3/4/17

Igrexa de san Martiño de Mondoñedo (Lugo): portada occidental


Polo que respecta á fachada occidental, acusa a estrutura das naves con diferentes alturas; a nave sur queda tras a torre cadrada que ante ela se levantou. É de planta cadrada e muros lisos, rotos no lado occidental por unha ventá gótica xeminada. O corpo de campás da torre quizais non sexa anterior ao século XV. A ventá aberta no extremo oeste da nave norte presenta dobre arco de medio punto, cinxindo o maior un semicírculo de billetes.

A portada avanza lixeiramente do plano da fachada e limítaa polo norte un contraforte rexo construído, como os demais da igrexa, a principios da segunda metade do século XIX. A porta ten arquivolta semicircular ampla na que alternan arcos lisos e decorados, que se apoian nun par de columnas encostadas aos lados que molduran a aresta en bocel. Nestes soportes volvéronse reutilizar pezas da construción prerrománica, e son románicos os labrados en granito. 



Dos capiteis que rematan estes fustes, o esquerdo decórase con cabezas humanoides flanqueadas por longuísimas extremidades superiores, que se apoian no astrálago xunto ás inferiores, e sobre estas figuras simiescas talláronse tacos vigorosos. O dereito é máis sinxelo, xa que posúe dobre coroa de follas estilizadas lixeiramente reviradas cara á fronte no remate. O primeiro non ten nada que ver con ningún do interior, pero este si, polo que podemos pensar que foi labrado polo mesmo obradoiro, o que axudaría a unha datación máis exacta. Tres dos cimacios, así como a chambrana, ornaméntanse con palmas parecidas a outras do interior. O cuarto cimacio presenta círculos aliñados que encerran cuadrifolias ou cruces alternadas, motivos que traen á memoria outros máis antigos.

O lintel, en forma de pentágono irregular, apóiase sobre as xambas e na parte central a penas se percibe un círculo que rodea un crismón. Segundo Torres Balbás, tales linteis chegaron a Galicia a través das peregrinacións xacobeas e a difusión produciuse a partir de Santiago. Sobre o lintel, o tímpano cérrase con perpiaño coma o dos muros. Na parte central e superior labrouse na cantería de granito un círculo con catro lóbulos que enmarcan un Agnus Dei, que sostén unha cruz con patas dianteiras. Este tema foi relativamente coñecido en tímpanos galegos, en especial dos primeiros anos do século XIII, e con frecuencia relaciónase con círculos artísticos influídos polo mestre Mateo. Este, sen embargo, debe de ser anterior e podémolo relacionar co Agnus Dei labrado no antipendio da capela maior. Non deixa de ser sorprendente que un lintel poligonal con Agnus Dei enriba se vexa na porta do Cordeiro de santo Isidoro de León, o que nos levaría a unha cronoloxía máis próxima a este de san Martiño de Mondoñedo, xa que permite pensar nunha data temperá do século XII.


Ramón Izquierdo Perrín. "San Martiño de Mondoñedo". En Galicia. Arte. Tomo X. Arte Medieval I. A Coruña, Hércules, 1993 pp.171-187. Texto das páxinas 174-176.

Fotos: INICIARTE

1 comentario:

RosaMaría dijo...

Qué buena descripción. Me trajo muchos y buenos recuerdos de mis paseos a Mondoñedo. También pude apreciar la famosa torta del lugar que siempre compraba en un lugar tradicional.Gracias por el reporte. Abrazo