28/1/19

Igrexa de Santa María de Meira (Lugo): fachada occidental



O tímpano ten no centro un recadro no que se labrou en baixorrelevo un Agus Dei que apoia o pao da cruz nunha das patas dianteiras. Esta cruz, de brazos iguais e extremos alongados, decórase con círculos que rodean xemas, cousa que a converte na parte máis realista do tímpano. Aos lados atópanse uns arbustos xeometrizados; do xemolo central destes arbustos parten simetricamente flores ou froitos que penduran cara a abaixo. Aínda que a asociación do Agnus Dei con flores é bastante frecuente en tímpanos galegos datables contra o 1200, a presenza de arbustos coma os de Meira son excepcionais –só no de San Martiño de Berselos (Baralla, Lugo) vemos un arbusto pequeno diante do cordeiro-. Quizais os máis parecidos aos de Meira sexan os que decoran o lintel da porta sur de San Salvador de Sarria (Sarria, Lugo), no que aparecen flanqueando unha representación do Salvador. Esta relación iconográfica con representacións critolóxicas parece, pois, innegable e este feito quizais haxa que poñelo en relación co seguinte texto do Apocalipse: “Nas dúas ribeiras do río hai árbores de Vida, que dan froito doce veces, unha cada mes; as follas sérvenlles de menciña aos xentís”.

O lintel do tímpano, igual cás xambas e cós ángulos salientes, presenta molduras redondas nas esquinas e medias canas na parte central, decorada con botón. A asimetría dos ángulos salientes é inusual.

Un par de columnas acobadadas, de fustes lisos, levántase sobre peañas de plintos decorados nos que se utilizaron motivos xeométricos e vexetais, e tamén cintas finas con perlas diminutas, motivo que se repite nas poutas. Capiteis de follas estilizadas similares a outros do interior da igrexa sérvenlles de remate ás columnas e enriba deles van os cimacios, con decoración vexetais diversas, que se prolongan para estear a arquivolta maior. Os cóbados están labrados en bocel. Moitos destes motivos ornamentais vólvense empregar na portada occidental.

A fachada principal acusa, en parte, a estrutura interior; así, a rúa norte é máis baixa cá Central, aínda que a existencia dunha torre no remate da nave sur fai que esta sexa a máis alta. No extremo norte levántase un contraforte groso que acaba de forma gradual e outros dous flanquean a central. No remate da nave norte abríase unha porta coas xambas arqueadas para formar uns ángulos salientes pequenos que sosteñen un lintel pentagonal; no lado sur álzase unha torre cuadrangular que culmina unha pequena e reformada espadana posterior.

A rúa central, situada na nave maior, ten na parte inferior unha arquivolta semicircular ampla e abucinada, formada por catro arcos moldurados e decorados nas roscas e intradorsos con rosetas, flores e talos ondulantes con follas de diferentes tipos. As tres primeiras apóianse noutros tantos pares de columnas acobadadas e a maior en ménsulas embutidas nos contrafortes que limitan a rúa.

As bases das columnas repiten o esquema ático e, igual cás da porta sur, decoran os plintos con diferentes motivos xeométricos, vexetais e cintas perladas, aínda que o seu estado de conservación é deficiente, sobre todo nas da esquerda. Os fustes son lisos e monolíticos, e os  cóbados que quedan entre eles están labrados en bocel. Os capiteis, todos con decoración vexetal, presentan diversas solucións e, en xeral,  un tratamento meticuloso no que abundan as perlas diminutas; consérvanse ben, menos o dereito da arquivolta menor, que está moi erosionado. Nos cimacios predominan os talos ondulantes con follas variadas, pero sen que falten os motivos xeométricos. Por outra banda, as xambas perfílanse en bocel con media cana intermedia e forman uns ángulos salientes nos que estea o tímpano, liso e monolítico. Nas follas das portas aínda se encontran peculiares ferraxes medievais.

Sobre a arquivolta ábrense dúas ventas rematadas con arco de medio punto. O perímetro destes dous vans está moldurado con sobriedade. Algo máis arriba corre unha pequena imposta que sinala o tránsito cara ao segundo corpo no que se abre un enorme rosetón que o abarca case por completo e que, tanto por dentro como por fóra, decora o óculo con tripla rosca de motivos vexetais estilizados similares aos que xa observamos nas arquivoltas. A decoración parte dun círculo central polilobulado do que arrincan uns raios nos que estean arcos de medio punto; así, o conxunto desta decoración xeométrica debuxa unha flor descomunal con botón central, organización que se remite noutros coetáneos tanto dentro coma fóra de Galicia. Esta rúa central culmina coas vertentes do tellado nunha cornixa pequena e lisa; sobre ela alzábase, algo retirada, unha espadana pequena cun único oco que foi suprimida durante a restauración efectuada na igrexa arredor do ano 1988 e que era un engadido moi posterior á fachada.

Ramón Yzquierdo Perrín. “A arte do Císter”. En Galicia. Arte. Arte medieval (II). Tomo XI. A Coruña, Hércules, 1993, pp. 19-69. Texto das páxinas 32-39.

Fotos: Jesús García Devesa e Francisco Méndez García.

No hay comentarios: