Nun lugar realmente fermoso, no interior do concello de Dumbría, atópase esta magnífica igrexa, nunha contorna coidada e moi agradabel. Tiña realmente gañas de coñecela posto que pasara varias veces onda ela e non poidera pararme. Agora, coa escusoa dunha saída coa bicicleta e no remate dun porto de montaña, coñecina. A salientar a calidade da torre.
O texto procede de Dumbría é Cultura pero é o mesmo que hai en Patrimonio Galego.
Polos vestixios atopados sábese que a actual igrexa parroquial de San Pedro de Buxantes está asentada sobre outra antiga, orientada de saínte a poñente. O antigo campanario debía estar situado no Monte Sino, preto da actual Casa Cultural, que tamén se coñece como o Camiño do Campanario. Esta primitiva igrexa debeu ser construída a finais do século X. Todo o citado con anterioridade pódese testemuñar debido ao sartego achado dentro da actual igrexa, o cal a día de hoxe pódese ver no patio exterior da mesma.
Na parroquia de Buxantes atopámonos cunha das igrexas máis fermosas de toda a comarca pola súa calidade artística. Posúe unha planta de cruz latina con dúas capelas que conforman unha estrutura que ten a función de ser o brazo do cruceiro. A capela do Rosario, no lado do evanxeo, é de estilo renacentista e a capela de Asunción, no lado da epístola, pertence ao estilo barroco. Pódese acceder á nave a través da capela situada no muro norte que conta con dobre acceso: desde o interior da nave e desde o brazo do cruceiro.
No muro sur ábrese outra capela que está dedicada a San Miguel, así como o baptisterio, engadidos no século XVIII. Ademais, posúe un coro alto aos pés da nave e a sancristía está pegada ao muro sur da igrexa. En relación á capela maior, esta cóbrese con bóveda de canón de cantería e está reforzada no centro cun arco faixón.
O cruceiro está formado por dous arcos torais e dous formeiros e cóbrese cunha bóveda de aresta de cantería.
No exterior destaca o ciborio de planta cadrada e cun tellado a catro augas. Actualmente, a nave cóbrese cun teitume de cemento que imita á antiga realizada en madeira. Cara aos pés da nave levántase un magnífico coro pétreo sobre unha bóveda de canón rebaixada.
Desta igrexa destaca a preciosa torre do campanario, obra do autor da Torre do Reloxo da Catedral de Santiago de Compostela, o arquitecto ceense Domingo Antonio de Andrade. Esta torre conta cunha altura de 21,8 metros e 35 chanzos.
Referencias bibliográficas: SORALUCE BLOND, J.R.; FERNANDEZ FERNANDEZ, X.: “Arquitecturas da provincia da Coruña, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra e Muxía”. Vol. IV, Diputación Provincial da Coruña, 1997.
Fotos: INICIARTE.
No hay comentarios:
Publicar un comentario