31/12/10
30/12/10
Sen comentarios (XXIII): Beirarrúa con poste

27/12/10
O rei David na catedral de Santiago
En canto ao instrumento tocado polo rei David hai moitas interpretacións, para uns é un cordófono de corda frotada, para outros unha fídula ou unha viola oval. Mais podemos, doadamente describilo dicindo que está apoiado sobre o lado esquerdo e o toca coa man dereita cun arco. A caixa do instrumento é oval tendo marcas de separación para o mastro entre elas e o clavixeiro ten clavillas para tensar as súas tres cordas. Noutro extremos, detállase a ponte cun elegante elemento decorado que o une á caixa decorada cunha pequena moldura. No medio da caixa hai unha abertura de resonancia.
O conxunto alude ao Señor como vencedor do mal; sentado no trono e ten aos pés un león, mentres toca a viola, o que fusiona as calidades artísticas de David co seu dominio sobre as feras, isto é, sobre o mal. A súa presenza na fachada estaba en función de ser unha “prefiguración de Cristo como vencedor do mal, do seu aspecto trunfante, en contrate co sacrifio de Isaac, que anunciaba a personalidade sufridora do Salvador, desenvolvida nos relevos da paixón de Praterías” (S. Moralejo)
25/12/10
Visitas con arte
O alumnado recibiu unha forte inmersión na arte contemporánea. Puidemos apreciar distintas técnicas e temáticas así como apreciar os actuais camiños da arte actual: desde o hiperrealismo ata a máis pura abstracción pasando pola fotografía. Foi precisamente o fotógrafo Vari Caramés quen se levou os 6.000 euros do Primeiro Premio. Recibimos como agasallo o catálogo da mostra.
Posteriormente, detivémonos na igrexa de santa María de Cambre, pequena xoia do románico rural galego. A súa fachada é toda unha lección de arquitectura e escultura románica. O seu interior, cos case cen capiteis historiados e a xirola protogótica, non o puidemos contemplar nesta ocasión.
24/12/10
O Pórtico da Gloria (V): os cronistas
Bibliografía: Félix Carbó Alonso. El Pórtico de la Gloria. Misterio y Sentido. Madrid, Ediciones Encuentro-Caixanova, 2009
22/12/10
Boas Festas
Vistos en Fogonazos.
O Pórtico da Gloria (IV): os escudeiros
Os oitos anxos-escudeiros atópanse na fila inferior do tímpano do Pórtico. Catro deles miran ao espectador. Desde a esquerda, o primeiro está axeonllado, sontén entre as súas mans a columna dos azotes. Despois outros dous anxos, mirando á fronte, aguantan da cruz. Un cuarto anxo porta a coroa de espiñas mirando con dor o espectador.
Á dereita do tímpano, e despois de san Marcos, un anxo leva os catro cravos na súa man dereita e na esquerda a lanza. O segundo porta un pergameo e as xarra, en alusión á condena a norte e ao acto de Pilatos de lavarse ás mans. Estes dous anxos miran ao fiel. O terceiro anxo leva coas dúas mans o martelo e o azote, cruzándoos sobre o seu peito. O cuarto anxo sostén coa man esquerda a cana que, coa esponxa, serviu para aliviar a sede do moribundo e coa man dereita leva un pergameo que probablemente tería escrito INRI.
Chama a atención como os anxos que portan os instrumentos do martirio levan as mans cubertas por un velo cando os suxeitan polas partes que estiveran en contacto directo co corpo de Cristo: coroa de espiñas, cruz e cravos. As mans dos anxos que levan a columna, a lanza, a cana coa esponxa non están cubertas con ningún pano.
