Mostrando entradas con la etiqueta Arquitectura da Coruña. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arquitectura da Coruña. Mostrar todas las entradas

30/5/16

Julio Galán. Vivenda na Praza de Lugo, 22. A Coruña


Julio Galán. Vivenda en Praza de Lugo, 22, 1910-1911. A Coruña

Dentro do Modernismo arquitectónico coruñés, ese que se caracterizou por un novo concepto unitario da fachada, a re-interpretación da tradicional galería e a integración estética de diversas profesións (arquitectura, ebanistería, traballo co vidro ou co ferro), este edificio de Julio Galán foi sempre o meu preferido. Ademais cono na primavera do 2016 rematouse coa súa rehabilitación, creo que é un bo momento para tirarlle unas fotos e escribir unas liñas.

Deseñado en 1910 sobre un solar estreito e alongado (8,50 metros na fachada e 34 metros de longo, aínda que só foron ocupados 26 pois 8 ficaron libres como patio) como é o habitual no primeiro ensanche coruñés, caracteriza a típica vivenda burguesa de inicios do pasado século. Non obstante hai que salientar que o primeiro deseño carecía de patios interiores e que a liña do ático estaba recuada con respecto á fachada. Así contaban orixinalmente de cociña e comedor, que ventilaban ao patio traseiro e que ademais estaban unidos por unha galería con baños. Debemos lembrar que orixinalmente a galería non estaba na fachada senón no parte posterior da edificación. Tiña sete dormitorios dos que cinco ventilaban a dous patios interiores e os outros dous sen ventilación ao exterior pois o facían a través senllos gabinetes. Finalmente e na fachada ubicáronse dous gabinetes e unha sa no centro, dando lugar aos tres ocos da fachada.

A planta definitiva foi estruturada a partires da escaleira interior de catro tramos e un corredor central que artella toda a distribución interior.

A fachada de tres ocos, como xa dixen, ten galería no central e balcón nos lados. A galería central percorre os tres primeiros andares, tendo o cuarto tres balcóns.

A fachada é dunha grande riqueza ornamental, con todo un grande abano de motivos decorativos tanto na madeira da galería coma no ferro dos balcóns e mesmo  os curiosos “ollos” sobre fondo vexetal do último andar. Poderíanse salientar os seguintes elementos decorativos, ademais dos “ollos”:  cenefas con motivos florais, dentículos xeometrizados, capiteis, claves, ménsulas, diferentes tipos de pilastras en cada andar, rexerías de portas e balcóns.

A galería central da fachada vai “adelgazándose” visualmente a medida que gaña altura xa que as pezas de apio van variando en cada andar.

Bibliografía:
 Fernández Cobián, Esteban, A Coruña. Guía de Arquitectura. A Coruña, COAG, 1998.

Martínez Suárez, Xosé Luis e Casabella López, Xan. Catálogo de Arquitectura. A Coruña, 1890-1940. A Coruña, COAG, 1989.

23/3/15

Igrexa castrense de santo André na Coruña


Situada no barrio da Peixería da Coruña, na rúa de santo André, foi deseñada por Faustino Domínguez Coumes-Gay en 1890. As obras foron financiadas por Eusebio da Garda despois  de que o concello, en 1885, aprobara o “proxecto de aliñación e ensanche do Pórtico de santo André e vías afluentes”. A idea do mecenas era reformar a igrexa preexistente e ter un lugar onde ser  soterrado coa súa dona, Modesta Goicouría. Mais foi especialmente complexo determinar a propiedade do solar e da edificación pois a anterior igrexa do século XIII  ubicada no  lugar (a súa portada pódese ver nas murallas do xardín de san Carlos) pertencía ao Gremio de Mareantes. Inicialmente chegárase a un convenio con Eusebio da Garda mais ao querer facer este un templo maior e o ficar sen entidade xurídica a confraría, o arcebispado de Santiago reclamaría a súa titularidade. Desde 1937 é capela castrense.

O edificio é exento nunha zona moi edificada que ata certo punto restoulle importancia debido ás alturas das edificacións posteriores situadas nas súas inmediacións. O deseño continua a corrente historicista para edificios de carácter público tan de moda na Coruña a finais do século XIX e principios do seguinte.

O arquitecto fai uso de elementos e criterios compositivos neorrománicos. Poderíamos pensar que serían continuación destes criterios o Pazo de Xustiza (Xulio Galán e Ricardo Boán, 1908) ou o Banco de España (José Astiz, 192). E que dicir da torre neogótica da desaparecida igrexa dos xesuítas?

O templo é dunha soa nave de cinco tramos cubertos con bóveda de cruzaría. Ten nártice e unha pequena ábsida semicircular con bóveda de treceltes.

Tras a entrada principal, sitúase o baptisterio e as escaleiras que soben á torre, única e ubicada sobre o centro da fachada. Precisamente a fachada ten dúas alturas, estando no baixo o pórtico de acceso con arquivoltas decoradas con motivos xeométricos enmarcadas nun pequeno gablete. A cada lado hai  unha pequena xanela de clara inspiración románica. No segundo andar desta fachada aprécianse tres rúas para organizar o espazo. Tendo a central unha dobre xanela xeminada cun óculo na enxoita, esquema que se repite nos lados pero a menor altura. Son de salientar os chapiteis cónicos e piramidais que remarcan a cuberta.

As liñas de imposta e a sucesión de arquiños lombardos fan pensar nun neorrománico de inspiración lombarda que podería ter os seus referentes na basílica (espantosa?) de Covadonga. O presbiterio forma un templete exento.

Bibliografía:
-Martínez Suárez e Casabella López. Catálogo arquitectura. A Coruña 18990-1940. COAG, 1989

-Fernández Cobián. A Coruña. Guía de arquitectura. COAG, 1998.
Fotos: INICIARTE.

23/6/14

Ricardo Boán: vivenda modernista na rúa san Nicolás da Coruña


O grupo de arquitectos que fixeron obras de carácter modernista na Coruña é reducido así como tamén é reducida a presenza  cronolóxica dese movemento arquitectónico na cidade.  Lembrade a etiqueta de "Arquitectura coruñesa" en Iniciarte. Un deses arquitectos foi Ricardo Boán y Callejas.


Nado en Cuba , máis concretamente na Habana, no 1880, estudou en Madrid onde conseguiría acadar o título de arquitecto no 1905. Durante os dez anos que puido exercer a súa profesión, pois morrería en 1915 con tan só 35 anos, traballo en exclusiva na Coruña. Xunto a Antonio López Hernández foi un dos responsables da introdución da estética modernista na cidade. Desgraciadamente aínda non contamos cun estudo en profundidade de toda a súa obra.
A vivenda da rúa san Nicolás 11-13, está ubicada xusto enfronte á igrexa de san Nicolás, obra inicialmente deseñada polo mestre do barroco de placas Simón Rodríguez. A edificación é un tanto estraña en canto pode significa o culminación do decorativíimo modernista de Ricardo Boán.


Foi deseñada nun solar que ventila a dúas rúas, á xa sinalada de san Nicolás (cunha fachada de 9,80 metros) e a da Barreira (7,30 metros de fachada). O proxecto foi asinado en maio de 1912. Se tedes oportunidade podedes admíralo no Arquivo Histórico Municipal pois o  debuxo da súa fachada é espectacular. Inicialmente proxectou un baixo e un primeiro andar destinados a comercio, mentres que o segundo andar e o ático serían para vivenda.  Mais en 1930 Leoncio Bescansa, outra figura clave na arquitectura coruñesa, ampliaría o ático e aumentaría outra planta.
O baixo e o primeiro foron deseñados como espazo abertos tendos pasarelas laterais. Desgraciadamente tanto a decoración como a distribución do baixo foron moi alteradas mais, pola contra, paréceme, que a do primeiro foi respectada.


As vivendas estaban artelladas ao longo dun corredor con forma de S, contando ademais con dous pequenos patios aos que ventilan as habitacións interiores e a escaleira.


Mentres que a fachada da rúa da Barreira ten un eixo central que marca a súa simetría, a de san Nicolás conta con dous eixos, un que marca o acceso ás escaleiras e vivendas superiores e outro para o local comercial do baixo (inicialmente foran un almacén para utensilios do fogar e na actualidade é local de máquinas de xogos)


A fachada principal conta con toda a gama dos elementos decorativos típicos do modernismo coruñés e que amosan unha das características deste estilo na cidade, a unión de diversos traballos artesanais en ferro, vidro ou madeira: columnas, cariátides, galerías en varias cores, ferraxes creativas, vidros e mesmo curiosos ladrillos. Ademais conta coa introdución novidosa de arcos de ferradura. O decorativismo semella que sobrepasou os seus propios límites.


Nesta fachada cabe salientar ademais dos dous eixos e do esceso de elementos decorativos, o balcón curvo do primeiro andar así como unha tripla arquearía de peculiares curvas.


Bibliografía:
Xosé Luis Martínez Suárez e Xan Casabella López. A Coruña 1890-1940. Catálogo de arquitectura.  A Coruña, COAG, 1989.

Esteban Fernández Cobián. A Coruña. Guía de arquitectura. A Coruña, COAG, 1998.

6/5/13

Julio Galán: vestíbulo na rúa Compostela, 6 (A Coruña)



Xa temos escrito neste blog algo sobre o Modernismo arquitectónico coruñés e mesmo dalgunha obra senlleira. Xa sabemos que destacou nas vivendas colectivas privadas destinadas á burguesía local e que tamén se puido contemplar en edificacións de carácter públicos (terrazas, quioscos). Un dos lugares onde mellor se poden apreciar todas as características deste movemento arquitectónico e nos seus portais.

Julio Galán e Carbajal, deseñou en 1910 a súa maior obra na cidade pero probablemente a non máis afortunada: a vivenda da rúa Compostela 6 e praza de Lugo 25-27-. Non vou hoxe comentala tan só quero facer os seguintes apuntamentos sobre o vestíbulo de acceso pola rúa Compostela xa que probablemente sexa o máis “modernista” de todos portais da cidade.

En primeiro lugar temos que falar da variedade de materiais observables: mármores de diversos tipos e cores, traballos con ferro fundido en lámpada, caixa de elevador e baranda da escaleira, madeira e estucos. No exterior habería que referirse ao tratamento do granito.

Unha das características máis salientables do modernismo coruñés, ademais de facer unha nova reintrepretación da galería e de elaborar a fachada coma unha unidade e non coma unha sucesión de andares, é o traballo conxuntos de artesáns, poñendo en valor a obra de escaiolistas, ebanistas, vidreiros ou fundidores.

Deste xeito poderemos valorar mellor o exquisito traballo  dos escaiolistas coa súa profusión de plantas acuáticas; dos fundidores cos magníficos exemplos das lámpadas e caixa do ascensor; dos ebanistas co fermoso traballo nas portas… De todos os xeitos discrepo radicalmente cando alguén se quenta e afirma “A gran escaleira reinterpreta o acceso á biblioteca Laurenciana de Florencia, obra de Miguel Anxo, ao dispor os seus chanzos como ríos de lava descendentes

21/7/11

Praza de Lugo, número 11

Como hai moito tempo non aparece nada en INICIARTE sobre a arquitectura da Coruña e co gallo da remodelación da fachada, imos ver hoxe o edificio da Praza de Pontevedra nº 11. En primeiro lugar debemos contextualizalo no desenvolvemento urbanístico da segunda metade do século XIX e en aplicación do primeiro ensanche coruñés. En segundo lugar debemos ter en conta a obra do arquitecto Ciórraga Bastida, elemento clave na difusión do uso da galería na cidade. E finalmente, considero que esta obra aínda non modernista senón a derradeira e decorativista fase do estilo que denominamos “tradicional coruñés”. Lembrade que xa temos falado do modernismo na cidade.

Tamén se podería engadir, para rema
tar esta introdución, que a Praza de Lugo constitúe todo un magnífico exemplo da historia da arquitectura coruñesa durante case un século, desde finais do XIX ata finais do XX: tradicional coruñés, modernismo, eclecticismo relixioso, eclecticismo rexionalista, racionalismo…

O edificio nº 11 foi deseñado do mesmo xeito que os seus “irmáns” dos número 10 e 12 posto que Xoán de Ciórraga repetiu o m
esmo deseño para o promotor Manuel Reboredo Silva.. As diferencias entre os tres, ademais da data da súa edificación (en 1898 o nº 10 e en 1904 os outros dous) son tan só de pequenos elementos decorativos nas fachadas e no número de andares engadidos ao longo dos anos.


Estes tres edificios de Ciórraga, orixinalment
e foran deseñados con tres andares, ático recuado da fachada e terraza. Precisamente coa escusa do difícil mantemento da terraza en 1923 autorizouse ao número 12 levar o ático ata a fachada e engadindo un novo andar que sería completado anos máis tarde. Resultado cinco alturas. Tamén no primeiro terzo do XX o ático do número 11 foi levado ata a fronte da fachada, eliminando a terraza.


O edificio (ou os edificios) ten unha distribución espacial non moi frecuente na cidade posto que o que marcaban as normas urbanísticas e que só o primeiro andar, o principal, levara balcón (podería ser un balcón por
oco ou ben corrido), mais Ciórraga deseña os dous primeiros andares con balcón central (tal e como tamén fixo na rúa Betanzos, nº 1) e o terceiro con galería. Os baixos e os marcos dos oco son de perpiaños e o resto da parede non vai con revoco, como era tradicional, senón que levan azulexos, sendo esta a principal novidade decorativa. Estes azulexos, que veñen de ser amañados, están decorados con figuras de cisnes, vexetación e xarriños con flores en vivas cores. Ademais hai que subliñar, como elemento característico dos primeiros anos do XX na Coruña, o fermoso traballo dos ebanistas nas galerías (a destacar as ménsulas con figuras varias) e dos vidreiros. Na actualidade as galerías están pintadas en branco, cando, orixinalmente estiveran en siena. Estas dúas cores, xunto co verde, eran as únicas permitidas pola Real Academia de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario.
A distribución en planta é a que adoitaba facerse: na fachada un gabinete e unha sala; na parte traseira a cociña e o comedor que ventilan a un gran patio e no centro varios dormitorios.


Bibliografía:
Esteban Fernández. A Coruña, guía de arquitectura. A Coruña, COAG, 1998.
Xosé L. Martínez e Xan Casabella. Catálogo de arquitectura. A Coruña 1890-1940. A Coruña, COAG, 1989.
Xosé A. Martínez,”A Coruña”. En A Coruña. Madrid, Ed. Mediterráneo, 1997. ISBN 84-7156-329-0, pp. 9-34

Fotos: INICIARTE.

31/3/11

O COAG premia as mellores obras galegas

Tal e como podemos ler na Voz de Galicia, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia deu a coñecer o resultado dos seus premios anuais. Neste pdf coa acta do xurado poderedes acceder a todas as obras premiadas mesmo cunha fotografía de cada unha. A salientar, unha vez máis, o recoñecemento que teñen Creus e Carrasco. Parabéns


A Fotografía, de INICIARTE, como case sempre, correspóndese co Primeiro Premio de obras de Nova Planta: Casa Mercedes de Creus e Carrasco na coruñesa Avenida da Habana.

29/1/11

Sen comentarios (XXIV): Outro atentado ao patrimonio


Texto e fotografía vía A Voz de Galicia, onde poderedes ler a nova completa. Sen comentarios.

A un Pedro Mariño sáelle unha chepa de tres anadares.

Este ano cumpriranse 80 anos da súa morte, pero os edificios de Pedro Mariño, un dos históricos arquitectos municipais da Coruña, seguen evolucionando. En que sentido poderao xulgar o que pase estes días pla rúa Marqués de Amboage. No número 7 álzase un dos bloques que Mariño levantou no segundo ensanche coruñés e que agora está en pleno proceso de rehabilitación.

O proxecto de reforma aproveitouse para gañar espazo no edificio, cun engadido de tres plantas deseñado cun estilo notablemente diferente ao que imprimiu Pedro Mariño á estrutura orixinal do inmoble. Pero non é o único cambio no bloque, tomado por un nutrido grupo de operarios que están rehabilitando unha fachada histórica que nos últimos anos presentaba un aspecto de claro abandono, engalanada polos grafitis e coa pintura ennegrecida por falta de conservación. Agora loce unha capa cor beige moito máis vistosa, á vez que se repararon as fiestras, os balcóns e o resto dos elementos exteriores do inmoble.


23/5/10

Arquitectura na Coruña: a Torre Costa Rica



J. A. Franco Taboada. Torre Costa Rica. 1973-1975


Esta é a edificación habitada máis alta da Coruña. 106 seis metros sobre a rasante da rúa, 24 andares con tres vivenda por planta, unha planta baixa e dous sotos para garaxe. Fois feita mediante unha cooperativa nun solar que estivera ocupado pola fábrica de madeiras de Molezón.


A zona na que está ubicada presenta unha das densidades ocupadas maiores do Estado xa que teríamos que engadir o edificio Trébol e a Cooperativa Alférez provisional.


En realidade teríamos que falar de dous edificios moi distintos. Por unha banda un bloque de cinco alturas que delimita a parcela e que crea unha pequena praza interior, e outro, a torre de 24 andares. A pesares da súa altura e coa distribución comentada, non foi edificada todo o que permitía o plan de urbanismo de finais dos sesenta, ese plan que fixo auténticas barbaridades na Agra do Orzán.


A Torre Costa Rica tiña que facer fronte a dous grandes retos: o forte vento constante na cidade e acadar iluminación para todas as vivendas. A solución foi “unha superestrutura de formigón aramado de 10 tramos, con xácenas de 11 metros de luz, cun primeiro tramo reticular mentres que os oito seguintes recollen as cargas xeneradas por unhas pequenas subestruturas dos tres pisos e as transmiten aos grandes piares exteriores, o que orixina que os andares múltiplo de tres sexan totalmente diáfanos. O tramo de remate posúe dobre altura.


A forma da planta, ademais de cumprir unha misión rixidizadora, permite optimizar a disposición das instalacións por columnas. A fachada realízase con pezas de formigón Branco prefabricado bastante retiradas do plano de xanelas, a fin de diminuír o risco de vértixe


No ultimo andar a RTVG ten ubicada unha webcam sobre a cidade.


Máis información sobre esta obra na páxina web do propio arquitecto.


Cita de Esteban Fernández Cohibían.Guía de arquitectura. A Coruña. COAG, páx. 340



2/5/09

Nova publicación sobre J. A Corrales e a Unidade Veciñal nº 3

O pasado 28 de abril presentouse un novo libro sobre unha das xoias da arquitectura contemporánea de Galicia: a Unidade Veciñal nº 3 do Barrio das Flores da Coruña de José Antonio Corrales (algún día INICIARTE fará unha entrada, reportaxe fotográfica incluída, sobre este conxunto arquitectónico).

A páxina web do Colexio de Arquitectos de Galicia (o COAG) anunciaba así a presentación do libro:
"
Concibida por Miguel Toba Blanco, José Antonio Corrales. Unidade veciñal nº 3 é unha completa e documentada monografía sobre esta unidade residencial -un proxecto de mediados dos 60 vinculado ás teorías do Movemento Moderno-, situada no `sector B do polígono de Elviña`, ao leste do acceso principal á cidade: unha actuación urbanística de cinco unidades veciñais, prevista no Plan Xeral de Ordenación de 1965, concibido por Molezún, Pagola e o propio Corrales. Inclúe, ademais, os testemuños doutros tres integrantes do equipo multidisciplinar que participou na intervención: Bescansa, Albalat e Milagros Rey. A profusión de planos, documentos e imaxes, inéditas en moitos casos, completa un xenuíno e fiel testemuño tanto dos condicionantes económicos, políticos e sociais da época, coma do desenvolvemento urbano de A Coruña; pero, tamén, do brutalismo desta obra clave de Corrales. Os anexos inclúen unha visión do estado actual do conxunto, así como unha comparativa gráfica que deixa patente a súa deterioración; unha entrevista a propósito dun intento falido de recuperación e un DVD da conferencia Barrio e cidade que Corrales ditou no COAG de A Coruña, en abril de 2006".

Máis información sobre o acto.

6/4/09

Manuel Gallego: a obra explicada polo autor

Nalgunha ocasión anterior Iniciarte xa vos presentou a Manuel Gallego Jorreto, o arquitecto galego consagrado de obra, ao meu entender, máis interesante e mesmo vos presentei a súa obra máis recoñecida na Coruña: O Museo de Belas Artes.

Pois ben, ao igual que xa fixeramos con Carlos Quintáns, hoxe toca deixar falar a Gallego para que nos explique esta significativa intervención museística que mesmo recibiu o premio Nacional de Arquitectura e así poder descansar da arte barroca na que andamos nas clases.




31/10/08

O baluarte do Parrote na Coruña: as fotos.

No pasado mes de setembro, INICIARTE xa vos informara da aparación dun baluarte do século XVIII nas escavacións para a construción du novo aparcamento soterrado no Parrote da Coruña. Hoxe preséntovos as fotos.

23/7/08

A Casa da Auga na Coruña

Situada no centro da cidade, moi próxima á praia e ao Estadio de Riazor, atópase a Casa del Agua. Esta edificación, inaugurada en abril de 2007, ubícase sobre unha parcela de máis de 13.000 metros cadrados, sendo 48.000 os metros cadrados construídos. A obra contén unha piscina olímpica cuberta, outras piscinas menores, zonas de lecer, espazos para o ocio, salas de actividades deportivas, jacuzzi e diversos servizos de talasoterapia.

A obra, financiada por EMALCASA (Empresa Municipal de Aguas de La Coruña, S.A.), serviu para conmemorar os primeiros cen anos da empresa de augas da cidade.

O estudo arquitectónico encargado do deseño do proxecto tivo que traballar pensando no desnivel da parcela, na necesidade de reducir o posible impacto na zona así como en integrar o conxunto no contorno. Ademais visitáronse outras edificacións que poderían servir como modelo ou referente, deste xeito viaxouse a Caldea (Andorra), a Marina d´Or (Castellón) e a varios estacións termais da Alemaña. O resultado foi un conxunto de edificios nos que están integradas as actividade de talasoterapia, as deportivas e as comerciais, ademais de contar con tres xardíns interiores.


Esta obra é do arquitecto Xosé Manuel Casabella, quen conta con numerosos e importantes premios, sendo os máis salientables os recibidos pola remodelación do Kiosko Alfonso da Coruña, pola Cafetería Copacabana da Coruña, pola remodelación do contorno das Burgas en Ourense e pola obra de Rehabilitación do edifico do Servizo do Alumnado da Zapateira na Coruña.




Bibliografía e fotos: Casa del Augua. A Coruña, Artes Gráficas Diumaró, 2007.

11/4/08

Manuel Gallego: O Museo de Belas Artes da Coruña

Unha das obras arquitectónicas máis sobranceiras das construídas nas últimas décadas na Coruña é, sen dúbida, o Museo de Belas Artes (1995) de Manuel Gallego Jorreto.

Edificado sobre o solar que ocupaba o convento das Capuchinas, o que é un dos mellores arquitectos da nosa terra, deseñou un novo edificio respectando a igrexa barroca de Manuel Casas Novoa, autor da fachada do Obradoiro, e utilizando a antiga edificación das celas das monxas. Organizou os espazo arredor dun gran espazo central iluminado por unha gran lanterna de luz natural. A colección sitúase nun gran cubo de dous andares.


Un edificio no que os seus espazos primarios están protexidos do exterior por volumes secundarios. Sen ventás ou vistas convencionais, os espazos interiores adquiren un gran fortaleza, poucas veces apreciada na arquitectura contemporánea. Esta espléndida obra foi galardoada co Premio Nacional de Arquitectura de 1997.

Mais deixemos a Manuel Gallego que nos fale de súa obra:
O espazo de exposición permanente do museo nace a partir da primeira planta, como unha caixa reticular, flexible e variable nas súas posibilidades, espazo controlado onde a luz natural utilízase só para valorar o espazo.
A planta baixa, pétrea, é prolongación da praza e enlaza coa rúa interior, que será de uso vario, alterno e intermitente.
Á rúa ábrense tendas, bar e servizos. No chan da planta baixa prodúcense ocos e vultos, sobre eles e neles faranse exposicións. Un falso teito a modo de peite dun teatro permitirá esta flexibilidade nas posibles instalacións.
Todo neste espazo de planta baixa, incluído o salón de actos, está capacitado para uso expositivo nun momento dado.
Na rúa interior, enfróntase a retícula nova e o muro do edificio vello. Búscase a tensión entre o muro e a columna. O muro apeado en planta baixa. A columna alixeirada na súa proximidade co muro
.”

Son case 6.000 metros cadrados construídos.

Este magnífico museo, o mellor da cidade, alberga unha colección de pintura galega contemporánea extraordinaria, na que están representadas todas as escolas, movementos e autores significativos. Ademais hai pintura flamenga, obras de Rivera, Murillo, Luca Giordano Carducho, Rubens, Carracci, Madrazo, Sorolla, Picasso. Pero ademais é unha das poucas institucións que poden presumir de ter as cinco series de estampas realizadas por Goya. En total, o conxunto da súa colección supera as 5.000 obras.

Fotografías de Juan Rodríguez.

Como vedes, este museo é unha visita obrigada na Coruña, tanto pola súa colección como pola pureza, contundencia e claridade dos seus espazos. Desde esta ligazón podedes facer unha visita vitual ao Museo. Tamén podedes ler unha reportaxe sobre Manuel Gallego , ver algunha das súas obras máis recoñecidas ou apreciar un cartel realizado polo Consello da Cultura Galega.

18/3/08

"A Terraza" de Sada: un quiosco modernista


Situado no Paseo Marítimo da cidade de Sada, o edificio “A Terraza” é unha das obras máis sobranceiras do modernismo coruñés. Si, coruñés, porque orixinariamente este edificio estivo situado nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña, formando un conxunto arquitectónico espectacular co quiosco Alfonso e o Hotel Atlantic (nada que ver co actual Hotel Atlántico digno de ser eliminado fisicamente do solar que ocupa).

Deseñado en 1905, será ampliado, en 1912, nunha altura máis segundo o proxecto de Antonio López Hernández. Nove anos máis tarde, e con motivo da edificación do actual edificio da Terraza, esta construción de vidro e madeira foi trasladada a Sada.

De planta rectangular, ten baixo e un andar, feito cunha estrutura de madeira e cerchas de ferro no primeiro. Ábrese ao exterior grazas ao tratamento decorativo do vidro policromado, modulado polas formas ondulantes da madeira. Vidro e madeira foron características do modernismo arquitectónico coruñés. Mais tamén o tratamento do ferro forxado do peche perimetral foi outro dos elementos salientables deste movemento arquitectónico caracterizado polo afán decorativista. Para evitar o predominio absoluto das liñas horizontais, intercálanse catro módulos verticais e dous elementos máis fortes nas esquiñas, a modo de pequenos torreóns nas fachadas.

Desde 1975 está declarado Monumento Histórico Artístico

Na actualidade é un
local dedicado á restauración, cun especial gusto pola música de jazz e unhas espectaculares vistas sobre a ría.

Pregunta para internautas aburrid@s: desde cando e por que razón a pequena vila de Sada ten o título de cidade?

BubbleShare: Share photos - Powered by BubbleShare

Entrada dedicada a Antonio Alonso, mestre de bloguers, e webmáster de A Nosa Biblioteca.

30/1/08

O Modernismo arquitectónico coruñés

“Baixo o térmo xenérico de Modernismo, desígnanse as correntes artísticas que, no derradeiro decenio do XIX e o primeiro do XX, propóñense interpretar, afianzar e secundar o esforzo progresivo, económico-tecnolóxico, da civilización industrial" (Giulio Carlo Argán)

Na cidade da Coruña, os anos de principios do século XX serán os da opulencia arquitectónica burguesa , os anos en que a burguesía dotarase dun marco propio de residencia, amosando a súa prosperidade. “Trátase dun cliente singular que quere ver reflectida a súa singularidade na súa propia casa, na fachada da súa vivenda” (MARTÍNEZ-CASABELLA) Para iso os novos arquitectos que traballan na cidade (Antonio de Mesa, Pedro Mariño, Julio Galán, Leoncio Bescansa, Ricardo Boán ou Antonio López) empregarán o novo estilo que percorría Europa, o Modernismo, dándolle unha nova interpretación ás galerías (permitida polas mellores técnicas constructivas: ferro forxado e logo cemento armado), empregando a natureza como referencia ornamental, ademais da iconografía fiminina.


Deste xeito, e durante pouco máis de dez anos, entre 1905 e 1915, a riqueza decorativa do modernismo, producirá magníficos exemplos dunha nova estética no Ensanche coruñés.

Mais este novo estilo tamén será disfrutado por unha grande parte da poboación o construírse con el determinados edificios públicos como quioscos e as súas características decorativas inundarán farmacias, ultramarinos, cafés, etc.



A palabra modernismo introdúcese no vocabulario local en 1906 para referirse a decoración teatral deseñada por R. Boán e A. López. Estes dous arquitectos, xunto con J. Galán “introducirán na cidade, inda que tardiamente en relación co contexto internacional, un modernismo epidérmico e aparencial de gusto vienés que terá na arquitectura doméstica as súas melloras realizacións. Tiveron estes a virtude de adaptar e reinterpretar ás novas esixencias de decoro urbano a tradición arquirtectónica local da galería de madeira e cristal, creando caprichosas, atrevidas e inventivas formas liberadas da simplificación funcional e utilitarista do século XIX que popularizou Juan de Ciórraga.” (Fernández Fernández)


“Son os anos nos que as austeras e esencialmente constructivas galerías de madeira se cobren de suxerentes formas vexetais na obra de Ricardo Boán, namentras que Julio Galán incorpora o ferro forxado como simbólico soporte de pel acristalada e Antonio López Hernández busca o ritmo ascendente no despece vertical dos módulos de fiestras e bastidores: as fachadas modernistas xa non son máis un pano ó que asoman os diferentes pisos e neles tres ou catro ocos que penetran o muro testeito, senón un conxunto plástico unitario no que a fiestra, a porta, o balcón, a propia galería de madeira e ata as cornisas do piso superior perden a súa individualidade e intégranse formando parte dun discurso unitario que rompe na súa mensaxe cos elementos compositivos e decorativos tradicionais, nunha liberación completa fronte as formas do pasado.



As portas son deseñadas incorporando tamén ás tallas de madeira motivos ornamentais vexetais ou xeométricos ata entón non utilizados, nas fachadas empregaranse diferentes materiais (pedra, ladrillo, vidro, cerámica), incorpóranse diferentes cores, o ferro retórcese nas reixas dos balcóns e nas barandillas das escaleiras, e a iconografía fiminina, ou as cabezas de animais dispóñense nas fachadas compoñendo conxuntos de excepcional riqueza nos recursos utilizados”. (MARTÍNEZ-CASABELLA)


Bibliografía básica:
FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Xosé. O arquitecto Pedro Mariño Ortega. 1865-1931. Galaxia, 1996.
González Cebrián., Esteban. A Coruña. Guía de arquitectura. COAG, 1998
MARTÍNEZ, X.L. e CASABELLA, X. Catálogo. A Coruña, 1890-1940. COAG, 1989.