Bronce, 194 cm. Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas
O Efebo de Anticitera é unha estatua en bronce dun mozo
de lánguida elegancia que foi achado en
1900 por pescadores de esponxas na área dun antigo naufraxio preto da illa
de Anticitera, Grecia. Foi a primeira
dunha serie de esculturas gregas de bronce recuperadas no século XX no Exeo e o Mediterráneo que axudaron a
cambiar substancialmente a visión contemporánea das esculturas da antiga
Grecia. O naufraxio, datado na década entre o 70-60 a. C., tamén revelou o mecanismo de Anticitera, un instrumento de cálculo
astronómico, así como unha característica cabeza en pedra dun filósofo estoico, e un gran número de moedas, entre as
que había unha desproporcionada cantidade de tetradracmas cistóforos pergamenses e moedas de Éfeso, levando aos
investigadores para supoñer que o pecio comezaría a súa viaxe na costa xónica, quizais na propia Éfeso; ningún
elemento do cargamento recuperado foi identificado como procedente da Grecia
continental.
O Efebo mide 1,94
metros, un pouco maior que a estatura humana normal, e foi recuperado moi fragmentado. A súa primeira restauración,
realizada pouco despois do seu achado, foi revisada na década de 1950, baixo a
dirección de Christos Karouzos, cambiando o foco dos ollos, a
configuración do abdome, a conexión entre o
torso e a parte superior da coxa dereita, e a posición do brazo dereito.
Esta nova restauración considérase xeralmente como acertada.
O Efebo non se
corresponde con ningún outro modelo iconográfico
coñecido, non existindo copias deste tipo. Sostiña un obxecto esférico na súa
man dereita, e posiblemente podería representar a Paris presentando a Mazá da
Discordia a Afrodita; con todo, debido a
que Paris represéntase tradicionalmente vestido e co distintivo gorro frixio, outros investigadores suxiren que a
imaxe representa a un mozo e
imberbe Heracles sostendo a mazá
das Hespérides. Tamén se suxeriu que o
mozo representado é en realidade Perseo
sostendo a cabeza da gorgona Medusa. En calquera caso, a perda do contexto
do Efebo de Anticitera desposuíuno do seu significado
cultural orixinal.
O Efebo, datado polo
seu estilo cara ao ano 340 a. C., é unha
das máis brillantes producións da escultura
peloponesa en bronce; a individualidade e o carácter que mostra
fomentaron a especulación sobre o seu posible autor: quizais sexa o traballo do
famoso escultor Eufránor, formado na
tradición policleta, quen realizou a
escultura de Paris, de acordo con
Plinio.
Texto: Wikipedia.
Fotos: INICIARTE.
No hay comentarios:
Publicar un comentario