12/2/18

Mosteiro de san Vicente do Pino (Monforte de Lemos, Lugo)




O Mosteiro de San Vicente do Piñeiro atópase sobre unha elevación do terreo da poboación e municipio de Monforte de Lemos, formando xunto á Torre da Homenaxe coas antigas murallas, cubos defensivos do castelo de san Vicente e o Palacio Condal dos Duques de Lemos (case todo perdido nun incendio en 1672, incluído o impresionante arquivo documental), o conxunto monumental que esperta moito interese turístico. 






O mosteiro, xunto cos restos do palacio, constitúen actualmente o Parador Nacional de Turismo de Monforte de Lemos.
Fachada do convento

Historia e descrición
Trátase da localización máis probable do primitivo Castro Dactonio, asentamento da tribo dos Lemavos, un asentamento recolleito por Plinio o Vello e Ptolomeo. Documentos medievais recollen a seguinte expresión latina; "Dactonium, quod dicitur "Pinus"" ("Dactonio, ao que chaman do piñeiro"), o cal revela unha fase de uso conxunto de ambos topónimos (Dactonio e Piñeiro); aínda que a localización do Castro Dactonio foi disputada en numerosas ocasións, debido á aparición de restos castrexos noutros lugares próximos á zona como Castillón, a de San Vicente do Pino foi á que se outorgou unha maior credibilidade, tanto polo característico da súa orografía, propicia a usos defensivos, como pola toponimia do lugar. Durante o ano 2007 escavacións na falda do monte deixaron ao descuberto restos dun castro e diversos vestixios prerromanos, o cal veu reforzar a teoría que situaría o Castro Dactonio no monte de San Vicente do Pino.





Fachada da igrexa do convento

As orixes do mosteiro, segundo algúns documentos, remóntanse ao século X fundado por monxes bieitos, aínda que como sempre os avatares históricos permítennos ver hoxe un edificio reconstruído do século XVI. A relevancia histórica do mosteiro vese eclipsada pola historia do castelo e dos seus propietarios, os influíntes e poderosos Condes de Lemos.

Imaxe de san Bieito na fachada do mosteiro

O edificio monacal presenta unha fachada de estilo neoclásico, do mesmo xeito que o seu claustro, a fachada elévase en tres corpos con ornamentación máis ben austera, destaca a entrada principal enmarcada por columnas de orde dórica, sobre a que asenta unha balconada. Este conxunto está coroado por un frontón con pináculos e hornacina coa imaxe de San Bieito.

No claustro, tamén austero na súa decoración, destacan dous elementos: unha urna e un baixo-relevo en pedra de estilo románico, ambos procedentes de tempos anteriores á construción do actual mosteiro, supoñéndose que a procedencia podería ser dos restos do primeiro cenobio.


Claustro do mosteiro

Destaca no conxunto monacal o seu chan, no que aínda se poden apreciar unha serie de canles que servían para canalizar a auga da choiva que se almacenaba no alxibe.

Lateral e entrada da igrexa do convento


O conxunto complétao no seu lado esquerdo a igrexa, a súa fachada tamén de estilo renacentista conxúgase cun interior gótico, de planta de cruz latina cuberta de bóvedas estreladas sobre arcos oxivais. 



Esta construción eclesiástica encerra tres singularidades: a primeira é a bóveda que soporta o coro da igrexa cun inerte órgano barroco; outra zona que resalta á nosa vista é o seu altar maior de estilo barroco, que acolle a imaxe da Virxe de Montserrat, patroa de Monforte e un lenzo ao óleo no que se representa o martirio de San Lourenzo.


Coro

Bóveda que soporta o coro

Así mesmo, diversas partes da igrexa atópanse fortemente deterioradas, entre elas as valiosas pinturas murais e algunhas vidrieras; presentouse á Xunta de Galicia un plan de restauración con ánimo de recuperar o seu patrimonio artístico.


Altar maior








Para rematar e non menos importante,  atopámonos o sepulcro de pedra do abade Don Diego García, segundo conta a tradición morreu por orde dos Condes de Lemos. No sepulcro pódese ver unha inscripción en latín, deteriorada por diversas fendiduras ennegrecidas polo frecuente uso de chamas con ánimo de contemplar os restos que encerra, relacionados coa popular lenda da coroa de lume, alimentada aínda máis polas testemuñas que exhumaron os restos do abade, que afirman que no cráneo atopado podíanse ver unha serie de queimaduras en forma de aro.




A lenda coñecida como “A Coroa de Lume” fala da existencia dun pasadizo entre o mosterio e o palacio dos Condes, utilizado polo abad Don Diego García para acceder aos aposentos da filla do Conde, algúns afirman que aos da muller, cando o Conde saía de viaxe e deixaba ás mulleres soas en palacio. Ao volver dun das súas viaxes o Conde decátase dos escarceos do abade, o Conde entón invítao a unha opípara cea na que o abade enche a súa barriga, ao finalizar a cea o Conde ordena traer unha coroa de ferro quentada a lume vivo e colócaa sobre a cabeza do abade dándolle morte.






Actualmente o mosteiro é un parador. É visitable polas zonas de libre acceso, comparte horarios cos demais edificios, igrexa, torre e palacio condal.

Os textos proceden de: Grupo Thais e da Wikipedia. Non deixedes de visitar esta páxina interactiva ou o seguinte estudo.


FOTOS: INICIARTE

Finalmente e como este curso non poñerei máis entradas sobre as igrexas da Ribeira Sacra, déixovos unha ligazón a un mapa intercativo de localización das mesmas. A gozalo.

2 comentarios:

Unknown dijo...

SAÚDOS : Moitas gracias, po las estupendas fotos do Mosteiro,(Hoxe Parador),e unha ledicia poder comtemplar o noso Patrimonio cando un,por razóns da vida,ten que estar fora da terra.
Os amantes do arte son persoas "sensibles" ben queridas.

Antonio Martínez dijo...

Moitas grazas a ti, José Luis. Por certo, a túa foto do perfil é en Budapest?