12/3/18

Mosteiro de san Salvador de Bergondo (Bergondo, A Coruña)


Na mañá dun domingo pasado achegueime coa bici ata este mosteiro para tirar algunhas fotos co móbil.

A páxina bergondo.gal (hai planos da planta) conta o seguinte:
               
Segundo probas documentais, xa existía no ano 1138, cando era abade Frei Recendus. Tamén hai constancia da súa existencia por un documento no que se relata o preito que mantiveron en 1140 os habitantes do concello co arcebispo de Compostela sobre os dereitos de pesca das augas do río Mandeo e a explotación das salinas de ríaa, que os composteláns non querían compartir con eles.

No ano 1256 foi posto baixo a protección do rei Afonso X, e máis tarde baixo a dos Condes de Andrade, que fixeron reformas e ampliacións, testemuño do cal son os numerosos escudos pétreos e os xabaríns esculpidos na igrexa.

No ano 1509, coa reforma ordenada polos Reis Católicos pasou a ser priorato dependente de San Martiño Pinario de Compostela.

Foi declarado Monumento histórico-artístico de carácter nacional no ano 1973.


Descrición:
Trátase dun antigo convento bieito, do que actualmente consérvase en bo estado a igrexa, aínda que moi reformada. Presenta planta basilical de tres naves e tres ábsidas. As naves están divididas en catro compartimentos, divididos por alicerces con semicolumnas encostadas, que sosteñen os arcos apuntados.

As ábsidas están cubertas por bóvedas de canón e de cuarto de esfera. A cuberta é de madeira a dúas augas.

As paredes da igrexa están sostidas por sólidos contrafortes e a fachada principal está adornada con arquivoltas semicirculares sobre columnas acobadadas. A porta do templo ten dous pares de columnas con capiteis de follas e con bases tóricas, que soportan un dobre arco abucinado, esculpido con axadrezado e relevos. Dúas ménsulas sosteñen o tímpano adornado soamente cuns arcos de medio punto. A consecuencia dunha reforma perdeu a espadana e o rosetón románico.

No presbiterio e no muro sur pódense ver dous interesantes sarcófagos medievais.

No seu tellado consérvase o emblema do xabarín, símbolo dos Andrade, familia que sufragou os gastos causados por un incendio do século XIV.

A capela de Santa Catalina, encostada ao muro sur, está datada entre os séculos XIV e XV. Presenta bóveda de crucería e columnas acobadadas. Conserva tamén sarcófagos medievais.

O claustro do mosteiro foi obxecto de rehabilitación parcial no ano 2004 por parte da Xunta de Galicia, despois de que a finais do século XX comezasen os labores de limpeza da contorna do edificio, a cargo de varias escolas taller.


Pola súa banda o profesor Yzquierdo Perrín afirma o seguinte:

A construción da igrexa debeuse producir a finais do século XII, como evidencia a cabeceira e os motivos ornamentais que nela se ven. A este momento pode corresponder tamén a distribución das naves: as partes altas e, en particular, os arcos apuntados non deben ser anteriores, polo menos os faixóns, á restauración da segunda metade do século XIV, á que non foron alleos os Andrade. Desta maneira, logrouse unha hábil mestura de elementos románicos e góticos.
 

(…) Maila as destrucións do incendio do século XIV, a igrexa mantén o seu esquema xeral anterior e especialmente a cabeceira  consérvase íntegra. Ten tres ábsidas semicirculares, que se abren a outras tantas naves divididas en catro tramos por piares de sección cruciforme; as columnas serven de soporte aos arcos formeiros, apuntados e dobrados, igual cós faixóns nos que se apoia o teito de madeira que cobre as naves. A decoración dos capiteis dos formeiros é máis románica cá dos faixóns, xa góticos. Os arcos triunfais son, sen embargo, de medio punto, dobrados, e o superior da capela maior está moldurado; o menor apoia en columnas encaixadas rematadas por capiteis zoo-mórficos. Sobre o arco triunfal ábrese un pequeno rosetón con decoración xeométrica, que debuxa unha estrela de seis puntas a partir dun pequeno círculo central. (…) Pouco frecuente resulta que cada unha das capelas teña un tramo recto diante da súa cabeceira semicircular, co seu correspondente arco faixón, as bóvedas de canón e cuarto de esfera. Ventás abucinadas con arcos dobrados e moldurados na capela maior.

O exterior da cabeceira presenta contrafortes prismáticos nas tres ábsidas e as ventas que nelas se abren repiten o esquema que se acaba de ver no interior. Á ábsida sur uníuselle por este lado unha capela rectangular dedicada a Santa Catalina, que, segundo Castillo, data “de finais do século XIV ou principios do XV”. Os beirados da cabeceira románica presentan canzorros con rolos e tarxetas. A cuberta da capela central decórase con billetes grosos e as das laterais cunha liña en zigzag.

Os muros laterais das naves queda divididos en catro tramos por contrafortes cun remate graduado que data da restauración gótica. Outros parecidos flanquean a fachada e a portada occidental. Esta mantén unha tripla arquivolta de medio punto erosionada, pero na que quedan aínda restos de decoración xadrezadas nasa restas e nas roscas. Os dous primeiros arcos apóianse en columnas acobadadas, con capiteis de duras e esquemáticas follas en dúas ou tres ordes, O tímpano, con festón de arquiños como única decoración, carga en ángulos xeométricos. O resto da fachada é moi posterior.




Ramón Yzquierdo Perrín. Arte Medieval (I). En Galicia. Arte. A Coruña, Hércules,  1993, páxinas 431-433.



Podedes ver o seu interior en 360º.


No hay comentarios: