7/1/19

Igrexa de Santa María de Meira (Lugo): Orixes e cronoloxía



Foi un dos mosteiros principais do Císter en Galicia, aínda que a súa orixe queda algo confusa: uns pensan que existiu aquí un mosteiro bieito anterior e outros cren que os monxes do Císter partiron de cero.  Segundo as Táboas de Cîteaux, Meira facía a filiación número 43 de Clairvaux; este acontecemento produciuse o primeiro de xuño do ano 1143. Un pouco antes, Anno Momini MCXLII (1142), fixaba un epígrafe desaparecido o initium domus Meire, datos que resultan difíciles de casar coa doazón que lle fixo o rei Afonso VII da vila despoboada de Meira a don Álvaro Rodríguez en agosto de 1151. A primeira mención segura relativa a un abade aparece nun documento do ano 1154 no que se alude a don Vidal, tradicionalmente admitido como o primeiro abade de Meira.

Deste xeito resultan tres opinión, dúas delas difíciles de conciliar, postura que intenta a terceira. A primeira correspóndelles a aqueles que estiman que a incorporación de Meira ao Císter se produciu entre 1142 e 1143 e, tendo en conta a máis ca posible desaparición da comunidade bieita que aquí residía anteriormente, trataríase, de feito, dunha fundación. A segunda opinión participa desta idea fundacional, aínda que a atrasa ata unha data que vai do ano 1151 ao 1154. Finalmente, a terceira considera que don Vidal e os monxes que o acompañaban foran enviados polo propio San Bernardo para realizar unha fundación nun lugar axeitado. Este grupo debeu saír de Clairvaux entre o 1142-1143, pero o asentamento en Meira non se produciría ata o 1151-1154; certamente, fanse coincidir as datas aínda que os dez anos que separan unha da outra non son fáciles de xustificar de maneira satisfactoria. Sexa coma for, don Álvaro Rodrigo e a súa muller dona Sancha Fernández, condes de Sarria, considéranse fundadores do cenobio, aínda que a construción dos edificios monásticos demorou algún tempo, xa que, segundo a inscrición antes citada, a igrexa non se consagrou ata o ano 1258; sen embargo, algunhas inexactitudes fan dubidar da veracidade absoluta desta data.

A partir do ano 1154 Meira goza das doazóns e privilexios reais de Afonso VII, de Fernando II e de Afonso IX, que comezan a esmorecer cos seus sucesores Fernando III, Afonso X e Afonso XI. Outras doazóns procedían de particulares ao mesmo tempo que medraba o patrimonio do mosteiro aumentaba tamén a cobiza dalgúns señores e empezaron os problemas, que se intensificaron a medida que avanzaba a Idade Media, sobre todo a partir de mediados do século XIV; todo isto mesmo levou a vender unha parte dos bens e a aumentar de maneira considerable os foros de novas terras, aínda que o problema dos encomendeiros e a conflitividade social do período impídelles aos monxes obter os beneficios esperados. Quizais por iso nos primeiros anos do século XVI Meira uniuse á Congregación de Castela, que trala reforma de estudos do ano 1582, instala no mosteiro un Colexio de Filosofía no que se formaron os membros máis destacados da orde ata as graves crise de principios do século XIX, que culminaron coa expulsión desamortizadora de 1835. A partir dese momento derrúbase a maior parte dos edificios monásticos e a igrexa salvouse por se converter en parroquial.

(...) A construción desta igrexa suscitou diferentes opinión e cronoloxías. Parece, sen embargo, que se edificou entre os últimos anos do século XII. As obras deberon empezar arredor de 1190, xa que no ano 1193 faise unha doazón para a  obra de Meira, e puideron concluír contra o 1225, aínda que a a consagración non se efectuou ata o ano 1258, segundo a inscrición que mencionamos antes.

Nas obras interviñeron, posiblemente, varios obradoiros que tiveron unha importancia notable para a arte galega da primeira metade do século XIII.

Ramón Yzquierdo Perrín. “A arte do Císter”. En Galicia. Arte. Arte medieval (II). Tomo XI. A Coruña, Hércules, 1993, pp. 19-69. Texto das páxinas 32-39.

Fotos cedidas por Jesús García Devesa.

No hay comentarios: