17/1/08

A Arquitectura gótica. A arquitectura da luz


A importancia do cambio na mentalidade cristiá, fenómeno no que vai ter un tremendo protagonismo a divulgación das novas correntes de filosofía neoplatónica, e sobre todo, a vinculación que establece esta corrente filosófica entre o concepto de Deus e o ámbito da luz (Deus é concibido coma a luz) terá unhas claras consecuencias na nova arquitectura. Partindo destas premisas é lóxico que a catedral gótica deba concibirse con base nesta nova espiritualidade cristiá como un espazo cheo de luz, cheo de Deus.

Fronte ao románico, a nova arquitectura vai introducir todos os cambio tectónicos necesarios para lograr ese obxectivo prioritario de rachar os muros para que irrompa a luz no espazo interior. Como consecuencia xeneralízase o uso dunha serie de elementos formais: o arco apuntado, a bóveda de cruceiría, os arcobotantes, a utilización perfeccionado dos arcos faixóns e formeiros, a existencia de grandes contrafortes exteriores, os piares cruciformes con columniñas apegadas que han derivar no piar fasciculado e tamén a disposición de magníficas vidreiras, contribuirán a crear esa atmosfera irreal e estraña dun mundo alleo ao terreo e por isto dun fondo impacto espiritual.

O resto dos elementos formais da arquitectura gótica supoñen unha evolución cara á monumentalidade respectos dos anteriores edificios románicos, que non é allea a unha valoración da tendencia ascendente no espazo interior, gracias, maiormente, á extraordinaria altura das súas bóvedas, que tamén aluden simbolicamente á elevación espiritual.

Polo demais, séguese a utilizar a planta de cruz latina, de tres ou cinco naves, cruceiro destacado en planta e unha cabeceira hipertrofiada, con xirola e capelas radiais.

En alzado ábrense xanelas cada vez maiores. Nas fachadas dispóñense grandes torres coroadas por agullas ou chapiteis, e inclúese unha decoración exterior cada vez máis abundante e recargada, engadindo –xunto aos volumes arquitectónicos, como os contrafortes ou os arcobotantes- motivos ornamentais como son os pináculos, as gárgolas, etc.

Todo o cal sen esquecer a importancia da escultura que, se ben se vai liberando do marco arquitectónico, segue ligada implicitamente ás construccións.







No hay comentarios: