Unha das edificacións que máis me ten prendado é esta igrexa, ou o que queda dela, en Cambados. O seguinte texto procede da Galipedia.
As ruínas da igrexa de Santa Mariña Dozo, en Cambados, son
os restos que quedan dunha igrexa gótica construída no século XV por dona María
de Ulloa, señora de Cambados e nai de Alonso III de Fonseca, sobre unha
edificación románica do século XII. Desde 1943 é Monumento Histórico-Artístico.
Érguese na base do monte da Pastora, nas inmediacións dun
antigo castro. É de estilo gótico mariñeiro con influencias renacentistas.
Comezou a construción Lope Sánchez de Ulloa, sendo a súa filla María de Ulloa
quen a ampliou e rematou. Parece que tamén interveu na súa construción Xoana de
Hungría, muller de Paio Gómez de Soutomaior, aínda que outros autores dubidan
desta contribución. Algúns elementos decorativos poñen en evidencia que os
mestres construtores pertencían ó círculo que traballaba en Santiago, repetindo
en Cambados os modelos utilizados, como tal, no Hospital Real de Santiago.
O cardeal Jerónimo del Hoyo e Caamaño Bournacell datan o
inicio da construción no século XV, concretando este último nos anos 1470-1490.
Outros autores (como A. del Castillo, Filgueira Valverde, Álvarez Limeses) dan
diversas datas comprendidas entre 1502 e 1541. No transcurso das obras de
restauración de 1977 apareceu nunha das capelas laterais unha inscrición coa
data de 1590, data que só indica que esa capela é posterior ás outras.
Da existencia da igrexa anterior hai constancia xa en 1421,
segundo consta nun documento procedente da Casa de Lantaño no que se escritura
a partición do porto de Cambados, e existe documentación anterior que menciona
unha "villa de Sta. Mariña", o que fai pensar nunha igrexa con esta
advocación.
Consérvase a planta da nave, catro arcos transversais, de
medio punto, a ábsida e mais cinco capelas laterais, ademais da que cumpría
funcións de sancristía. Tiña unha soa nave, cunhas dimensións de 24 por 11,4
metros, sendo os tres primeiros tramos da nave máis anchos cós restantes. Na
decoración dos arcos e das capelas destacan os relevos da Encarnación, Cristo e
os doce apóstolos, a Expulsión do Paraíso e as imaxes dos sete Pecados
capitais. Na clave dun dos arcos vémo-lo relevo da Preguiza, representada por
un home que, coa cabeza entre as pernas, aliméntase dos seus propios
excrementos.
Este tema repítese na decoración dos canzorros nas igrexas e edificios da época, como na igrexa de Santa Columna, en Rianxo. González Montañés lembra que, de feito, preguiza designa tamén os propios canzorros nalgunhas zonas de Galicia ou de Portugal.
Este tema repítese na decoración dos canzorros nas igrexas e edificios da época, como na igrexa de Santa Columna, en Rianxo. González Montañés lembra que, de feito, preguiza designa tamén os propios canzorros nalgunhas zonas de Galicia ou de Portugal.
A ábsida, de planta cadrada, ábrese cun arco apuntado e
posúe bóveda de crucería, formando unha estrela de catro puntas, e cun sol na
clave, que representa a Cristo. Quedan aínda algúns restos, moi deteriorados,
das pinturas murais do século XVI que recubrían as paredes ata a liña da
imposta. López Ferreiro di o seguinte sobre estas pinturas: "A pesar de su
pésimo estado de conservación, aún es dado observar el vigor de los tonos y la
suavidad y armonía del colorido". No primeiro tramo da ábsida había dous altares
de pedra con retablos de cantería dos que xa non quedan restos.
Na sancristía, no lado da epístola da capela maior, existen
tamén restos de pinturas murais e houbo un Calvario nunha fornela que se coñece
porque foi descrito por López Ferreiro. Esta sancristía, o mesmo cás cinco
capelas laterais, foron construídas con posterioridade ó corpo principal da
igrexa, encaixándoas entre os contrafortes. As dúas primeiras, unha a cada lado
contando desde o pé da igrexa, so teñen uns 2 metros de profundidade e fan
pensar nun uso meramente funerario; nunha delas exponse unha imaxe típica dos
petos de ánimas e dúas tampas de sartegos xa inexistentes. As capelas poden
datarse no segundo terzo do século XVI e existe documentación de 1549 que avala
a existencia de, canto menos, unha capela, a de Alonso Fariña, veciño de
Pontevedra, para a que se encarga nesa data a construción dun retablo. Unha
última capela foi construída cara 1600.
A capela da Encarnación, no lado Norte, é a que aparece
datada en 1590, se ben contén pezas decorativas anteriores. Chámase así porque
o arco de acceso está decorado por relevos que representan este momento e que
lembran a mesma imaxe nos baldaquinos galegos. Na clave do arco, unha imaxe de
Deus en maxestade, bendicindo ós fieis. Fronte a esta capela hai outra na que
destacan as figuras de Cristo e os doce apóstolos ó longo do arco de acceso.
Na fachada existía un rosetón, desaparecido a principios do
século XX: López Ferreiro descríbeo en 1897 pero Álvaro de la Iglesia menciona
que os restos estaban ciscados polo chan da igrexa. Consérvase tamén unha das
torres da fachada, semiderruída.
A igrexa mantivo o culto ata mediados do século XIX. En
1838, ante a ameaza de ruína, trasladouse provisionalmente o culto á igrexa do
convento de San Francisco, extinguido en 1835. Sacouse o teito da igrexa, de
madeira e a dúas augas, pero a restauración paralizouse e non se fixo máis
nada, polo que a ruína foi cada vez a máis: derrubouse a fachada, perdéndose o
rosetón; retablos e altares foron trasladados ou, simplemente, desapareceron, e
o uso como cemiterio deixou de ser unicamente nobiliario para pasar ó común da
parroquia.
As fotos son de INICIARTE.
No hay comentarios:
Publicar un comentario