Bibliografía: Félix Carbó Alonso. El Pórtico de la Gloria. Misterio y Sentido. Madrid, Ediciones Encuentro-Caixanova, 2009
20/12/10
O Pórtico da Gloria (III): O Cristo do tímpano
CRISTO TODOPODEROSO
Cristo Pantocrátor como composición naceu en Bizancio e foi moi asumida pola arte románica. Esta representación de Xesús fica moi clara coa lectura de san Mateo (Mt. 25, 31-45): “E cando viniere o Fillo do Home na súa gloria, e todos os anxos con el, entón sentarase no trono da súa gloria e serán congregadas na súa presenza todas as xentes, e as separará unas doutras”. Por iso, a imaxe de Cristo Pantocrátor adoita estar acompañada da iconografía do Xuízo Final, en tempos posteriores ao Pórtico, ata o Gótico. Mais o Mestre Mateo fai unha composición nova ao rodear ao Pantocrátor do seu pobo.
CRISTO VENCEDOR DA MORTE
Xesús está representado, vivo, resucitado despois da súa paixón, vencedor da morte: amosa a ferida da lanza no seu costado (os anxos que o rodean portan os instrumentos da paixón) e as chagas nas súas mans. Esta composición xa afora vista no tímpano da abadía de saint Pierre de Moissac. Como lembra santo Tomás “As chagas amosan a forza porque testemuñan que trunfou á norte”. Completa esta escena, en clara alusión ao Apocalipse, unha fonte de auga que nace da dereita do trono, á altura do brazo da cadeira, por riba do ombro de san Lucas (Ap. 20,6): “Ao sedente, Eu dareille de beber graciosamente da fonte da auga da vida”, e (Ap. 22,1): “Amosoume un río de auga viva, claro coma un cristal, que manaba do salio de Deus e do Año”.
O Mestre Mateo representa a Cristo como sacerdote cos brazos levantados, coas palmas dirixidas ao observador. Dous anxos, un á dereita e outro á esquerda, balancean os seus incensarios esféricos dotados dunha pequena base, rendendo homenaxe ao Señor. Salientable o realismo de detallas dos incensarios.
CRISTO REI
Cristo está coroado como rei, no lugar central, rodeado pola corte. Ata sería posible relaciónalo cos lazos entre o Mestre Mateo con Fernando II, promotor e comitente da obra. Esta representación de Cristo coroa é moi pouco frecuente nas imaxes de Cristo Pantocrátor (Moissac e algunha máis)
No Pórtico, a coroa de Cristo está acompañada polos ricos roupaxes da súa vestimenta, adornados con flores de lis. A barba e o cabelo están moi coidados, a primeira é simétrica e o segundo moi longo. Detrás ten un dosel á altura da cabeza e un halo cunha cruz moi pouco visible.
Tamén aluden a Cristo como rei a presenza dos reis David e Salomón colocados no fuste do parteluz e nos accesos ao Pórtico. Nos dous casos David fai tocar o salterio e Salomón empuña o cetro. Esta última figura está moi deteriorada posto que recibiu un raio (sinal divina?)
Fotos e texto (adaptado) procedentes de: Félix Carbó Alonso. El Pórtico de la Gloria. Misterio y Sentido. Madrid, Ediciones Encuentro-Caixanova, 2009
19/12/10
Baroña: outro castro en perigo
O seu éxito de público é talvez a súa maior condena. E é que os máis de 100.000 visitantes ao ano que se calcula que pasean sen control sobre as súas pedras son, xunto á pasividade das Administracións, que permitiron un primeiro plan que contempla actuacións de ordenación tan simples como a sinalización dun camiño de acceso ao xacemento, os principais problemas que prexudican ao castro de Baroña, o segundo máis visitado de Galicia tras o de Santa Tegra.
O seu acceso por estrada é premonitorio. A AC-550 é o viario polo que se chega ao castro, cunha única sinalización para os vehículos que proceden de Santiago despois de atravesar o municipio de Noia e chegar a Porto do Son. Unha sorte que non gozan os turistas que chegan das Rías Baixas, previo paso por Ribeira.
O acceso ao castro faise por un camiño intuitivo e froito da improvisación de quen non coñecen nin teñen onde informarse. Un todo vale que no verán chega ao esperpento. O mesmo sucede na península sobre a que se levantaron as primeiras pedras no século I antes de Cristo. Feces, calzóns e ata unha moto de cros rubindo entre os restos empedrados son os tristes detalles que algúns recordan. Así é a vida deste castro. Sempre sometido ao civismo de quen o percorren.
Para calibrar o estado deste paciente patrimonial, a Xunta sufragou un recoñecemento completo. O primeiro en 14 anos. O diagnóstico non é bo. Implora unha operación urxente que vai máis aló do lifting. Esixe un baipás para saír do estado comatoso no que se atopan seis zonas cualificadas de críticas, así como outras actuacións na súa contorna. O posoperatorio tampouco será fácil. Ademais do sentidiño de quen o percorran nun futuro, haberá que regular o fluxo de visitantes, delimitar os diferentes carreiros de acceso e erradicar outras sendas oportunistas que desvirtúan o monte perimetral. A construción dun centro de interpretación é outro dos soños eternos que nunca pasou de ser un proxecto nos despachos.
Aquí xoga un papel importante o Goberno galego. Concretamente, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que a través dun portavoz garantía fai máis dunha semana o investimento dun millón de euros para a construción do centro de interpretación, «sempre que o Concello de Porto do Son aprobe o plan especial e defina a responsabilidade dos terreos». Circunstancias, ambas, que xa foron aceptadas na sesión plenaria do 26 de novembro, polo que agora, e segundo consta por escrito, só resta esperar a que todo isto vaia máis aló do papel.
O que está claro é que as dúas administracións que deben e velar polo castro de Baroña teñen a vontade de facelo -aínda que sexa despois de moito tempo-, e máis agora, que o último escollo burocrático está salvado.
Pórtico da Gloria: continúan as obras

O programa de estudo permitiu identificar ata tres policromías sucesivas. Os investigadores contrastaron que da primeira decoración medieval quedan moi poucos restos e que os autores dese traballo empregaban unha gama reducida de terras coloreadas. En negro perfilaban o contorno dos relevos e trazos faciais, e utilizaban cores de aspecto opaco realizados cunha técnica mixta, un amorne graso a base de aceite secante e proteínas: branco albayalde, vermello bermellón, azul lapislázuli.
O comité científico recomenda monitorizar o pórtico un ano máis e ampliar o estudo do seu policromía. Os restos da primeira policromía áchanse, sobre todo, na columna dos profetas do Antigo Testamento, especialmente nas figuras de Daniel e de Xeremías, así como en san Juan e nalgúns instrumentos.
18/12/10
"Abreveberva": Exposición colectiva en Vigo
O fermoso título da exposición, ese curioso palíndromo, quere incidir na viaxe de ida e volta que sempre supón a arte, as traxectorias artísticas e a vida desta exposición. En palabras do comisario David Barro “os catro artistas conseguiron xerar a súa propia atmosfera, aínda manexando moitos estratos e planos de significado, e aínda cando estas solucións sexan breves e vagas; porque o vago só emerxe cando o punto de partida é a precisión, a ollada paciente”.
O acto foi inaugurado polos concelleiros-as e mesmo polo tenente de alcalde de Vigo ademais de contar coa presenza de técnicos de cultura dos dous concellos así como unha senlleria representaión do mundo das artes (pintores-as, escultores, arquitectos-as...). Trátase dunha pequena exposición onde podemos apreciar distintas técnicas e distintos conceptos. Pode ser unha boa oportunidade para que este blog, por vez primeira, vos presente a Xurxo Gómez Chao, do que noutro momento falaremos (depuradísima técnica, reiteración de motivos pero en evolución constante...) Non deixedes de visitar a súa fermosa páxina web.
17/12/10
O Pórtico da Gloria (II): As interpretacións
López Ferreiro entende que se representa a simboloxía das tres igrexas: a católica (arco central), o pobo de Israel (arco da esquerda) e e a igrexa dos Infieis (arco da dereita).
A maior parte dos historiadores franceses interpretan o Pórtico como a Fin dos Tempos e o xuízo final.
A interpretación actual maioritaria entende o Pórtico do seguinte xeito: O Reino de Cristo está reflectido no tímpano do arco central, no arco da esquerda represéntase o Limbo e no arco da dereita estaría o Purgatorio. Desde que en 1998 se fixera unha exposición para conmemorar o VIII centenario da colocación dos linteis do Pórtico, as interpretacións enténdeno como unha plasmación do Apocalipse de san Xoán, teimando na idea da fin dos tempos. Tamén hai historiadores que insisten en estudar o Pórtico como unha parte da obra do Mestre Mateo na catedral, tanto nos cimentos, no corredor do piso superior ao Pórtico.
Para Carbó o Pórtico da Gloria trata da Gloria de Cristo. Hai varias formas de ler o pórtico para algúns (Bernardo Fernández no século XIX) faríase de abaixo arriba mais para outros (a maioría dos especialistas do século XX) faríase a partir do tímpano central, logo os arcos laterais e iríase descendendo. Este autor propón facer unha lectura, nun primeiro lugar, por eixos: verticais e horizontais.

“O Mestre Mateo recolle a historia relixiosa do home, desde a orixe da humanidade ata a chegada de Cristo e a sitúa no lateral esquerdo, do muro do Parteluz, é dicir, todo o conxunto do arco central esquerdo e ata a metade do tímpano. Coloca as relixións antigas no primeiro piar da esquerda, e as representa nas bases dos grifos. Nese espazo antes de Cristo, o Mestre Mateo nos amosa o tempo da espera de Cristo e a figura dun Deus mozo nos primeiros días da Creación.
Á dereita do Parteluz e ata o muro dereito da catedral, relátase a situación do home despois da Nova Alianza. Nela Cristo, revestido da autoridade do Pai, fai valer o poder salvador da Nova Alianza para coa humanidade. Nese espazo, o Mestre Mateo vainos demostrar como despois da chegada de Cristo hai para o home unha vía única de acceso cara o Misterio. Cristo ten todo o poder do Pai e intercede polo home, quen, a pesares do pecado que o pode atenazar, ascende ao Misterio. O Mestre Mateo non deixa espazo a ningunha outra alternativa, nin a nova relixión".
“No tímpano sitúanse as figuras do coro de Anciáns e os dous grupos de pobos. O pobo da Antiga Alianza (o pobo xudeu) está á esquerda e o da Nova Alianza (os pobos procedentes da xentilidade) á dereita .
Para resaltar aínda máis a división do tempo estre un antes e un despois de Cristo, o Mestre Mateo sérvese do fuste do Parteluz. No seu vertical sitúase a bisectriz da historia, e como tal relata a encarnación de Cristo. De abaixo arriba descríbese a xenealoxía do Fillo do home, que se inicia no mesmo Adán (a figura humana da base) e chega ata María, a súa nai, situada na parte superior do fuste. No capitel do Parteluz, por riba de María, o artista amósanos a filiación diviña de Cristo, representándoo coma un rapaz sentado no colo do seu Pai Deus. O presenta como un neno, mais xa cos atributos de poder sobre todas as cousas: como Pantocrátor bendice coa man dereita e sostén un libro coa súa esquerda”
EIXOS HORIZONTAIS
Dívide o Pórtico en catro espazos horizontais que corresponde (1) ás basas: microcosmos, o home e a súa situación. (2)As columnas que amosan os camiños dos homes nos desexos de subida ao Misterio, con as súas dificultades, logros e fracasos. (3)Os profetas e os apóstolos que anuncia a mensaxe de Cristo. (4) Macrocosmos: é a Vida despois da vida, con catro espazos específicos: os tres arcos e os espazos formados entre o tímpano e os arcos laterais.
Fotografías e texto (adaptado) de Félix Carbó Alonso. El Pórtico de la Gloria. Misterio y Sentido. Madrid, Ediciones Encuentro-Caixanova, 2009.
16/12/10
Dolmen de Dombate: o principio da fin.
Semella que por fin as obras de musealización no dolmen de Dombate van por bó camiño. A este dolmen téñolle un especial cariño porque tiven a sorte de participar nunha campaña de escavación baixo a dirección de Xosé María Bello. Un anta con menos alma que Dombate podería sentir sobre as súas laxas o peso do deseño e o piñeiro noruegués. Moi poucos xacementos serían capaces de resistir a magna obra que fará do dolmen o monumento único que foi desde sempre.
Aínda que o teito poida parecer humillante, hai que pensar que Dombate non só resistiu cinco mil anos, senón que pasou os últimos 20 coas entrañas ao aire, escavado por completo e a mercé de Administracións e técnicos.
Ademais, aínda que o tellado é extraordinariamente vistoso, a parte máis importante da obra está no subsolo. O edificio enterrado é o que protexe as pinturas, garantindo o nivel de humidade que necesitan.
A Deputación, que é a propietaria do dolmen e a promotora da obra, sacará este mesmo mes o concurso para decidir a musealización do edificio anexo, e a historia de Dombate será xa outra historia.
A partir de febreiro haberá que intentar sacar rendemento á magna obra, reflexionar sobre se este é o mellor modo de protexer o patrimonio e empezar a pensar nos demais dólmenes galegos, pedazos dun tempo en que os homes e as mulleres construían monumentos que foron capaces de ocupar decenas de páxinas na prensa. E todo polo abandono ao que ven sometidos por parte das Administracións."
Foto de J.M. Casal e texto da Voz de Galicia.
15/12/10
O Pórtico da Gloria (I): Introdución

No século XVII fixéronse unhas novas escaleiras de acceso, destruíndo a fachada da cripta da planta baixa. Pero a gran modificación exterior veu dada coa decisión do cabido de 1738 de levantar unha nova fachada na catedral, obra encargada a Fernando de Casas Novoa. Con esta última gran modificación, acadaríase o resultado que hoxe podemos contemplar e onde podemos ver algunhas das imaxes do exterior orixinal do pórtico como como o rei David e o rei Salomón, situadas na terraza principal da fachada. Outras dúas figuras, Abraham e Jacob, están no museo de Pontevedra e outras dúas foran un “agasallo” para o ditador Franco.
O texto, adaptado, proceden de Félix Carbó Alonso. El Pórtico de la Gloria. Misterio y Sentido. Madrid, Ediciones Encuentro-Caixanova, 2009.
12/12/10
A catedral de Santiago: vídeos
Ademais de ver os seguintes videos non deixedes de consultar as outras entradas sobre esta catedral en Iniciarte.
9/12/10
Os Reais Alcázares de Sevilla: o esplendor da arte mudéxar
Teñen a súa orixe na época do primeiro califa andaluz Abd al-Rahman III quen decidiu edificar a seu recinto defensivo, ou alcázar, no 913, tras a súa revolta contra o goberno de Córdoba. No solar houbera un asentamento romano e logo visigodo e, ao parecer, tamén estivera a basílica de san Vicente (onde estivo soterrado san Isidoro). Inicialmente tivo una plantar rectangular, de 120 x 180 metros. Pouco a pouco o recinto foise facendo máis grande ao levantarse máis pazos, como o chamado “Al-Mubarak” ou o da bendición, no século XI. Na época almohade fixéronse máis patios e pazos dos que actualmente so queda o Patio do Xeso, como único resto do pazo islámico.
Da época cristiá podemos salientar que cando Fernando III conquistou a cidade fixo do alcázar a súa residencia e que o seu fillo, Afonso X, xa fixo as primeiras reformas ao engadirlle tres grandes salón góticos. Mais será con Pedro I cando se lle dea, a partir de 1364, grande parte da súa configuración actual ao levantarse o Pazo Mudéxar, de feito tal, que constitúe o exemplo máis sobranceiro da arquitectura civil mudéxar. Na súa construción traballaron artesáns de Sevilla, Toledo e Granada. Tivo, posteiormente, varias transformacións na época dos Reis Católicos e dos primeiros austrias. Na portada destaca o seu texaroz sostido por mocárabes dourados coa inscrición, en caracteres góticos que di: "el muy alto et muy noble et muy poderoso et muy conqueridor don Pedro por la gracia de Dios rey de Castilla et de León, mandó fazer estos alcázares et estos palacios et estas portadas que fue fecho en la era de mill et quatrocientos y dos años”.
Logo serían levantados a capela gótica, o patio da Montería e os grutescos dos xardíns.
Unha das estancias máis visitadas e o Patio das Doncelas que conta con forma rectangular, arcos lobulados sobre dobres columnas de mármores no baixo andar e arcos de medio punto sobre columniñas xónicas de mármore con balaustrada no superior que foi engadido na época de Carlos V. Con Filipe II o patio foi enlousado e colocouse a fonte no medio. En tres dos seus lados ábrense cuartos que forman a parte baixa do pazo e o outro lado vai pegado ao pazo de Afonso X.
Tamén é moi interesante o Salón dos Embaixadores. Ten o s
En 1987 foi declarado, xunto coa catedral e o Arquivo de Indias, Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
Máis información no Patronato do Real Alcázar e na wikipedia.
8/12/10
7/12/10
Carlos Quintáns: vivenda no Courel


"Aquí séntese ben o pouco que é un home". O verso de Uxio Novoneyra describe a casa que Carlos Quintáns ideou para un fotógrafo na Serra do Courel. (…). Alí, sobre unha antiga palleira, Quintáns levantou unha vivenda de 100 metros cadrados cunha planta baixa compartimentada polos dormitorios e un primeiro piso diáfano para as zonas de vida en común.
Fotógrafo e arquitecto partían dun lugar admirado, como detido no tempo. E comezaron derrubando todo o novo que fora engadido ao muro de pedra da palleira orixinal. Sobre este, levantaron unha estrutura de madeira laminada que forraron con castiñeiro por fóra e con DM hidrófugo por dentro. Como fachada, un miradoiro é o muro transparente e paradoxal desta casa recolleita, íntima. Como unha peza sen tempo, o traballo de Quintáns ten o mesmo futuro que poida ter unha pedra: todo. A casa encaixa na serra, no tempo, na vida do pobo e no propio pobo. E non ten necesidade de elixir entre a arquitectura popular e a culta. O que é depende de quen a xulgue. Manda, con todo, unha mensaxe profunda. Consegue que unha casa sexa tamén un lugar.
3-Canto impón, soluciona, condiciona ou decide que un arquitecto elixa un idioma arquitectónico específico? Condiciona menos que a un artista que expón dunha forma moi clara o marco no que o seu traballo vaise a desenvolver. Os arquitectos temos a sorte de que o lugar no que deben inserirse as nosas obras e a íntima relación co seu uso, envólveo todo en riqueza e complexidade, flexibilizando ese marco arquitectónico.
4-É o paso do tempo o termómetro da arquitectura ou o é a resposta a un momento? A arquitectura ten unha parte de resposta ao momento, pero se fai para durar. Hai arquitecturas que duran fragmentos moi pequenos de tempo, pero normalmente non son caducas coa excepción daquelas vinculadas a ser expresión do consumo inmediato, da festa ou da urxencia. Algunhas só duran o tempo da mirada do fotógrafo e están feitas para ser unha chamada extrema, que tras ser vistas pasan ao esquecemento.
Evidentemente tras un período de explosión dunha forma de expresión arquitectónica pode existir un receo cara a ela pola necesidade de definir novos criterios, pero tras este receso a arquitectura debe apreciarse con ollos limpos.
Fotografías de Ángel Batanás.
6/12/10
O derradeiro cadro de Caravaggio

A partir deste venres os amantes da pintura do mundo enteiro poden admirar na Rembrandthuis de Amsterdam o que foi cualificado polos expertos como último cadro pintado polo xenio italiano Michelangelo Merisi da Caravaggio (1571-1610) antes de morrer, fai xusto agora catro séculos.
A mostra, que inaugurou a Rembrandthuis da cidade das canles, é unha primicia a nivel internacional, avalada por un equipo de expertos en pintura barroca, segundo confirmou Leslie Schwartz, portavoz do museo amsterdamés.
Trátase dun lenzo proveniente dunha colección privada que foi descuberto en 1976 -aínda que a súa autoría non quedou clara nese momento-, que representa a un Juan Bautista novo, en actitude de repouso, que mira, con xesto apracible, cara á fronte.
Unha tenue luz baña a escena desde a esquerda do cadro, de xeito suave, provocando un intenso efecto de sombreado sobre o corpo, envolvido nunha túnica vermella e tendido a modo de escorzo, envorcado sobre a dereita nun ambiente cargado de serenidade.
