17/12/10

O Pórtico da Gloria (II): As interpretacións

É moi complicado ter unha visión completa do sentido que se lle quixo dar ao Pórtico posto que son moitas as partes de que consta (ou constaba): tímpano central, dous arcos laterais, parteluz, imaxe de Santiago, conxunto de apóstolos e profetas, columnas de mármore historiadas e animais das bases. Ademais deberiamos engadir a contraportada e a portada externa desaparecida.

López Ferreiro entende que se representa a simboloxía das tres igrexas: a católica (arco central), o pobo de Israel (arco da esquerda) e e a igrexa dos Infieis (arco da dereita).

A maior parte dos historiadores franceses interpretan o Pórtico como a Fin dos Tempos e o xuízo final.

A interpretación actual maioritaria entende o Pórtico do seguinte xeito: O Reino de Cristo está reflectido no tímpano do arco central, no arco da esquerda represéntase o Limbo e no arco da dereita estaría o Purgatorio. Desde que en 1998 se fixera unha exposición para conmemorar o VIII centenario da colocación dos linteis do Pórtico, as interpretacións enténdeno como unha plasmación do Apocalipse de san Xoán, teimando na idea da fin dos tempos. Tamén hai historiadores que insisten en estudar o Pórtico como unha parte da obra do Mestre Mateo na catedral, tanto nos cimentos, no corredor do piso superior ao Pórtico.

Para Carbó o Pórtico da Gloria trata da Gloria de Cristo. Hai varias formas de ler o pórtico para algúns (Bernardo Fernández no século XIX) faríase de abaixo arriba mais para outros (a maioría dos especialistas do século XX) faríase a partir do tímpano central, logo os arcos laterais e iríase descendendo. Este autor propón facer unha lectura, nun primeiro lugar, por eixos: verticais e horizontais.


EIXOS VERTICAIS
O Mestre Mateo recolle a historia relixiosa do home, desde a orixe da humanidade ata a chegada de Cristo e a sitúa no lateral esquerdo, do muro do Parteluz, é dicir, todo o conxunto do arco central esquerdo e ata a metade do tímpano. Coloca as relixións antigas no primeiro piar da esquerda, e as representa nas bases dos grifos. Nese espazo antes de Cristo, o Mestre Mateo nos amosa o tempo da espera de Cristo e a figura dun Deus mozo nos primeiros días da Creación.

Á dereita do Parteluz e ata o muro dereito da catedral, relátase a situación do home despois da Nova Alianza. Nela Cristo, revestido da autoridade do Pai, fai valer o poder salvador da Nova Alianza para coa humanidade. Nese espazo, o Mestre Mateo vainos demostrar como despois da chegada de Cristo hai para o home unha vía única de acceso cara o Misterio. Cristo ten todo o poder do Pai e intercede polo home, quen, a pesares do pecado que o pode atenazar, ascende ao Misterio. O Mestre Mateo non deixa espazo a ningunha outra alternativa, nin a nova relixión".
Nas mochetas que dan acceso ao tímpano o autor coloca as portas de entrada ao reino de Cristo, de acordo coa división do espazo que xa comentamos: os que precederon á chegada de Cristo (ou os que non o coñeceron) á esquerda e os que naceron dentro da Nova Alianza, á dereita.

“No tímpano sitúanse as figuras do coro de Anciáns e os dous grupos de pobos. O pobo da Antiga Alianza (o pobo xudeu) está á esquerda e o da Nova Alianza (os pobos procedentes da xentilidade) á dereita .

Para resaltar aínda máis a división do tempo estre un antes e un despois de Cristo, o Mestre Mateo sérvese do fuste do Parteluz. No seu vertical sitúase a bisectriz da historia, e como tal relata a encarnación de Cristo. De abaixo arriba descríbese a xenealoxía do Fillo do home, que se inicia no mesmo Adán (a figura humana da base) e chega ata María, a súa nai, situada na parte superior do fuste. No capitel do Parteluz, por riba de María, o artista amósanos a filiación diviña de Cristo, representándoo coma un rapaz sentado no colo do seu Pai Deus. O presenta como un neno, mais xa cos atributos de poder sobre todas as cousas: como Pantocrátor bendice coa man dereita e sostén un libro coa súa esquerda”

EIXOS HORIZONTAIS

Dívide o Pórtico en catro espazos horizontais que corresponde (1) ás basas: microcosmos, o home e a súa situación. (2)As columnas que amosan os camiños dos homes nos desexos de subida ao Misterio, con as súas dificultades, logros e fracasos. (3)Os profetas e os apóstolos que anuncia a mensaxe de Cristo. (4) Macrocosmos: é a Vida despois da vida, con catro espazos específicos: os tres arcos e os espazos formados entre o tímpano e os arcos laterais.


Fotografías e texto (adaptado) de Félix Carbó Alonso. El Pórtico de la Gloria. Misterio y Sentido. Madrid, Ediciones Encuentro-Caixanova, 2009.

1 comentario:

PACO HIDALGO dijo...

Casualidades de la vida, también vimos en clase hoy el pórtico de Moissac y el Pórtico de la Gloria. Mayor sincronización, imposible. Te deseo lo mejor en estas fiestas y mejor año nuevo lleno de proyectos y carreras. Un abrazo, amigo Antonio.