14/3/12

Visitamos Santiago de Compostela

En primeiro lugar hei de dar as “grazas” aos meus compañeiros por contribuír a un sorteo xusto e equilibrado, do cal eu saín o elixido para facer este comentario sobre o soleado e cultural día que pasamos percorrendo as rúas e monumentos de Santiago.

Comezando pola xenial idea de visitar Santiago de Compostela e seguindo coa realización desta, teño que aclarar que é a primeira vez de entre todas as miñas estancias pasadas na capital galega que gozo realmente da beleza e curiosidade das entrañables rúas e grandes monumentos que posúe.

Comezamos a nosa visita ás 11:00 dun día onde primaba por encima de todo o sol e claridade, o que nos permitiría unha gran apreciación do casco histórico. Descendendo desde a estación ata o centro, atopámonos cunha gran peza do coñecido “barroco de placas” realizada polo seu máximo expoñente Simón Rodríguez: a Fachada do Convento de Santa Clara. Materia de exame e a cal o noso profesor non dubidou en pór. É unha marabilla de fachada; podemos apreciar nela as máis retortas formas xeométricas características deste barroco, a abundante decoración que se ve incrementada a medida que ascendemos en altura. É unha gran obra mestra.

Continuamos no noso traxecto e topamos con outro magnífico monumento: as tres escaleiras de caracol barrocas do convento de Santo Domingo de Bonaval (hoxe Museo do Pobo Galego) de Domingos de Andrade. Nelas puidemos apreciar a verdadeira esencia do barroco: o efecto de sorpresa causado. Dividímonos e comezamos a ascender: as nosas mentes estaban enérxicas ao empezar a subir as escaleiras, pois partiamos coa intención de reencontrarnos na parte superior, pero descubrimos que só uns poucos conseguírono e xusto nese instante decatámonos de que non estaban conectadas, senón que era a pura ficción e ilusión barroca.
Sen ningunha dúbida, xunto á Catedral de Santiago, é unha das obras que máis me impactou.


Penetrando cada vez máis no casco histórico a medida que a temperatura ascendía ata os 21º, visitamos numerosas igrexas neoclásicas e centrámonos nalgunhas tardo-renacentistas de San Martiño Pinario (convento barroco), recoñecible así polos aparellos almofados.

Introducíndonos na vía principal que conecta coa Praza do Obradoiro, algúns non puideron evitar a tentación de tomar un pequeno aperitivo nos pequenos comercios onde captan aos guiris con suculentos ancos de torta de Santiago que, aínda sendo galego ata a médula e habéndoa probado unha infinitud de veces, achégome disimuladamente coa idea de degustar ese pequeno manxar unha vez máis e cáptanme a min, como sempre.

Introducidos xa no corazón compostelán, na preciosa Praza do Obradoiro, admiro a grandiosa catedral produto de varias eras e varios movementos artísticos, pero aínda así, os meus ollos só me permiten contemplar unha fachada barroca de Fernando de Casas Novoa, unha fachada-pano que tapa a orixinaria románica. Introducímonos no interior e asombrados outra vez pola grandeza da nosa Catedral, empezamos a realizar unha pequena análise dos nosos coñecementos do románico, descubrindo así que agora somos capaces de darlle sentido a unha construción como é este interior románico. A única desgraza da nosa visita foi non poder apreciar ao completo a magnífica obra do gran Mestre Mateo: o Pórtico da Gloria, do cal só podemos apreciar a árbore de Jessé do parteluz e ao apóstolo Santiago. A pesar das remodelacións que está sufrindo debido ás humidades que o estragaban, non puido xerarse en min outra impresión que non fose a da gran elaboración mateana que anticipaba o gótico. Así pois, non habería ocasión de dar os tres típicos cabezazos acompañados cun desexo cada un á parte inferior do parteluz. Tamén houbo unha situación cómica na que eu estaba debatendo cun amigo sobre os materiais, cuestionándonos se a contorna do presbiterio era bronce ou ouro: cada un de nós apoiabamos a idea dun material diferente. Foi entón cando decidín preguntarlle ao profesor, quedando as nosas propostas desbancadas posto que era madeira policromada. O noso gozo nun pozo.

A saída foi pola porta Sur situada no transepto e que conectaba coa praza de Praterías. Así puidemos ver ao tornarnos a maxestuosa fachada de Praterías coas numerosas escenas e o gran David na zona esquerda, portando o seu característico instrumento musical.

Rematamos así coa visita matutina e dispuxémonos a buscar sitios para xantar, pois o fame e a calor non son bos amigos nun día de excursión e tampouco nos chegou para moito o cebo-guiri-santiagués das amables dependentas. Así, tras comer un apetitoso prato combinado observando a facultade de Historia, retornamos ao noso lugar de encontro: a praza da Quintana. A pesar de ser a maioría puntuais, “algúns” non atoparon o camiño correcto, o que nos supuxo uns minutiños máis á sombra e á beira do trasladado coro pétreo mateano que se atopaba na Porta Santa.

Con máis calma vimos algúns monumentos como a fachada-pano da Casa do Cabildo de Clemente Fernandez Sarela, de 4 metros de grosor que deixa petrificado a máis dun (entre os que me inclúo). Contemplabamos así que Santiago posúe un casco histórico “ilusorio”. Continuando, non podiamos evitar un paseo pola Alameda e sentarnos nun banco a observar as privilexiadas vistas que se obteñen da Catedral, sendo o epicentro de toda vista.

Finalmente, a nosa visita concretada para as 17:00 aos tellados da Catedral. Sinceramente, é o máis impactante que un pode contemplar sen dúbida na capital galega. Tras unha ascensión polas torres, pasando pola cociña relativamente pequena onde Xelmírez tiña aos seus servos (pareceume moi interesante unha anécdota narrada pola guía: as chemineas eran símbolo de poder nesa época), continuando polo seu marabilloso palacio onde viamos unha ascensión da decoración en sentido lineal ata o fondo e onde non había outro pensamento na miña cabeza que a imaxinación dunha banquete real nesa zona, chegamos a unha zona privilexiada: a tribuna da Catedral. Nela, puidemos ver na parede os arcos apuntados característicos do gótico sobre o nártex, así como a gran altura desta, e puidemos observar as vistas desde as que os peregrinos anteriormente observaban o culto; unha tribuna que se compenetraba coas naves laterais e coa xirola, característico dunha igrexa de peregrinación. Finalmente, tras unhas cen escaleiras (case o dobre parecía debido á altura dos chanzos), chegamos á parte máis esperada: os tellados da Catedral. Nunca puidera obter unha panorámica tan ampla como a que conseguín ese día. Podíase coñecer toda a cidade compostelá. Era fascinante, do mesmo xeito que poder apreciar a verdadeira estrutura de orixe románica á marxe das engadidos góticos e barrocos. As preciosas torres eran case tanxibles, o que nos permitía aínda asombrarnos máis. Podiamos comparar así as estruturas barrocas e románicas, e procedemos a sentarnos para contemplar. A guía detallábanos a Torre do Reloxo de Domingo de Andrade, citándonos a ascensión ornamental barroca ou o significado dos relevos adheridos á parede. Chamoume a atención unha serie de almenas de orixe románico que se conservaron : o seu motivo foi que non se interpuñan na nosa vista desde o nivel inferior, polo que quedarían ocultas; unha vez máis, o pano barroco.

Tras unha visita fascinante, tiñamos que volver á estación para coller o bus a tempo, así que puxemos rumbo ao noso punto de partida, acompañado de conversacións graciosas e unha infinidade de historietas.

En resumo, repetiría agora mesmo toda esta experiencia sen dubidalo nin unha milésima de segundo.

Asdo.- Sergio Simarro

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Fantástico.

PACO HIDALGO dijo...

Así es como se aprende el arte, visitándolo y teniendo un profesor entregado como Antonio. Ah, una maravilla el post de Judith y Holofernes de Caravaggio. Mañana lo explico, Caravaggio me mata. Un saludo, Antonio.

Anónimo dijo...

Inolvidable.

RosaMaría dijo...

Qué buena descripción has hecho de lugares visitados por mí en varias ocasiones..! La única diferencia que mis visitas siempre fueron con orballo, incluída la de los tejados. Preciosas fotos, los felicito.

Antonio Martínez dijo...

Rosa María: pero es que Santiago con orballo tiene mucho más encanto y arte. Saludos.