O día mércores 2 de abril de 2014 fomos facer unha visita a Santiago, para estudar e coñecer varios dos monumentos e edificios máis relevantes.
Así, puidemos gozar da impactante escaleira helicoidal de Domingo de Andrade situada no Museo do Pobo Galego, do que non tivemos tempo de visitar moito máis, excepto algúns restos arqueolóxicos moi interesantes, coma rodas de muíño.
Posteriormente, un paseo polo casco antigo de Santiago de camiño ao convento de San Francisco, hoxe reconvertido en parte nun Hotel Monumento. Alí, acompañados polo noso guía,o Provincial da Orde (que luxo) que viviu dende dentro a evolución do convento e do hotel, puidemos coñecer máis datos sobre a vida de frades e monxes no edificio (tanto agora coma antigamente), a función actual dos claustros (un deles xa pechado cun teito), e a estrutura de salas principais e comedores. Así, tamén visitamos o lado máis solidario do convento, cun espazo do que poden dispoñer persoas necesitadas de vivenda e comida. Tivemos o privilexio de subir até a biblioteca, onde un grande número de incunables está sendo clasificado. É salientable tamén a visita ao museo do que dispón o edificio, que conta con restos arqueolóxicos antigos e relacionados coa relixión cristiá, así coma varias maquetas explicativas de como puido ser a cidade de Xerusalén ou outros lugares en época de Cristo. Ademais disto puidemos ver a igrexa do convento, con estrutura de tres naves, tribuna, triforio e unha cúpula.
Chegamos á catedral de Santiago, onde realizamos unha primeira visita nos seus exteriores, mentres explicamos aos nosos profes os detalles das distintas partes da catedral: a fachada do Obradoiro, Praterías, O Pórtico da Gloria, A Torre do Reloxo... e realizamos a entrada para contar a estrutura xeral da catedral por dentro. Así, tamén visitamos unha das capelas anexas.
Pola tarde retornamos á catedral, onde visitamos esta vez a tribuna, que serve na actualidade e temporalmente de almacén, e posteriormente os tellados, onde podemos ter unas magníficas vistas de Santiago e contemplar mellor algunhas partes da Catedral coma a Torre do Reloxo, onde xa puidemos distinguir claramente ao titán Cronos na parte baixa do reloxo, ou outros motivos ornamentais que non puideramos ver claramente antes. Aprendemos cousas coma as utilidades do tellado na época medieval, a existencia dunha casiña onde vivía o campaneiro, e puidemos ver de cerca a carraca, usada nos días de Semana Santa para expresar a aflición pola morte de Cristo. Dende alí enriba puidemos ver tamén o claustro da catedral, cunha antiga fonte no medio, e o convento de clausura que se atopa en fronte do edificio, ademais doutras construcións próximas interesantes.
Ao final do día chegamos ao Convento de Santa Clara, onde tamén soubemos explicar o estudado en vivo, coma por exemplo o deseño de placas de Simón Rodríguez, con volumes xeométricos e ordenados.
Texto de Paula Currás
No hay comentarios:
Publicar un comentario