Nunha das saídas coa bicicleta achegueime a ver esta igrexa que, estando moi preto dunha estrada importante pola que teño pasado moitísimas veces, nunca me achegara onda ela. Na parroquia muradá de Abelleira (fermosas praias) atopamos este conxunto de igrexa, espadana e cemiterio.
A igrexa de Santo Estevo, de estilo neoclásico (séculos
XVII-XVIII), ten planta de cruz latina que se marca en altura ao seren o brazo
principal de máis desenvolvemento vertical que o transversal. Están cubertos
con bóveda de canón e tellado a dúas augas.
Á capela maior engadíuselle unha sancristía con acceso a
través de dúas portas nos dous lados do altar. Aos pes da nave hai un coro
baixo cunha pía bautismal embebida no muro, baixo un arco de medio punto.
O espazo adicado ao altar destaca do resto da fábrica pola
súa altura e cuberta a catro augas.
A fachada principal ten unha composición neoclásica formada
por catro piastras que sosteñen un frontón triangular cun remate dunha cruz e
pináculos nos extremos. Entre as dúas piastras centrais sitúase a porta que
remata na parte superior cunha cornixa onde descansa a figura do santo, sobre o
que hai un óculo circular.
A igrexa está rodeada polo cemiterio (onde destaca a parte máis antiga coas súas lápidas polo chan).
Sobre o muro de peche perimetral e na zona de acceso atópase
unha espadana de dúas arcadas rematada en pináculos que probablemente deberon
pertencer á igrexa e que mantén a función de campanario.
Información procedente de Turismo de Muros.
Fotografías de Iniciarte
No hay comentarios:
Publicar un comentario