo a celebración profana foi tendo cada vez máis fama. Xuntábanse xentes de diversos lugares e sucedíanse os escándalos e pelexas. Ferrol pediu a conmutación do Voto en 1839. A Graña deixou de exercer ese dereito "desde que un ano se embriagaron, caeron ao mar e houbo afogados e con eles caeu a imaxe de San Roque que traían en procesión". Isto sucedía na segunda metade do século XIX. Ares abandonou esta ofrenda logo da Desamortización e foi recuperada en 1954. En canto a Mugardos, as autoridades deixaron de celebralo durante a II República, recuperándose logo da Guerra Civil. Os que nunca deixaron de asistir a Chanteiro o martes de Pentecostés foron as xentes das diversas aldeas da comarca, que continuaron coa devoción á Virxe milagrosa, nunha tradición que xa cumpriu máis de 600 anos. Na actualidade o día do Voto de Chanteiro é festa local en Ares e Mugardos.



Texto de Fuente: Juan A. Carneiro Rey

FOTOS: INICIARTE.

3/4/17

Igrexa de san Martiño de Mondoñedo (Lugo): portada occidental


Polo que respecta á fachada occidental, acusa a estrutura das naves con diferentes alturas; a nave sur queda tras a torre cadrada que ante ela se levantou. É de planta cadrada e muros lisos, rotos no lado occidental por unha ventá gótica xeminada. O corpo de campás da torre quizais non sexa anterior ao século XV. A ventá aberta no extremo oeste da nave norte presenta dobre arco de medio punto, cinxindo o maior un semicírculo de billetes.

A portada avanza lixeiramente do plano da fachada e limítaa polo norte un contraforte rexo construído, como os demais da igrexa, a principios da segunda metade do século XIX. A porta ten arquivolta semicircular ampla na que alternan arcos lisos e decorados, que se apoian nun par de columnas encostadas aos lados que molduran a aresta en bocel. Nestes soportes volvéronse reutilizar pezas da construción prerrománica, e son románicos os labrados en granito. 



Dos capiteis que rematan estes fustes, o esquerdo decórase con cabezas humanoides flanqueadas por longuísimas extremidades superiores, que se apoian no astrálago xunto ás inferiores, e sobre estas figuras simiescas talláronse tacos vigorosos. O dereito é máis sinxelo, xa que posúe dobre coroa de follas estilizadas lixeiramente reviradas cara á fronte no remate. O primeiro non ten nada que ver con ningún do interior, pero este si, polo que podemos pensar que foi labrado polo mesmo obradoiro, o que axudaría a unha datación máis exacta. Tres dos cimacios, así como a chambrana, ornaméntanse con palmas parecidas a outras do interior. O cuarto cimacio presenta círculos aliñados que encerran cuadrifolias ou cruces alternadas, motivos que traen á memoria outros máis antigos.

O lintel, en forma de pentágono irregular, apóiase sobre as xambas e na parte central a penas se percibe un círculo que rodea un crismón. Segundo Torres Balbás, tales linteis chegaron a Galicia a través das peregrinacións xacobeas e a difusión produciuse a partir de Santiago. Sobre o lintel, o tímpano cérrase con perpiaño coma o dos muros. Na parte central e superior labrouse na cantería de granito un círculo con catro lóbulos que enmarcan un Agnus Dei, que sostén unha cruz con patas dianteiras. Este tema foi relativamente coñecido en tímpanos galegos, en especial dos primeiros anos do século XIII, e con frecuencia relaciónase con círculos artísticos influídos polo mestre Mateo. Este, sen embargo, debe de ser anterior e podémolo relacionar co Agnus Dei labrado no antipendio da capela maior. Non deixa de ser sorprendente que un lintel poligonal con Agnus Dei enriba se vexa na porta do Cordeiro de santo Isidoro de León, o que nos levaría a unha cronoloxía máis próxima a este de san Martiño de Mondoñedo, xa que permite pensar nunha data temperá do século XII.


Ramón Izquierdo Perrín. "San Martiño de Mondoñedo". En Galicia. Arte. Tomo X. Arte Medieval I. A Coruña, Hércules, 1993 pp.171-187. Texto das páxinas 174-176.

Fotos: INICIARTE