A igrexa ten planta de cruz latina cun desenvolvemento amplo
das tres naves e do cruceiro, ao que se abren cinco capelas; as dúas de cada
brazo, rectangulares e con remate exterior único; a central, semicircular na cabeceira. Esta cóbrese con bóveda de
forno, e o presbiterio, igual có resto
das capelas, o cruceiro e a nave maior cóbrense con bóveda de canón apuntado,
mentres que as laterais utilizan bóvedas de arestas. O tramo central do
cruceiro, de proporcións cadradas, cóbrese con bóveda cuatripartita cuns
nervios moldurados (os boceis non se interrompen nin sequera na clave) que se
insiren entre os arcos dobrados que limitan o tramo. A menor altura que
alcanzan as naves colaterais, pouco máis da metade da central, permiten a
iluminación directa de cada unha mediante ventas abertas nos muros extremos,
pero as xanelas do sur estaban condicionadas polo claustro apegado; ábrense
sobre os arcos formeiros e introducen o remate na bóveda da nave central
formando lunetas. O cruceiro ten ventas nas beiras e tamén no brazo sur dos
muros laterais. Por outra parte, as capelas abren fiestras nos remates
orientais. Todas estas ventas están baixo arcos de medio punto sen
ornamentación; as únicas ventas que molduran en bocel as arestas son as de
semicírculo da capela maior, e só a que se abre sobre o arco de ingreso á
cabeceira, ademais de moldurar o arco, rodéao de chambrana abocelada e apóiao
en columnas con capiteis de follas estilizadas.
Interior. Foto de Turismo.gal
Os arcos faixóns apuntados da nave central estean en
columnas encaixadas que non chegan ao chan e rematan en sobrias ménsulas; pola
contra, as do cruceiro álzanse sobre bases de tipo ático. Por outra banda, os
formeiros, de igual directriz, son dobrados e estean sobre piares compostos nos
que tamén apoian os das naves menores. Os capiteis decóranse con follas estilizadas
ou con entrelazos de cintas sinxelos, a miúdo perladas, aínda que a maioría
quedan lisos. En xeral, os capiteis ornamentados, sobre todo os máis ricos,
están nas capelas e nos primeiros tramos das naves. Os cimacios córtanse en
caveto ou en bisel, aínda que nun deles labráronse follas reviradas para a
fronte. A pesar da súa sinxeleza, estes motivos ornamentais (en particular os
capiteis) teñen moito interese, xa que coñeceron unha difusión importante en
diversos monumentos lugueses, entre os que podemos mencionar a catedral de
Mondoñedo, Santa maría de Ferreira de Pallares e San Salvador de Vilar de
Donas, proba da magnitude que acadou o obradoiro artístico de Meira.
En diversos puntos das naves e do cruceiro ábrense portas
que, na maior parte dos casos, responde ás
necesidades da comunidade cisterciense que construíu o templo, por iso
ao destruírse o mosteiro varias delas foron cegadas. Pola parte interior case
todas teñen un arco de medio punto simple en aresta viva, igual cós demais do
edificio, e só a que no brazo norte do cruceiro servía para acceder á torre que
se alzaba entre este e as naves, ou a que no extremo sur da fachada occidental
levaba á torre da fachada, presentan un lintel sobre sinxelos ángulos salientes
en caveto na primeira e con rolos na segunda.
No interior, a fachada principal destaca pola amplitude de
ocos, en especial polo rosetón, que inunda de luz a nave central. Os tramos
inmediatos a ela foron alterados pola construción posterior dun coro alto.
Foto de Turismo.gal
No cruceiro destaca a simplicidade das liñas e a pureza do
volume, que segue así os pasos iniciados na cabeceira. Nel, o máis salientable
son os contrafortes prismáticos que se alzan onde estean os arcos do interior,
con algunhas variacións entre eles, e os beirados cuns canzorros similares aos
das ábsidas. No extremo norte ábrese unha porta pequena que comunicaba
co cemiterio monacal. Esta porta presenta dobre arquivolta de medio
punto, coa aresta labrada en bocel, seguido na rosca e no intradorso por
cadansúa media cana. A mesma molduración advírtese nas xambas e no lintel do
tímpano, que carece de decoración. Sosteñen os arcos un par de columnas
acobadadas a cada lado, de fustes lisos e monolíticos, que se alzan sobre bases
áticas con plintos ornamentados con motivos xeométricos diversos.
Foto de Turismo.gal
Os capiteis
repiten a decoración con follas estilizadas de tratamento e remate diferentes; a pouca altura deses compensa co maior
desenvolvemento dos cimacios nos que se labra unha nacela dobre.
Das dúas
portas tapiadas do frontispicio sur, a inferior permitía o acceso á sancristía
e a superior comunicaba a igrexa co dormitorio da comunidade; as dúas carecen
de interese artístico e a primeira está reconstruída. Tamén debe ser posterior
á fábrica medieval a espadana que coroa este muro; no muro predomina a
cachotería, mentres que a cantería quedou reservada para as esquinas e demais
elementos arquitectónicos. Esta alternancia de materiais tamén se observa no
brazo norte e no brazo maior da cruz.
Ramón Yzquierdo Perrín. “A arte do Císter”. En Galicia.
Arte. Arte medieval (II). Tomo XI. A Coruña, Hércules, 1993, pp. 19-69. Texto
das páxinas 32-39.
Fotos de Turismo.gal, Jesús García Devesa e Francisco Méndez García.
No hay comentarios:
Publicar un comentario