"É, sen dúbida, unha primicia mundial. Descoñecíase que este cadro fóra de Caravaggio, aínda que se sospeitaba que era do seu taller. Para nós é un verdadeiro orgullo poder expor esta marabilla ante os ollos do mundo", asegurou Schwartz.
Fotogra, texto e texto completo da notica en El Mundo.
5/12/10
A métrica románica de Bruno Zevi
Atopámonos, pois, fronte ao organismo románico caracterizado por dous feitos: a concatenación de todos os elementos do edificio, e a métrica espacial. No que incumbe ao primeiro carácter, pódese dicir que a arquitectura cesa de actuar en termos de superficie ou “pel” e comeza a expresarse en termos de estrutura e osatura. A gradual e lenta concentración de empurres e das resistencias; o adelgazamento da mampostería, alcanzado a través de repetidas probas ao mesmo tempo que maduraba a conciencia, por así dicir, muscular da estrutura; a abolición definitiva do arco trunfal, obstáculo á unidade da igrexa; a desaparición do atrio e, por conseguinte, a maior atención dedicada ás fachadas, que gradualmente se van facendo acordes coa distribución espacial interna: todos estes elementos en dependencia recíproca fan que o edificio románico pareza un organismo que esperta e que adquire seguridade en si e na dialéctica da súa forza, ao comparalo co corpo inerte, aínda cando esplendidamente austero, dos primeiros templos cristiáns, ou coa enxoiada, vestida magníficamente, pero inmóbil, igrexa bizantina. A civilización bárbara e primitiva dos séculos VIII ao X, fixera farrapos as vestiduras bizantinas e puxera ao espido a varonil tosquedad do corpo estrutural. O corpo faise organismo, toma conciencia da súa unidade e da súa circulación: nunha palabra, móvese".
BRUNO ZEVI. Saber ver la arquitectura. Barcelona, Apóstrofe, 1998, páx. 74.
"Supercasas" de A-cero en La Sexta

Salóns de 600m2, piscinas de ilusión, salas de cine, spas ou garaxes para unha decena de coches son só algunhas das estancias incluídas nas residencias que abrirán as súas portas cada domingo da man do director de A-cero, Joaquín Torres.
En total emitiranse seis capítulos dunha hora de duración, que non tratarán só de arquitectura, senón que desvelarán un mundo ligado a A-cero e inaccesible para a maioría no que o luxo, o deseño e arte están presentes cada día.
Mostraranse as exposicións, concertos ou ceas ás que Joaquín Torres e o seu socio, Rafael Llamazares, adoitan asistir con clientes e amigos, pero tamén se desvelará como é o traballo diario nun despacho de arquitectura e o esforzo constante que require sacar adiante a unha empresa con proxectos en países tan distantes como Dubai ou República Dominicana.
“Supercasas”, produción de Zeta Audiovisual (ONTV), é o primeiro programa da historia da televisión dedicado exclusivamente a un estudo de arquitectura.
Tras a estrea do 12 de decembro, as sucesivas emisións de “Supercasas” terán lugar os días 19 e 26 de decembro, e o 2, 9 e 16 de xaneiro ás 22:00 horas.
3/12/10
Visitando exposicións "Cen por cen Seaone"
coruñesa da Fundación Caixa Galicia a exposición “Cen por cen Seoane”. Son Trescentas cincuenta pezas orixinais e centos de documentos e imaxes. Coincidindo co centenario de Luís Seoane esta é a maior exposición sobre o artista galego que se realizou nunca, coproducida conxuntamente coa Fundación Luís Seoane. Xosé Díaz, unha das persoas que máis e mellor coñeceu ao artista, é o comisario, que nos ofrece unha estrutura do contido expositivo en cen seccións para mostrar a riqueza e complexidade da personalidade deste creador plástico, promotor de empresas culturais, deseñador, editor, escritor e xornalista.1/12/10
Sen comentarios (XXII): A Casa Branca
Fotos de Sabela para INICIARTE.
