Mostrando entradas con la etiqueta Escultura románica en Galicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Escultura románica en Galicia. Mostrar todas las entradas

6/11/17

Mosteiro de san Lourenzo de Carboeiro: exteriores e porta sur




O exterior responde á organización interna: centran a atención a porta principal e a sur, e os poderosos volumes da impresionante cabeceira. A maior forza correspóndelle ao enorme cubo semicircular da cripta que lles serve de base ao deambulatorio e á capela maior; o recurso á cabeceira da catedral de Ávila é case un tópico obrigado. As masas semicirculares non só predominan no muro da cripta, senón tamén na cabeceira da igrexa alta, interrompidas só por pequenos contrafortes prismáticos e por ventas sobrias e sinxelas. A ausencia, case total, de decoración realza e potencia as liñas e volumes graduados de cada parte da cabeceira. O conxunto resulta claro, audaz e excepcional en Galicia. Séguelle a distancia a masa cúbica das torres, en especial a do norte, que sobresae por riba das cubertas do templo e que carece de ornamentación.

Na cabeceira e no cruceiro destaca a rexa gradación dos alicerces dos muros. Estes articúlanse por medio de contrafortes prismáticos que se levantan onde estean os arcos do interior. No segundo tramo do muro norte téndese un arco de medio punto entre os contrafortes e debaixo del ábrese a porta máis sinxela do edificio. Esta porta moldura o arco con bocel e media cana, e está descentrada con respecto ao eixe do tramo no que se abre. Pouco ten que ver coas demais portadas. Os muros rematan con canzorros practicamente lisos, tabicas sen decorar (agás na capela sur, pois alí algunha presenta cuadrifolios estilizados) e cubertas en nacela.

No extremo norte do cruceiro ábrese a porta que debería comunicar co mosteiro. Destaca lixeiramente do muro e ábrese entre dous contrafortes. O arco apoia nunha columna por lado con capiteis vexetais, dos cales falta un, e cimacios con palma mateanas. O arco, semicircular, moldúrase cun bocel vigoroso de medias canas. O torna-chuvias ornaméntase con follas radiais esquemáticas reviradas no remate. Os deteriorados ángulos salientes de anxos con carteis teñen tamén unha clara filiación mateana e notable calidade na talla. Entre os contrafortes téndese un beirado sinxelo con canzorros vexetais e arriba ábrese un rosetón con decoración cruciforme  e óculo con follas coma as da chambrana.


A PORTA SUR

O flanco sur organízase de maneira similar ao norte e debe ter un pórtico de madeira sinxelo esteado nas ménsulas colocadas aos lados dos contrafortes. No tramo inmediato á fachada principal ábrese a porta de mellor calidade escultórica de todo o edificio. 

As dúas arquivoltas, de medio punto, posúen unha decoración mateana extraordinaria. A maior presenta cuadrifolias espléndidas de labra carnosa, con trépano e voluminoso botón central; este botón foi absurda  e barbaramente mutilado en todas, menos nunha. 



O arco menor presídeo un Cristo sedente que vendí e sostén un libro coa man esquerda apoiado no xeonllo; a roupa deixa translucir a anatomía. A cada lado dispóñense tres anxos de ás estendidas, coas mans en actitude de oración e unha calidade notable na roupa. Todas as figuras foron mutiladas, especialmente as cabezas. Ten torna-chuvias con follas radiais de volume considerable e puntos trepanados revirados no remate.

Os demais elementos da porta foron espoliados: desapareceron as catro columnas, os capiteis e as tres figuras que ían encaixadas no tímpano. 
Tímpano coas pezas orixinais, hoxe nun museo catalán

Os ángulos salintes, de anxos con carteis, tamén foron mutilados. As únicas pezas que se conservan son os cimacios, decorados con follas e froitas vizosas quen penduran dun talo ondulante. A calidade da talla é grande e claramente mateana polo tema, disposición e tratamento. Débese, probablemente, ao escultor que labrou unha parte das pezas da porta principal, aínda que nesta porta sur non parece que lle axudasen os seus colaboradores, feito que lle dá ao conxunto unha homoxeneidade e un valor maior.

