O estudo do actual edificio de san Martiño de Mondoñedo
revela a existencia dalgúns fragmentos dunha construción anterior, de época
prerrománica, sobre a que se levantou a igrexa románica. A obra comezou pola
cabeceira, construíndose as capelas laterais e os muros extremos do cruceiro.
Das ábsidas laterais, a primeira en rematarse debe de ser a sur, logo a norte e
por último a maior, que presenta na metade superior un claro cambio no aparello
e na decoración con respecto ás outras dúas; isto leva a súa cronoloxía ao
último cuarto do século XI, mentres que os comezos serían algo anteriores,
talvez cara aos inicios do episcopado de don Gonzalo, é dicir, contra 1075, aproximadamente.
O arcaísmo desta construción e a chegada doutro mestre
orixinou un cambio que tivo no remate da capela maior, na colección de capiteis
do cruceiro e no antipendio a expresión máis clara; a esta mesma etapa
correspondería a formulación das naves coas columnas e ventas do muro norte. O
epígrafe aludido do bispo don Gonzalo no arrinque da bóveda do brazo norte do
cruceiro serve para fixar a súa conclusión nos primeiros anos do século XII,
nunha data próxima ao ano 1100.
A morte do bispo no ano 1112 debeu de afectar ás obras, que
durante o episcopado de Munio Afonso entraron nunha nova fase. Daquela deberon
labrar os capiteis occidentais dos piares do cruceiro segundo un novo código
escultórico que tivo nos numerosos canzorros dos beirados norte e sur un
desenvolvemento máis amplo. Tamén se variou a organización dos tramos das naves
coa construción dos piares que sosteñen os arcos formeiros e que fixeron
innecesarias as columnas do muro norte. Tampouco chegaron a cumprir a súa
función as pilastras do muro sur. Seguramente se levantou agora a fachada
principal. O traslado da capital episcopal a Valibria orixinou os últimos
cambios: os arcos faixóns non se construíron e as naves cubríronse con teitume
de madeira, o que permitiu a iluminación cenital da nave central grazas á maior
altura.
A igrexa que se empezou nos inicios do episcopado de don Gonzalo non se
rematou, quizais, ata o segundo cuarto
do século XII, cando a arte románica de Galicia estaba a punto de coñecer unha
gran difusión e seguía unas orientacións diferentes ás iniciais desta igrexa,
que, igual ca santo Antoíño de Toques e san Xoán de Vilanova, tamén, se viu
abandonada e substituída por una arte románica máis actual que chegaba a través
do Camiño de Santiago, que daquela alcanzaba unas cotas transcendentais para o
desenvolvemento da arte do século XII.
Ramón Izquierdo Perrín. San Martiño de Mondoñedo. En
Galicia. Arte. Tomo X. Arte Medieval I. A Coruña, Hércules, 1993 pp.171-187.
Texto da páxina 187.
Fotos: INICIARTE
No hay comentarios:
Publicar un comentario