Ao final do día chegamos ao Convento de Santa Clara, onde tamén soubemos explicar o estudado en vivo, coma por exemplo o deseño de placas de Simón Rodríguez, con volumes xeométricos e ordenados.
11/4/14
Visitamos Santiago de Compostela
Ao final do día chegamos ao Convento de Santa Clara, onde tamén soubemos explicar o estudado en vivo, coma por exemplo o deseño de placas de Simón Rodríguez, con volumes xeométricos e ordenados.
5/3/13
Fogos do Apóstolo 2012 e 2011
19/11/12
O Mestre Mateo e o seu coro pétreo da catedral de Santiago

O
coro foi sustituído por outro barroco de madeira a principios do século XVII,
sendo, este último, retirado nos anos corenta do século XX (pero esto é outra
historia). O conxunto estaba formado por unha sillería baixa (banco pétreo con
respaldo para os clérigos de menor rango) e outra alta (banco de pedra con
arquearías cegas na fronte con decoración para os sacerdotes de maior
importancia do cabildo catedralicio), ademais dalgúns elementos de madeira. En
total tiñan asento os setenta e dous membros do cabildo. Pola súa banda, o
leedoiro, estaba composto por unha tribuna na que se realizaban as lecturas
litúrxicas.
Sobre
o banco superior asentábanse unhas columnas que delimitanban os asentos,
ademais de soportar os plafóns e crestería do coro. Entre as columnas dianteiras
e as posteriores, tendíanse os brazais que estaban decorados con arquearías
caladas semenllantes aos do banco. Cada asento, seguramente, completábase
con elementos de madeira, almofadas e coxíns, xa que tales ornamentos pódense
contemplar en pinturas e miniaturas da época.14/11/12
Capela da Corticela na Catedral de Santiago
14/3/12
Visitamos Santiago de Compostela
Comezando pola xenial idea de visitar Santiago de Compostela e seguindo coa realización desta, teño que aclarar que é a primeira vez de entre todas as miñas estancias pasadas na capital galega que gozo realmente da beleza e curiosidade das entrañables rúas e grandes monumentos que posúe.
Comezamos a nosa visita ás 11:00 dun día onde primaba por encima de todo o sol e claridade, o que nos permitiría unha gran apreciación do casco histórico. Descendendo desde a estación ata o centro, atopámonos cunha gran peza do coñecido “barroco de placas” realizada polo seu máximo expoñente Simón Rodríguez: a Fachada do Convento de Santa Clara. Materia de exame e a cal o noso profesor non dubidou en pór. É unha marabilla de fachada; podemos apreciar nela as máis retortas formas xeométricas características deste barroco, a abundante decoración que se ve incrementada a medida que ascendemos en altura. É unha gran obra mestra.
Continuamos no noso traxecto e topamos con outro magnífico monumento: as tres escaleiras de caracol barrocas do convento de Santo Domingo de Bonaval (hoxe Museo do Pobo Galego) de Domingos de Andrade. Nelas puidemos apreciar a verdadeira esencia do barroco: o efecto de sorpresa causado. Dividímonos e comezamos a ascender: as nosas mentes estaban enérxicas ao empezar a subir as escaleiras, pois partiamos coa intención de reencontrarnos na parte superior, pero descubrimos que só uns poucos conseguírono e xusto nese instante decatámonos de que non estaban conectadas, senón que era a pura ficción e ilusión barroca.
Penetrando cada vez máis no casco histórico a medida que a temperatura ascendía ata os 21º, visitamos numerosas igrexas neoclásicas e centrámonos nalgunhas tardo-renacentistas de San Martiño Pinario (convento barroco), recoñecible así polos aparellos almofados.
Introducíndonos na vía principal que conecta coa Praza do Obradoiro, algúns non puideron evitar a tentación de tomar un pequeno aperitivo nos pequenos comercios onde captan aos guiris con suculentos ancos de torta de Santiago que, aínda sendo galego ata a médula e habéndoa probado unha infinitud de veces, achégome disimuladamente coa idea de degustar ese pequeno manxar unha vez máis e cáptanme a min, como sempre.
Introducidos xa no corazón compostelán, na preciosa Praza do Obradoiro, admiro a grandiosa catedral produto de varias eras e varios movementos artísticos, pero aínda así, os meus ollos só me permiten contemplar unha fachada barroca de Fernando de Casas Novoa, unha fachada-pano que tapa a orixinaria románica. Introducímonos no interior e asombrados outra vez pola grandeza da nosa Catedral, empezamos a realizar unha pequena análise dos nosos coñecementos do románico, descubrindo así que agora somos capaces de darlle sentido a unha construción como é este interior románico. A única desgraza da nosa visita foi non poder apreciar ao completo a magnífica obra do gran Mestre Mateo: o Pórtico da Gloria, do cal só podemos apreciar a árbore de Jessé do parteluz e ao apóstolo Santiago. A pesar das remodelacións que está sufrindo debido ás humidades que o estragaban, non puido xerarse en min outra impresión que non fose a da gran elaboración mateana que anticipaba o gótico. Así pois, non habería ocasión de dar os tres típicos cabezazos acompañados cun desexo cada un á parte inferior do parteluz. Tamén houbo unha situación cómica na que eu estaba debatendo cun amigo sobre os materiais, cuestionándonos se a contorna do presbiterio era bronce ou ouro: cada un de nós apoiabamos a idea dun material diferente. Foi entón cando decidín preguntarlle ao profesor, quedando as nosas propostas desbancadas posto que era madeira policromada. O noso gozo nun pozo.
Rematamos así coa visita matutina e dispuxémonos a buscar sitios para xantar, pois o fame e a calor non son bos amigos nun día de excursión e tampouco nos chegou para moito o cebo-guiri-santiagués das amables dependentas. Así, tras comer un apetitoso prato combinado observando a facultade de Historia, retornamos ao noso lugar de encontro: a praza da Quintana. A pesar de ser a maioría puntuais, “algúns” non atoparon o camiño correcto, o que nos supuxo uns minutiños máis á sombra e á beira do trasladado coro pétreo mateano que se atopaba na Porta Santa.
Con máis calma vimos algúns monumentos como a fachada-pano da Casa do Cabildo de Clemente Fernandez Sarela, de 4 metros de grosor que deixa petrificado a máis dun (entre os que me inclúo). Contemplabamos así que Santiago posúe un casco histórico “ilusorio”. Continuando, non podiamos evitar un paseo pola Alameda e sentarnos nun banco a observar as privilexiadas vistas que se obteñen da Catedral, sendo o epicentro de toda vista.
Finalmente, a nosa visita concretada para as 17:00 aos tellados da Catedral. Sinceramente, é o máis impactante que un pode contemplar sen dúbida na capital galega. Tras unha ascensión polas torres, pasando pola cociña relativamente pequena onde Xelmírez tiña aos seus servos (pareceume moi interesante unha anécdota narrada pola guía: as chemineas eran símbolo de poder nesa época), continuando polo seu marabilloso palacio onde viamos unha ascensión da decoración en sentido lineal ata o fondo e onde non había outro pensamento na miña cabeza que a imaxinación dunha banquete real nesa zona, chegamos a unha zona privilexiada: a tribuna da Catedral. Nela, puidemos ver na parede os arcos apuntados característicos do gótico sobre o nártex, así como a gran altura desta, e puidemos observar as vistas desde as que os peregrinos anteriormente observaban o culto; unha tribuna que se compenetraba coas naves laterais e coa xirola, característico dunha igrexa de peregrinación. Finalmente, tras unhas cen escaleiras (case o dobre parecía debido á altura dos chanzos), chegamos á parte máis esperada: os tellados da Catedral. Nunca puidera obter unha panorámica tan ampla como a que conseguín ese día. Podíase coñecer toda a cidade compostelá. Era fascinante, do mesmo xeito que poder apreciar a verdadeira estrutura de orixe románica á marxe das engadidos góticos e barrocos. As preciosas torres eran case tanxibles, o que nos permitía aínda asombrarnos máis. Podiamos comparar así as estruturas barrocas e románicas, e procedemos a sentarnos para contemplar. A guía detallábanos a Torre do Reloxo de Domingo de Andrade, citándonos a ascensión ornamental barroca ou o significado dos relevos adheridos á parede. Chamoume a atención unha serie de almenas de orixe románico que se conservaron : o seu motivo foi que non se interpuñan na nosa vista desde o nivel inferior, polo que quedarían ocultas; unha vez máis, o pano barroco.
Tras unha visita fascinante, tiñamos que volver á estación para coller o bus a tempo, así que puxemos rumbo ao noso punto de partida, acompañado de conversacións graciosas e unha infinidade de historietas.
En resumo, repetiría agora mesmo toda esta experiencia sen dubidalo nin unha milésima de segundo.
5/12/11
O Pórtico da Gloria e os seus problemas
O Pórtico da Gloria é, xunto coa cámara e o sepulcro do Apóstolo, a peza máis representativa do conxunto catedralicio e unha das máis significativas do Románico en toda Europa. O paso do tempo, os cambios de gusto e os traballos de mantemento e/ou reforma pictórica, a erosión e o desgaste producido polas condicións atmosféricas e polo uso, o efecto da humidade e a contaminación ocasionaron a súa deterioración, que se viu acelerado considerablemente nas últimas décadas.
Agardemos que a nova cuberta serva para algo.
1/12/11
O lintel do Pórtico da Gloria
29/11/11
A catedral de Santiago en helicóptero
Grazas Mari Carmen por darme a coñecer esta curiosidade tan fermosa.
7/7/11
Desaparece o Códice Calixtino
Leo no Xornal o seguinte:
"O Códice Calixtino da Catedral de Santiago de Compostela atópase en paradoiro descoñecido desde o martes, segundo confirmaron a Europa Press fontes da Policía Nacional.
Trátase dun dos libros históricos máis importantes do mundo e constitúe unha especie de guía para os peregrinos que seguían o Camiño de Santiago na súa viaxe á cidade, con consellos, descricións da ruta, das obras de arte así como dos costumes locais das xentes que vivían ao longo do Camiño.
Segundo informou El Correo Gallego na súa edición dixital, ás oito e media da tarde do martes foi cando os responsables do Arquivo da Catedral se decataron de que o documento non estaba no seu sitio habitual e, tras horas de procura, avisaron á Policía que inmediatamente acudiu á basílica compostelá.
Barállase a posibilidade de que a desaparición fose consecuencia dun roubo xa que o Códice Calixtino, que está composto por cinco libros e dous apéndices, ten un valor incalculable.
Segundo o diario santiagués sospéitase que pode tratarse dunha banda organizada que, mesmo, podería actuar por encargo dalgún coleccionista".
INICIARTE xa vos ten falado desta fundamental obra pero se a queredes coñecer un pouco máis, recoméndovos a seguinte ligazón ou ben ler o Libro V.
30/3/11
Catedral de Santiago: esculturas barrocas do Obradoiro
Fotos de Iniciarte.
27/3/11
Catedral de Santiago: abertas as súas escavacións
2/2/11
A Catedral de Santiago en 3D
27/12/10
O rei David na catedral de Santiago
En canto ao instrumento tocado polo rei David hai moitas interpretacións, para uns é un cordófono de corda frotada, para outros unha fídula ou unha viola oval. Mais podemos, doadamente describilo dicindo que está apoiado sobre o lado esquerdo e o toca coa man dereita cun arco. A caixa do instrumento é oval tendo marcas de separación para o mastro entre elas e o clavixeiro ten clavillas para tensar as súas tres cordas. Noutro extremos, detállase a ponte cun elegante elemento decorado que o une á caixa decorada cunha pequena moldura. No medio da caixa hai unha abertura de resonancia.
O conxunto alude ao Señor como vencedor do mal; sentado no trono e ten aos pés un león, mentres toca a viola, o que fusiona as calidades artísticas de David co seu dominio sobre as feras, isto é, sobre o mal. A súa presenza na fachada estaba en función de ser unha “prefiguración de Cristo como vencedor do mal, do seu aspecto trunfante, en contrate co sacrifio de Isaac, que anunciaba a personalidade sufridora do Salvador, desenvolvida nos relevos da paixón de Praterías” (S. Moralejo)
24/12/10
O Pórtico da Gloria (V): os cronistas
Bibliografía: Félix Carbó Alonso. El Pórtico de la Gloria. Misterio y Sentido. Madrid, Ediciones Encuentro-Caixanova, 2009
22/12/10
O Pórtico da Gloria (IV): os escudeiros
Os oitos anxos-escudeiros atópanse na fila inferior do tímpano do Pórtico. Catro deles miran ao espectador. Desde a esquerda, o primeiro está axeonllado, sontén entre as súas mans a columna dos azotes. Despois outros dous anxos, mirando á fronte, aguantan da cruz. Un cuarto anxo porta a coroa de espiñas mirando con dor o espectador.
Á dereita do tímpano, e despois de san Marcos, un anxo leva os catro cravos na súa man dereita e na esquerda a lanza. O segundo porta un pergameo e as xarra, en alusión á condena a norte e ao acto de Pilatos de lavarse ás mans. Estes dous anxos miran ao fiel. O terceiro anxo leva coas dúas mans o martelo e o azote, cruzándoos sobre o seu peito. O cuarto anxo sostén coa man esquerda a cana que, coa esponxa, serviu para aliviar a sede do moribundo e coa man dereita leva un pergameo que probablemente tería escrito INRI.
Chama a atención como os anxos que portan os instrumentos do martirio levan as mans cubertas por un velo cando os suxeitan polas partes que estiveran en contacto directo co corpo de Cristo: coroa de espiñas, cruz e cravos. As mans dos anxos que levan a columna, a lanza, a cana coa esponxa non están cubertas con ningún pano.
Bibliografía: Félix Carbó Alonso. El Pórtico de la Gloria. Misterio y Sentido. Madrid, Ediciones Encuentro-Caixanova, 2009
20/12/10
O Pórtico da Gloria (III): O Cristo do tímpano
CRISTO TODOPODEROSO
Cristo Pantocrátor como composición naceu en Bizancio e foi moi asumida pola arte románica. Esta representación de Xesús fica moi clara coa lectura de san Mateo (Mt. 25, 31-45): “E cando viniere o Fillo do Home na súa gloria, e todos os anxos con el, entón sentarase no trono da súa gloria e serán congregadas na súa presenza todas as xentes, e as separará unas doutras”. Por iso, a imaxe de Cristo Pantocrátor adoita estar acompañada da iconografía do Xuízo Final, en tempos posteriores ao Pórtico, ata o Gótico. Mais o Mestre Mateo fai unha composición nova ao rodear ao Pantocrátor do seu pobo.
CRISTO VENCEDOR DA MORTE
Xesús está representado, vivo, resucitado despois da súa paixón, vencedor da morte: amosa a ferida da lanza no seu costado (os anxos que o rodean portan os instrumentos da paixón) e as chagas nas súas mans. Esta composición xa afora vista no tímpano da abadía de saint Pierre de Moissac. Como lembra santo Tomás “As chagas amosan a forza porque testemuñan que trunfou á norte”. Completa esta escena, en clara alusión ao Apocalipse, unha fonte de auga que nace da dereita do trono, á altura do brazo da cadeira, por riba do ombro de san Lucas (Ap. 20,6): “Ao sedente, Eu dareille de beber graciosamente da fonte da auga da vida”, e (Ap. 22,1): “Amosoume un río de auga viva, claro coma un cristal, que manaba do salio de Deus e do Año”.
O Mestre Mateo representa a Cristo como sacerdote cos brazos levantados, coas palmas dirixidas ao observador. Dous anxos, un á dereita e outro á esquerda, balancean os seus incensarios esféricos dotados dunha pequena base, rendendo homenaxe ao Señor. Salientable o realismo de detallas dos incensarios.
CRISTO REI
Cristo está coroado como rei, no lugar central, rodeado pola corte. Ata sería posible relaciónalo cos lazos entre o Mestre Mateo con Fernando II, promotor e comitente da obra. Esta representación de Cristo coroa é moi pouco frecuente nas imaxes de Cristo Pantocrátor (Moissac e algunha máis)
No Pórtico, a coroa de Cristo está acompañada polos ricos roupaxes da súa vestimenta, adornados con flores de lis. A barba e o cabelo están moi coidados, a primeira é simétrica e o segundo moi longo. Detrás ten un dosel á altura da cabeza e un halo cunha cruz moi pouco visible.
Tamén aluden a Cristo como rei a presenza dos reis David e Salomón colocados no fuste do parteluz e nos accesos ao Pórtico. Nos dous casos David fai tocar o salterio e Salomón empuña o cetro. Esta última figura está moi deteriorada posto que recibiu un raio (sinal divina?)
Fotos e texto (adaptado) procedentes de: Félix Carbó Alonso. El Pórtico de la Gloria. Misterio y Sentido. Madrid, Ediciones Encuentro-Caixanova, 2009



