Nunha paraxe espectacular atopamos esta igrexa que formou
parte dun convento, que sería desamortizado e mesmo convertido en fábrica de
puntas. Para comprender mellor a súa importancia arquitectónica imos seguir o
texto do mestro Yzquierdo Perrín.
"Os inicios da arquitectura románica en Galicia producíronse
no último cuarto do século XI. Naquela época realízase un reducido número de
construcións nas que o novo estilo, no que se distinguen dúas tendencias,
empeza a empregarse.
A primeira tendencia pode chegar a evocar a arte románica
lombardo-catalana por seren os seus recursos máis salientables a utilización
dun aparello pequeño e regular, a típica cantería, arquiños cegos de medio
punto nos beirados das ábsidas, as omnipresentes arcuacións e ventas con dobre
vertente, que se perfilan, ás veces, cun arco de medio punto dobrado con corte
radial e lonxitudinal.
A corrente que, para facilitar a comprensión, podemos
considerar de tradición lombardo-catalana está representada por tres edificios
de importancia e complexidade desigual: Santo Antoíño de Toques e San Xoán de
Vilanova (Perbes, Miño), que ccocnstan dunha soa nave e tamén dunha única
capela, e San Martiño de Mondoñedo, que ten tripla ábsida aberta a un cruceiro,
destacado só no alzado, e un corpo de tres naves.
Santo Antoíño de Toques (A Coruña) foi un antigo mosteiro que ten como primeira referencia documental o ano 1067, que foi cando o rei de Galicia, don García, lle fai unha doazón importante. Nesla dice que seguían a regra de San Bieto, que o abade era Tanoi e que o mosteiro estaba situado “nun lugar que lle chamaban habitualmente <fervencias>, por nome <Tocas>, á beira do escumoso río que baixa da montaña chamada Maura Mortua. A transcendencia que esta doazón tivo para o mosteiro fai que a mayoría dos autores a consideren como o seu documento fundacional, aínda que Yepes non dubida en advertinos que “estivo este mosteiro ao principio no máis alto dun monte; despois os frades baixárono a outro sitio máis acomodado para a vivenda humana… finalmente veu parar o mosteiro no lugar onde agora está, que é ao carón do río Toques, de quen toma o renome”.
A partir da doazón de don García, no último cuarto do século
IX e os primeiros anos do XII, multiplícanse as doazón, tanto de particulares
coma dos reis (…)
(…) A reforma dos mosteiros auspiciada polos Reis Católicos
por volta do ano 1500 levou á anexión de Toques ao mosteiro de San Martiño
Pinario, ratificándoa o papa León X mediante bula do ano 1515. Desde entón e
ata a exclaustración foi priorado de San Martiño e posteriormente vendeuse por
causa da desamortización. Pouco tempo antes de que estes acontecementos se
producirán, a fábrica medieval sufriu a maior alteración: a prolongación da
nave cara ao oeste no ano 1812, como consta no epígrafe que se colocou sobre a
porta occidental.
A planta da igrexa está formada por unha soa nave e unha
capela rectangular por dentro e por fóra, esquema habitual en numerosos
edificios prerrománicos, que se cobre, respectivamente, con teitume de maderia
e bóveda de canón, construída ao mesmo tempo cá remodelación románica do
presbiterio; isto revélao con claridade a parte superior e exterior dos muros,
mentres que o arco triunfal coas súas bases, capiteis e relevo anexo pertencen
ao edificio prerrománico.
Interior
Na parte superior dos muros laterais da nave sobresaen as ventás, con arco de medio punto liso e pronunciada inclinación, que lle dan unha ilumincación cenital; os dous vans que se abren no testeiro quedan ocultos polo calvario e polas pinturas renacentistas (terán outra entrada en INICIARTE) que nel se realizaron.
Sobre el e nos muros norte e sur utilízace un aparello de pedra pudinga, empregado xa nos da nave, disposto en estreitas ringleiras que, por veces, alternan con partes de cachotería.
Rematan os muros do presbiterio, tanto os laterais coma o do
testeiro, arcuacións colocadas baixo os beirados, dos que forman parte activa e
son, sen dúbida ningnha, o elemento que máis sobresae. Están formadas por
arquiños de medio punto apoiados en canzorros pequenos con sinxelas decoración
de tipo xeométrico; a colocación destas obrigou, nalgún caso, a efectuar
recortes e acomodacións puntuais que indican a escasa habelencia do seu anónimo
mestre. Quizais queira dicir o mesmo a disposición das arcuacións no testeiro,
onde se pregan á directriz marcada polas vertentes do Tellado das que penduran.
Esta singular organización obrigou a colocar baixo o vértice un soporte para
estear nel o primeiro arquiño de cada
lado. Se nestes se poñen catro, no lado norte cóntanse ata seis e ata cinco no
sur. Eses arquiños non chegan abranguer, pois, a lonxitude total de cada muro.
Sobre eles dispúxose un estreito friso de dentes de engranaxe tallados en
ladrillos, aínda que algún carecen deles e faltan no flanco sur, igual ca
outras pezas prerrománicas reutilizadas.
Como fondo das arcuacións labráronse uns pequeño tímpanos semicirculares,
que tamén se empregaron como métopas entre os primeiros canzorros do beirado
norte da nave, nos que, sen embargo, se precinde xa das arcuacións e utilízanse
canzorrozos de labra ruda, feito atribuible non só aos escasos dotess do seu
autor senón tamén ao tipo de pedra conglomerada empregada, o mesmo da parte
superior dos muros. Maila todo iso, nalgúns deses canzorros distínguense
cabezas humanas, de cuadrúpede, e outros motivos tanto vexetais como
xeométricos.
(…) Mención especial merecen as arcuacións do prebiterio,
que –xunto coa dobre vertente das ventas e arcos dobrados da maioría- permiten
incluír esta remodelación como unha das primeiras manifestacións da
arquitectura románica en Galicia. Esta circunstancia xustificaría a utilización
de diferentes organización nos beirados do presbiterio e da nave.
Cronoloxicamente, a doazón do rei don García no ano 1067
servirá de marco antes do cal non sería posible intervir na vella fábrica. As
restauracións serían factibles grazas a esta e outras doazóns do último cuarto
do século XI, anteriores ás do conde don Ramón de Borgoña e a ssúa esposa. A
participación destes na obra da catedral de Santiago puido aconsellar o
abandono dos esquemas máis antigos e a substitución por outros máis acordes co
estilo que nela se seguía".
Ramón Yzquierdo Perrín. “Arte medieval (I)” en Galicia. Arte Tomo X. A Coruña,
Hércules, 1997. pp. 166-168.
Fotos: INICIARTE.
No hay comentarios:
Publicar un comentario