20/12/11

Igrexa de Santiago da Pobra do Dean (Pobra do Caramiñal, A Coruña)



No casco histórico da Pobra do Caramiñal (A Coruña) e preto dos pazos do Couto e Aguiar, atópase esta fermosa representación do chamado “gótico mariñeiro”, estilo que INICIARTE xa estivo presente a través da Colexiata de santa María de Muros. Trátase dun templo xacobeo, iniciado no século XIV e coas últimas obras salientable no XIX, polo que ademais do gótico, podemos contemplar elementos renacentistas, platerescos, barrocos ou neoclásicos (capela da Soedade).
A fachada principal é simétrica con porta rectangular, tres fornelas e dúas xanelas. No centro, e sobre unha imaxe de Santiago peregrín, álzase o cadrado campanario de dous corpos superpostos con catro machóns e cúpula. Nos extremos da cuberta podemos apreciar dúas representacións de músicos (guitarra e frauta). Tamén no exterior é salientable a ábsida poligonal con contrafortes e unha representación do apóstolo. Os muros son de perpiaños graníticos e hai cuberta de tella a dúas augas, agás na cabeceira que de seis.





Un dos elementos máis chamativos do seu exterior é o elefante guerreiro que a xeito de falsa gárgola marca a ubicación da Capela de Alba. No blog de Manuel Gago podedes ler algunha información complementaria sobre este curioso apéndice escultórico.






No interior podemos apreciar unha edificación dunha soa nave, de planta rectangular, dividida en cinco tramos con arcos faixóns que soportan unha bóveda de canón rebaixada. A ábsida é poligonal con bóveda apuntada e nervada, sete capelas capelas laterais, sancristía e baptisterio. É de salientar a riqueza artística do seu interior como a capela do Sacro (1605), a capela da Virxe da Concepción con retablo barroco (1749) ou a capela de Xesús Nazareno (1806). Pero o elemento que máis me ten chamado a atención é a fantástica capela de Alba (1572) en estilo renacentista-prateresco. Fixádevos ben nas fotos, por favor.




















Nesta parroquia celébranse todos os terceiros domingos de setembro a procesión das mortaxas ou do Nazareno, á que a famosa fotógrafa Cristina García Rodero ten adicado moitos traballos.





No hay comentarios: