A Estoa de Átalo é un
pórtico helenístico situado na parte oriental do ágora de Atenas.
A stoa (στοά, palabra
grega, transcribible como stoá, en
plural stoai, galegizable como estoa,
e traducible como 'pórtico') é unha
construción propia da arquitectura clásica, unha das máis sinxelas: un espazo
arquitectónico cuberto, de planta rectangular alongada, conformado mediante
unha sucesión de columnas, alicerces ou outros soportes (columnata), e, no seu
caso, muros laterais. No urbanismo grego adoitaba formar parte de espazos
públicos como ximnasios e xardíns; aínda que a súa localización preferente era
o ágora (a praza pública das cidades gregas).
Como espazo público protexido do sol e a choiva, era un
lugar idóneo para a vida social das cidades mediterráneas; ás veces cumpría
tamén funcións comerciais, aloxando postos de comercio. É equivalente aos
soportais ou galerías porticadas dalgúns
outros lugares.
Historia
O monumento foi construído por Átalo II Filadelfio, durante
o seu reinado en Pérgamo (159 a 138 a.C.). Era un agasallo á polis de Atenas,
en agradecemento á educación que recibira nela antes de ser rei.
Foi destruída polos hérulos, no ano 267, e os seus restos
incorporáronse á nova muralla da cidade, de época romana tardía. Isto preservou
o extremo norte do edificio ata o nivel do teito.
Esta estoa foi
reconstruída de 1953 a 1956 pola Escola Americana de Estudos Clásicos de
Atenas, grazas ao financiamento de John D.
Rockefeller Jr.
Descrición
Típica da arte helenística, a estoa era un
edificio de grandes dimensións: 112,09 metros de longo por 19,40 metros de
ancho. Tiña dous niveis, unha planta baixa dórica e un piso superior xónico,
unidos por unha escaleira en cada extremo. As paredes eran de pedra calcaria
do Pireo, cunha fachada de mármore do Pentélico
e cuberta de tellas.
Na antigüidade, o conxunto acollía 21 locais en cada planta,
cada unha de 4,91 metros x 4,66 metros. Os locais eran alugados polo Estado
ateniense. Tratábase, polo tanto, dun centro comercial, pero tamén dun lugar
de sociabilidade, onde os atenienses
podían reunirse e discutir, resgardados do sol no verán e do frío no inverno.
Antes da súa re-construción de 1953
Actualidade
Desde a súa reconstrución, a Estoa de Átalo alberga o Museo do Ágora de Atenas. Consta de almacéns no
soto, zona de exposición na planta baixa e salas de traballo no primeiro andar.
Algunhas partes do edificio orixinal consérvanse, incorporadas no extremo sur,
polo que o visitante pode comprobar a validez da restauración.
A Estoa de Átalo foi
utilizada ás veces para manifestacións non arqueolóxicas, que se beneficiaban
do prestixio deste monumento, símbolo da cidade antiga. A cerimonia da firma da
ampliación da Unión Europea a dez novos países foi organizada alí, baixo a presidencia
grega da UE, o 16 de abril de 2003.
Fotos: Iniciarte.
No hay comentarios:
Publicar un comentario