Ramón Yzquierdo Perrín. Arte protogótica. En Galicia XI. Arte. Proxecto Galicia. Hércules Ediciones. pp 170-177

Fotografías: INICIARTE

30/10/17

Mosteiro de san Lourenzo de Carboeiro: fachada principal


A fachada principal articúlase en función das naves; a porta está enmarcada por vigorosos contrafortes que se unen, na parte das naves laterais, con arcos de medio punto, baixo os que se encontran rosetóns con decoración xeométrica sinxela descentrados con respecto ao eixe das naves. Na rúa central ábrese unha porta que tiña enriba un rosetón grande, que se perdeu no século XIV cando se construíu a torre nordeste. Entre portada e rosetón mantense un beirado sinxelo. Repítese, pois, a superposición da porta e rosetón de Ourense, Portomarín e Ribas de Miño, e que tamén houbo en Santiago.

Esta portada foi espoliada, xa que lle roubaron as catro columnas e os capiteis que tiña a cada lado, e tamén dous dos tres relevos do tímpano, ademais doutras mutilacións que sufriu. Nos cimacios labráronse motivos vexetais, basicamente talos ondulados con follas e froitos nos que se advirten varias mans, igual ca no resto da portada. As catro arquivoltas, de medio punto, moldúranse en escocias amplas recubertas, en tres, por follas transversais grandes con tratamentos diferentes; a calidade descende de maneira evidente desde a menor ata ata a maior. Na primeira, a carnosidade das follas, o volume e os puntos trepanados constitúen os trazos máis destacados; tamén se mantén na seguinte un nivel elevado, pero este baixa na terceira, ornamentada cun tema propio dos seguidores máis destacados de Mateo: os anciáns que tocan música para honrar o Cordeiro. Respéctase, basicamente, a disposición por parellas e –igual ca en Portomarín- introdúcense instrumentos novos (por exemplo, as frautas). A calidade da arquivolta maior é similar á destes personaxes, e o mesmo ocorre coas follas do torna-chuvias.






Na talla destas arquivoltas participaron, polo menos, dous artistas de calidade e formación desigual: o primeiro debe ser un seguidor de Mateo que destaca pola valía, saber e amplitude de repertorio; o segundo, quizais un discípulo do primeiro, é menos delicado e habelencioso, e segue as pautas marcada por aquel.

As xambas rematan en ángulos salientes decorados con anxos con carteis; sobresae, pola maior calidade, o da dereita. O tímpano tiña no centro unha figura de Cristo sedente, que vendí coa destra e coa outra suxeita un libro pechado sobre o xeonllo. Está decorado, barbado, con nimbo crucífero e rostro sereno. Flanquéao aos lados os catro símbolos dos evanxelistas, superpostos dous e dous; só os dous da esquerda, Mateo e Lucas, permanecen no seu sitio, aínda que deteriorados; os outros dous e o pantocrátor consérvanse no Museo Marés. De novo o mestre principal, podémoslle chamar o mestre de Carboeiro, debe ser o autor deles.

A valoración que se fixo desta portada pecou un tanto por exceso como por defecto. Algúns pensan nunha participación directa do mestre Mateo ou nunha inmediata supervisión deste. Para outros, pola contra, a calidade é un pouco baixa e froito dunha ruralización. O único certo é que o autor era un seguidor de Mateo que coñecía os seus repertorios iconográficos e ornamentais, así como as técnicas que el utilizaba, aínda que non chega a igualalo. Ten, non obstante, forza pata formar algún seguidores que se amosan torpes, a pesar do seu desexo de emulalo.

O mestre de Carboeiro era, pois, un artista formado con Mateo e coñecedor da arte de Borgoña. Debeu realizar a cabeceira e, quizais, o cruceiro, os muros perimetrais, a porta sur e a maior parte das pezas da principal. A dedicación a Carboeiro debeuse prolongar bastantes anos. Se cadra o colaborador máis inmediato, o que lle axudaba na portada occidental, rematou a obra ao suprimir as proxectadas e iniciadas bóvedas antes os problemas que supuxo o derrubamento da esquina noroeste do cruceiro. A este segundo mestre poderíase deber tamén a porta norte. Con estes artistas colaboraron outros que deixaron a súa pegada nos capiteis, feito que explica as diferencias que se observan neles.

O inicio das obras coñécese polos epígrafes da base da cripta e do muro sur da igrexa alta do ano 1171, pero ignórase a data de conclusión. O único dato, relativo, é a doazón ad opus que, no ano 1193, efectúa dona Urraca Fernández, filla do conde don Ferrán Pérez de Traba. Quizais o templo non se concluíu ata os últimos anos do século XII, xa moi preto do ano 1200, como corresponde ao estilo e aos autor.

Ramón Yzquierdo Perrín. Arte protogótica. En Galicia XI. Arte. Proxecto Galicia. Hércules Ediciones. pp 170-177

Fotografías: INICIARTE

23/10/17

Mosteiro de san Lourenzo de Carboeiro: a igrexa alta


A igrexa alta ten planta de cruz latina, con tres naves no brazo maior e unha no cruceiro. A capela maior é poligonal e arredor dela desenvólvese un deambulatorio de cinco tramos con tres capelas. Esta cabeceira constitúe a parte máis complexa e de maior calidade de todo o  conxunto, tanto desde a perspectiva arquitectónica como ornamental, agás as portadas. É, ademais, unha parte que chegou casa intacta aos nosos días, un conxunto unitario no que todo parece proxectado e realizado por un mesmo mestre axudado por uns colaboradores que seguen as súas directrices.

A capela maior semidecagonal queda limitada por columnas lisas grosas que articulan, ao mesmo tempo, os tramos do deambulatorio. Levántanse sobre penas altas, que coinciden coas columnas da cripta, e teñen bases de tipo ático con gadoupas. Rematan en capiteis vexetais e os cimacios decóranse con motivos xeométricos como liñas en zigzag, rombos aliñados e outros motivos frecuentes no románico avanzado. Nestes cimacios estean arcos apuntados e sobre-alzados que, como sinalou o profesor Azcárate, teñen por obxecto gañar altura e constitúen un sistema similar ao que se utilizou en mosteiros do Císter. Tamén apoian neles as columnas pequenas que reciben os nervios da bóveda e que, ás veces, destacan sobre o cimacio. As follas dos capiteis presentan a miúdo eixes perlados. Na parte alta ábrense ventas con arco de medio punto moldurado e tornachuvias con festón de arcos que apoian en columnas acobadadas; nos capiteis, de follas estilizadas, non faltan as socorridas perlas.

O arco triunfal da capela maior é de medio punto, sección prismática e estea en columnas embutidas con capiteis de estilizada decoración vexetal. Aos lados levántanse os arcos que levan ao deambulatorio, tamén de medio punto, dobrados, con peralte ao igual dos formeiros e faixóns das naves laterais.

Nos extremos do cruceiro ábrense capelas semicirculares incrustadas no grosor dos muros, especialmente longos por mor das torres que se levantan á altura do primeiro tramo do deambulatorio.

O deambulatorio, froito da proxección de cada un dos lados do remate da capela maior, consta de cinco tramos trapezoidais con tres capelas radiais, tanxentes entre si, nos centrais. Nos extremos ábrense as portas de acceso á escaleira de caracol que conduce á cripta e ás torres. Cada tramo do deambulatorio cóbrese con bóveda de crucería cuadripartita. (…) Os arcos que articulan os tramos son iguais aos da entrada ao deambulatorio, pero sen dobrar, e estean nas columnas da capela maior e nos piares que se forman entre as absidais. 

O tímpano norte da porta de acceso á cripta decórase cunha cruz de tipo prerrománico e o sur cunha estrela de seis puntas flanqueada por flores e arcos de ferradura pequenos.

As capelas absidais teñen cabeceira semicircular precedida dun tramo recto. O feito de que sexan tanxentes entre si é unha peculiaridade única entre todos os deambulatorios galegos do século XII, nos que sempre se produce unha alternancia de tramos con e sen capela, segundo o modelo utilizado en Santiago.(…)

O cruceiro, de nave única, divídese en cinco tramos mediante arcos apuntados sobre columnas embutidas. As bases teñen, por veces, plinto semicircular e diversos motivos ornamentais, entre os que destaca un con palmas aneladas. (…)



As tres naves do brazo maior da cruz sepáranse por medio de piares compostos que soportan os arcos faixóns e os formeiros. Teñen un núcleo prismático ao que se unen, en tres das frontes, outras tantas columnas. O único lado que non ten columna ata a base do piar é o que mira cara á nave maior; nese lado truncan á altura dos capiteis dos formeiros e rematan en ménsulas sinxelas. As bases reiteran o esquema ático e algunhas decoran o plinto con motivos xeométricos sinxelos.


Todos os capiteis se ornamentan con follas estilizadas adheridas ao núcleo. Segundo o tratamento, distínguense varios tipos que revelan non só o traballo de diversos canteiros, senón tamén diferentes tendencias artísticas. En primeiro lugar encóntranse os capiteis de follas recortadas que seguen esquemas de tradición mateana, nalgún caso incluso con eixes perlados ou sogueados. Outros rematan con volutas pequenas ou, se non, as follas, dispostas nunha ou dúas ordes, rematan en bólas pequenas. Finalmente, algún capiteis presentan un entrelazado de cintas sinxelo (…).

Os arcos formeiros son de medio puntos, dobrados, considerablemente sobre-alzados e de sección prismática. A factura evoca os da catedral de Santiago e para a reconstrución que se fixo foi necesario tallar bastantes doelas. Os faixóns da nave central eran lixeiramente apuntados, coma os do cruceiro, mentres que os das naves laterais teñen a mesma directriz dos formeiros. Por un dos extremos estean en columnas inseridas; levantadas sobre un banco de fábrica de aresta moldurada. Unhas ventas sinxelas con cortes nesgados iluminaban as naves; a esta iluminación tamén contribúen os rosetóns da fachada principal que aínda existen.

Sobre a porta principal, no grosor do muro, practicouse unha galería á que se accede pola escaleira de caracol situada ao final da nave norte e que permite, igualmente, subir á torre da fachada. A súa construción causou a perda do rosetón grande que nela se abría e fixo necesario un corredor, así como a asimetría das partes altas do frontispicio. Corredor, rosetón grande e escaleira embutida no muro repítense nas fachadas de Santiago, Portomarín e Ribas de Sil, isto é, en obras que proxectou o mestre Mateo ou os seus discípulos máis sobranceiros.



As naves laterais cóbrense con bóvedas cuatripartitas con nervios que se enlazan xuntos aos arcos, moldúranse coma os do deambulatorio e decoran as claves de maneira similar ás destas. (…)

Ramón Yzquierdo Perrín. Arte protogótica. En Galicia XI. Arte. Proxecto Galicia. Hércules Ediciones. pp 170-177.


Fotografías: INICIARTE

27/3/17

Igrexa de san Martiño de Mondoñedo (Lugo): muro norte


"No muro norte das naves todos os autores coinciden en que, na parte inferior, se aproveitou un paramento anterior cunha altura maior cara ao leste e que diminúe cara a occidente, onde acaba por córtalo o da fachada principal. Unha parte deste muro antigo perdeuse ao abrir, quizais no século XVI, a porta norte, con arco de medio punto amplo esteado directamente sobre as xambas. 
Á media altura (do exterior do muro) do cruceiro, destacando só no alzado, ábrese unha ventá coma a das capelas laterais, que está desprazada cara a occidente, rompendo así a habitual simetría.




Remata este lenzo do muro unha serie de canzorros, diferentes tanto aos da cabeceira coma aos das naves, xa que teñen maior largo e menor altura ca eles, así como un tratamento plástico distinto, que podería levar a súa datación mesmo aos comezos do século XIII, data á que apuntan tamén os motivos ornamentais. As cubertas decóranse con bólas distribuídas ritmicamente.



No extremo oriental do muro norte das naves abríase unha porta no edificio prerrománico, cun arco que talvez se remodelou ata convertelo en semicircular e perfilalo con chambrana de tacos. Hoxe está cegada e o actual nivel do terreo faina impracticable. Na media altura do muro das naves ábrense tres ventas coma as anteriores, entre elas e sobre elas o aparello volve ser de perpiaño granítico regular.  

Todo apunta, pois, a que daten dos tempos do bispo Gonzalo. Son posteriores, sen embargo, os trinta e catro canzorros visibles no remate do muro, nos que abundan os figurados; o obradoiro que os labrou domina un amplo repertorio temático e ornamental. Entre eles vence un par de espinarios, tema repetido noutros do interior do templo, acróbatas, un rei, un músico –que toca na fídula-, cabezas humanas e animais diversos, completos o só coas cabezas. Moitos deles teñen como obxecto fustigar a luxuria nas súas diferentes manifestacións; nun dos canzorros deste muro ten unha das representacións máis crúas do noso románico, pois aparece unha parella copulando. Son, pois, minoría, os que se ornamentan con motivos vexetais ou xeométricos. 





As cubertas córtanse en caveto e nunha delas vese unha figura humana coas mans sobre o ventre e as pernas dentro dunha especie de sudario. O excepcional da peza e do tema representado fai sospeitar que se colocase aquí posteriormente. 


Ramón Izquierdo Perrin. "San Martín de Mondoñedo." En Galicia. Art. Volumen X. Arte medieval I. A Coruña, Hércules, 1993, pp.171-187. 171-173 páXinas do texto.

Fotos: INICIARTE.

3/12/15

Catedral de Tui: cruceiro


“Despois da cabeceira faríase o transepto, sen as absidiñas de Santiago, e posteriormente concluiríanse os muros laterais ata os pés. O cruceiro ten só tres tramos a cada lado; o primeiro, no que se cruzan as naves laterais do brazo maior da cruz coas do cruceiro, é de planta cadrada e os outros dous rectangulares. É, pois, o único de Galicia, agás o da catedral compostelá, con tres naves, que se separan mediante piares compostos de sección cruciforme coma os de Santiago. 



As columnas encaixadas sobre bases áticas, ás veces sen escocia e outras con motivos diversos, rematan en capiteis con decoración variada, abundando os vexetais con tratamentos e tipos de follas diferentes; outros son zoomórficos con leóns, bóvidos, grifóns e aves enfrontadas que peteiran nun cáliz central; nalgúns aparecen figuras ou cabezas humanas que por veces se superpoñen á follaxe e outras veces forman escenas diversas, como o que parece conter unha anunciación, unha visitación e un berce co Neno (peza tan excepcional  cre Bango que ten “moito aire gotizante”); por último, tampouco faltan os capiteis con trenzados complexos.


Os capiteis desta fase non se limitan aos piares do cruceiro senón que se estenden ás columnas pegadas aos muros das naves laterais. Nestes predominan os de temática vexetal, aínda que no último da nave sur vemos leóns.

Os arcos formeiros do cruceiro e os de acceso ás capelas da cabeceira son de medio punto, dobrados, peraltados e de sección prismática, polo que volven evoca os da catedral de Santiago; parecidos son os dunha soa rosca que separan os tramos das naves laterais, cubertas por bóvedas de arestas. Nos muros do cruceiro vense aínda algunhas ventás románicas sobre unha imposta de tacos e máis arriba outra imposta lisa une os cimacios".


Ramón Yzquierdo  Perrín. Galicia. Arte. A Coruña, Hércules, 1993, Tomo X. pp 243-243

19/11/12

O Mestre Mateo e o seu coro pétreo da catedral de Santiago

Como é ben coñecido, o 23 de febreiro de 1168 o rei Fernando II acordou ao obras que debería dirixir o Mestre Mateo na catedral compostelá. Repasando a intervención do artista no templo, temos que foi o responsable de rematar as naves, dunha complexa cripta, do Pórtico da Gloria, dunha tribuna sobre o mesmo, de rematar a fachada occidental coas súas dúas torres cadradas, ademais de facer un riquísimo coro pétreo nos primeiros tramos da nave maior que sería rematado ao mesmo tempo que o resto das obras, é dicir, o 23 de abril de 1211.

Imos deternos deste último, fantástico e desaparecido, traballo do Mestre Mateo: o coro pétreo. Esta obra ocupaba os catro primeiros tramos da nave maior, sendo os tres primeiros para a sillería e o cuarto para o “leedoiro”.

O coro foi sustituído por outro barroco de madeira a principios do século XVII, sendo, este último, retirado nos anos corenta do século XX (pero esto é outra historia). O conxunto estaba formado por unha sillería baixa (banco pétreo con respaldo para os clérigos de menor rango) e outra alta (banco de pedra con arquearías cegas na fronte con decoración para os sacerdotes de maior importancia do cabildo catedralicio), ademais dalgúns elementos de madeira. En total tiñan asento os setenta e dous membros do cabildo. Pola súa banda, o leedoiro, estaba composto por unha tribuna na que se realizaban as lecturas litúrxicas.

Sobre o banco superior asentábanse unhas columnas que delimitanban os asentos, ademais de soportar os plafóns e crestería do coro. Entre as columnas dianteiras e as posteriores, tendíanse os brazais que estaban decorados con arquearías caladas semenllantes aos do banco. Cada asento, seguramente, completábase con elementos de madeira, almofadas e coxíns, xa que tales ornamentos pódense contemplar en pinturas e miniaturas da época.

O profesor Izquierdo Perrín continúa facendo a descrición do coro do seguinte xeito: “
 Unha espléndida cornixa con follas radiais que alternan, cada dúas, cunhas pequenas bólas sobre basamentos troncopiramidais que rematan os desmochados tellados das arquitecturas dos doseletes, coroaba tan magnífica crestería. Nela a beleza das formas e a calidade e perfección de labra realzaban a mensaxe que transmitía: a contraposición entre o canto enganoso dos praceres mundanos, representados polos animlaes do bestiario medieval, co de encomio ao Creador que no coro interpretábase e que tiña nos inocentes nenos de coro a súa máis xenuína plasmación. A policromía a base das cores vermello, azuzl, branco, negro e ouro, da que quedan elocuentes vestixios a pesar das perdas sufridas nos últimos anos, completaba tan rico conxunto escultórico e iconográfico”.

Pero o máis chamativo deste coro foi a súa destrución, acontecida entre finais de 1603 e principios de 1604 por unha decisión do calbildo catedralicio.  Onde están as pezas da obra do Mestre Mateo…

Unha boa parte foron parar ás obras que se estaban a realizar na escalinata do Obradoiro, tanto no recheo das bóvedas da cripta do Pórtico como na pavimentación das propias escaleiras e a loxia que as remata.


Pero, como afirma o profesor Izquierdo, “ a maioría das pezas do antigo coro empregáronse como material de construción e só as figuras da parte alta dos muros perimetrais reutilizáronse noutros conxuntos, sobre todo na Porta Santa da catedral compostelá. Segundo o debuxo, que cara a 1660 fixo o cóengo fabriqueiro don Xosé Veiga e Verdugo na portada, construída entre 1611 e 1616, colocáronse doce figuras; anos despois, Peña de Toro remodélaa e engade outras doce máis, ata alcanzar as dúas ducias que nela ven e que popularmente se coñecen como “os vintecatro da Porta Santa”. Para rematar as rúas en que se encaixaron ditas imaxes,  encastráronse catro plafóns tamén procedentes do coro mateano. Polo anterior flanquean a porta un par de figuras máis que foron repintadas en reiteradas ocasións (…) A finais do século XVIII Domingos de Andrade terminou de configurar esta fachada da Porta Santa coas hornacinas, imaxes e demais motivos ornamentais da parte superior.

Encima do retablo da capela de Santa Fe estivo colocada, ata os anos setenta do século XX, outra das figuras do peche do coro medieval, entón retirouse e depositou no Museo da Catedral. Neste museo e nos seus almacéns atópanse algunhas figuras máis, unhas enteiras e outras mutiladas. A última  rescatouse en 1988 da cimentación dun muro da Buchería (sotos do claustro).

Fóra da catedral atópanse unhas cantas esculturas máis. Dúas reutilizáronse, cara a 1670, nunha fonte na parroquia de san Pedro de Vilanova (Vedra, A Coruña)(…) Outras dúas imaxes do coro foron a parar a mans de particulares e hoxe atópanse no Museo Arqueolóxico Nacional por mercalas o Estado en 1950 e 1961.

Tamén certas figuras de nenos ou mozos de coro que ían entre os dosoletes dos estalos foron reutilizados en diferentes lugares e momentos. Por exemplo unha parella estivo ata 1970 na porta da capela de san Xoán na ferigresía de san Salvador de Bembibre (Val do Dubra, A Coruña), sendo entón devolta á catedral. Outra permanece ao pé do cruceiro do camposanto da parroquia compostelá de santa Cristina de Nemenzo. Pero as máis coñecidas, sen dúbida, as que a finais do século XIX colocou Lopez Ferreiro na fachada de Praterías. Algunha máis garda o Museo da Catedral, en cuxo almacenes depositáronse os fragmentos doutras atopados ao realizar diversas obras.” 

A maioría das pezas do coro foron reutilizadas nas obras da catedral polo que a súa recuperación vai vencellada ás reformas ou escavacións que se desenvolveron no templo catedralicio.  Deste xeito, e xa con López Ferreiro en 1900, foron sendo recuperadas diversas pezas. Posteriormente na década de 1940 e 1950 continuaron recuperándose diversas pezas ao levantarse o coro barroco. A partir de 1978, durante as obras na escaleira do Obradoiro, recuperáronse un número importantísimo de pezas. Nos anos oitenta continuáronse recuperando fragmentos sendo os últimos achádegos de 1998.

Bibliografía:
Ramón Izquierdo Perrín. Reconstrucción del coro pétreo del Maestro Mateo. A Coruña, Fundación Barrié, 1999.
Fotos: INICIARTE e  as da reconstrución proceden do libro citado.