Mostrando entradas con la etiqueta Arquitectura romana en Galicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arquitectura romana en Galicia. Mostrar todas las entradas

14/11/22

A Domus Mitreo de Lugo

 


A escavación arqueolóxica do Pazo de Montenegro

No ano 1998 a Universidade de Santiago de Compostela decidiu situar a sede da Vicerreitoría do Campus de Lugo no antigo Pazo de Montenegro, un edificio cunha situación privilexiada dentro do centro histórico.

Preto atópanse algúns dos monumentos máis destacados de Lugo, como a Catedral de Sta. María, situada enfronte, na mesma praza, en tanto na súa parte posterior está a Muralla romana, cunha das súas portas principais, a de Santiago.

O control arqueolóxico previo á construción da Vicerreitoría documentou a existencia de restos romanos que obrigaron a reformular as obras previstas e a realizar varias campañas arqueolóxicas entre os anos 2000 e 2007.

A escavación, que se cinguiu a unha área duns 600 m², permitiu descubrir unha parte significativa dunha antiga domus romana e un espazo de culto relixioso –un Mitreo privado–. Ademais permitiunos coñecer a parte inferior da muralla romana ata os seus cimentos.

 

A Domus

Aínda que se atopou algún material datado na época fundacional da cidade, a do emperador Augusto, a estrutura da domus pertencía ao período altoimperial (ss. II-inicios do III).





A escavación arqueolóxica sacou á luz algunhas das súas dependencias, características das grandes casas romanas, como a culina (cociña), cubicula (cuartos), o oecus (salón) ou o peristilo (patio porticado). Era unha vivenda de dous pisos, de luxo, como o demostran tanto as coidadas técnicas construtivas empregadas (destaca o seu sistema hídrico ou o de protección contra a humidade executado tal e como o describe o arquitecto Vitruvio), como a súa decoración (os frescos do oecus) e outros materiais atopados, algúns deles de importación (cerámica do Exeo e morteiro de mármore, entre outros).





A principios do s. III d. C. a casa remodélase, sufrindo cambios significativos nas funcións ou tamaño dalgunhas das súas dependencias, e é por volta do 212-218 d. C. cando se constrúe no primeiro piso o templo dedicado ao deus  Mitra.

Poucos anos despois desta transformación, a finais do s. III d. C. iniciarase a construción da muralla que pasará, literalmente, por encima da  domus, provocando a súa destrución parcial. O  Mitreo, pola contra, non sufrirá dano ningún e permanecerá en uso ata o ano 350 d. C.





Durante a Idade Media, este espazo –onde estivo situada a luxosa casa romana– converterase no vertedoiro das obras da Catedral, posteriormente en necrópole e finalmente no lugar de constución do Pazo de Montenegro.





 

O Mitreo

O Mitreo, lugar onde se celebra o culto do deus Mitra, de orixe oriental, sitúase na primeira planta da domus. É un edificio de pequenas dimensións (154 m2), como era habitual nestes cultos realizados por grupos reducidos de fieis.




Presenta a planta característica destes templos: unha nave central con pilastras laterais, que probablemente tería a ambos os dous lados bancos de madeira que non se conservaron. O chan, que parece semellar o dunha cova, é artificial e foi conscientemente elaborado desta forma para adaptarse á lenda mitraica. Non se atopou a imaxe do deus que debería estar ao fondo da nave, pero acháronse restos de bronce que poderían pertencer a ela. Dispomos, con todo, dun achado excepcional, unha inscrición votiva cun magnífico grao de conservación, tanto do soporte como do texto, que se pode ler na súa integridade:

Deo / Inuic(to) Mithrae / G(aius) Victorius Vic/torinus (centurio) L(egionis) VII G(emina) / Antonianiae P(iae) F(elicis) / in honorem sta/tionis lucensis / et Victoriorum / Secundi et Vic/toris lib(ertorum) suor/um aram po/suit libenti animo (hedera)







Ao invicto Mitra, Gaius Victorius Victorinus, centurión da Lexión VII Gemina Antoniniana Pía Feliz, en honra da statio de Lucus Augusti e dos Victorios Secundus e Victor, os seus libertos. Colocou esta ara de bo grao.

O texto non só nos fala do deus senón que tamén nos permite coñecer a identidade do dono da casa, Victorio Victorino, e a de dous dos seus libertos, aos que tamén lles dedica a inscrición. Sabemos, ademais, cal era a súa ocupación e posición social, a de centurión da statio, un edificio de control da administración romana. A ara pode contemplarse in situ, no mesmo lugar en que foi atopada.

 

A Muralla Romana

O Museo da domus é un lugar privilexiado para contemplar a muralla romana, pois é o único punto en toda a cidade que permite observala ata os seus cimentos, xa que a escavación afondou sete metros por baixo do nivel do Lugo actual. Isto permitiu estudar a súa estrutura e métodos construtivos. Aquí é posible ver o zócolo de cimentación, os restos dos materiais empregados na súa construción (lousa, granito ou cuarcitas), o encalado exterior, as xuntas estruturais, as escaleiras de acceso interno ás torres ou as marcas deixadas polas diferentes collas que traballaron nela.





Texto: Web da Domus Mitreo.

Fotos: INICIARTE

24/10/22

Caldoval: xacemento romano en Mugardos (A Coruña)


 

O Museo

O museo de Caldoval está concibido como un Centro de Interpretación do xacemento romano atopado en Mugardos. O proxecto foi adxudicado ao estudo de Afonso Penela, que deseñou para tal efecto un edificio mausoleo que pretende recuperar a cota do nivel do mar, altura orixinal da villa a mare de Caldoval. Unha proposta arquitectónica e escenográfica que fainos esquecer o contexto contemporáneo e lévanos, a través dunha rampla en espiral descendente, a un espazo neutro de grandes dimensións para poder apreciar en estado virxe os restos de hai 2.000 anos. Unha gran pasarela paraboloide rodea o xacemento para poder contemplalo dende varias alturas e perspectivas.



O Centro de Interpretación de Caldoval, finalizado no 2015, aséntase sobre unha parcela de 10.500 metros cadrados, con aparcamento e plantación de árbores. No seu interior, de 1.600 m2 construídos, hai unha sala de exposicións con materiais orixinais e recreacións de utensilios, roupas, xogos, pelotas, vaixela cerámica…; e varios audiovisuais de gran tamaño que reproducen o estilo de vida das persoas da época e o uso que facían das termas.


 TRASLADO

Cando en 1997 se localizan unhas estruturas murarias en terreos da empresa Reganosa, na parroquia de San Vicente de Mehá, en Mugardos, non se coñecía aínda a relevancia histórico-patrimonial do achado. No 2001, realízase unha primeira escavación para avaliar a importancia arqueolóxica dos restos. É aí cando se determina que estamos ante un importante xacemento de época romana. Sería necesaria unha segunda escavación noutro sector da parcela para determinar a natureza do xacemento, probablemente unha Vila Romana do século I d.C, cuns baños domésticos. É a partir deste momento cando se comeza a pensar no traslado e musealización dos restos. En agosto de 2004 retómanse os traballos arqueolóxicos para finalizar a escavación do xacemento e comézanse a trasladar as estruturas dos baños. Estes traballos finalizan en abril de 2005.






 Características

O xacemento de Caldoval é ata agora o único baño doméstico (balneum) con palestra atopado en todo o noroeste peninsular. Uns restos romanos en gran estado de conservación que pertencen a unha villa a mare atopada na enseada de Santa Lucía, en Punta Promontorio, no Concello de Mugardos. Esta residencia rural pertenceu seguramente a unha persoa da elite galaico-romana, quizais un rico comerciante ou alguén dedicado á explotación de produtos mariños como as salgaduras de peixe, moi frecuentes por toda a costa galega e mesmo na ría de Ferrol, no xacemento da enseada de Cariño. Estivo en funcionamento entre os séculos I. e V d.C., na época do Imperio Romano, e era habitual que a persoa propietaria non vivira permanentemente na vila, deixando a administración da mesma a cargo dun villicus.

As escavacións realizadas entre o 2001 e 2006 nos terreos da empresa gasística Reganosa, identificaron dúas zonas con restos de construcións romanas. A primeira zona é o denominado Sector 1, no que se atoparon ata 5 estancias que parecen estar relacionadas con actividades produtivas e comerciais. A parte musealizada correspóndese co Sector 2, un edificio termal dedicado á hixiene, á saúde corporal e probablemente tamén á práctica do deporte. Algunhas construcións do xacemento estaban afectadas polo efecto das mareas. Temos que ter en conta que a liña de costa ten sufrido diversas alteracións desde a época romana. Moitas das dependencias domésticas como a cociña (culina), as habitacións (cubiculi), etc.., non foron identificadas.

 

 PALESTRA

Un dos elementos máis destacados do balneum de Caldoval é o gran patio exterior rodeado de muros localizado na zona orientada ao mar. Segundo algúns arqueólogos podería tratarse dunha palestra. Un espazo que no mundo romano adoita estar dedicado á práctica deportiva, ao exercicio, os xogos de pelota, pero tamén ao paseo e ao ocio en xeral. O interese deste recinto ten que ver co feito de que as palestras aparecen frecuentemente en termas públicas, pero son moi escasas en baños domésticos como o de Caldoval.




Nun lateral do patio atópase unha zona porticada que frecuentemente era usada como espazo complementario á palestra e nela podíanse realizar algúns exercicios físicos, practicar xogos de mesa e outras actividades de lecer, especialmente nos momentos en que as condicións climatolóxicas non permitían o uso da área exterior. Nesta zona do pórtico foi encontrada unha estrutura cónica de ladrillos de uso non identificado. Podería tratarse dun impluvium ou colector de augas, ou dunha fonte para refrescarse, pero a súa funcionalidade aínda non puido ser confirmada.

 

 FRIGIDARIUM

Na zona dos baños propiamente dita, temos o conxunto das estancias frías chamado frigidarium. En Caldoval esta parte do balneum está formado polo vestiario ou apodyterium, (onde se poñían as roupas de baño, realizábanse masaxes, e agardaban quenda para entrar nas estancias quentes) e máis a bañeira de auga fría ou alveus. En realidade non se trata dunha bañeira como podamos entendela hoxe; máis ben é un cubículo cadrado que podía ter as dimensións dunha piscina, nese caso chamaríase natatio. O alveus de Caldoval está en moi bo estado, conservándose incluso o revestimento opus signinum do fondo; motivo polo cal decidiuse trasladar esta peza enteira mediante unha técnica de encofrado. O circuíto termal continuaba no tepidarium ou habitación morna. 





En Caldoval ten a peculiaridade de ser probablemente reconvertida nalgún momento en sudatorium ou estancia quente seca, posto que hai un praefurnium (sistema de calor por combustión externa típico das termas romanas), dun momento posterior.

 

CALDARIUM

O caldarium está formado polo conxunto das salas quentes, que son calefactadas grazas ao hypocaustum. Este sistema, inventado polo enxeñeiro Gaio Sergio Orata, consistía nunha cámara de aire baixo o chan alimentada pola calor do forno exterior. Está sostida por columnas ou pilae de ladrillos que serven de apoio para a base chamada suspensura, formada por outros ladrillos chamados bipedalis (de 2×2 pés romanos). O hipocausto aparece tapiado na súa conexión coa sala quente primitiva, onde se sitúa a apertura do primeiro praefurnium, de aí a hipótese do cambio de uso da sala tépeda. O caldarium en Caldoval pode estar formado por un laconicum, ou sala de vapor a 55º, e un alveus de auga quente, a uns 40º. O normal despois era desandar o camiño cara a sala morna e finalizar os baños no alveus de auga fría para pechar os poros.






No xacemento de Caldoval tamén podemos ver as vías de evacuación das augas. Unhas canles feitas con base de lousa e laterais de xistos que se dirixen ao mar. Estas canalizacións colectarían as augas pluviais e as augas sucias que sairían das bañeiras; nas que se atoparon orificios de saída e unha tubaxe de chumbo.

TEXTO: Museo de Caldoval.

FOTOS: Inicarte

 

15/11/21

Campamento romano de Ciadella en Sobrado dos Monxes (A Coruña)


En setembro de 2020 visitamos este campamento romano que volvía ser escavado. Como introdución ao mesmo podemos ler o que nos conta a wikipedia:

O campamento romano de Ciadella foi un asentamento militar activo entre os séculos II e IV, situado no tramo viario entre  Brigantium e  Lucus Augusti, entre as actuais parroquias galegas de Ciadella (Sobrado) e San Vicenzo de Curtis (Vilasantar). Nel mantíñanse entre 500 e 600 militares da Cohors I Celtiberorum Equitata civium  romanorum, que tiña a súa sede en Lucus Augusti. Esta unidade auxiliar do exército imperial romano tivo como función a vixilancia da Vía  XX, traballo que desempeñou entre os anos 123 e 395.

A Cohors I Celtiberorum  Equitata civium romanorum, formada no ano 80, sería trasladada desde Mauritania a Hispania no ano 123, adscrita á Legio VII Gemina (León) por orde do emperador  Adriano, como dá testemuño a Tessera de Castromao (Celanova):

Os  Coelerni do convento  Bracaraugustano da provincia  Hispania  Citerior fixeron pacto de hospitalidade con Cayo Antonio Aquilo, prefecto da Cohors I Celtiberorum, para si, para os seus fillos e para os seus descendentes.

Cayo Antonio  Aquilo realizou pacto de hospitalidade cos Coelerni, para si, os seus fillos e os seus descendentes.

Actuou como legado (dos  Coelerni) Publio Campanio Leminiano

 


O recinto foi construído entón, nun  altiplano de 480 metros sobre o nivel do mar, rodeado por unha pequena cadea montañosa, preto do río  Cabalar. Tiña unha muralla perimetral de 172 x 140 metros, coas esquinas redondeadas, e un foso externo que complementaba as funcións defensivas da muralla. A extensión do campamento era de 2,4 hectáreas. Existían ademais catro portas de acceso ao campamento, e varias torres de vixilancia. No interior había dous edificios principais. Un deles era Principia (cuartel xeral), de planta case cadrada, que medía 29,5 x 29,6 metros. Á beira de Principia estaba o Praetorio (residencia do comandante) de 38 x 29,6 metros. Os dous edificios estaban separados por unha ampla rúa. O resto dos edificios serían barracóns, sanitarios, cuadras para os animais e unha cantina.

O abandono do campamento tivo lugar no século IV, cando a unidade militar foi trasladada a Iuliobriga (Cantabria). Foi entón cando comezou o seu deterioro, sobre todo na época da ocupación  xermánica, a pesar de que nalgunhas épocas foi novamente habitado. No século XIX sufriu o espolio da súa cantería para a construción de edificios veciños.



As primeiras escavacións do recinto comezaron oficialmente en 1934, dirixidas por Angel del Castillo López e Sebastián González, sendo Castillo quen identificou en 1943 que se trataba dun campamento romano e non unha mansio (paradas oficiais nos camiños romanos). Os materiais atopados no lugar foron abundantes, destacando pezas de cerámica, vidros e utensilios de ferro e bronce. Atopáronse tamén moedas, pertencentes a un rango de tempo que engloba desde Domiciano (ano 86) ata Claudio II (ano 270). A maioría destas pezas atopadas na Ciadella están expostas de maneira permanente no Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón, na cidade da Coruña.

 


Pola  súa banda, NationalGeographic deu conta das escavacións de 2020 que foi cando tirei as fotos, nun arrigo de Carme Mayans:

Arqueólogos da Universidade de Vigo deron a coñecer os resultados da última campaña de escavacións neste antigo campamento romano da provincia da Coruña.



No municipio coruñés de Sobrado dos Monxes atópanse os restos do antigo campamento romano de Ciadella. Aquí, a principios do século II d. C., estivo acuartelada a Cohors I Celtiberorum, unha unidade que dependía da Legio VII Gemina, con base no actual León. Composta por soldados de cabalería e infantería, a súa función principal era a de garantir as comunicacións entre Lucus Augusti (Lugo), unha das capitais romanas do noroeste, e o porto de Brigantium (A Coruña), ademais de controlar as explotacións mineiras da zona e dar soporte á administración para a cobranza de impostos.

O xacemento está a ser escavado pola Universidade de Vigo, que conta co apoio da Xunta de Galicia, e os traballos atópanse baixo a dirección de Adolfo Fernández, director do proxecto e membro do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüedad e Territorio ( GEAAT) da devandita universidade. Tamén conta coa participación dos profesores do campus de Ourense Fermín Pérez, Susana Reboreda e  Ladislao Castro.



As escavacións que se levaron a cabo durante os últimos dous meses (cun parón de tres semanas pola pandemia do Covid-19) achegaron grandes avances ao coñecemento deste asentamento militar. Segundo Fernández, este xacemento "é moi complexo porque presenta unha ocupación prolongada desde a construción inicial do campamento militar, probablemente xa a finais do século I e logo coa posterior chegada da Cohors I Celtiberorum, ata os séculos XII- XIII, cunha importante ocupación tardoantigua que se estende por encima do campamento romano e está asociada a unha igrexa primitiva  altomedieval, que no século  XII foi trasladada a poucos metros fose do asentamento".

O xacemento presenta unha ocupación prolongada desde a construción inicial do campamento militar, probablemente xa a finais do século I.



Aínda que o xacemento xa foi escavado na década de 1990, os novos traballos centráronse nunha estrutura que os arqueólogos chamaron edificio 1-2. Aquí documentáronse os muros norte e oeste dunha gran estrutura do campamento. Entre este edificio e a muralla localizouse un camiño perimetral, un tipo de calzada que recibe o nome de  via  singularis.

O equipo arqueolóxico ha detectado así mesmo "unhas importantes fases de  reocupación civil do xacemento datadas a finais do século IV e outra posterior, xa do século VI en diante, que inclúe unha necrópole  tardoantigua e  altomedieval que non se coñecía en toda a súa extensión. Algunhas das tumbas conservaban parte do sartego de madeira, polo que a súa escavación está a ser moi complexa", segundo conta Adolfo Fernández.



Detectáronse unhas importantes fases de  reocupación civil do xacemento datadas a finais do século IV e outra posterior, xa do século VI en diante.

Os arqueólogos tamén escavaron na zona do chamado edificio 4 e retiraron a capa de vexetación que cubría os restos xa coñecidos. Tamén está previsto realizar escavacións puntuais para estudar algunhas estruturas do campamento romano ocultas baixo edificios de época posterior co obxectivo de coñecer en profundidade a planta do antigo campamento e as funcións das edificacións que se levantaron encima séculos despois. Segundo Fernández, "toda esta área estará lista para o seu rexistro pormenorizado mediante  fotogrametría 3D e máis tarde procederase a realizar escavacións puntuais co obxectivo de clarificar as estruturas  campamentales aquí escondidas baixo unha importante ocupación  tardoantigua e medieval protagonizada por unha igrexa e outras edificacións anexas". A fase final será a posta en valor e conservación dos vestixios e a musealización dos mesmos para que sexan comprensibles para os futuros visitantes.


Fotos: INICIARTE

E para rematar un vídeo de 2011 onde presenta o xacemento o seu arqueólgo dos anos 80´, José Manuel Caamaño Gesto: 

25/10/21

Vila romana de Noville en O Seixo (Mugardos, A Coruña)

 


Re-creación da vila romana de Noville

Coñecín este xacemento cando traballaba no IFP de Barallobre (Fene) da man do arqueólogo Fermín Pérez que dirixiu as súas dúas únicas campañas e que terían como resultados o achegamento ao 5% do territorio ocupado. Fora todo un pracer e unha honra recibir as explicacións ademais de compartilas co meu alumnado. Xa naquel intre (hai trinta anos) Fermín comentara as dificultades para continuar coas investigacións polo que o xacemento estaba a entrar nunha xeira de abandono que, agardaba, nun supuxera danos irreparables no mesmo.



Fotos do chamado Sector A ou zona nobre

Pois ben, en outubro de 20021, volvín visítalo (data das fotografías) para constatar o vergoñento estado de abandono da vila.

O seguinte texto procede da web da vila:

O xacemento de Noville está, a nivel xeográfico e histórico, dentro do Golfo Ártabro que segundo as fontes clásicas (Pomponio Mela,  Plinio o Vello, Ptolomeo...) sufriu unha forte romanización. Os achados arqueolóxicos así o constatan; máis aló da proximidade de Noville ao ben coñecido faro romano de Brigantium (A Coruña) e por tanto a importantes vías de transporte mariño (tanto de cabotaxe peninsular como de travesías a zonas afastadas do Imperio Romano, como tales as Illas Británicas), Noville é unha máis das numerosas vilas romanas das que se ten constancia no noroeste atlántico da Península Ibérica.






Zona do hipocausto

A vila mariña romana competa de Noville (Mugardos), habitada entre os séculos III ao IV d.  C. é un dos xacementos romanos de maior relevancia da provincia da Coruña. A súa escavación, dirixida por Fermín Pérez Losada entre os anos 1988 e 1989, supuxo un fito no coñecemento deste tipo de establecementos na Gallaecia romana. De feito os distintos métodos de intervención arqueolóxica empregados no seu estudo permitiron coñecer de forma case íntegra a planta dun edificio que pertenceu á «pars urbana» da vila.

E para a web Patrimonio Galego:

Estivo habitada entre os séculos III y IV d.C. Responde á tipoloxía de “villa a mare” por estar situada ao lado do mar. O que máis coñecemos dela é o seu edificio principal xa que nesta zona se centraron as escavacións realizadas en 1988, dirixidas por Fermín Pérez Losada. O edificio principal era a área residencial da villa, ten planta en U cun patio aberto cara o mar no centro e dúas naves laterais unidas polo que parece unha galería transversal. Na nave oeste apareceu un sistema de calefacción tipicamente romano, “o hipocausto”, que consiste en varias salas nas que o calor é gradual segundo estean máis cerca da sala quente ou “praefurnium”.


Zonas sen limpar nin protexer

Na nave este apareceu unha sala de grandes dimensións cun salón absidiado e restos do que puidera ser un mosaico. Sería a “zona nobre”. En torno a ela existen outras dependencias como fornos, lugares para o gando e outros que aínda non se escavaron. No lugar atopáronse diversos materiais como útiles domésticos e incluso un elemento de orfebrería, un fragmento dunha cadea de ouro. Estes elementos consérvanse no Museo Arqueolóxico de San Antón, na Coruña.

Segundo a prensa (3-9-20), o Concello de Mugardos e a Dirección Xeral do Patrimonio da Xunta chegaran a un acordo para a elaboración don plan director para a vila romana de Noville que comezaría coa limpeza dos terreos escavados e continuaría coa expropiación do xacemento. Un ano despois desa nova… continúamos igual.


Tégulas liscadas

Fotos: INICIARTE