No exterior da
cabaceira, as capelas laterais rematan o muro unitario, con ventas baixo
arcos de medio punto, con canzorros en proa e cubertas en nacela. A capela
maior sobresae en planta e alzado, e nela diferéncianse perfectamente a parte
recta do presbiterio da cabeceira semicircular. O tramo recto, da mesma altura
có cruceiro, remata no extremo oriental coas vertentes do Tellado, que perfila,
igual ca nos laterais, unha colección de
canzorros nos que se labraron desde cabezas de animais ata motivos vexetais e
xeométricos, todos dunha rusticidade considerable.
Sobre o Tellado da cabeceira
atópase a ventá, vista xa polo interior, que por este lado tamén presenta o
arco perfilado por un semicírculo en bocel e esteado en columnas esveltas de
fustes lisos con capiteis fitomorfos.
Por outra parte, o semicírculo da cabeceira, dividido en
tres fragmentos por dúas columnas encaixadas con capiteis vexetais, ten as
ventas laterais con arcos de medio punto dobrados, con aresta en bocel e
apoiados nun par de columnas por lado, que rematan en sobrios e curtos capiteis
de follas; estes capiteis nas esquinas resólvense nunha bóla ou nunha voluta
pesada. Tamén se moldura o van destas ventas. O beirado desta parte organízase
cunha sucesión de arcos pequenos de medio punto coa aresta moldurada, que estean
nos capiteis das columnas citadas e, sobre todo, en canzorros con decoración
variada, case sempre xeométrica, ás veces vexetal e mesmo con motivos
xeométricos. Este tipo de beirado era habitual nas obras galegas de finais do
século XII e principios do XIII, tanto entre as relacionadas coa arte do mestre
Mateo como naquelas outras ligadas ao Císter, que é o que ocorre aquí.
Os muros das
naves son dunha austeridade total. Están percorridos por contrafortes de remate
gradual que desapareceron no lado sur por estar o claustro apegado (obra
renacentista que deixou a indeleble pegada dos arcos e bóvedas) e no norte son dobres. A existencia deste
claustro obrigou a cegar ventas da nave sur e a facer algunas modificacións
máis. En cada tramo da nave norte e na
nave central ábrense as tales fiestras grazas á notable diferencia de altura
existente entre as naves. A central cóbrese con Tellado a dúas augas e as
laterais a unha soa. Os beirados son máis simples ca na cabeceira e no
cruceiro, e a maioría dos canzorros, un ou dous por tramo, córtanse en proa ou
en cuarto de círculo; as cubertas córtanse en nacela.
No primeiro tramo da nave sur ábrese a porta que comunicaba
co claustro dos monxes, e diante dela consérvase o único tramo do claustro que
chou ata nós, só que convertido en capela anexa. A porta ten tripla arquivolta
de medio punto, con chambrana arredor, molduradas en bocel e medias canas que,
agás na rosca da menor e no tornachuvias, quedan lisas. Naquela dispóñense
botón e cuadrifolios e nesta, follas estilizadas.
Ramón Yzquierdo Perrín. “A arte do Císter”. En Galicia.
Arte. Arte medieval (II). Tomo XI. A Coruña, Hércules, 1993, pp. 19-69. Texto
das páxinas 32-39.
Fotos: Francisco Méndez García e Jesús García Devesa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario