Mostrando entradas con la etiqueta Oleiros. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Oleiros. Mostrar todas las entradas

2/7/10

Adosados en Perillo (Oleiros)




















Outra mostra máis da boa arquitectura que se está a facer en Oleiros.

23/6/10

Vivenda unifamiliar en Perillo (Oleiros)

Continuando coa serie de vivendas próximas á miña residencia, mirade esta:




























22/2/10

Oleiros: vivenda unifamiliar na rúa Ventoeira (Montrove)

Formigón e madeira. Luz e auga. Forza e sensibilidade. Beleza e razón. Patio interior e piscina protexida. Espero que vos guste.





26/1/10

Oleiros: Vivenda unifamiliar en Liáns

Pechada na fachada principal (norte), esta vivenda preto da rúa Casares Quiroga de Liáns (Oleiros) amosa con contudencia as seus materiais, a entrada ao garaxe e insinúa grandes ventanais.



No lado norte, de luz máis regular, apreciamos as grandes xanelas, os grandes vanos que inundan de claridade a vivenda e que dan ao pequeno xardín tras o que hai un regato e a amplitude da rúa Uxío Novoneyra. Podemos apreciar como a edificación artéllase sobre dous grandes volumes que se comunican polo corredor central e as súas escaleiras.


29/11/09

Vivenda unifamiliar en Oleiros

O concello de Oleiros é un bo escaparte para coñecer e valorar a arquitectura actual galega. Podemos ver unha mal entendida arquitectura de raigame tradicional, podemos ver auténticos atentados estéticos e tamén interesantes edificacións que mesmo están a recibir diversos premios desde o gremio arquitectónico.

Hoxe quero presentarvos unha desas vivendas significativas. Volumes poderosos, aberta ao xardín e pechada á rúa, cuberta plana...


































Pero o que máis me chamou a atención, e o que máis me agradou, foi a iluminación do salón da vivenda desde o lado da rúa, desde a fachada. Fixádevos, unha pequena xanela case no chan. Non é lóxica contando con que hai unha gran xanela cara ao xardín?



30/3/08

Arquitectura relixiosa en Oleiros (III): santa María de Dexo



Protexida polo cemiterio parroquial, a pequena e fermosa igrexa de santa María de Dexo foi consagrada no 1108 polo Arcebispo de Santiago Diego Xelmírez. Ao longo dos seus nove séculos de historia sufriu varias remodelacións, mais conserva a fachada de 1236. Padeceu un importante incendio en 1903.
O conxunto está presidido por un pequeno cruceiro desde o que podemos observar a espléndida fachada: tímpano liso con dúas pequenas ménsulas baixo o lintel; dúas arquivoltas, de molduras xeométricas, que rematan en senllas columnas adosadas; pequeno rosetón (recuperado nas obras de restauración de 1991) e campanario. O interior é dunha nave con cuberta de madeira a dúas augas.







As obras municipais de restauración do ano 1991, eliminaron do muro norte unha pequena construción engadida, da que aínda hoxe podemos apreciar os seus restos. Ao norte a ao sur ábrense dúas pequenas portas que repiten, de xeito moi sinxelo, o esquema da fachada occidental: tímpano liso, pequenas ménsulas e molduras xeométricas sobre o tímpano.

Sen lugar a dúbidas o máis sobranceiro deste conxunto arquitectónico relixioso son os fabulosos canzorros esculpidos con figuras humanas, bustos, rostros e cabezas de animais que sosteñen o teito da ábsida e da nave.


O templo foi reconstruído pedra a pedra polo concello en 1991, conservando a maior parte da súa configuración orixinal, recuperouse tamén un antigo rosetón oculto entre os seus muros.

29/3/08

Arquitectura relixiosa en Oleiros (II): o conxunto parroquial de Santa Cruz, obra de Miguel Fisac


No concello de Oleiros contamos cunha das mostras de arquitectura relixiosa do século XX máis sobranceiras do panorama edilicio galego: o templo parroquial de Santa Cruz. Situado unha pequena planicie da coliña que mira á baia da cidade da Coruña, esta igrexa foi construída entre os anos 1967-1969 seguindo os planos de Miguel Fisac.

O arquitecto manchego, recentemente falecido, pode ser considerado como un dos máis innovadores do século XX en España. O seu traballo podería caracterizarse por darlle o mesmo valor ao programa a cumprir (o porqué), a relación co lugar ( o onde) e a solución estrutural e construtiva (o como). Nas súas obras a beleza formal é froito das enxeñosas solucións estruturais enelas vaise observando a evolución desde o racionalismo dos seus mestres, o organicismo de Frank Lloyd Wright, o neoempirismo nórdico de Erik Gunnar Asplund, a arquitectura popular e, finalmente e a partir dos anos 60, unha etapa máis persoal na que valora profundamente o material (o formigón).

















Será, entón, cando amose todo o seu potencial creativo e técnico mediante o dominio do formigón. Mesmo chegando a patentar o formigón pretensado, xa que lle permitía, ao darlle forma de ósos, cubrir grandes vaos pola súa lixeireza e resistencia, dominando a luz (unha das súas grandes preocupacións) e evacuar as augas da chuvia.

O conxunto parroquial de Santa Cruz de Oleiros (A Coruña) componse por dous edificios independentes: a igrexa e un centro social. O deseño do templo ven determinado pola nova concepción litúrxica saída do Concilio Vaticano II (hai que lembrar que este arquitecto ademais dun gran humanista foi un fervente católico que mesmo chegou militar no Opus Dei) na que os fieis deixan de ser meros asistentes aos actos relixiosos para ser participantes. Este será o novo punto de partida para a concepción espacial do edificio. É unha situación “máis democrática”, por iso deseñará un amplo atrio e unha nave en semicírculo ao redor do altar.


Ademais do domino das luces, Fisac preocupouse especialmente polo deseño da planta do conxunto que semella dous grandes bivalvos como unha sucesión de recintos enmarcados por muros curvos. Deste xeito, o muro sur son catro semicilindros convexos que van creando espazos para as dependencias (baptisterio, capela, sacristía). En alzado, o muro frontal amosa ao exterior os distintos volumes.


Toda a obra foi realizada en formigón armado “in situ” por Julio Manzanas González, agás a cuberta que foi realizada en pezas prefabricadas tan do gusto de Fisac.

Mais non podemos rematar sen aludir ao campanario. Esvelta torre que combina formas rectas e curvas de formigón, que con calma e con poderío repousado deixase admirar polo contorno.

Neste magnífico conxunto arquitectónico foi celebrado o Día Mundial da Arquitectura de 2004 na provincia da Coruña polo Colexio Oficial de Arquitectos. Tamén é obra salientable deste arquitecto O Colexio de Santa María do Mar nas Xubias e o edificio de vivendas Pou na rúa Fernando González da Coruña. Miguel Fisac conta cunha fundación para manter o seu legado. Para achegarnos algo máis a súa personalidade podemos ler esta entrevista realizada nun foro periodístico.






28/3/08

Arquitectura relixiosa en Oleiros (I): santa Eulalia de Liáns (a igrexa de moda)


Se hai unha serie de televisión que está na boca do todos os galegos e galegas, esa é, sen dúbida Padre Casares emitida pola Televisión de Galicia. Líder de audiencia os martes, superando mesmo a "House". A parte eclesiástica está filmada na igrexa de santa Eulalia de Liáns de Montrove en Oleiros.

Este pequeno templo está situado nun contorno fantástico, no medio do gran parque metropolitano do concello. É tal a beleza dos arredores do templo que a ninguén lle pode sorprender a elección da televisión pública galega. Oleiros, caracterízase por un urbanismo disperso, de escasa densidade, sendo hoxe considerado como un municipio de carácter residencial e turístico.

A igrexa é dun barroco rural característico do século XVII, con planta de cruz latina e cúpula con lanterna sobre o cruceiro. Destaca a súa fachada na que a porta atópase enmarcada por potentes molduras pétreas, tan características do barroco de placas de influencia compostelana. A cada lado da porta destacan outras molduras, a xeito de piastras clásicas que se elevan sobre as dúas alturas da fachada occidental. Enriba a porta, obsérvase un tímpano semicircular lobulado na súa parte máis alta, entre pináculos. É toda unha coreografía chea de dinamismo e movemento. No interior é de subliñar a cuberta de bóveda de aresta e o retablo barroco.

O concello de Oleiros conta coa peculiaridade de contar con magníficos exemplos de arquitectura eclesiásticas. Desde a igrexa románica de Dexo, a barroca de santa Eulalia ou a contemporánea de Santa Cruz, obra do admirado e xa falecido Miguel Fisac.