29/3/21

O Cruceiro de Santa Sabela (Muros, A Coruña)

 

Na porta da Capela de Nosa Señora dos Remedios (lugar da Xesta, na entrada de Muros desde Noia) atópase este fermoso cruceiro (séculos XVI-XVIII). Cando andaba a tirar as fotos, achegóuseme unha persoa que me invitou a visitar a capela (sempre pechada). Era membro da familia propietaria da mesma polo que tiven a oportunidade de escoitar datos importantes e mesmo curiosos sobre a capela e o cruceiro.


En Patrimonio Galego cóntase o seguinte:

"Cruceiro situado no pequeno adro da capela de Santa Sabela.

Nace sobre unha base cadrada decorada con caveiras nas esquinas. Nunha das caras da base aparece a seguinte inscrición xunto cun relevo que semella un lagarto sobre unha lousa: “AÑO D 1586”. Nas outras caras da base existen outros gravados como dúas tibias entrecruzadas.



Lagarto con serpe

O varal nace en sección cadrada con molduras e segue en sección cilíndrica. Na metade do varal existe un relevo dun santo sobre unha peaña que sostén unha copa na súa man dereita.





O capitel, decorado con volutas, dá paso a unha cruz de sección cilíndrica na que aparece a imaxe de Cristo crucificado baixo cartela de INRI.



Podo engadir que a persoa que tan amablemente me atendeu contoume que o Cristo do cruceiro non mira o leste (ou ao mar) como a fachada da capela senón que vai orientado á antiga Colexiata de Muros (Igrexa de san Pedro). Pola contra a cara esculpida na fachada si mira ao mar, probablemente pola moita relación que a capela ten co Muros mariñeiro,

Pola súa banda Cruceiros de Galicia engade: 

"Cruceiro incluído na obra "Os nosos cruceiros". Autor e ilustrador: José M. Laredo Verdejo. Boreal - Xuntanza Editorial, 1993. Vol. I, pág. 62-63.


O autor, entre otros datos, indícanos: "...debemos considerar este cruceiro como o máis antigo do país con data indicada..." 

(O máis antigo coa data gravada no  cruceiro, o cal non indica que non poida haber outros máis antigos, que si os hai).

Cruceiro incluído no relatorio "OS PRIMEIROS CRUCEIROS  TRADICIONAIS: SÉCULO XVII" presentada por José María Laredo Verdejo e publicada no libro "ACTAS DO Iº CONGRESO  GALEGO SOBRE "CRUCEIROS E CRUCES DE PEDRA". Edita: Asociación  Galega para a Cultura e a Ecoloxía, 2009. Páx. 224

O autor entre outros datos, indícanos a data do  cruceiro: "Alí nos  lemos 1568,  aínda que Atanasio López viu 1506. Pode que ou erro veña do parecido entre  as cifras "cero" e "seis" en tan  antiga grafía."

Cruceiro incluído na obra "La villa de Muros y su distrito", de Ramón de Artaza Malvárez. Editado polo Concello da Vila de Muros, 2ª edición, 1959, páx. 274

O autor, entre outros datos, indícanos: "O Cruceiro desta capela comprende dúas épocas. A base é do ano 1586, segundo fai constar a data gravada nela. "; "...a columna e a Cruz coas súas imaxes, acusa época moi posterior á súa construción, e sendo a fundación da capela do ano 1744, lóxico é o supoñer sexa desa época."

Sobre os cables que hai na fachada da capela... nada que escribir nunha vila que foi declarada Conxunto Histórico-Artístico en 1970.

Teño lido nalgures que hai un crucerio adicado a santo Amaro con data de 1525.

Fotos: INICIARTE.

No hay comentarios: