Mostrando entradas con la etiqueta Arquitectura modernista. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arquitectura modernista. Mostrar todas las entradas

18/5/20

A Torreo dos Moreno. (Ribadeo, Lugo)



Había tempo que non para en Ribadeo e, sempre, os pasos lévanme ata a Praza de España para contemplar este fermoso edificio.

Copio o texto de Arte. La guía

A Torre dos Moreno é un excepcional exemplo da arquitectura indiana que se deu, sobre todo ao norte do país, a finais do século  XIX e comezos do  XX.

Durante o século  XIX moitos españois de comunidades como a galega, a asturiana ou a vasca emigraron en masa a América Latina. Moitos deles quedaron alí para sempre, outros chegaron a facerse ricos, e uns poucos (ou eles mesmos ou os seus descendentes) tras  amasar diñeiro decidiron regresar aos seus lugares de orixe. E alí plasmaban o seu poder económico construíndose grandes casaróns e mansións. Pero xa non o facían seguindo os preceptos da arquitectura tradicional do lugar. Era moi habitual que incorporasen elementos arquitectónicos ou ornamentais vistos en terras americanas. Ao mesmo tempo que pretendían que os seus edificios fosen moi modernos, incluíndo as últimas tendencias, para así mostrar que eran homes do seu tempo e que coñecían a máis  rabiosa actualidade.

De todo iso é un excelente exemplo a Torre dos Moreno de Ribadeo. Unha grandiosa mansión que mandaron construír en 1915 os irmáns Pedro e Xoán Moreno Ulloa á súa volta duns anos en Cuba. E non só viñeron eles desde alí, tamén se trouxeron ao arquitecto arxentino Julián García Núñez, a quen lle encargou o proxecto do seu  fastuosa vivenda. Pero aínda por riba, o arquitecto contou coa colaboración do enxeñeiro Agustín Ardex, quen traballara con Antoni  Gaudí.

O resultado foi un edificio sorprendente naquela pequena vila. Unha construción que usaba os máis modernos materiais da época: o cemento, o ferro e o vidro. Pero non só diferenciábase nos materiais do resto de edificios, tamén nas súas formas moi  eclécticas. Nelas mestúranse as tendencias modernistas con detalles vistos na arquitectura cubana, e mesmo elementos clásicos, como as  cariátides que chaman a atención na airosa cúpula que hai na esquina da construción.

Ademais no seu interior incluíanse novidades nunca vistas aquí como os ascensores ou diversos cuartos de baños. Iso por non falar do tamaño da obra, que ten unha planta próxima aos 1.000 metros cadrados, ao longo dos cales se distribúen dúas vivendas distintas en senllas plantas.

 Pola súa banda a Galipedía di o seguinte:

A Torre dos Moreno é unha casa de indianos situada en Ribadeo, na praza de España e na rúa de Ibáñez, no Ben de Interese Cultural (BIC) do conxunto histórico da Vila de Ribadeo e BIC por si mesmo dende 1997. Foi mandada construír por Pedro e Juan Moreno Ulloa en 1915 e deseñada polo arquitecto Julián García Núñez e o enxeñeiro Ángel Ardex. Cun certo aquel ecléctico, pódese considerar de estilo modernista, cimentado sobre unha estrutura mixta de formigón e ferro. Con anterioridade a 1915, ocupaba o lugar a chamada "Torre Julia" ou "Torre da Fortaleza", resto da antiga fortaleza de Ribadeo.
 
Descrición
Conta con diversos adornos, como alicatados, mármores, vidreiras, grecas, tellado con tellas de porcelana (cerámica vidrada) de cor vermella que reflicte a luz solar ou pilastras. A cúpula da torre principal está mantida por catro cariátides. A planta ten 950 m², e o solar, 1.050 m². Consta de baixo, tres plantas e baixocuberta, a parte do saínte da torre principal. Leváronse a cabo varias restauracións parciais, que polo momento case só aseguraron o non avance da deterioración do edificio.

O tellado que mantén a cúpula ábrese como os típicos de contos de fadas ó estilo centroeuropeo, do mesmo xeito que o resto de tellado visible, que coinciden co vixente a principios do século XX en Cuba, lugar de emigración dos seus primeiros propietarios.

Ten tres escaleiras e seis patios, asegurando a comunicación e claridade no edificio. En cada planta hai dúas vivendas, nas que están incluídas habitacións principais, secundarias e de servizo, con alturas de catro metros.

As galerías están realizadas en fundición, coroadas por tres arcos e con vidros policromados.

A estrutura básica é de formigón armado, novo material na zona na época da construción, polo que o seu tratamento non foi adecuado e a estrutura sufriu moito.


Actualidade
O 23 de decembro de 2010 no DOG sae unha resolución que abrirá paso a un novo enfoque para salvar o monumento, Ben de Interese Cultural, da ruína.

O 13 de xaneiro de 2011 comezan os traballos de apuntalamento para tentar salvala da súa caída, tras arranxos anteriores no interior.
O repartimento da propiedade lévase complicando na historia por división por herdanza, o que asemade complica o seu mantemento e futuro. Despois dun proceso de compra pola empresa 'Paisajes de Asturias', propiedade de Víctor Madera, en 2015 a estrutura de propiedade corresponde aproximadamente: un 60%, Paisajes de Asturias; 21% Concello de Ribadeo (adquirido en 1996) e 19%, herdeiros na Arxentina.


No ano 2019 Paisajes de Asturias compra a parte do concello, facéndose co 81 %, co compromiso de facer arranxos.

Fotos: Iniciarte.

30/5/16

Julio Galán. Vivenda na Praza de Lugo, 22. A Coruña


Julio Galán. Vivenda en Praza de Lugo, 22, 1910-1911. A Coruña

Dentro do Modernismo arquitectónico coruñés, ese que se caracterizou por un novo concepto unitario da fachada, a re-interpretación da tradicional galería e a integración estética de diversas profesións (arquitectura, ebanistería, traballo co vidro ou co ferro), este edificio de Julio Galán foi sempre o meu preferido. Ademais cono na primavera do 2016 rematouse coa súa rehabilitación, creo que é un bo momento para tirarlle unas fotos e escribir unas liñas.

Deseñado en 1910 sobre un solar estreito e alongado (8,50 metros na fachada e 34 metros de longo, aínda que só foron ocupados 26 pois 8 ficaron libres como patio) como é o habitual no primeiro ensanche coruñés, caracteriza a típica vivenda burguesa de inicios do pasado século. Non obstante hai que salientar que o primeiro deseño carecía de patios interiores e que a liña do ático estaba recuada con respecto á fachada. Así contaban orixinalmente de cociña e comedor, que ventilaban ao patio traseiro e que ademais estaban unidos por unha galería con baños. Debemos lembrar que orixinalmente a galería non estaba na fachada senón no parte posterior da edificación. Tiña sete dormitorios dos que cinco ventilaban a dous patios interiores e os outros dous sen ventilación ao exterior pois o facían a través senllos gabinetes. Finalmente e na fachada ubicáronse dous gabinetes e unha sa no centro, dando lugar aos tres ocos da fachada.

A planta definitiva foi estruturada a partires da escaleira interior de catro tramos e un corredor central que artella toda a distribución interior.

A fachada de tres ocos, como xa dixen, ten galería no central e balcón nos lados. A galería central percorre os tres primeiros andares, tendo o cuarto tres balcóns.

A fachada é dunha grande riqueza ornamental, con todo un grande abano de motivos decorativos tanto na madeira da galería coma no ferro dos balcóns e mesmo  os curiosos “ollos” sobre fondo vexetal do último andar. Poderíanse salientar os seguintes elementos decorativos, ademais dos “ollos”:  cenefas con motivos florais, dentículos xeometrizados, capiteis, claves, ménsulas, diferentes tipos de pilastras en cada andar, rexerías de portas e balcóns.

A galería central da fachada vai “adelgazándose” visualmente a medida que gaña altura xa que as pezas de apio van variando en cada andar.

Bibliografía:
 Fernández Cobián, Esteban, A Coruña. Guía de Arquitectura. A Coruña, COAG, 1998.

Martínez Suárez, Xosé Luis e Casabella López, Xan. Catálogo de Arquitectura. A Coruña, 1890-1940. A Coruña, COAG, 1989.

23/6/14

Ricardo Boán: vivenda modernista na rúa san Nicolás da Coruña


O grupo de arquitectos que fixeron obras de carácter modernista na Coruña é reducido así como tamén é reducida a presenza  cronolóxica dese movemento arquitectónico na cidade.  Lembrade a etiqueta de "Arquitectura coruñesa" en Iniciarte. Un deses arquitectos foi Ricardo Boán y Callejas.


Nado en Cuba , máis concretamente na Habana, no 1880, estudou en Madrid onde conseguiría acadar o título de arquitecto no 1905. Durante os dez anos que puido exercer a súa profesión, pois morrería en 1915 con tan só 35 anos, traballo en exclusiva na Coruña. Xunto a Antonio López Hernández foi un dos responsables da introdución da estética modernista na cidade. Desgraciadamente aínda non contamos cun estudo en profundidade de toda a súa obra.
A vivenda da rúa san Nicolás 11-13, está ubicada xusto enfronte á igrexa de san Nicolás, obra inicialmente deseñada polo mestre do barroco de placas Simón Rodríguez. A edificación é un tanto estraña en canto pode significa o culminación do decorativíimo modernista de Ricardo Boán.


Foi deseñada nun solar que ventila a dúas rúas, á xa sinalada de san Nicolás (cunha fachada de 9,80 metros) e a da Barreira (7,30 metros de fachada). O proxecto foi asinado en maio de 1912. Se tedes oportunidade podedes admíralo no Arquivo Histórico Municipal pois o  debuxo da súa fachada é espectacular. Inicialmente proxectou un baixo e un primeiro andar destinados a comercio, mentres que o segundo andar e o ático serían para vivenda.  Mais en 1930 Leoncio Bescansa, outra figura clave na arquitectura coruñesa, ampliaría o ático e aumentaría outra planta.
O baixo e o primeiro foron deseñados como espazo abertos tendos pasarelas laterais. Desgraciadamente tanto a decoración como a distribución do baixo foron moi alteradas mais, pola contra, paréceme, que a do primeiro foi respectada.


As vivendas estaban artelladas ao longo dun corredor con forma de S, contando ademais con dous pequenos patios aos que ventilan as habitacións interiores e a escaleira.


Mentres que a fachada da rúa da Barreira ten un eixo central que marca a súa simetría, a de san Nicolás conta con dous eixos, un que marca o acceso ás escaleiras e vivendas superiores e outro para o local comercial do baixo (inicialmente foran un almacén para utensilios do fogar e na actualidade é local de máquinas de xogos)


A fachada principal conta con toda a gama dos elementos decorativos típicos do modernismo coruñés e que amosan unha das características deste estilo na cidade, a unión de diversos traballos artesanais en ferro, vidro ou madeira: columnas, cariátides, galerías en varias cores, ferraxes creativas, vidros e mesmo curiosos ladrillos. Ademais conta coa introdución novidosa de arcos de ferradura. O decorativismo semella que sobrepasou os seus propios límites.


Nesta fachada cabe salientar ademais dos dous eixos e do esceso de elementos decorativos, o balcón curvo do primeiro andar así como unha tripla arquearía de peculiares curvas.


Bibliografía:
Xosé Luis Martínez Suárez e Xan Casabella López. A Coruña 1890-1940. Catálogo de arquitectura.  A Coruña, COAG, 1989.

Esteban Fernández Cobián. A Coruña. Guía de arquitectura. A Coruña, COAG, 1998.

26/5/14

Antoni Gaudí e o Palacio Güell. Novo libro


Antoni González e Raquel Lacuesta. El Palacio Güell. Una obra maestra de Antoni Gaudí. Fotografías de Montserrat Baldomá. Barcelona, Diputació Barcelona, 2013.

A finais de 2013 andivo pola casa Jordi P. Como ben coñece os meus intereses, agasalloume con este libro do que no seu momento dera conta a prensa. O libro é o resultado dos estudos que permitiron a integral restauración desta obra.

Por certo, agún día terei que poñer as miñas fotos realizadas antes desta obra.

Hai tempo que penso que Gaudí (do que coñezo case toda a súa obra edificada), máis ca un salientable arquitecto é unha grande operación de marketin para vender Barcelona como destino turístico. No capítulo do libro titulado “EL Palacio Güell, un hito de la arquitectura europea” afírmase “Hoy, (…) el palacio Güell suma el activo de ser el único edificio de nueva planta que Gaudí pudo acabar, así como el mejor conservado, por no haber sufrido nunca modificaciones esenciales y haber sido conservado con esmero desde hace casi setenta años. En este sentido no es exagerado afirmar que se trata del edificio más auténtico de Gaudí".

6/5/13

Julio Galán: vestíbulo na rúa Compostela, 6 (A Coruña)



Xa temos escrito neste blog algo sobre o Modernismo arquitectónico coruñés e mesmo dalgunha obra senlleira. Xa sabemos que destacou nas vivendas colectivas privadas destinadas á burguesía local e que tamén se puido contemplar en edificacións de carácter públicos (terrazas, quioscos). Un dos lugares onde mellor se poden apreciar todas as características deste movemento arquitectónico e nos seus portais.

Julio Galán e Carbajal, deseñou en 1910 a súa maior obra na cidade pero probablemente a non máis afortunada: a vivenda da rúa Compostela 6 e praza de Lugo 25-27-. Non vou hoxe comentala tan só quero facer os seguintes apuntamentos sobre o vestíbulo de acceso pola rúa Compostela xa que probablemente sexa o máis “modernista” de todos portais da cidade.

En primeiro lugar temos que falar da variedade de materiais observables: mármores de diversos tipos e cores, traballos con ferro fundido en lámpada, caixa de elevador e baranda da escaleira, madeira e estucos. No exterior habería que referirse ao tratamento do granito.

Unha das características máis salientables do modernismo coruñés, ademais de facer unha nova reintrepretación da galería e de elaborar a fachada coma unha unidade e non coma unha sucesión de andares, é o traballo conxuntos de artesáns, poñendo en valor a obra de escaiolistas, ebanistas, vidreiros ou fundidores.

Deste xeito poderemos valorar mellor o exquisito traballo  dos escaiolistas coa súa profusión de plantas acuáticas; dos fundidores cos magníficos exemplos das lámpadas e caixa do ascensor; dos ebanistas co fermoso traballo nas portas… De todos os xeitos discrepo radicalmente cando alguén se quenta e afirma “A gran escaleira reinterpreta o acceso á biblioteca Laurenciana de Florencia, obra de Miguel Anxo, ao dispor os seus chanzos como ríos de lava descendentes

18/3/08

"A Terraza" de Sada: un quiosco modernista


Situado no Paseo Marítimo da cidade de Sada, o edificio “A Terraza” é unha das obras máis sobranceiras do modernismo coruñés. Si, coruñés, porque orixinariamente este edificio estivo situado nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña, formando un conxunto arquitectónico espectacular co quiosco Alfonso e o Hotel Atlantic (nada que ver co actual Hotel Atlántico digno de ser eliminado fisicamente do solar que ocupa).

Deseñado en 1905, será ampliado, en 1912, nunha altura máis segundo o proxecto de Antonio López Hernández. Nove anos máis tarde, e con motivo da edificación do actual edificio da Terraza, esta construción de vidro e madeira foi trasladada a Sada.

De planta rectangular, ten baixo e un andar, feito cunha estrutura de madeira e cerchas de ferro no primeiro. Ábrese ao exterior grazas ao tratamento decorativo do vidro policromado, modulado polas formas ondulantes da madeira. Vidro e madeira foron características do modernismo arquitectónico coruñés. Mais tamén o tratamento do ferro forxado do peche perimetral foi outro dos elementos salientables deste movemento arquitectónico caracterizado polo afán decorativista. Para evitar o predominio absoluto das liñas horizontais, intercálanse catro módulos verticais e dous elementos máis fortes nas esquiñas, a modo de pequenos torreóns nas fachadas.

Desde 1975 está declarado Monumento Histórico Artístico

Na actualidade é un
local dedicado á restauración, cun especial gusto pola música de jazz e unhas espectaculares vistas sobre a ría.

Pregunta para internautas aburrid@s: desde cando e por que razón a pequena vila de Sada ten o título de cidade?

BubbleShare: Share photos - Powered by BubbleShare

Entrada dedicada a Antonio Alonso, mestre de bloguers, e webmáster de A Nosa Biblioteca.

9/2/08

O Palau da Música Catalana cumpre cen anos

Esta obra da arquitectura modernista foi deseñada polo arquitecto Lluís Doménech i Montaner. Construido entre os anos 1905 e 1908 foi declarado Patimonio da Humanidade pola UNESCO en 1997. Os Elementos decorativos da fachada e do interior son os sinais de identidade deste templo da música e do afán decorativista do modernismo catalán. Deste xeito, no interior pódese admirar a combinación de elementos cerámicos (o “trencadís” que Gaudí fará eterno) co vidro, namentres que no exterior chaman a atención os elementos decorativos de carácter escultórico e arquitectónico.

Máis información na wikipedia e en Artehistoria.


BubbleShare: Share photos - Green Toys