Na miña segunda visita a Atenas, puden, por fin, visitar a Ágora, e dentro dela, destaca pola súa boa conservación este fermoso templo.
O Hefestión (en grego
Ηφαιστείον) ou templo de Hefesto e de
Atenea Ergané ou Teseion (en grego, Θησείον) é un templo
grego, situado no noroeste do ágora de Atenas, na cima do outeiro chamado
Colonos Agoreo. Desde o século VII ata
1834, foi unha igrexa cristiá.
Non se achou ningún resto dun edificio anterior e non se
trata, por tanto, dunha reconstrución dun posterior ás destrucións persas
ocasionadas en Atenas durante as Guerras Médicas.
É un templo dórico, períptero e hexástilo, que dá testemuño dunha particular
riqueza de ornamentos esculpidos.
Conserva o teitume a dúas augas, cun frontón que xa non contén ningún
ornamento.
Templo de Hefesto
En xeral, o edificio é identificado como o Hefestión, onde
se rendía culto a Hefesto e a Atenea. Hefesto era o deus da metalurxia. Atenea Ergané era a deusa da
cerámica grega e da artesanía. Había moitos talleres e tendas de ceramistas e
de traballo de metais nas proximidades do templo, o que xustifica a súa
dedicación a estas divindades. Esta identificación fúndase en dous testemuños:
o de Pausanias e o de Harpocración.
É ás veces chamado o Teseion (en grego: Θησείο, theseio), debido a unha crenza corrente na época bizantina de que os ósos do lendario heroe
grego Teseo foron enterrados alí. En
verdade, os presuntos ósos de Teseo foron enterrados no século V a.C. noutro
sitio próximo da Acrópole, traídos da illa de Esciro por Cimón no ano 475 a. C.
Historia
As escavacións arqueolóxicas fan pensar que non houbo un
edificio precedente situado na cima do outeiro Agoraios Kolonos, á parte dun pequeno santuario, que foi incendiado
cando os persas ocuparon Atenas en 480 a.C.
Despois da Batalla de Platea, os gregos xuraron non
reconstruír xamais os santuarios destruídos polos persas durante a invasión de
Grecia, e deixalos en ruínas como recordo perpetuo da ferocidade bárbara. Os atenienses
concentraron os seus esforzos na reconstrución da súa economía e o reforzamento
da súa influencia na liga de Delos. Cando Pericles chegou ao poder, concibiu un
vasto proxecto para facer de Atenas un gran centro de poder e de cultura
gregos. O templo de Hefesto outorgaba ao Ágora a proba da tradicional riqueza
ateniense, como o testemuñan a utilización da orde dórico, e o conxunto de metopas e figuras esculpidas.
A construción do templo comezou en 449 a.C., pero non foi
acabado ata o ano 415 a.C., probablemente porque o acento fora posto na construción
dos monumentos da Acrópole. O friso
occidental foi terminado entre 445 e 440 a.C., mentres que o oriental, o
frontón oeste e varias modificacións do interior do templo son datables de 435 a 430 a.C. Ata a época da Paz
de Nicias, de 421 a 415 a.C., non foi posta o teitume e erixidas as estatuas
de culto. Foi inaugurado oficialmente en 416/415 a. C.
No século III a.C., foron plantadas árbores e arbustos ao
redor do templo (granadeiros, mirtos e
loureiros), creándose un pequeno xardín.
Iglesia cristiá
Trátase dun dos templos de Grecia mellor conservados, debido
en parte ao feito de que Atenas non se atopa nunha zona de terremotos
frecuentes, ao contrario que o
Peloponeso e, por outra banda, polo feito de que o templo foi
transformado en igrexa cristiá (probablemente no século VII), dedicada a San
Xurxo Akamas. Isto preservouno de servir de canteira para construcións
ulteriores.
No século XIX, a
igrexa foi empregada como lugar de sepultura para os europeos non ortodoxos.
Entre os personaxes enterrados neste lugar figuran numerosos filohelenos, que
deron a súa vida pola causa da independencia grega (1821-1830). Aí atópase a
tumba de John Tweddel, amigo de Lord Elgin.
As escavacións revelaron unha laxa da tumba de George Watson, cun epitafio en
latín de Lord Byron.
Os dous últimos servizos relixiosos cristiáns foron un Te Deum o 13 de decembro de 1834, para celebrar
a chegada a Grecia do novo rei, Otón I,
e a designación de Atenas como capital do novo Estado grego, e un segundo
servizo o 13 de decembro de 1934 para celebrar o centésimo aniversario do
precedente. Otón ordenou que o edificio
fose convertido en museo, status que mantivo ata 1934, data na que retornou ao
seu estado primitivo e foi obxecto dunha ampla campaña de investigacións
arqueolóxicas.
Descrición
Non se coñece o nome do arquitecto, ao que, con todo,
atribúenselle outros templos de similar estrutura no Ática.
As dimensións do templo son 13,708 metros de norte a sur, e 31,776 metros de leste a oeste, con seis columnas
nas fachadas este e oeste, e trece nas norte e sur.
O edificio consta dun
pronaos, unha cella (estancia principal de culto ás imaxes das
divindades) e un opistodomos. O
aliñamento das antas do pronaos sobre a
terceira columna lateral do peristilo
constitúe unha característica única para un templo de mediados do século VI a.C.
Ademais, ten unha columnata dórica interior con cinco columnas nos lados
norte e sur, e tres nas extremidades.
O material utilizado foi mármore pentélico, agás o primeiro chanzo do crepidoma, que é de calcaria, e as esculturas
decorativas, para as que se elixiu mármore de Paros, de maior calidade.
Texto: Wikipedia.
Fotos: Iniciarte.
Templo de Atenea Niké
Erecteion
No hay comentarios:
Publicar un comentario