19/11/12

O Mestre Mateo e o seu coro pétreo da catedral de Santiago

Como é ben coñecido, o 23 de febreiro de 1168 o rei Fernando II acordou ao obras que debería dirixir o Mestre Mateo na catedral compostelá. Repasando a intervención do artista no templo, temos que foi o responsable de rematar as naves, dunha complexa cripta, do Pórtico da Gloria, dunha tribuna sobre o mesmo, de rematar a fachada occidental coas súas dúas torres cadradas, ademais de facer un riquísimo coro pétreo nos primeiros tramos da nave maior que sería rematado ao mesmo tempo que o resto das obras, é dicir, o 23 de abril de 1211.

Imos deternos deste último, fantástico e desaparecido, traballo do Mestre Mateo: o coro pétreo. Esta obra ocupaba os catro primeiros tramos da nave maior, sendo os tres primeiros para a sillería e o cuarto para o “leedoiro”.

O coro foi sustituído por outro barroco de madeira a principios do século XVII, sendo, este último, retirado nos anos corenta do século XX (pero esto é outra historia). O conxunto estaba formado por unha sillería baixa (banco pétreo con respaldo para os clérigos de menor rango) e outra alta (banco de pedra con arquearías cegas na fronte con decoración para os sacerdotes de maior importancia do cabildo catedralicio), ademais dalgúns elementos de madeira. En total tiñan asento os setenta e dous membros do cabildo. Pola súa banda, o leedoiro, estaba composto por unha tribuna na que se realizaban as lecturas litúrxicas.

Sobre o banco superior asentábanse unhas columnas que delimitanban os asentos, ademais de soportar os plafóns e crestería do coro. Entre as columnas dianteiras e as posteriores, tendíanse os brazais que estaban decorados con arquearías caladas semenllantes aos do banco. Cada asento, seguramente, completábase con elementos de madeira, almofadas e coxíns, xa que tales ornamentos pódense contemplar en pinturas e miniaturas da época.

O profesor Izquierdo Perrín continúa facendo a descrición do coro do seguinte xeito: “
 Unha espléndida cornixa con follas radiais que alternan, cada dúas, cunhas pequenas bólas sobre basamentos troncopiramidais que rematan os desmochados tellados das arquitecturas dos doseletes, coroaba tan magnífica crestería. Nela a beleza das formas e a calidade e perfección de labra realzaban a mensaxe que transmitía: a contraposición entre o canto enganoso dos praceres mundanos, representados polos animlaes do bestiario medieval, co de encomio ao Creador que no coro interpretábase e que tiña nos inocentes nenos de coro a súa máis xenuína plasmación. A policromía a base das cores vermello, azuzl, branco, negro e ouro, da que quedan elocuentes vestixios a pesar das perdas sufridas nos últimos anos, completaba tan rico conxunto escultórico e iconográfico”.

Pero o máis chamativo deste coro foi a súa destrución, acontecida entre finais de 1603 e principios de 1604 por unha decisión do calbildo catedralicio.  Onde están as pezas da obra do Mestre Mateo…

Unha boa parte foron parar ás obras que se estaban a realizar na escalinata do Obradoiro, tanto no recheo das bóvedas da cripta do Pórtico como na pavimentación das propias escaleiras e a loxia que as remata.


Pero, como afirma o profesor Izquierdo, “ a maioría das pezas do antigo coro empregáronse como material de construción e só as figuras da parte alta dos muros perimetrais reutilizáronse noutros conxuntos, sobre todo na Porta Santa da catedral compostelá. Segundo o debuxo, que cara a 1660 fixo o cóengo fabriqueiro don Xosé Veiga e Verdugo na portada, construída entre 1611 e 1616, colocáronse doce figuras; anos despois, Peña de Toro remodélaa e engade outras doce máis, ata alcanzar as dúas ducias que nela ven e que popularmente se coñecen como “os vintecatro da Porta Santa”. Para rematar as rúas en que se encaixaron ditas imaxes,  encastráronse catro plafóns tamén procedentes do coro mateano. Polo anterior flanquean a porta un par de figuras máis que foron repintadas en reiteradas ocasións (…) A finais do século XVIII Domingos de Andrade terminou de configurar esta fachada da Porta Santa coas hornacinas, imaxes e demais motivos ornamentais da parte superior.

Encima do retablo da capela de Santa Fe estivo colocada, ata os anos setenta do século XX, outra das figuras do peche do coro medieval, entón retirouse e depositou no Museo da Catedral. Neste museo e nos seus almacéns atópanse algunhas figuras máis, unhas enteiras e outras mutiladas. A última  rescatouse en 1988 da cimentación dun muro da Buchería (sotos do claustro).

Fóra da catedral atópanse unhas cantas esculturas máis. Dúas reutilizáronse, cara a 1670, nunha fonte na parroquia de san Pedro de Vilanova (Vedra, A Coruña)(…) Outras dúas imaxes do coro foron a parar a mans de particulares e hoxe atópanse no Museo Arqueolóxico Nacional por mercalas o Estado en 1950 e 1961.

Tamén certas figuras de nenos ou mozos de coro que ían entre os dosoletes dos estalos foron reutilizados en diferentes lugares e momentos. Por exemplo unha parella estivo ata 1970 na porta da capela de san Xoán na ferigresía de san Salvador de Bembibre (Val do Dubra, A Coruña), sendo entón devolta á catedral. Outra permanece ao pé do cruceiro do camposanto da parroquia compostelá de santa Cristina de Nemenzo. Pero as máis coñecidas, sen dúbida, as que a finais do século XIX colocou Lopez Ferreiro na fachada de Praterías. Algunha máis garda o Museo da Catedral, en cuxo almacenes depositáronse os fragmentos doutras atopados ao realizar diversas obras.” 

A maioría das pezas do coro foron reutilizadas nas obras da catedral polo que a súa recuperación vai vencellada ás reformas ou escavacións que se desenvolveron no templo catedralicio.  Deste xeito, e xa con López Ferreiro en 1900, foron sendo recuperadas diversas pezas. Posteriormente na década de 1940 e 1950 continuaron recuperándose diversas pezas ao levantarse o coro barroco. A partir de 1978, durante as obras na escaleira do Obradoiro, recuperáronse un número importantísimo de pezas. Nos anos oitenta continuáronse recuperando fragmentos sendo os últimos achádegos de 1998.

Bibliografía:
Ramón Izquierdo Perrín. Reconstrucción del coro pétreo del Maestro Mateo. A Coruña, Fundación Barrié, 1999.
Fotos: INICIARTE e  as da reconstrución proceden do libro citado.


No hay comentarios: