31/12/10

Feliz aninovo

30/12/10

Sen comentarios (XXIII): Beirarrúa con poste


No lugar de Apeadeiro, San Xoan de Vilanova (Miño), María M. Fariña retratou unha obra singular, feita con moita pericia. A imaxe vai acompañada dun texto que fala por se mesmo: «¿Que hai un poste? Sen problema, pode convivir coa beirarrúa e a leira, mesmo sen desperdiciar un rego nesta última. Sobre como atravesan vos peóns xa non sabemos máis. Iso si, deixóu a peza do bordo por se algún día se amaña a desfeita
A foto e texto son de A Voz de Galicia. Coñecín a nova por Gracia.

27/12/10

O rei David na catedral de Santiago


Representado nun trono con dosel xurde no lateral esquerdo da fachada de Praterías da catedral de Santiago, a figura do rei David. Orixinariamente estivo colocada na fachada norte ata que foi levada á sur tras o incendio daquela. O seu autor é o Mestre Estevo quen será o primeiro gran mestre escultor da catedral e o probable creador de todo o programa iconográfico. Traballa na fábrica ata 1101. Ten as obras de maior calidade. Fai o acroterio e os canzorros da capela de santa Fe, algúns fustes da porta norte e varios relevos: a creación de Adán, David, Eva co cranio, santo André. As súas figuras están caracterizadas pola carga vital, con coidadosos estudos das anatomías; sempre caracteriza aos rostros cos beizos grosos, ollos avultados e carrillos inchados; o cabelo sempre con guedellas ou mechóns soltos. Os dobrados das teas están dispostos buscando unha forma paralela e debuxando un “U” no seu conxunto.


A figura está representada baixo un dosel e sentada nun trono. A parte superior está rematada cun arco de medio punto e con dúas cabezas de león nas esquina. O trono tamén ten relación cos animais protectores posto que as patas rematan en garras que se apoian sobre outras cabezas de león, mentres que os pes do rei o fan sobre outro animal. O trono remata a súa decoración con figuras xeométricas. O rostro do rei amosa tanta serenidade como altivez. Leva unha coroa decorada con arquiños e que oculta o seu pelo. O seu longos pelos caen en guedellas sobre os ombreiros como noutras esculturas deste mestre (Muller con león, santo André). A barbo, moi abundante e poboada, está tratada con coidado extremo mesmo o bigote semella que vai nunha trenza cara arriba. Ten os ollos moi marcados ao igual cos beizos. Viste túnica e manto prendido no seu ombreiro dereito. A túnica, decorada nos extremos con cenefas, fai os característicos pregues nas pernas cruzas, como o manto sobre o peito. As teas, no seu conxunto, transmiten unha sensación de lixeireza e de calidade.


En canto ao instrumento tocado polo rei David hai moitas interpretacións, para uns é un cordófono de corda frotada, para outros unha fídula ou unha viola oval. Mais podemos, doadamente describilo dicindo que está apoiado sobre o lado esquerdo e o toca coa man dereita cun arco. A caixa do instrumento é oval tendo marcas de separación para o mastro entre elas e o clavixeiro ten clavillas para tensar as súas tres cordas. Noutro extremos, detállase a ponte cun elegante elemento decorado que o une á caixa decorada cunha pequena moldura. No medio da caixa hai unha abertura de resonancia.

O conxunto alude ao Señor como vencedor do mal; sentado no trono e ten aos pés un león, mentres toca a viola, o que fusiona as calidades artísticas de David co seu dominio sobre as feras, isto é, sobre o mal. A súa presenza na fachada estaba en función de ser unha “prefiguración de Cristo como vencedor do mal, do seu aspecto trunfante, en contrate co sacrifio de Isaac, que anunciaba a personalidade sufridora do Salvador, desenvolvida nos relevos da paixón de Praterías” (S. Moralejo)

Lembrade que INICIARTE leva xa algunhas entradas sobre a catedral de Santiago.

25/12/10

Visitas con arte



Como remate do primeiro trimestre do curso visitamos a exposición de arte contemporánea correspondente ao 27 Certame de pintura de Cambre. É un concurso de recoñecido prestixio e que a pesar dos cambios cambios organizativos (parabéns polo traballo de tantos anos Xosé Cobas) mantén un alto nivel de calidade.

O alumnado recibiu unha forte inmersión na arte contemporánea. Puidemos apreciar distintas técnicas e temáticas así como apreciar os actuais camiños da arte actual: desde o hiperrealismo ata a máis pura abstracción pasando pola fotografía. Foi precisamente o fotógrafo Vari Caramés quen se levou os 6.000 euros do Primeiro Premio. Recibimos como agasallo o catálogo da mostra.

Posteriormente, detivémonos na igrexa de santa María de Cambre, pequena xoia do románico rural galego. A súa fachada é toda unha lección de arquitectura e escultura románica. O seu interior, cos case cen capiteis historiados e a xirola protogótica, non o puidemos contemplar nesta ocasión.

24/12/10

O Pórtico da Gloria (V): os cronistas





















A composición de Cristo como Pantocrátor responde a certas normas: Cristo só dentro da améndoa mística; no exterior da mandorla aparecen catro animais. Sen embargo, a composición que o Mestre Mateo fai no Pórtico da Gloria ten aspectos novidosos, rachando co esquema tradicional e amosando, de novo, a orixinalidade do artista. Cristo non parece illado, e é presentado rodeado polos catro evanxelistas coa súa propia imaxe, en tamaño salientable. Tres deles escriben sobre os animais que os simbolizan, pero Mateo faino sobre un ábaco para facer contas.

No Pórtico os catro evanxelistas son cronistas que se atopan moi próximos á figura de Cristo-rei, para poder escoitar o que lles di, sen perder ningunha palabra e transcribilo todo. Ademais de escribir é ben notorio que os catros están escoitando, moi atentos ao que se lles poda contar. O artista coñece os símbolos dos tetramorfos e así aparecen en tres casos, pero os supedita ao traballo dos cronistas e por iso lles serven de apoio. Debe parecer evidente que no caso de Mateo sería moi violento facer que un anxo lle servirá como mesa de traballo e por iso cambiou a súa figura por un ábaco.
En épocas posteriores será habitual ver as representacións dos evanxelistas escribindo, mais sobre pupitres, non sobre os animais; normalmente estes ou o anxo ocupan un espazo separado da acción de escribir, e de menor protagonismo. Tampouco será frecuente colocar aos catro evanxelistas tan preto de Cristo.

Bibliografía: Félix Carbó Alonso. El Pórtico de la Gloria. Misterio y Sentido. Madrid, Ediciones Encuentro-Caixanova, 2009

22/12/10

Boas Festas

Para que pasedes uns días de merecido (?) descanso dun xeito divertido, déixovos estes vídeos con algúns truquiño doados de facer. Que vos gusten.





Vistos en Fogonazos.

O Pórtico da Gloria (IV): os escudeiros


O Mestre Mateo fainos presentes as “armas do trunfo de Cristo”; son os instrumentos da Paixón que, despois da súa vitoria, convértense en insignias da súa gloria. Pódese establecer a semellanza que os oitos anxos cos instrumentos da Paixón actúan como oito escudeiros reais, mais en vez de amosar os escudos e as armas do seu señor, amoso os elementos do seu trunfo sobre a morte.

Os oitos anxos-escudeiros atópanse na fila inferior do tímpano do Pórtico. Catro deles miran ao espectador. Desde a esquerda, o primeiro está axeonllado, sontén entre as súas mans a columna dos azotes. Despois outros dous anxos, mirando á fronte, aguantan da cruz. Un cuarto anxo porta a coroa de espiñas mirando con dor o espectador.

Á dereita do tímpano, e despois de san Marcos, un anxo leva os catro cravos na súa man dereita e na esquerda a lanza. O segundo porta un pergameo e as xarra, en alusión á condena a norte e ao acto de Pilatos de lavarse ás mans. Estes dous anxos miran ao fiel. O terceiro anxo leva coas dúas mans o martelo e o azote, cruzándoos sobre o seu peito. O cuarto anxo sostén coa man esquerda a cana que, coa esponxa, serviu para aliviar a sede do moribundo e coa man dereita leva un pergameo que probablemente tería escrito INRI.

Chama a atención como os anxos que portan os instrumentos do martirio levan as mans cubertas por un velo cando os suxeitan polas partes que estiveran en contacto directo co corpo de Cristo: coroa de espiñas, cruz e cravos. As mans dos anxos que levan a columna, a lanza, a cana coa esponxa non están cubertas con ningún pano.




Bibliografía: Félix Carbó Alonso. El Pórtico de la Gloria. Misterio y Sentido. Madrid, Ediciones Encuentro-Caixanova, 2009

20/12/10

O Pórtico da Gloria (III): O Cristo do tímpano


O mestre Mateo fai a figura de Cristo cunhas proporcións superiores ás das persoas que o rodean, algo que non era novidoso e que se empregará ata o século XV. Ademais o Mestre Mateo dálle ás figuras a perspectiva necesaria para que puideran ser contempladas dun xeito correcto desde o exterior (lémbrese que a visión actual non se corresponde coa románica posto que naquel tempo non existían as portas actuais)

A escultura de Cristo mide case tres metro de altura e a súa figura fica máis resaltada por ser o centro da composición, sendo o centro de converxencia de todos os puntos de vista, mais a pesar de ser o eixo que centraliza todas perspectiva, divide a Historia en dous.

No seu rostro aínda podemos apreciar restos das cores orixinais da súa policromía: branco, negro, vermello, azul e ouro.

CRISTO TODOPODEROSO
Cristo Pantocrátor como composición naceu en Bizancio e foi moi asumida pola arte románica. Esta representación de Xesús fica moi clara coa lectura de san Mateo (Mt. 25, 31-45): “E cando viniere o Fillo do Home na súa gloria, e todos os anxos con el, entón sentarase no trono da súa gloria e serán congregadas na súa presenza todas as xentes, e as separará unas doutras”. Por iso, a imaxe de Cristo Pantocrátor adoita estar acompañada da iconografía do Xuízo Final, en tempos posteriores ao Pórtico, ata o Gótico. Mais o Mestre Mateo fai unha composición nova ao rodear ao Pantocrátor do seu pobo.

CRISTO VENCEDOR DA MORTE
Xesús está representado, vivo, resucitado despois da súa paixón, vencedor da morte: amosa a ferida da lanza no seu costado (os anxos que o rodean portan os instrumentos da paixón) e as chagas nas súas mans. Esta composición xa afora vista no tímpano da abadía de saint Pierre de Moissac. Como lembra santo Tomás “As chagas amosan a forza porque testemuñan que trunfou á norte”. Completa esta escena, en clara alusión ao Apocalipse, unha fonte de auga que nace da dereita do trono, á altura do brazo da cadeira, por riba do ombro de san Lucas (Ap. 20,6): “Ao sedente, Eu dareille de beber graciosamente da fonte da auga da vida”, e (Ap. 22,1): “Amosoume un río de auga viva, claro coma un cristal, que manaba do salio de Deus e do Año”.


CRISTO SACERDOTE
O Mestre Mateo representa a Cristo como sacerdote cos brazos levantados, coas palmas dirixidas ao observador. Dous anxos, un á dereita e outro á esquerda, balancean os seus incensarios esféricos dotados dunha pequena base, rendendo homenaxe ao Señor. Salientable o realismo de detallas dos incensarios.

Cristo preséntase como o heroe que venceu á norte, mais a súa imaxe non abruma ao peregrino, é unha imaxe moi aloxado do Cristo xusticieiro.

CRISTO REI
Cristo está coroado como rei, no lugar central, rodeado pola corte. Ata sería posible relaciónalo cos lazos entre o Mestre Mateo con Fernando II, promotor e comitente da obra. Esta representación de Cristo coroa é moi pouco frecuente nas imaxes de Cristo Pantocrátor (Moissac e algunha máis)


No Pórtico, a coroa de Cristo está acompañada polos ricos roupaxes da súa vestimenta, adornados con flores de lis. A barba e o cabelo están moi coidados, a primeira é simétrica e o segundo moi longo. Detrás ten un dosel á altura da cabeza e un halo cunha cruz moi pouco visible.
O simbolismo real está reforzado porque o Pantocrátor séntase nun trono, que en realidade é unha cadeira pregable curva, un faldistorio (influencia cultural da corte de Fernando II).O faldistorio tamén era unha cadeira habitual nos bispos. Os pes de Cristo repousan sobre unhas follas fronte ao habitual escabel (tarima pequena)

Tamén aluden a Cristo como rei a presenza dos reis David e Salomón colocados no fuste do parteluz e nos accesos ao Pórtico. Nos dous casos David fai tocar o salterio e Salomón empuña o cetro. Esta última figura está moi deteriorada posto que recibiu un raio (sinal divina?)

Fotos e texto (adaptado) procedentes de: Félix Carbó Alonso. El Pórtico de la Gloria. Misterio y Sentido. Madrid, Ediciones Encuentro-Caixanova, 2009

19/12/10

Baroña: outro castro en perigo

Recollo esta nova da Voz de Galicia pola importancia histórica deste xacemento como polo cariño que teño ao ter participado en varias campañas de escavacións, hai xa bastantes anos.

O seu éxito de público é talvez a súa maior condena. E é que os máis de 100.000 visitantes ao ano que se calcula que pasean sen control sobre as súas pedras son, xunto á pasividade das Administracións, que permitiron un primeiro plan que contempla actuacións de ordenación tan simples como a sinalización dun camiño de acceso ao xacemento, os principais problemas que prexudican ao castro de Baroña, o segundo máis visitado de Galicia tras o de Santa Tegra.

O seu acceso por estrada é premonitorio. A AC-550 é o viario polo que se chega ao castro, cunha única sinalización para os vehículos que proceden de Santiago despois de atravesar o municipio de Noia e chegar a Porto do Son. Unha sorte que non gozan os turistas que chegan das Rías Baixas, previo paso por Ribeira.

O acceso ao castro faise por un camiño intuitivo e froito da improvisación de quen non coñecen nin teñen onde informarse. Un todo vale que no verán chega ao esperpento. O mesmo sucede na península sobre a que se levantaron as primeiras pedras no século I antes de Cristo. Feces, calzóns e ata unha moto de cros rubindo entre os restos empedrados son os tristes detalles que algúns recordan. Así é a vida deste castro. Sempre sometido ao civismo de quen o percorren.

Para calibrar o estado deste paciente patrimonial, a Xunta sufragou un recoñecemento completo. O primeiro en 14 anos. O diagnóstico non é bo. Implora unha operación urxente que vai máis aló do lifting. Esixe un baipás para saír do estado comatoso no que se atopan seis zonas cualificadas de críticas, así como outras actuacións na súa contorna. O posoperatorio tampouco será fácil. Ademais do sentidiño de quen o percorran nun futuro, haberá que regular o fluxo de visitantes, delimitar os diferentes carreiros de acceso e erradicar outras sendas oportunistas que desvirtúan o monte perimetral. A construción dun centro de interpretación é outro dos soños eternos que nunca pasou de ser un proxecto nos despachos.
Aínda así, cabe dicir que non son só malas noticias as que viran ao redor deste xacemento sonense. A recente aprobación dun plan especial específico para o recinto despois de 16 anos por parte da corporación municipal de Porto do Son contempla todas estas actuacións, sendo, segundo os expertos, un fito que suporá o «quilómetro cero» para empezar a falar dunha nova e mellor vida para o castro.

Aquí xoga un papel importante o Goberno galego. Concretamente, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que a través dun portavoz garantía fai máis dunha semana o investimento dun millón de euros para a construción do centro de interpretación, «sempre que o Concello de Porto do Son aprobe o plan especial e defina a responsabilidade dos terreos». Circunstancias, ambas, que xa foron aceptadas na sesión plenaria do 26 de novembro, polo que agora, e segundo consta por escrito, só resta esperar a que todo isto vaia máis aló do papel.

O que está claro é que as dúas administracións que deben e velar polo castro de Baroña teñen a vontade de facelo -aínda que sexa despois de moito tempo-, e máis agora, que o último escollo burocrático está salvado.


Pórtico da Gloria: continúan as obras

A policromía primeira do pórtico da Gloria foi un proxecto de gran entidade non só artística, senón tamén económica. Revélao o proceso de investigación, aínda en curso, que descubriu gran cantidade de ouro e lapislázuli na pigmentación das figuras da composición. E ben sabían os colaboradores do mestre Mateo que algo moi importante se traían entre mans cando investiron elevadas sumas de diñeiro da época no lapislázuli.

O programa de estudo permitiu identificar ata tres policromías sucesivas. Os investigadores contrastaron que da primeira decoración medieval quedan moi poucos restos e que os autores dese traballo empregaban unha gama reducida de terras coloreadas. En negro perfilaban o contorno dos relevos e trazos faciais, e utilizaban cores de aspecto opaco realizados cunha técnica mixta, un amorne graso a base de aceite secante e proteínas: branco albayalde, vermello bermellón, azul lapislázuli.
Na fase de estudos previos, o equipo coordinado por Concha Cirujano e Francisco Prado realizou un exame visual mediante lentes de aumento e diferentes tipos de iluminación. En colaboración co laboratorio Molab da Universidade de Perugia e o Instituto de Ciencias e Tecnoloxías Moleculares da mesma cidade, aplicouse un sistema innovador de alta tecnoloxía na toma de mostras. O sistema permitiu precisar e minimizar os puntos de extracción de materiais.

A partir da segunda quincena de xaneiro do ano próximo realizaranse novas tomas de micromostras de policromía e pedra para completar os resultados que se obtiveron ata agora. Tamén se realizarán probas con diferentes sistemas de limpeza, fixación de policromías, consolidación superficial e biocidas que permitirán redactar o proxecto de intervención.

O comité científico recomenda monitorizar o pórtico un ano máis e ampliar o estudo do seu policromía. Os restos da primeira policromía áchanse, sobre todo, na columna dos profetas do Antigo Testamento, especialmente nas figuras de Daniel e de Xeremías, así como en san Juan e nalgúns instrumentos.

Fotografía (san Xoán con restos de policromía) e texto vía A Voz de Galicia. A mesma nova no Faro de Vigo.

18/12/10

"Abreveberva": Exposición colectiva en Vigo

O pasado venres 17 de decembro tiven a oportunidade de acompañar, xunto cun bo feixe de amigos e amigas, ao pintor Xurxo Gómez Chao á inauguración da exposición colectiva “Abreveverba” na Casa das Artes de Vigo. Trátase dunha interesante iniciativa das concellerías de cultura de Vigo e A Coruña pola que dous artistas vigueses (Almudena Fernández e Bosco Caride) e dous coruñeses (Tatiana Medal e Xurxo Gómez Chao) expoñen conxuntamente primeiro na cidade olívica e, logo, (finais de xaneiro de 2011) na herculina.

O fermoso título da exposición, ese curioso palíndromo, quere incidir na viaxe de ida e volta que sempre supón a arte, as traxectorias artísticas e a vida desta exposición. En palabras do comisario David Barro “os catro artistas conseguiron xerar a súa propia atmosfera, aínda manexando moitos estratos e planos de significado, e aínda cando estas solucións sexan breves e vagas; porque o vago só emerxe cando o punto de partida é a precisión, a ollada paciente”.

O acto foi inaugurado polos concelleiros-as e mesmo polo tenente de alcalde de Vigo ademais de contar coa presenza de técnicos de cultura dos dous concellos así como unha senlleria representaión do mundo das artes (pintores-as, escultores, arquitectos-as...). Trátase dunha pequena exposición onde podemos apreciar distintas técnicas e distintos conceptos. Pode ser unha boa oportunidade para que este blog, por vez primeira, vos presente a Xurxo Gómez Chao, do que noutro momento falaremos (depuradísima técnica, reiteración de motivos pero en evolución constante...) Non deixedes de visitar a súa fermosa páxina web.



17/12/10

O Pórtico da Gloria (II): As interpretacións

É moi complicado ter unha visión completa do sentido que se lle quixo dar ao Pórtico posto que son moitas as partes de que consta (ou constaba): tímpano central, dous arcos laterais, parteluz, imaxe de Santiago, conxunto de apóstolos e profetas, columnas de mármore historiadas e animais das bases. Ademais deberiamos engadir a contraportada e a portada externa desaparecida.

López Ferreiro entende que se representa a simboloxía das tres igrexas: a católica (arco central), o pobo de Israel (arco da esquerda) e e a igrexa dos Infieis (arco da dereita).

A maior parte dos historiadores franceses interpretan o Pórtico como a Fin dos Tempos e o xuízo final.

A interpretación actual maioritaria entende o Pórtico do seguinte xeito: O Reino de Cristo está reflectido no tímpano do arco central, no arco da esquerda represéntase o Limbo e no arco da dereita estaría o Purgatorio. Desde que en 1998 se fixera unha exposición para conmemorar o VIII centenario da colocación dos linteis do Pórtico, as interpretacións enténdeno como unha plasmación do Apocalipse de san Xoán, teimando na idea da fin dos tempos. Tamén hai historiadores que insisten en estudar o Pórtico como unha parte da obra do Mestre Mateo na catedral, tanto nos cimentos, no corredor do piso superior ao Pórtico.

Para Carbó o Pórtico da Gloria trata da Gloria de Cristo. Hai varias formas de ler o pórtico para algúns (Bernardo Fernández no século XIX) faríase de abaixo arriba mais para outros (a maioría dos especialistas do século XX) faríase a partir do tímpano central, logo os arcos laterais e iríase descendendo. Este autor propón facer unha lectura, nun primeiro lugar, por eixos: verticais e horizontais.


EIXOS VERTICAIS
O Mestre Mateo recolle a historia relixiosa do home, desde a orixe da humanidade ata a chegada de Cristo e a sitúa no lateral esquerdo, do muro do Parteluz, é dicir, todo o conxunto do arco central esquerdo e ata a metade do tímpano. Coloca as relixións antigas no primeiro piar da esquerda, e as representa nas bases dos grifos. Nese espazo antes de Cristo, o Mestre Mateo nos amosa o tempo da espera de Cristo e a figura dun Deus mozo nos primeiros días da Creación.

Á dereita do Parteluz e ata o muro dereito da catedral, relátase a situación do home despois da Nova Alianza. Nela Cristo, revestido da autoridade do Pai, fai valer o poder salvador da Nova Alianza para coa humanidade. Nese espazo, o Mestre Mateo vainos demostrar como despois da chegada de Cristo hai para o home unha vía única de acceso cara o Misterio. Cristo ten todo o poder do Pai e intercede polo home, quen, a pesares do pecado que o pode atenazar, ascende ao Misterio. O Mestre Mateo non deixa espazo a ningunha outra alternativa, nin a nova relixión".
Nas mochetas que dan acceso ao tímpano o autor coloca as portas de entrada ao reino de Cristo, de acordo coa división do espazo que xa comentamos: os que precederon á chegada de Cristo (ou os que non o coñeceron) á esquerda e os que naceron dentro da Nova Alianza, á dereita.

“No tímpano sitúanse as figuras do coro de Anciáns e os dous grupos de pobos. O pobo da Antiga Alianza (o pobo xudeu) está á esquerda e o da Nova Alianza (os pobos procedentes da xentilidade) á dereita .

Para resaltar aínda máis a división do tempo estre un antes e un despois de Cristo, o Mestre Mateo sérvese do fuste do Parteluz. No seu vertical sitúase a bisectriz da historia, e como tal relata a encarnación de Cristo. De abaixo arriba descríbese a xenealoxía do Fillo do home, que se inicia no mesmo Adán (a figura humana da base) e chega ata María, a súa nai, situada na parte superior do fuste. No capitel do Parteluz, por riba de María, o artista amósanos a filiación diviña de Cristo, representándoo coma un rapaz sentado no colo do seu Pai Deus. O presenta como un neno, mais xa cos atributos de poder sobre todas as cousas: como Pantocrátor bendice coa man dereita e sostén un libro coa súa esquerda”

EIXOS HORIZONTAIS

Dívide o Pórtico en catro espazos horizontais que corresponde (1) ás basas: microcosmos, o home e a súa situación. (2)As columnas que amosan os camiños dos homes nos desexos de subida ao Misterio, con as súas dificultades, logros e fracasos. (3)Os profetas e os apóstolos que anuncia a mensaxe de Cristo. (4) Macrocosmos: é a Vida despois da vida, con catro espazos específicos: os tres arcos e os espazos formados entre o tímpano e os arcos laterais.


Fotografías e texto (adaptado) de Félix Carbó Alonso. El Pórtico de la Gloria. Misterio y Sentido. Madrid, Ediciones Encuentro-Caixanova, 2009.

16/12/10

Dolmen de Dombate: o principio da fin.

Semella que por fin as obras de musealización no dolmen de Dombate van por bó camiño. A este dolmen téñolle un especial cariño porque tiven a sorte de participar nunha campaña de escavación baixo a dirección de Xosé María Bello.


"A grandeza de Dombate, a catedral dos dólmenes galegos, parece reducirse baixo a enorme malla de madeira que o arquitecto Francisco Vidal deseñou para a protección do megalito. A dous meses da conclusión das obras, o proxecto toma corpo e móstrase en toda a súa plenitude.
Un anta con menos alma que Dombate podería sentir sobre as súas laxas o peso do deseño e o piñeiro noruegués. Moi poucos xacementos serían capaces de resistir a magna obra que fará do dolmen o monumento único que foi desde sempre.
Aínda que o teito poida parecer humillante, hai que pensar que Dombate non só resistiu cinco mil anos, senón que pasou os últimos 20 coas entrañas ao aire, escavado por completo e a mercé de Administracións e técnicos.
Ademais, aínda que o tellado é extraordinariamente vistoso, a parte máis importante da obra está no subsolo. O edificio enterrado é o que protexe as pinturas, garantindo o nivel de humidade que necesitan.
A Deputación, que é a propietaria do dolmen e a promotora da obra, sacará este mesmo mes o concurso para decidir a musealización do edificio anexo, e a historia de Dombate será xa outra historia.
A partir de febreiro haberá que intentar sacar rendemento á magna obra, reflexionar sobre se este é o mellor modo de protexer o patrimonio e empezar a pensar nos demais dólmenes galegos, pedazos dun tempo en que os homes e as mulleres construían monumentos que foron capaces de ocupar decenas de páxinas na prensa. E todo polo abandono ao que ven sometidos por parte das Administracións
."

Foto de J.M. Casal e texto da Voz de Galicia.

15/12/10

O Pórtico da Gloria (I): Introdución


Cunhas medidas de 17 metros de ancho por 4,50 de longo, o Pórtico da Gloria forma parte do vestíbulo e daba entrada á catedral. Foi rematado polo Mestre Mateo no ano 1188, segundo se di no lintel da propia obra. Fora iniciado no 1168, mentres que a catedral consagrouse no 1211 polo arcebispo Pedro Muñíz. Orixinariamente estivo policromado (aínda quedan algúns restos) e formaba parta da fachada exterior do templo polo que estivo exposto ás inclemencias temporais. No 1651 o pintor Crispín de Evelino restaurou as pinturas, cobrando por iso 130 ducados “…por pintar y encarnar los brazos, pies y manos de las figuras que están en la portada principal”.
Aínda que se tiña acceso desde o exterior, non era o último elemento arquitectónico posto que existía un gran arco central de oito metros de luz e dous laterais máis pequenos pero sen portas polo que se tiña acceso directo ao Pórtico da Gloria desde o exterior. De feito, non sería ata 1519 cando o Cabido acordou pechar o acceso á catedral xa que ata entón podíase acceder ao templo a calquera hora do día ou da noite. Entón, o mestre Martín de Blas foi encargado de pechar a entrada facendo dúas portas de madeira o que tivo por resultado a división do gran arco central, rachado, deste xeito, coa perspectiva visual deseñada polo Mestre Mateo.

No século XVII fixéronse unhas novas escaleiras de acceso, destruíndo a fachada da cripta da planta baixa. Pero a gran modificación exterior veu dada coa decisión do cabido de 1738 de levantar unha nova fachada na catedral, obra encargada a Fernando de Casas Novoa. Con esta última gran modificación, acadaríase o resultado que hoxe podemos contemplar e onde podemos ver algunhas das imaxes do exterior orixinal do pórtico como como o rei David e o rei Salomón, situadas na terraza principal da fachada. Outras dúas figuras, Abraham e Jacob, están no museo de Pontevedra e outras dúas foran un “agasallo” para o ditador Franco.

A maior parte da policromía do Pórtico desapareceu en 1866 cando Charles Thurston fixo unha ampla reportaxe fotográfica e Domingos Brucciani fixo un molde de xeso para o museo Vitoria e Alberto de Londres. As cores orixinais quedaron pegadas ao molde de xeso. Hoxe podemos contemplar nese peculiar museo londinense unha réplica da obra do mestre Mateo. Posteriormente chegaría a dárselle unha man de pintura gris azulada a algunhas zonas.


O texto, adaptado, proceden de Félix Carbó Alonso. El Pórtico de la Gloria. Misterio y Sentido. Madrid, Ediciones Encuentro-Caixanova, 2009.

12/12/10

A catedral de Santiago: vídeos

É a máis perfecta das cinco grandes igrexas románicas de peregrinación: san Martiño de Tours, Santa Fe de Conques, san Marcial de Limoges e San Sernin de Tolouse. Caracterízase pola integración harmónica de elementos arquitectónicos; pola direccionaliade cara ó altar, onde o centro focal é o presbiterio; polo seu significado simbólico de “percorrido e meta” como igrexa do camino; pola verticalidade do Románico Pleno; así como pola súa solidez: simboloxía da igrexa como lugar de protección.

Ademais de ver os seguintes videos non deixedes de consultar as outras entradas sobre esta catedral en Iniciarte.


9/12/10

Os Reais Alcázares de Sevilla: o esplendor da arte mudéxar


Son un conxunto de pazos construídos ao longo de varios séculos polo que podemos apreciar varios estilos arquitectónicos: desde a súa orixe islámica, ata o barroco pasando polo mudéxar, gótico ou renacentista.

Teñen a súa orixe na época do primeiro califa andaluz Abd al-Rahman III quen decidiu edificar a seu recinto defensivo, ou alcázar, no 913, tras a súa revolta contra o goberno de Córdoba. No solar houbera un asentamento romano e logo visigodo e, ao parecer, tamén estivera a basílica de san Vicente (onde estivo soterrado san Isidoro). Inicialmente tivo una plantar rectangular, de 120 x 180 metros. Pouco a pouco o recinto foise facendo máis grande ao levantarse máis pazos, como o chamado “Al-Mubarak” ou o da bendición, no século XI. Na época almohade fixéronse máis patios e pazos dos que actualmente so queda o Patio do Xeso, como único resto do pazo islámico.

Da época cristiá podemos salientar que cando Fernando III conquistou a cidade fixo do alcázar a súa residencia e que o seu fillo, Afonso X, xa fixo as primeiras reformas ao engadirlle tres grandes salón góticos. Mais será con Pedro I cando se lle dea, a partir de 1364, grande parte da súa configuración actual ao levantarse o Pazo Mudéxar, de feito tal, que constitúe o exemplo máis sobranceiro da arquitectura civil mudéxar. Na súa construción traballaron artesáns de Sevilla, Toledo e Granada. Tivo, posteiormente, varias transformacións na época dos Reis Católicos e dos primeiros austrias. Na portada destaca o seu texaroz sostido por mocárabes dourados coa inscrición, en caracteres góticos que di: "el muy alto et muy noble et muy poderoso et muy conqueridor don Pedro por la gracia de Dios rey de Castilla et de León, mandó fazer estos alcázares et estos palacios et estas portadas que fue fecho en la era de mill et quatrocientos y dos años”.

Logo serían levantados a capela gótica, o patio da Montería e os grutescos dos xardíns.


Unha das estancias máis visitadas e o Patio das Doncelas que conta con forma rectangular, arcos lobulados sobre dobres columnas de mármores no baixo andar e arcos de medio punto sobre columniñas xónicas de mármore con balaustrada no superior que foi engadido na época de Carlos V. Con Filipe II o patio foi enlousado e colocouse a fonte no medio. En tres dos seus lados ábrense cuartos que forman a parte baixa do pazo e o outro lado vai pegado ao pazo de Afonso X.

Tamén é moi interesante o Salón dos Embaixadores. Ten o seu acceso desde o patio das doncelas a través dun gran arco, con portas orixinais feita por carpinteiros toledáns en 1366 con inscricións en árabe no exterior e en castelán no interior. O recinto ten arquearías triplas en dous dos seus lados sostidas por columnas de mármore de distintas cores. Destaca a cúpula sobre pechiñas de mocárabes dourados de 1427 e os panos de alicatado na parte baixa dos muros. O conxunto foi alterado en 1592 ao construírse balcóns.

En 1987 foi declarado, xunto coa catedral e o Arquivo de Indias, Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.


Máis información no Patronato do Real Alcázar e na wikipedia.



8/12/10

30 Anos sen John Lennon


Hoxe hai trinta anos que Lennon foi asasinado... Fermoso artigo de Diego Manrique en El País.


7/12/10

Carlos Quintáns: vivenda no Courel


Hai uns días tanto o xornal El País como un dos seus blogs, Del tirador a la ciudad, publicaron un pequeno texto e unha entrevista ao arquitecto Carlos Quintás por mor da vivenda deseñada para o fotógrafo Ángel Batanás no Courel. Lede un anaco dos dous textos.

"Aquí séntese ben o pouco que é un home". O verso de Uxio Novoneyra describe a casa que Carlos Quintáns ideou para un fotógrafo na Serra do Courel. (…). Alí, sobre unha antiga palleira, Quintáns levantou unha vivenda de 100 metros cadrados cunha planta baixa compartimentada polos dormitorios e un primeiro piso diáfano para as zonas de vida en común.
Fotógrafo e arquitecto partían dun lugar admirado, como detido no tempo. E comezaron derrubando todo o novo que fora engadido ao muro de pedra da palleira orixinal. Sobre este, levantaron unha estrutura de madeira laminada que forraron con castiñeiro por fóra e con DM hidrófugo por dentro. Como fachada, un miradoiro é o muro transparente e paradoxal desta casa recolleita, íntima. Como unha peza sen tempo, o traballo de Quintáns ten o mesmo futuro que poida ter unha pedra: todo. A casa encaixa na serra, no tempo, na vida do pobo e no propio pobo. E non ten necesidade de elixir entre a arquitectura popular e a culta. O que é depende de quen a xulgue. Manda, con todo, unha mensaxe profunda. Consegue que unha casa sexa tamén un lugar.

3-Canto impón, soluciona, condiciona ou decide que un arquitecto elixa un idioma arquitectónico específico? Condiciona menos que a un artista que expón dunha forma moi clara o marco no que o seu traballo vaise a desenvolver. Os arquitectos temos a sorte de que o lugar no que deben inserirse as nosas obras e a íntima relación co seu uso, envólveo todo en riqueza e complexidade, flexibilizando ese marco arquitectónico.
4-É o paso do tempo o termómetro da arquitectura ou o é a resposta a un momento? A arquitectura ten unha parte de resposta ao momento, pero se fai para durar. Hai arquitecturas que duran fragmentos moi pequenos de tempo, pero normalmente non son caducas coa excepción daquelas vinculadas a ser expresión do consumo inmediato, da festa ou da urxencia. Algunhas só duran o tempo da mirada do fotógrafo e están feitas para ser unha chamada extrema, que tras ser vistas pasan ao esquecemento.
Evidentemente tras un período de explosión dunha forma de expresión arquitectónica pode existir un receo cara a ela pola necesidade de definir novos criterios, pero tras este receso a arquitectura debe apreciarse con ollos limpos
.

Fotografías de Ángel Batanás.

6/12/10

O derradeiro cadro de Caravaggio


A partir deste venres os amantes da pintura do mundo enteiro poden admirar na Rembrandthuis de Amsterdam o que foi cualificado polos expertos como último cadro pintado polo xenio italiano Michelangelo Merisi da Caravaggio (1571-1610) antes de morrer, fai xusto agora catro séculos.

A mostra, que inaugurou a Rembrandthuis da cidade das canles, é unha primicia a nivel internacional, avalada por un equipo de expertos en pintura barroca, segundo confirmou Leslie Schwartz, portavoz do museo amsterdamés.

Trátase dun lenzo proveniente dunha colección privada que foi descuberto en 1976 -aínda que a súa autoría non quedou clara nese momento-, que representa a un Juan Bautista novo, en actitude de repouso, que mira, con xesto apracible, cara á fronte.

Unha tenue luz baña a escena desde a esquerda do cadro, de xeito suave, provocando un intenso efecto de sombreado sobre o corpo, envolvido nunha túnica vermella e tendido a modo de escorzo, envorcado sobre a dereita nun ambiente cargado de serenidade.

"É, sen dúbida, unha primicia mundial. Descoñecíase que este cadro fóra de Caravaggio, aínda que se sospeitaba que era do seu taller. Para nós é un verdadeiro orgullo poder expor esta marabilla ante os ollos do mundo", asegurou Schwartz.

Fotogra, texto e texto completo da notica en El Mundo.

5/12/10

A métrica románica de Bruno Zevi

"(...) A lonxitude da igrexa non poderá ser arbitraria, pois deberá ser múltiplo do ancho da nave central; o ancho das naves laterais non será a pracer, senón deberá reducirse a un submúltiplo da nave central.

Atopámonos, pois, fronte ao organismo románico caracterizado por dous feitos: a concatenación de todos os elementos do edificio, e a métrica espacial. No que incumbe ao primeiro carácter, pódese dicir que a arquitectura cesa de actuar en termos de superficie ou “pel” e comeza a expresarse en termos de estrutura e osatura. A gradual e lenta concentración de empurres e das resistencias; o adelgazamento da mampostería, alcanzado a través de repetidas probas ao mesmo tempo que maduraba a conciencia, por así dicir, muscular da estrutura; a abolición definitiva do arco trunfal, obstáculo á unidade da igrexa; a desaparición do atrio e, por conseguinte, a maior atención dedicada ás fachadas, que gradualmente se van facendo acordes coa distribución espacial interna: todos estes elementos en dependencia recíproca fan que o edificio románico pareza un organismo que esperta e que adquire seguridade en si e na dialéctica da súa forza, ao comparalo co corpo inerte, aínda cando esplendidamente austero, dos primeiros templos cristiáns, ou coa enxoiada, vestida magníficamente, pero inmóbil, igrexa bizantina. A civilización bárbara e primitiva dos séculos VIII ao X, fixera farrapos as vestiduras bizantinas e puxera ao espido a varonil tosquedad do corpo estrutural. O corpo faise organismo, toma conciencia da súa unidade e da súa circulación: nunha palabra, móvese".

BRUNO ZEVI. Saber ver la arquitectura. Barcelona, Apóstrofe, 1998, páx. 74.
Fotografía: Nave lateral da catedral de Santiago de INICIARTE.

"Supercasas" de A-cero en La Sexta


As mellores casas deseñadas por A-cero serán presentadas por primeira vez polos seus propietarios, moitos deles tan coñecidos como Fernando Ferro, Alejandro Sanz ou Carlos Sainz, para mostrar cada recuncho do seu fogar a partir do próximo 12 de decembro en “Supercasas”, o novo programa da Sexta en prime time.
Salóns de 600m2, piscinas de ilusión, salas de cine, spas ou garaxes para unha decena de coches son só algunhas das estancias incluídas nas residencias que abrirán as súas portas cada domingo da man do director de A-cero, Joaquín Torres.
En total emitiranse seis capítulos dunha hora de duración, que non tratarán só de arquitectura, senón que desvelarán un mundo ligado a A-cero e inaccesible para a maioría no que o luxo, o deseño e arte están presentes cada día.
Mostraranse as exposicións, concertos ou ceas ás que Joaquín Torres e o seu socio, Rafael Llamazares, adoitan asistir con clientes e amigos, pero tamén se desvelará como é o traballo diario nun despacho de arquitectura e o esforzo constante que require sacar adiante a unha empresa con proxectos en países tan distantes como Dubai ou República Dominicana.
“Supercasas”, produción de Zeta Audiovisual (ONTV), é o primeiro programa da historia da televisión dedicado exclusivamente a un estudo de arquitectura.
Tras a estrea do 12 de decembro, as sucesivas emisións de “Supercasas” terán lugar os días 19 e 26 de decembro, e o 2, 9 e 16 de xaneiro ás 22:00 horas.
Texto e foto vía A-Cero blog.




3/12/10

Visitando exposicións "Cen por cen Seaone"

Ata finais do xaneiro próximo pódese ver na sede coruñesa da Fundación Caixa Galicia a exposición “Cen por cen Seoane”. Son Trescentas cincuenta pezas orixinais e centos de documentos e imaxes. Coincidindo co centenario de Luís Seoane esta é a maior exposición sobre o artista galego que se realizou nunca, coproducida conxuntamente coa Fundación Luís Seoane. Xosé Díaz, unha das persoas que máis e mellor coñeceu ao artista, é o comisario, que nos ofrece unha estrutura do contido expositivo en cen seccións para mostrar a riqueza e complexidade da personalidade deste creador plástico, promotor de empresas culturais, deseñador, editor, escritor e xornalista.

Tamén se expoñen 220 documentos orixinais (libros, álbums, textos autógrafos, dedicatorias, cartas...) e 130 reproducións, moitas delas fotográficas, referidas á súa vida.
A montaxe destaca tamén a faceta de Luís Seoane como activista político, a través do republicanismo, o galeguismo e o antifascismo. O artista defendeu estas ideas ao longo da súa vida, na Compostela universitaria e na galeguista cidade da Coruña dos anos trinta e tamén na cidade de Bos Aires dos anos corenta, lugar de acollida de emigrantes e exiliados que, como Seoane, enriqueceron a paisaxe da gran cidade, un dos lugares máis importantes na súa traxectoria artística.

Unha magnífica oportunidade para coñecer todas as facianas do más completo artista galego do Século XX.

1/12/10

Sen comentarios (XXII): A Casa Branca


Dentro das “peculiaridades” dos E.U.A. en relación coa arquitectura, é moi salientable a súa reiteración de obras recoñecidas, mais o complexo hoteleiro Wisconsin Dells é famoso pola recreación de…, mellor dito, da… CASA BRANCA





Fotos de Sabela para INICIARTE.
Nesta ligazón podedes ver outras fotos na súa páxina web.