En época medieval a entrada á Catedral de Santiago facíase pola Fachada
do Paraíso, tamén coñecida como Porta Francíxena. A mediados do século XVIII
substitúese pola actual que popularmente se coñece co nome de Fachada de
Acibechería debido á presenza de artesáns do acibeche na praza onde se sitúa.
Ante a súa porta estaba a fonte “Fons Mirabilis” na que, tanto composteláns como peregrinos, se aseaban antes de acceder á basílica, descrita con detalles no Códice Calixtino, que “non ten parella en todo o mundo”. Formada por unha cuncha de pedra e unha columna de bronce rematada por leóns de cuxas bocas manaba xeneroso caudal, mandouna construír o tesoureiro Bernardo en 1122. A súa auga “de bo padal, amornada no inverno e fresca no verán” era bálsamo para a sede e hixiene tanto de composteláns como de peregrinos, que se aseaban aquí antes de acceder á basílica.
Na praza situábanse os cambeadores que cambiaban a moeda aos
peregrinos para os seus gastos na cidade, e atopábanse tamén numerosos postos
de vendedores de cunchas, morrales, botas de viño, zapatos, correas ou cintos.
A primitiva fábrica medieval, moi danada tras tantos séculos
orientada ao húmido norte e polo lume que a arrasou no século XVIII, estaba
ademais “pasada de moda”. Así que entre 1757 e 1759 aprobouse a súa derriba e
inicio da nova fachada nun estilo máis acorde cos tempos.
Segundo o profesor López Vázquez:
“O punto de partida
para a reconstrución da portada atopámolo no cabido do 16 de decembro de 1757,
no se decidiu “hacer la fachada de la Azabachería por ser precisa y necesaria”.
Ao día seguinte o cabido concretou máis os seus proxectos: “Se acordó el que se
haga la obra de la fachada de la Azabachería, y se le principio en la
cuarentena del año que viene de 1758 de los efectos de la fábrica, y no
alcanzando los depósitos; y que el señor fabriquero disponga asistan a ella los
oficiales precisos, a fin de que se concluya la obra con la brevedad posible:
Que el Maestro Caaveiro le prevenga forme la planta sin dilación”.
Posteriormente o arcebispo que estaba no pazo de Lestrove,
contestou o 29 de decembro dando “el más gustoso consentimiento para que se forme
la planta de ella, y después se fabrique en el ámbito que hoy ocupa,
extendiéndola hasta la que V.I. se sirva decirme” e comprometeuse a que “si Nuestro Señor me diere vida, el mismo
tiempo procuraré se fabrique la frontera del Palacio Arzobispal con el deseo de
que sea uniforme la fachada, y que se mejoren la habitación del Provisor, la
pieza de su Audiencia y los cuartos de los Pajes”.
Lucas Caaveiro iniciou as obras por fin e tivo como
aparellador o da propia catedral, Clemente Sarela. Estas obras debéronse facer
con certa présa, pois no ano 1762 estaba construído todo o primeiro corpo e
parte do segundo.
Posteirormente produciuse a ruptura entre o cabido e os
arquitectos, probablemente, por motivos estilísticos, segundo López Ferreiro.
Tras un tempo (…) o fabriqueiro seguiu manobrando ata conseguir que o cabido o
facultase, o 20 de maio de 1765, “para que haga venir de Madrid un Maestro natural
de este reino bien hábil según las noticias que se le comunicaron por las
diligencias que puso”. (…) O fabriqueiro conseguiu que a academia remitise ó
cabido a sorprendente carta de recomendación de Domingos Lois, con data 25 de
abril.
(…) Queda suficientemente demostrado que Lois Monteagudo veu
a Santiago máis por azar ca por unha vontade estética consciente de introducir
a nova corrente clasicista na nosa arquitectrua.
Como apunta Otero Túñez: “Sen derrubar o que estaba
construido, a pretensión de Ventura Rodríguez (o mestre do rei a quen se lle
pediron os planos) e a de Domingos Lois foi a de rematala cunha apariencia máis
ou menos clásica.
Para o conseguir, Lois empezou por susbtituír os salientes das ventás do primeiro corpo polos trofeos, que tanto contrastan cos elementos barrocos circundantes, pero que unifican a obra ata o ático, no que volven aparecer exenos.
O terceiro corpo, que se ergue sobre a rúa central da
fachada, xa é totalmente novo. Catro atlantes, que destacan ante o muro liso e
corrido sosteñen o frontón curvo, que tamén ten un ático detrás.
A fachada de Acibechería aínda hoxe está minusvalorada por
varias razóns: a súa orientación cara ao norte proporciona unha pésima luz para
pódela contemplar ou fotografar, (…) a imaxe deformada polo xuízo estético dos
historiadores de finais do século XIX e principios do XX, que a vían, baixo unha
óptica románica e anticlasicista, como o máximo expoñente da funesta vitoria do estraño clasicismo
académico fronte ao vigoroso e creativo barroco
autóctono. Sen embargo, se nos abstraemos de todas estas continxencias ,
a fachada aparece coma unha obra tremendamente orixinal e sen parangón na arte
española do momento que proporciona, ademais, unha solución final moi creativa
e mesmo se diría que xenial. Ventura Rodríguez e Lois Monteagudo conseguiron
transformar un deseño barroco, que debía ser un híbrido entre os corpos
inferiores da fachada do Obradoiro e o remate da fachada da Angustia de Abaixo
(hoxe san Froitoso), noutro inequivocamente clásico que “parece evocar, aínda
que sexa vagamente, as solución estructurais e compositivas dos antigos frons scenae
dos teatros romanos”.
J.M. López Vázquez. A arquitectura neoclásica. Galicia Arte.
A Coruña, Hércules, 1995. ., pp. 29-85. Texto das páxinas 31-37.
Fotos: INICIARTE.
No hay comentarios:
Publicar un comentario