Como xa sabemos ao longo do século V a.C. toda a Acrópole de Atenas foi sometida a unha profunda reorganización seguindo un novo plan arquitectónico. Deste xeito cambiáronse de orientación os Propíleos e nivelouse o terreo, co cal, ademais de cubrirse antigos altares e santuarios, abríronse novos camiños e espazos abertos.
Sabemos que foi o arquitecto Mnesicles quen deseñou os novos Propileos (437-432) na parte occidental da Acrópole, no emprazamento do antigo propylon, pero cunha orientación distinta e para reemprazar os aos derruídos de Pisístrato. O obxectivo desta modificación era suscitar nos peregríns unha emoción intensa no intre de chegar á Acrópole: a estatua colosal de Atenea Promarcos ou guerreira erguíase precisamente no eixo dos Propíleos, co Partenón e o Erecteion a ambos lados.
Os Propíleos, dunha austera orde dórica, formaban a fachada e a entrada monumentais do gran santuario da Acrópole. Eran unha construción enorme e impoñente, dignos do carácter sagrado da rocha e dous seus fermosos monumentos.A súa parte central, onde estaba a entrada, é maior e atópase encadrada por dúas alas máis cativas. A ala sur estaba destinada ao servizo do santuario de Atenea Niké, elegante templo xónico. Mnesicles debeu prever o emprazamento do templo, como o da a entender a disposición da ala dereita dos Propíleos. A decisión de construílo fora adoptada no 448 a. C. mais as obras non empezarían ata o 427.
O arquitecto introduciu nos Propíleos moitas innovacións. A forma simple do propylon –porta protexida nos seus lados por un beiril apoiado en dous soportes- transfórmase agora nuns elementos perfectamente harmonizados cos monumentos aos que serve de acceso. Percíbese sen dificultade a forma do propylon e os elementos que o constitúen. Ademais debemos lembrar que no seu interior tiñan unha columnata xónica. As columnas elevábanse ata a altura que reclamaban as necesidades reais, pero sen reducir o espazo necesario para os accesos que deben ser o máis amplos posibles, xa que os habitantes de Atenas acudían en masa ao santuario, cousa que non podería facerse se o arquitecto, por fidelidade ao canon dórico, colocara as columnas dóricas, máis voluminosas, no interior e no exterior. Este exemplo amosa claramente como Mnesicles supera a tradición, subordinando os elementos de que dispoñía á súa propia finalidade e poñer así en práctica a súa visión arquitectónica.
Xusto despois dos Propíleos, na Acrópole, hai unha gran explanada de 43 por 50 metros rodeada por diversos santuarios.
A construción principiou no 437 a.C. parándose as súas obras no 432 .C. debido a uns problemas técnicos na execución do proxecto. Ademais Mnesicles non estaba da cordo cos sacerdotes do templo de Niké Aptera nin cos do templo de Artemisa Brauronia. Aínda por riba, no anos seguinte principiaría a Guerra do Peloponeso. En conxunto, os Propíleos son unha gran e complexa edificación que ocupan o extremo occidental da Acrópole que, desde as épocas micénica e arcaica, era a única cara accesible, polo que, loxicamente, sempre constituíu a gran entrada ao recinto sagrado.
Segundo o deseño de Mnesicles, a construción estaría dividida en tres partes estruturais, esteitamente vencelladas entre si. A entrada tiña cinco portas entre seis columnas dóricas. A porta central era a maior e non estaba enlousada posto que por ela pasaban os xinetes e os animais da procesión das Panateneas, mentres que polas outras catro portas pasaría só as persoas. A porta máis ancha (7,37x 4,18 metros) era tamén a central tendo, unha vez dentro, dúas filas de columnas xónicas, formando os seus laterais. O chan da entrada estaba cuberto de pedra caliza grisazulada que contrastaba co branco mármore do Pentélico do resto do edificio.
A fachada exterior occidental, que como xa quedou dito, tiña seis columnas dóricas, correspóndese con outro propileo similar con fachada cara ao Erecteion, o Hecatómpedon e o Partenón. O arquitecto aproveitou o desnivel do terreo e diferenciou o espazo entre as dúas fachadas, de xeito que no oeste fórmase un lugar de recepción maior, cunha diferencia de cinco chanzos con respecto ao oriental.
Xa que logo Os Propíleos constaban dun edificio rectangular (24x18,20 metros) e dúas alas, unha no norte e outra no sur. O edifico central estaba dividido en tres partes, por dúas ringleiras de columnas xónicas, e perpendicular a elas, un muro de mármore o separaba das fachadas. Cada fachada estaba formada por seis columnas dóricas e un frontón.
O proxecto arquitectónico de construción de dous edificios, alas ao norte e ao sur do edificio central dos Propíleos, abandonouse e só fi edificada unha parte no lado norte, unha sala de forma cuadrangular cunha porta e dúas xanelas á esquerda e dereita da mesma. Esta sala é coñecida como Pinacoteca porque, segundo as fontes clásicas, contiña cadros de coñecidos pintores da época, entre eles o famoso Polignoto.
Intentos de imitación dos planos dos Propíleos de Mnesicles aparecen case en todas as construcións de propileo-entrada de santuarios gregos e romanos, como os Eleusis, Epidauro, Olimpia e outros.
Ademais das pinturas da Pinacoteca, os Propíleos estaban decorados por obras escultóricas, como o Hermes Propileo, as Gracias e a Leona de bronce de Anfícrates, monumento en honra a Leaina (leona) amiga de Aristogitón, que ao seren torturada polo tirano Hipias, mordeuse e cortouse a lingua para non traizoar aos Tiranicidas.
A subida aos Propíleos facíase na época clásica por unha rampla de 80 metros de longo e 20 de ancho. Esta facilitaba a subida no só dos homes senón tamén dos animais de carga que se empregaban para o transporte do material, e os bois e años que se destinaban aos sacrificio nas grandes celebracións, como as xa citadas Panateneas. Máis tardes, na época do emperador Claudio (41-54 d.C.) construíuse unha escaleira monumental e, no século II, a porta, que hoxe é chamada Beulé, en honra ao arqueólogo francés Ernest Beulé, quen a atopara.
Lembrade que INICIARTE xa vos ten contado a evolución posterior deste insigne monumento. As fotos son de Pepe López para INICIARTE e están tiradas hai menos dun ano. Grazas, Pepe.
E, finalmente, un vídeo, onde, agardo, atoparedes algún erro:
Dimitros Papastamos. La Acrópolis de Atenas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario