Texto do profesor Yzquierdo sobre esta fermosa capela:
"Quizás o último templo no que influíu a basílica de Santiago (refírese o autor á basílica mandade edificar polo rei asturiano Afonso III) é o do antigo mosteiro de Santiago de Mens (Malpica, A Coruña). Aínda que (…) podemos seguir afirmando que en “Santiago de Mens, tampouco se sabe dos seus fundadores, nin do tempo”, (…) tamén é posible pensar que, igual ca outros cenobios de orixe prerrománica, foi construído durante o episcopado de Sisnando, ao que, por certo, fai monxe san Bieito, e sitúa baixo a súa obediencia.
Absida románica
A primeira referencia documental está datada na era 1220 –ano 1182-. Trátase dunha doazón que fai dona Urraca Gundisalvi ao mosteiro de Antealtares, e entre os seus bens menciónase o de Mens. Ata os primeiros anos do século XVI nada se volve saber. Daquela foi anexionado por frei Rodrigo de Valencia a san Martiño Pinario, confirmando a unión o papa Xulio II mediante unha bula do ano 1509. Pouco tempo despois xorde un preito entre o mosteiro compostelán e a colexiata da Coruña pola posesión do priorado de santa María de Cambre. En 1531 ambas comunidades alcanzan unha concordia, sancionada por unha bula do papa Paulo III en 1536, segundo a cal san Martiño Pinario cede os seus dereitos sobre os priorados de san Tomé de Monteagudo e Santiago de Mens, entre outros que se relacionan.
A
antiga igrexa chegou ata nós despois de sufrir dúas reformas grandes: a
primeira en época románica, construíndose a totalidade da cabeceira, obra
importante e de calidade, que, sen embargo, obrigou á demolición da primitiva;
a segunda afectou á fachada occidental e ao último tramo das naves; un epígrafe
gravado no campanario infórmanos do seu autor e ano: “Fíxose e foi dirixida
polo cura don Francisco Insua. Ano de 1884”.
Fachada occidental de finais do século XIX
As tres naves, das que a central é moito máis longa, teñen tres tramos nas laterais, e un máis, hoxe a nivel superior, na central. É seguro que ao construír a fachada principal cortaron o cuarto tramo nas colaterais, como revelan os arcos tapiados a ambos lados do estraño corpo saliente resultante. Sérvenlles de separación ás naves piares de sección cuadrangular, que na base teñen, o mesmo ca no coroamento, o habitual corte en bisel. Nos muros que van sobre tales arcos son manifestas as reformas, particularmente nos extremos leste u oeste.
Lados norte e sur, onde pode apreciarse a reforma románica que eliminou un tramo da igrexa orixinal.
En toda a obra empregáronse as pedras de cantería, agás no muro norte que é de cachotería, fóra dos cabos e da parte superior, é dicir, naquelas zonas onde se efectuaron modificacións nos séculos XII e XIX. Na primeira destas centurias abriuse ao medio unha porta, rematada por un lintel pentagonal, hoxe cegada, e colocáronse dous epígrafes que teñen as letras non afundidas, senón en relevo. Nun, segundo Castillo, lese a data de 1134, que relaciona coas modificacións románicas; é unha datación temperá, tendo en conta as habituais para este estilo en Galicia. Tamén son de cachotería algunhas partes do muro sur, aínda que ao engadirlle a sancristía resulta máis difícil o estudo dos seus paramento.
Porta románica do muro sur
A falta de contrafortes nas naves, o seu largor e altura, en particular da central, así como as proporcións do edificio, fan obrigada a cuberta de madeira, hoxe tamén a dúas augas. (…) polo tanto esta igrexa formaría parte do mesmo grupo de edificios influídos pola basílica compostelá de Afonso III e Sisnando.
(…) Á vista do exposto, creo que a construción da basílica de Santiago por parte do rei Afonso III e do bispo Sisnando, nos últimos anos do século IX, non foi obra estéril, senón que tivo en Galicia, e de maneira particular arredor de Compostela, unha influencia importante. Nela o prelado debeu ter unha directa participación, documentalmente demostrada no caso da Corticela, no de Ansemil e no de Mens. (…) A cronoloxía destas igrexas ten na consagración da basílica de Santiago unha obrigada referencia, xa que en ningún caso sería anterior ao ano 900 nin, probablemente, tampouco posterior ao 920, data da norte do seu promotor e impulsor, o bispo Sisnando".
Ramón Yzquierdo Perrín. Arte Prerrománica. Arte prerrománica asturiana en Galicia. En Galicia. Arte. Arte medieval (I). A Coruña, Ed. Hércules, 1993. Pp.93-95.
Persoalmente gosto especialmente da calidade da porta sur románica, da súa ábsida románica e
dos seus canzorros.
Capiteis románicos da ábsida:
2 comentarios:
Hola:
Lo siento, profesor, pero veo el añadido (tal vez la sacristía)
como "un santo con tres pistolas". Típico galaico.
Es terrible.
Salvo el ábside, que parece genuino y, por lo demás, estamos de acuerdo
Hay algo, cómo aquí, que son muy posteriores. Y es algo que
deja en entredicho el tiempo.
Y me refiero al "paralelismo" de la espadaña de una. El campanario de la otra.
La posición, las formas, etc. Mucho qué hablar de ellas y de otras, buscando esos
paralelismos:
41.900207, -7.230339
PD: Me leo con más calma y profundidad tu entrada de hoy y te comento con más tranquilidad
en unas horas.
Un grato saludo :)´
Moitas grazas polo teu atinado comentario.
Publicar un comentario