27/12/10

O rei David na catedral de Santiago


Representado nun trono con dosel xurde no lateral esquerdo da fachada de Praterías da catedral de Santiago, a figura do rei David. Orixinariamente estivo colocada na fachada norte ata que foi levada á sur tras o incendio daquela. O seu autor é o Mestre Estevo quen será o primeiro gran mestre escultor da catedral e o probable creador de todo o programa iconográfico. Traballa na fábrica ata 1101. Ten as obras de maior calidade. Fai o acroterio e os canzorros da capela de santa Fe, algúns fustes da porta norte e varios relevos: a creación de Adán, David, Eva co cranio, santo André. As súas figuras están caracterizadas pola carga vital, con coidadosos estudos das anatomías; sempre caracteriza aos rostros cos beizos grosos, ollos avultados e carrillos inchados; o cabelo sempre con guedellas ou mechóns soltos. Os dobrados das teas están dispostos buscando unha forma paralela e debuxando un “U” no seu conxunto.


A figura está representada baixo un dosel e sentada nun trono. A parte superior está rematada cun arco de medio punto e con dúas cabezas de león nas esquina. O trono tamén ten relación cos animais protectores posto que as patas rematan en garras que se apoian sobre outras cabezas de león, mentres que os pes do rei o fan sobre outro animal. O trono remata a súa decoración con figuras xeométricas. O rostro do rei amosa tanta serenidade como altivez. Leva unha coroa decorada con arquiños e que oculta o seu pelo. O seu longos pelos caen en guedellas sobre os ombreiros como noutras esculturas deste mestre (Muller con león, santo André). A barbo, moi abundante e poboada, está tratada con coidado extremo mesmo o bigote semella que vai nunha trenza cara arriba. Ten os ollos moi marcados ao igual cos beizos. Viste túnica e manto prendido no seu ombreiro dereito. A túnica, decorada nos extremos con cenefas, fai os característicos pregues nas pernas cruzas, como o manto sobre o peito. As teas, no seu conxunto, transmiten unha sensación de lixeireza e de calidade.


En canto ao instrumento tocado polo rei David hai moitas interpretacións, para uns é un cordófono de corda frotada, para outros unha fídula ou unha viola oval. Mais podemos, doadamente describilo dicindo que está apoiado sobre o lado esquerdo e o toca coa man dereita cun arco. A caixa do instrumento é oval tendo marcas de separación para o mastro entre elas e o clavixeiro ten clavillas para tensar as súas tres cordas. Noutro extremos, detállase a ponte cun elegante elemento decorado que o une á caixa decorada cunha pequena moldura. No medio da caixa hai unha abertura de resonancia.

O conxunto alude ao Señor como vencedor do mal; sentado no trono e ten aos pés un león, mentres toca a viola, o que fusiona as calidades artísticas de David co seu dominio sobre as feras, isto é, sobre o mal. A súa presenza na fachada estaba en función de ser unha “prefiguración de Cristo como vencedor do mal, do seu aspecto trunfante, en contrate co sacrifio de Isaac, que anunciaba a personalidade sufridora do Salvador, desenvolvida nos relevos da paixón de Praterías” (S. Moralejo)

Lembrade que INICIARTE leva xa algunhas entradas sobre a catedral de Santiago.

2 comentarios:

Cristina dijo...

Grazas, Antonio... Estou repasando moitas cousas do romanico cos teus escritos, epoca que me encanta... Vese co meu nivel e de bacahalerato e encantame leerte...Quero mais!

Antonio Martínez dijo...

Grazas a ti, Cristina. Co románico vou rematando. Queda un vídeo de pintura e catro entradas sobre o Císter en Galicia para xaneiro. Boas festas.