7/12/10

Carlos Quintáns: vivenda no Courel


Hai uns días tanto o xornal El País como un dos seus blogs, Del tirador a la ciudad, publicaron un pequeno texto e unha entrevista ao arquitecto Carlos Quintás por mor da vivenda deseñada para o fotógrafo Ángel Batanás no Courel. Lede un anaco dos dous textos.

"Aquí séntese ben o pouco que é un home". O verso de Uxio Novoneyra describe a casa que Carlos Quintáns ideou para un fotógrafo na Serra do Courel. (…). Alí, sobre unha antiga palleira, Quintáns levantou unha vivenda de 100 metros cadrados cunha planta baixa compartimentada polos dormitorios e un primeiro piso diáfano para as zonas de vida en común.
Fotógrafo e arquitecto partían dun lugar admirado, como detido no tempo. E comezaron derrubando todo o novo que fora engadido ao muro de pedra da palleira orixinal. Sobre este, levantaron unha estrutura de madeira laminada que forraron con castiñeiro por fóra e con DM hidrófugo por dentro. Como fachada, un miradoiro é o muro transparente e paradoxal desta casa recolleita, íntima. Como unha peza sen tempo, o traballo de Quintáns ten o mesmo futuro que poida ter unha pedra: todo. A casa encaixa na serra, no tempo, na vida do pobo e no propio pobo. E non ten necesidade de elixir entre a arquitectura popular e a culta. O que é depende de quen a xulgue. Manda, con todo, unha mensaxe profunda. Consegue que unha casa sexa tamén un lugar.

3-Canto impón, soluciona, condiciona ou decide que un arquitecto elixa un idioma arquitectónico específico? Condiciona menos que a un artista que expón dunha forma moi clara o marco no que o seu traballo vaise a desenvolver. Os arquitectos temos a sorte de que o lugar no que deben inserirse as nosas obras e a íntima relación co seu uso, envólveo todo en riqueza e complexidade, flexibilizando ese marco arquitectónico.
4-É o paso do tempo o termómetro da arquitectura ou o é a resposta a un momento? A arquitectura ten unha parte de resposta ao momento, pero se fai para durar. Hai arquitecturas que duran fragmentos moi pequenos de tempo, pero normalmente non son caducas coa excepción daquelas vinculadas a ser expresión do consumo inmediato, da festa ou da urxencia. Algunhas só duran o tempo da mirada do fotógrafo e están feitas para ser unha chamada extrema, que tras ser vistas pasan ao esquecemento.
Evidentemente tras un período de explosión dunha forma de expresión arquitectónica pode existir un receo cara a ela pola necesidade de definir novos criterios, pero tras este receso a arquitectura debe apreciarse con ollos limpos
.

Fotografías de Ángel Batanás.

No hay comentarios: