29/11/21

Igrexa de san Xoán de Vilanova (Miño, A Coruña)

 


Xunto coas igrexas de san Martiño de Mondoñedo e santoAntoíño de Toques temos en Galicia un terceiro exemplo da corrente lombado-catalana para ver as orixes do noso románico, a fermosa igrexa de san Xoán de Vilanova (Miño, A Coruña). Desgrazadamente non tiven ocasión de contemplar o seu interior.



Para coñecela mellor imos ler o que xa escribiu o mestre Yzquierdo Perrín.

“Outra igrexa que se debeu construír na fin do século XI foi a de san Xoán de Vilanova (Miño, A Coruña), aínda que se carece de toda referencia documental. Trátase dun pequeño edificio de nave única rematada por unha ábsada semicircular precedida dun diminuto treito recto, que, en rigor, non é máis co propio largo do arco de ingreso. Como escribiu o profesor Bango, trátase dunha “forma totalmente innovadora para a arquitectura galega, na que o usual para os presbiterios dos templos… era a fachada recta”.



No interior chama a atención a absoluta sobriedade ornamental da nave e da ábsida; nesta, á parte das sinxelas ventas laterais, iguais cás do muro sur da nave –no norte só se conserva parte dunha que está cegada-, e da imposta lisa, que marca o arranque do dosel da bóveda, ningún outro elemento resulta destacable.



Nos muros da ábsida utilizouse unha magnífica cantaría de granito que, polo exterior, presenta un corte que evoca o propio dos monumentos prerrománicos, tanto polas proporcións e disposición como pola presenza de engastallados, en especial no treito central no que se abriu ventá. Estas resérvanse para os laterais e teñen tamén vertente cara a fóra e coróanse por arcos de medio punto dobrados, que foron tallados nunha pedra de cantería. A mesma fórmula empregouse nas curvaturas do beirado, apoiadas en pequenos canzorros e distribuídas en tres grupos de catro arquiños cada un, entre os que se levantaron unha especie de pilastras que lembran as lesenas. 




É a única vez que aparecen en ábsidas galegas nos inicios da arquitectura románica e a primeira vez na que o semicírculo absidal se divide en tres segmentos de iguais proporcións. Sobre as arcuacións colocouse unha nova rongleira de pedras de cantería e enriba unha cornixa pequena, lixeiramente saída, que se decora cun trenzado, motivo inusual no noso románico, aínda que se volverá ver nalgúns cimacios de San Martiño de Mondoñedo e noutras obras de finais do románico. Non se utilizou, pois, durante a fase de maior apoxeo do estilo en Galicia.



Nos muros laterais da nave (o occidental volveuse facer) empregouse perpiaño de xisto, reservando a cantería de granito para os recantos, ventas e beirados. 



No norte, esta primitiva disposición viuse alterada salvo na parte dos pés; no muro sur, a construcción dunha sancristía anexa provocou tamén que se perderá, aínda que en menor contía. 



Os beirados do muro sur e os da parte central do norte decóranse con dúas pequeñas medias canas; o resto deste ten unha curiosa ornamentación á que non se adoita prestar atención a pesar da súa singularidade. O motivo principal é un talo ondulante ao que acompañan estilizados elementos vexetais, algún xeométrico e, o máis sorprendente, diferentes especies de animais. A técnica da talla é sinxela: só consegue deixar en lixeiro resalte os motivos aludidos e o resto afundido. Esta simplicidade e relativo recargamento pode evocar pezas de época asturiana coma as que se exponen en varias salas do Museo Arquolóxico de Oviedo, datadas en época de Ramiro I. Aínda que os beirados de Vilanova non teñen por que ser deste momento, parecen lembrar o mundo prerrománico. Quizais por isto, Regal escribiu que se podería considerar esta igrexa como “un punto de paso entre o prerrománico e o románico”.






Este autor e algún máis atribuíronlle a San Xoán de Vilanova unha cronoloxía arredor do ano 1040, baseándose na forma da ábsida, no aparello dos muros e na ornamentación. Quizais esta datación sexa excesivamente temperá para Galicia e supoñería, ademais, unha inxustificada primacía. Por iso penso que talvez unha data semellante ás demais construcións do seu grupo, no último cuarto do século XI, sería máis correto e permitiría xustificar tamén as evocacións prerrománicas que aínda se manteñen; en caso contrario, quedaría excesivamente descolgada das restantes obras do noso románico.




Ramón Yzquierdo Perrín. “Arte medieval (I)” en Galicia. Arte Tomo X. A Coruña, Hércules, 1997. pp. 168-170

 

Fotos: INICIARTE

No hay comentarios: